Licaonia
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Licaonia (latín Lycaonia, grego Λυκαονία) foi unha rexión de Asia Menor, ao norte dos montes Tauros,[1] ao sueste de Frixia e na parte occidental de Capadocia. Baixo dominio romano en xeral pertenceu a Capadocia. Os seus habitantes serían os licaóns (pobo) ou licaonios (xentilicio). É mencionada entre o século V a.C. e o século VI.
O nome de Lycaonia aparece nas fontes sobre a expedición de Ciro o Novo. En grego, Λυκαωνία = Lykaônia significa "terra de lobos";[2] para os gregos, este territorio pertencía á Gran Frixia.
Límites
[editar | editar a fonte]Os límites da rexión son imprecisos pero, en grandes trazos, tiña Pisidia ao oeste (entre ambos territorios o país dos milios, de orixe tracia); Galacia ao norte; Capadocia ao leste; e Isauria (parte occidental de Cilicia) ao sur.
Descrición física
[editar | editar a fonte]Era un país chan con montañas na parte norte e sur. Os ríos eran pouco importantes e tiña un lago de sal importante chamado Tatta.
Cidades
[editar | editar a fonte]As principais cidades serían Iconium, Derbe ou Claudia Derbe, Laranda (actual Karaman, que pertenceu antes ao reino de Commagene), Laodicea Combusta (Ladik) e Lystra (Listra); outras cidades serían Barata, Hyde, Antioquiana, Dalisandus, Parlais, Tryaeum, Savatra ou Soatra, Vasata, Coropassus e Arycanda (a cidade dos milios); Lystra e Parlais serían colonias desde comezo da nosa era e Iconium en tempos de Hadriano.
Historia
[editar | editar a fonte]A invasión frixia da Asia Menor desde Tracia substituíu a poboación local que, porén, por uns séculos conservou a súa lingua (os frixios falaban unha lingua indoeuropea: o frixio).
Licaonia pertenceu a Persia desde a segunda metade do século IV a.C. (a rexión foi sometida por Ciro II) e foi integrada na satrapía III, máis alá da de Katpatuka (Capadocia).
Caeu en poder de Alexandre o Grande o -334, e á súa morte pasou sucesivamente a Pérdicas (rexente de Asia) o -322, a Antígono (-321, rei desde o -306) e Seleuco I Nicátor (-301). Formou parte do Imperio Seléucida ata o -189 se ben do -244 ao -228 formou parte do reino de Cilicia que se creara para Antíoco Híerax (-244 - -227). Sobre o -228 caeu en mans do rei de Pérgamo, pero sobre o -223 foi reconquistada polos seléucidas, que a conservaron ata a batalla de Magnesia do Sipilos (-190) perdéndoa nos seguintes meses, e quedando incorporada a Pérgamo pola paz ou tratado de Apamea (-188). Sobre o -158 unha parte (ao norte) foi incorporada á tetrarquía de Galacia.[3]
Incorporado o reino de Pérgamo a Roma, Licaonia formou parte da provincia de Asia se ben unha parte (o oriente) foi transferida a Capadocia (e formou a undécima provincia). O -64 Cneo Pompeio reorganizou a administración despois das Guerras mitridáticas, e Licaonia quedou repartida, coa parte norte definitivamente incorporada a Galacia, a parte leste a Capadocia e o resto á provincia de Cilicia.
Sobre o comezo do século II foi separada de Cilicia e unida á provincia de Capadocia por Traxano. O 284, na reorganización de Diocleciano, quedou dentro da provincia de Pisidia, pero no 371 converteuse en provincia separada con capital en Iconium (a moderna Konya).[4] Aínda era provincia separada en tempo do emperador bizantino Xustiniano.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Licaonia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Costanzo, Salvador (1857). Historia Universal, desde los tiempos más remotos hasta nuestros días (en castelán). Madrid: Establecimiento Tipográfico de Mellado.
- Iglesias González, Manuel (2012). Nuevo Testamento (en castelán). Madrid: Ediciones Encuentro. ISBN 8499208010.
- Rand, W. W. (2006). Diccionario de la Santa Biblia (en castelán). Nasville, Tennessee: Grupo Nelson-Thomas Nelson Publishers. ISBN 978-0-8-9922-726-9.
- Sanz Domingo, F. (2010). Descripción de Asia (en castelán). Madrid: CSIC-Dpto. de Publicaciones. ISBN 8400092430.