Kim Thayil
(2018) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 4 de setembro de 1960 (64 anos) Seattle, Estados Unidos de América |
Educación | Universidade de Washington Rich East High School (en) |
Actividade | |
Ocupación | guitarrista, compositor |
Período de actividade | 1980 - |
Membro de | |
Xénero artístico | Rock alternativo |
Instrumento | Guitarra |
Selo discográfico | Sub Pop |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Kim Thayil, nado o 4 de setembro de 1960 en Seattle (Washington), é un músico coñecido polo seu traballo como guitarrista na banda de grunge Soundgarden, a cal fundou xunto con Chris Cornell e Hiro Yamamoto en 1984.
No ano 2004, a revista Rolling Stone elixiuno o 100 mellor guitarrista de todos os tempos[1].
Traxectoria
[editar | editar a fonte]A pesar de ter nado en Seattle en 1960, Thayil medrou en Park Forest, un suburbio de Chicago. Os seus pais son do estado indio de Kerala. Thayil coñeceu a Hiro Yamamoto no Rich East High School en Park Forest, e despois de graduarse mudáronse a Washington, onde Thayil estudou filosofía na Universidade de Washington. Alí coñeceron a Chris Cornell, e os tres formaron Soundgarden en 1984.
Soundgarden
[editar | editar a fonte]Soundgarden convertouse na primeira banda de grunge de Seattle en asinar un contrato cunha grande discográfica (A&M Records). O grupo editou cinco álbum, sendo tres deles platino, e gañou dous premios Grammy.
Thayil foi aclamado polo seu traballo coa guitarra, caracterizado por riffs pesados, e foi citado por outros guitarristas de grunge como unha influencia e como un pioneiro do "son Seattle". En 1994 Thayil comentou, "Penso que Soundgarden é unha moi boa banda e eu son un bo guitarrista. Non son Deus, pero estou seguro que non son un guitarrista medio. Síntome moi cómodo co feito de que non hai moitas persoas que poidan facer o que eu fago coa guitarra. Penso que a miña guitarra é feliz coa maneira que teño de tocala".
Durante a gravación do derradeiro álbum de Soundgarden, Down on the Upside, Thayil enfrontouse con Chris Cornell polo desexo do vocalista de alonxarse dos tradicionais riffs pesados da banda. No medio desas tensións, que aumentaron na seguinte xira e chegaron ao clímax nun concerto en Hawai (onde Ben Shepherd lanzou o seu baixo ao aire en sinal de frustración tras varios fallos técnicos), Soundgarden anunciou a súa disolución en abril de 1997.
Despois da separación
[editar | editar a fonte]Tras a desaparición de Soundgarden, Thayil colaborou coa guitarra con Pigeonhed e The Presidents of the United States of America. Máis recentemente gravou guitarras no tema "Blood Swamp" do álbum do 2008 de SunnO)))/Boris Altar, no cal tamén escribiu no libreto. Thayil tamén tocou nunha canción chamada "V.O.G." de Ascend, que conta con Gentry Densley (Iceburn, Eagle Twin) e Greg Anderson (Sunn O))), Engine Kid, Goatsnake). O álbum de Ascend, titulado Ample Fire Within, foi editado en 2008 por Southern Lord Records.
En 1999 Thayil formou unha banda de punk rock, No WTO Combo, con Jello Biafra (antigo membro de Dead Kennedys), Krist Novoselic (anteriormente en Nirvana e nese tempo en Sweet 75) e Gina Mainwal (tamén en Sweet 75). O grupo formouse para celebrar e promover as actividades de protesta contra o cumio de Seattle celebrado pola Organización Mundial do Comercio o 30 de novembro dese ano. Inicialmente ían tocar no Showbox esa mesma noite, pero a policía impediullo, obrigando a que o concerto se programase para o día seguinte. Este foi o primeiro concerto de Thayil dende a disolución de Soundgarden. A actuación foi gravada por Mark Cavener e mesturada polo produtor Jack Endino, sendo editada co nome Live from the Battle in Seattle en maio do 2000.
No ano 2004 Thayil tocou a guitarra para Probot, o proxecto paralelo de Dave Grohl de heavy metal, e aparece nas cancións "Ice Cold Man" e "Sweet Dreams".
En 2009, Thayil tocou cos seus antigos compañeiros de Soundgarden Matt Cameron e Ben Shepherd nun concerto celebrado en Seattle o 24 de marzo, sendo abreconcertos do proxecto de Tom Morello The Nightwatchman. Foi a primeira vez que os tres tocaban xuntos en público dende 1997. A eles uniuse Tad Doyle da banda TAD e interpretaron temas de Soundgarden. Na a última canción ("Spoonman") tamén tocou con eles Tom Morello.
Thayil na actualidade está tocando con Greg Gilmore de Mother Love Bone e Danny Kelly de Heliotroupe no grupo Set & Setting. A súa primeira actuación foi o 31 de outubro de 2009.
Regreso de Soundgarden
[editar | editar a fonte]O 1 de xaneiro de 2010 anunciouse a través de mensaxes de Chris Cornell en Facebook e Twitter que Soungarden estaba oficialmente reunida. O 15 de abril informaron que a banda realizaría a súa primeira actuación dende 1997 o día seguinte no Showbox at the Market en Seattle. O grupo tocou baixo o nome "Nudedragons", un anagrama para Soundgarden.
O 5 de agosto realizou o seu primeiro concerto xa co nome de Soundgarden en The Vic Theatre en Chicago. Thres días despois encabezarían a última noite do festival Lollapalooza en Grant Park. No mes de setembro a banda editou o álbum recompilatorio Telephantasm.