Miticultura
A miticultura[1] ou mitilicultura[2] (de Mytilus, nome científico do mexillón) é o cultivo industrial do mexillón, unha actividade marisqueira dirixida e controlada polo ser humano sobre artefactos flotantes, denominados bateas, fondeados nas augas costeiras. Na actualidade é unha das principais actividades económicas de numerosas poboacións da costa galega, especialmente nas rías Baixas, e xera unha importante economía indirecta.
Evolución histórica
[editar | editar a fonte]Os primeiros intentos de cultivar mexillóns non se producen ata principios do século XX, cando se comprobou que os mexillóns que se fixaban nos paus empregados para seca-las redes medraban máis e máis rápido que os que crecían nas rochas. Esta observación levou á instalación de estacadas próximas á beira do mar, cravadas na area, para que se fixase naturalmente a semente de mexillón[3], estacadas que quedaban periodicamente ó aire co devalo da marea. O propietario non facía máis que esperar a que medrase ata tamaños comerciais, momento no que recollía o mexillón e o comercializaba.
Este sistema, importado desde Francia e aplicado en España primeiro en Cataluña, demostrouse moi pouco produtivo, e foi pronto substituído por boias das que penduraban unha ou dúas cordas tan longas como permitía a profundidade do mar nese punto. Estas boias deron paso, tamén en Cataluña, a caixóns de certo tamaño, que permitían un maior número de cordas[4]. Outra importante transformación foi potencia-la fixación de semente de mexillón a base de recollela das rochas costeiras e amarrala ás cordas, sen espera-la fixación espontánea das larvas, co que se multiplica a produción.
Xa a mediados de século, estes caixóns foron substituídos por barcos que, por vellos, xa non servían para a pesca ou o transporte de cargas[5]. Estes barcos eran ancorados no interior das rías e colocábanselles cordas pendurando da borda, primeiro, ou de fortes paus horizontais suxeitos á cuberta, aumentando así o número de cordas.
O último paso foi a substitución daqueles barcos por plataformas flotantes construídas especificamente con este fin, as actuais bateas que se poden ver nas rías Baixas galegas.
Evolución histórica en Galicia
[editar | editar a fonte]As primeiras referencias á miticultura prodúcense en Galicia en 1870, indicando como os antigos viveiros de ostras do Carril se converteron en viveiros de mexillón cando estas desapareceron, e como se enviaban escabechados e frescos ao interior de Galicia e Madrid. Na "Exploración científica de las costas del departamento marítimo de Ferrol" de Mariano de la Paz Graell,[6] este científico realizou un estudo moi importante sobre o seu cultivo en Francia[7] e sorpréndese ao encontrar o seu cultivo en Galicia, e como se envían a Madrid como ostras. Isto contradi estudos anteriores do seu inicio de cultivo no Mediterráneo e o seu uso só como fertilizante.
Dende 1876 hai referencias da súa venda e uso como cebo.[8]
En 1892 envorca unha dorna de Palmeira por levar unha carga excesiva de mexillón entre San Vicente e Sálvora.
En 1907 e 1908 aparecen noticias da súa importancia na alimentación de vilas costeiras como Sanxenxo e xa para a industria conserveira.
En 1932[9], Manuel Otero Moratinos instalou en Tirán (Moaña) un caixón de madeira seguindo o modelo que vira nunha viaxe a Cataluña. A experiencia durou só uns meses.[10]
O segundo intento foi en 1946, cando Ozores Saavedra, propietario dun viveiro de moluscos en Vilagarcía no que levaba xa tempo intentando cultivar mexillóns en estacadas, fixo construí-la primeira batea galega, cun único flotador de madeira sobre o que suxeitou un entramado de táboas das que colgou as cordas. Desta volta, a experiencia tivo éxito e ó ano seguinte xa tiña 10 bateas semellantes no porto de Vilagarcía. A expansión por toda Galicia non se fixo esperar: no ano 1949 instálanse as primeiras bateas na ría de Vigo; en 1954 aparecen en Cambados, O Grove, Bueu e Caramiñal; en 1955, na ría de Sada e ó ano seguinte na de Muros.
Hoxe existen rexistradas unhas 3.500 bateas nas diferentes rías galegas. De cando en vez, xorden novos proxectos con novas solucións de flotabilidade para conseguir fondealas tamén en mar a fóra, pero aínda sen éxito. Daqueles materiais iniciais -madeira e esparto- pasouse a outros máis eficientes e duradeiros -ferro, poliéster, PVC etc.- e as técnicas de traballo foron mecanizándose cada vez máis, conseguindo así un notable aumento na produtividade e na mellora das condicións de traballo.
Estrutura dunha batea
[editar | editar a fonte]Basicamente consiste nun enreixado de fortes trabes de madeira suxeitas entre si, formando un conxunto plano e cadrado. Sobre estas trabes crávanse outros paus máis finos e curtos, chamados pontóns ou cancos para aumenta-los puntos de fixación das cordas.
Do enreixado así construído átase un número variable de cordas nas que se fixará e crecerá o mexillón. Nunha daquelas trabes fíxase un bloque de cemento, ou morto, que serve de fixación ó punto de fondeo.
Cómpre advertir, finalmente, que este sistema de cultivo en batea tamén se utiliza para o cultivo ou engorde doutros moluscos, como ostra ou vieira, así como doutras especies mariñas, como crustáceos ou peixes, tralas necesarias modificacións estruturais que correspondan á especie cultivada.
O enreixado
[editar | editar a fonte]Tamén denominado engrellado, consiste no conxunto de trabes e cancos que, armados entre si, dá lugar a unha superficie cadrada ou rectangular, de dimensións moi variables pero cun máximo legal de 500 m² útiles e 27 m de proa, como máximo, que flota a certa altura sobre o nivel do mar. Non debe estar moi próximo á auga para evitar que as larvas de mexillón se fixen sobre as trabes mestras e terminen estragándoas; ademais, ó estar un pouco elevadas, sempre estarán máis secas que se a auga dese nelas continuamente. Tampouco pode estar moi elevado (respecto da superficie do mar) porque o conxunto perdería estabilidade e cabecearía en momentos de mar forte, o que tería como consecuencia o desprendemento do mexillón das cordas e o posible afundimento da batea ó desequilibrarse o peso que soporta a plataforma.
As trabes van colocadas lonxitudinalmente de proa a popa. A central, na que se amarra o morto, chámase trabe de amarre; adoita ter unha sección de 40x40 cm. Os tres pares de trabes ás que se amarran os flotadores (dous flotadores en cada par) chámanse trabes transversais; adoitan ter unha sección de 35x35 cm. Es as trabes laterais, que pechan o cadrado, chámanse látegos.
Para a construción das trabes e cancos utilízase madeira de eucalipto, non só pola súa economía senón por ser estas árbores de grande altura e tronco recto, o que permiten face-las trabes dunha soa peza. Recentemente estanse a probar trabes de PVC.
Antes era moi común que no centro ou na popa da batea se levantase un pequeno caseto de madeira, aberto a popa, para gardar algúns útiles, para facer certas operacións do proceso de cultivo (como o encordado) ou, simplemente, para gorecerse en caso de necesidade. Actualmente, este caseto pode verse só nas bateas máis antigas.
-
Novas trabes para batea, de PVC (A Revolta, Sanxenxo).
-
Cancos preparados para construír unha nova batea (Vilanova de Arousa).
Os flotadores
[editar | editar a fonte]Os primeiros flotadores que sustentaban toda a estrutura eran os propios cascos dos barcos utilizados para contruí-la batea, pero pronto foron substituídos, primeiro, por grandes caixóns de madeira recubertos de cemento e logo por metal recuberto de fibra de vidro ou, actualmente, de poliéster.
A forma e o número de flotadores tamén foi cambiando co tempo. Houbo bateas dun único flotador central (que viña medir uns 12 x 5 x 2 metros) pero as actuais contan con 4 ou, normalmente, 6 grandes flotadores, segundo as dimensións da batea, que aseguran que esta se manteña a flote, aínda nos momentos en que o peso do mexillón que pende dela sexa moi elevado. Cómpre advertir que no cómputo da superficie máxima da batea (500 m²) non se ten en conta o espazo ocupado polos flotadores. Durante uns anos utilizáronse moito longos flotadores tubulares, do longo da propia batea, que pronto foron rexeitados porque rachaban con facilidade. Na actualidade, os de uso común son cilindros dispostos horizontalmente, de 2,20 m de diámetro e 4 m de xeratriz.
Aqueles primitivos flotadores de cemento (construídos sobre un caixón de madeira máis ou menos cúbico de, aproximadamente, 2 m de lado, impregnados en alcatrán -piche- e recubertos cunha tea metálica e, sobre esta, unha capa de cemento que a impermeabiliza) aínda poden verse aboiados en diferentes puntos da costa. Moitos foron destruídos[11] pero noutros casos adaptáronse a novos usos, como casetos para gardar apeiros agrícolas.
-
Vellos flotadores tubulares arrombados nunha leira (14 x 1,20 metros), en Vilanova de Arousa.
-
Vello flotador de madeira (xa sen o cemento que o cubría), reutilizado como caseto.
O morto
[editar | editar a fonte]Na trabe central, trabe de amarre, suxéitase, mediante un colar provisto dun xiratorio, unha forte cadea que remata nun gran bloque de cemento, chamado morto, de 25-30 toneladas. A función deste morto é a de fixa-la batea, a modo de áncora, ó fondo do mar e evitar que as correntes a arrastren. A lonxitude da cadea de fixación ó morto depende da máxima preamar no lugar de fondeo e permite que a batea suba ou baixe segundo as mareas, así como un mínimo desprazamento horizontal. Habitualmente, a parte da batea na que se amarra o morto pasa a considerarse a proa.
Existe algunha batea con dous mortos, un a proa e outro a popa, pero o normal é que conten cun único morto, o que permite que a batea xire sobre o punto de fondeo. Esta disposición fai que a proa da batea estea sempre enfrontada ás correntes mariñas.
Ó primeiro, os mortos facíanse cun gran bloque de pedra no que se atravesaba un pasador ó que se suxeitaba a cadea cun grillón. Logo fixéronse cun encofrado que se enchía de cemento armado, cun ferro dobrado no medio, ó que se suxeitaba a cadea. Actualmente fanse de formigón armado con fortes mallas de aceiro entre as que se fixa o chicote da cadea. A forma pode ser cuadrangular (coa base máis ancha), troncopiramidal ou troncocónica.
-
Detalle das mallas da cadea para amarra-lo morto (aprox. 60 x 40 cm).
As cordas
[editar | editar a fonte]O sistema de cultivo está representado polas cordas que penduran da estrutura e nas que crece o mexillón. O tamaño -lonxitude- e número de cordas é moi variable, dependendo da profundidade do mar nese punto, da zona máis ou menos produtiva na que estea instalada a batea e da resistencia que teña a estrutura. En calquera caso, o Plan de Explotación Marisquera limita desde 1989 o número de cordas por batea a 500 como máximo e a lonxitude a 12 metros útiles.
Cada corda, realmente, está constituída por dúas partes. A parte superior, chamada rabiza, átase ós paus da batea e chega a unha profundidade de 1 metro aproximadamente baixo o mar; ó estar en boa parte exposta ó sol e ó aire, estrágase con facilidade e hai que renovala cada 2-3 anos. A parte inferior, a corda propiamente dita, atada á rabiza, é a que soporta o mexillón, está permanentemente baixo a auga e vén durando de 6 a 7 anos. Nesta parte inferior insírense cada 80–100 cm, atravesando a corda, uns paus duns 25–30 cm de longo, chamados tarugos (ou palillos) que axudan a soporta-lo peso da columna de mexillón e evitan que este se desprenda; estes tarugos eran antes de madeira (especialmente, de mimosa) pero agora son sempre de material plástico.
Os cabos, antes de esparto e hoxe de fibras sintéticas, normalmente nailon procedente de restos de rede dos barcos de arrastre), presentan unha superficie áspera que facilita a fixación do mexillón por medio do biso (embisamento). A substitución do esparto por materiais sintéticos permitiu duplica-la lonxitude das cordas xa que as de material natural non aguantaban o peso de máis de 5-6 metros de mexillón.
Cultivo do mexillón na batea
[editar | editar a fonte]Podemos dividi-lo proceso de cultivo nas seguintes fases: obtención da semente (mexilla), encordado, preengorde ou cría, desdobre, engorde e extracción para a comercialización.
Obtención da semente
[editar | editar a fonte]O cultivo comeza coa recollida da semente ou mexilla, que procede, habitualmente, das rochas costeiras, nas que se fixan as larvas en condicións naturais. O que se recolle como semente é, en realidade, cría de mexillón, exemplares de pequeno tamaño (ó redor de 1 cm de lonxitude ou menos).
Outra posibilidade, menos frecuente, é utilizar colectores colocados na propia batea. Estes colectores son redes ou cordas que se fixan na proa da batea, e que serven de base de fixación para as larvas que liberan os mexillóns das outras bateas do polígono[12]. Este recurso é máis efectivo nas bateas situadas nas zonas máis externas das rías.
Prefírese o mexillón pequeno, criado nas rochas, porque é máis resistente, forma o biso máis abundante e medra máis rapidamente que o obtido dos colectores. O mellor momento para recoller mexilla das rochas vai de novembro a febreiro. Se se recorre ós colectores, a época para colocalos, coincidindo co momento da desova do mexillón, é de marzo a maio, de modo que para xullo-agosto xa están cheas de semente aproveitable.
Encordado
[editar | editar a fonte]Unha vez obtida a semente, os bateeiros confeccionan as cordas mediante unha operación denominada encordado. Consiste en rodea-la corda coa mexilla, a razón de 1,5–2 kg de molusco por metro de corda, á vez que se vai envolvendo todo cunha fina rede, a modo de venda. Esta rede, de acetato ou de algodón, podrece e cae ós poucos días, unha vez que o mexillón se fixa por si mesmo á corda, co biso que segrega. Habitualmente, este primeiro encordado faise á man.
Preengorde
[editar | editar a fonte]Estas cordas, co molusco, pendúranse da batea para que o mexillón continúe o seu crecemento alimentándose do plancto que flota no mar. Habitualmente, o número de cordas que se colocan nesta primeira fase é dun terzo da capacidade da batea (prevendo o desdobre). A fase de preengorde vén durando 4-6 meses, período durante o que o mexillón chega a tamaños de 4–5 cm.
Desdobre
[editar | editar a fonte]Alcanzado este tamaño, a densidade de mexillón por corda é alta de máis para que o acceso do molusco ó alimento sexa suficiente, polo que o crecemento se enlentece. Para rarea-lo mexillón e facilita-lo seu crecemento recórrese a saca-lo mexillón e dividilo (desdobralo) en 2-4 cordas, sendo o máis habitual facer 3 cordas definitivas co molusco procedente dunha corda de preengorde. Á vez que se disgrega a masa de molusco, esténdense as cordas a toda a superficie da batea. A confección destas cordas é un proceso semellante ó descrito antes como encordado, pois unicamente cambia o tamaño do mexillón, pero adoita facerse mecanicamente, con maquinaria apropiada.
O momento de face-lo desdobre, o número de cordas que dá lugar e a densidade coa que se fan estas novas cordas dependen da zona onde estea fondeada a batea (as máis externas, cara a boca da ría, son máis produtivas) e do tamaño do mexillón que se quere obter (grande, pequeno, mediano), entre outros factores. A época preferible adoita se-lo verán (entre xuño e outubro).
Engorde
[editar | editar a fonte]Unha vez feito o desdobre e repartido o mexillón nas cordas definitivas, a unha densidade duns 40 kg por corda, estas vólvense pendurar da batea para que o mexillón continúe crecendo, durante un período de 6-8 meses máis[13]. Nalgún caso realízase un segundo desdobre ós poucos meses, pero non é frecuente.
Recolección
[editar | editar a fonte]Unha vez que o mexillón alcanza o tamaño comercial desexado polo bateeiro, ó redor dos 8–10 cm se é para consumo directo ou menos se é para conserva, procédese á súa extracción. Mediante barcos adaptados a esta función, provistos dun guindastre, recóllense as cordas cunha gaiola (cesto) e deposítase o mexillón sobre a cuberta, directamente sobre ela ou dentro dunha moega. A operación de separa-lo mexillón da corda de cría denomínase desgranado. Unha vez o mexillón no barco, lávase para elimina-los numerosos organismos mariños que acompañan o mexillón e embólsase en sacos de malla para transportalo a terra. Alí serán sometidos á depuración, no caso de proceder de zonas contaminadas, ou serán acondicionados para a súa venda directa, de proceder dunha zona salubre.
Cando o mexillón vai destinado a conserva ou a un cocedoiro adoita transportarse a granel e sen clasificar. Cando vai destinado ó seu consumo en fresco clasifícase normalmente no barco, desgranándoo sobre unhas grellas, aínda que tamén pode deixarse esa operación para facela na propia depuradora.
-
Barco mexilloeiro no porto de Vilanova de Arousa. Véxase o guindastre, o cesto, a moega e a grella para clasifica-lo mexillón
-
Detalle do cesto dun barco mexilloeiro para a carga das cordas desde a batea á cuberta do barco
-
Outro barco no mesmo porto, co guindastre e cesto antigos.
-
Grella para encordar e clasifica-lo mexillón.
-
Boca da máquina para encorda-lo mexillón no desdobre das cordas.
Aspectos económicos da miticultura
[editar | editar a fonte]Segundo datos estatísticos da FAO publicados en 2004, a produción mundial de mexillón mediante sistemas de acuicultura chega ó millón e medio de toneladas anuais, das que 600.000 toneladas corresponden a China, primeiro país produtor, con diferenza, na miticultura.[14]
A Unión Europea, no seu conxunto, produce unha cantidade similar: outras 600.000 toneladas, das que practicamente a metade se producen en España (segundo produtor mundial). E correspóndelle a Galicia o 90-95% desta produción, con cifras que oscilan entre as 270 e as 290.000 toneladas anuais. Cómpre advertir que a produción chinesa vai dirixida fundamentalmente a outras industrias pesqueiras de transformación, como alimento das súas granxas de crustáceos, polo que España, e concretamente Galicia, segue a se-lo principal produtor de mexillón con destino ó consumo humano.
Cinguíndonos xa á miticultura galega, as cifras económicas do sector mexilloeiro son contundentes: dá lugar a máis de 8.500 empregos directos fixos e 7.000 indirectos, ocupa a máis de 1.000 embarcacións auxiliares e xera un valor en primeira venda de 114 millóns de euros. A estas cifras habería que engadi-las correspondentes a provedores de equipos e transporte e a empresas derivadas desta produción (estacións depuradoras de moluscos, cocedoiros de moluscos e fábricas de conserva). No seu conxunto, nas zonas costeiras próximas ós polígonos bateeiros, o denominado clúster do mexillón[15] factura o 30% das actividades pesqueiras e significa o 18% do emprego.
En consecuencia, o sector mexilloeiro galego ten unha altísima transcendencia económica, directa e multiplicadora, sobre o emprego e o desenvolvemento económico dos concellos situados nas beiras das rías baixas galegas. En 2010 producíronse 212.000 toneladas, cunhas cifras de negocio estimadas en 86,6 millóns de euros (2,32 millóns menos que en 2009) [16].
Censo de bateas por zonas
[editar | editar a fonte]En 1987[17], as bateas distribuídas por cada grupo de polígonos eran as seguintes:
Zona | Número de bateas |
---|---|
Ribeira | 46 |
A Pobra do Caramiñal | 611 |
Vilagarcía de Arousa | 474 |
Cambados | 577 |
O Grove | 591 |
Portonovo | 116 |
Bueu | 119 |
Cangas (Rande) | 100 |
Cangas (Liméns) | 223 |
Redondela | 204 |
Vigo | 98 |
Muros | 94 |
Noia | 19 |
Sada | 87 |
Camariñas | 8 |
Ordenamento legal da miticultura
[editar | editar a fonte]A Administración autonómica e as asociacións de produtores, cada vez máis fortes e profesionalizadas, regulan esta actividade e establecen tanto as características ás que debe cinguirse a batea como a súa distribución e fondeo, nos chamados "polígonos" ou, tecnicamente, "zonas de produción de moluscos bivalvos".
A primeira norma legal que se ditou ordenando a instalación de bateas, formas da concesión e outras características xorde en 1961.[18] Neste Decreto, con posteriores modificacións, xa se establece a distribución das zonas marítimas en "polígonos", para garanti-las outras actividades marítimas (pesqueiras e de transporte) sen dificultades ante a presenza de bateas.
Na actualidade, as zonas de produción de moluscos en batea distribúense nas rías de Arousa, Vigo, Pontevedra, Muros-Noia e Ares-Betanzos. En cada unha delas establecéronse zonas e subzonas, coincidindo cos antes chamados "polígonos". Dentro de cada polígono márcanse "cuadrículas", fondeándose unha batea en cada unha delas.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de bateas de Galicia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para miticultura.
- ↑ Entrada "mitilicultura" en Digalego.com
- ↑ Denomínase semente, neste contexto, as larvas resultantes da reprodución dos individuos que medran nas rochas da costa ou na propia batea, en condicións naturais, e que van flotando entreaugas ata fixarse en calquera superficie na que poidan vivir. Actualmente, enténdese por semente os exemplares de pequeno tamaño que os mariñeiros recollen das pedras da costa. Tamén se denomina mexilla ou, máis comunmente, co castelanismo mejilla.
- ↑ A primeira estrutura deste tipo instalouse en Tarragona en 1901 e inmediatamente estendeuse a outros puntos da costa catalá. Actualmente, as bateas catalás están concentradas fundamentalmente no Delta do Ebro.
- ↑ Suponse que o nome de batea co que se coñecen hoxe as superficies flotantes que derivaron destes barcos, vénlle precisamente da forma ancha e cha que tiñan aqueles barcos.
- ↑ de la Paz Graells, Mariano (1870). Exploración científica de las costas del departamento marítimo de Ferrol. Establecimiento Tipográfico de T. Fortanet. pp. 77–80.
- ↑ de la Paz Graells, Mariano (1867). Acuicultura: estudios y observaciones sobre los establecimientos piscícolas, ostrícolas, de crustáceos y mejillones de la Bahía de Arcachon. Est. Tip. de Estrada, Diaz y López.
- ↑ "Boletín oficial de la provincia de La Coruña : Número 178". 01/02/1876. Consultado o 06/05/2023.
- ↑ "Cataluña inspiró a los pioneros del cultivo del mejillón en 1932", en La Voz de Galicia, 29 de setembro de 1996.
- ↑ Angel I. Fernández (29 de maio de 2014). "La batea de Moaña, la taberna de Bouzas y el Pazo de Cequeliños". Galicia Agraria (en castelán).
- ↑ No Grove, por exemplo, utilizáronse para reencher canteiras abandonadas.
- ↑ Á vez que evitan que se fixen nas propias cordas de cultivo, o que podería provoca-lo afogamento do mexillón que teña a batea nas súas cordas.
- ↑ O cultivo de mexillón ocupaba un prazo de 12-18 meses aproximadamente, variando segundo a produtividade da zona de fondeo e a da propia ría. Tamén inflúen outros factores como o número e lonxitude das cordas ou a situación da batea dentro do polígono de cultivo. Actualmente, resulta habitual non prolongalo máis alá dos 10 meses, tempo no que xa alcanza un tamaño suficiente para o que demanda o mercado actual, ou 12 meses, se se quere mexillón grande.
- ↑ Os datos desta sección proceden de Franco Leis (2006).
- ↑ Conxunto do subsector económico formado polos bateeiros e as actividades relacionadas coa produción do mexillón.
- ↑ La Voz de Galicia, 12.08.2011. Arquivado 12/03/2016, en Wayback Machine..
- ↑ Gómez Giráldez, F. J. (1987) Estudio del sector pesquero gallego. Santiago: Caixa Galicia, segundo cita da Guía de alimentación de Pedro Benavente Jareño
- ↑ Decreto 2.559/1961, de 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento para a explotación de viveiros de cultivo na zona marítima (BOE nº 304, de 21.12.1961).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Miticultura |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Brea Bermejo, Elena (2009): Cartografiado y dinámica de poblaciones de los bancos naturales de semilla de mejillón en las costas atlánticas gallegas. USC.
- Franco Leis, Manuel (2006): "A miticultura en Galicia: unha actividade de éxito e con futuro", en Revista Galega de Economía, vol. 15, núm. 1.
- Labarta, Uxío, coordinador (2004): Bateeiros, mar, mejillón. Una perspectiva bioeconómica Fundación Caixa Galicia. ISBN 84-95491-69-9.
- Pérez Camacho, Alejandro, e outros (1999): Unidades didácticas de acuicultura. Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, temas 11 e 12.
- Rodríguez Rodríguez, Gonzalo (2003): "La miticultura gallega desde la perspectiva de la economía social", en Revista Galega de Economía, vol. 12, núm. 1.