Ken Niimura
(2012) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 19 de outubro de 1981 (43 anos) Madrid, España |
Actividade | |
Campo de traballo | Historieta |
Ocupación | Historietista, ilustrador |
Ken Niimura, nado en Madrid o 19 de outubro de 1981, é un autor de novela gráfica e debuxante español de ascendencia xaponesa. As súas obras máis coñecidas son Eu mato xigantes (2009), galardoada co Premio Internacional de Manga do ano 2012 e adaptada ao cine en 2018, e Umami (2018), gañadora do Premio Eisner á Mellor Banda Deseñada Dixital de 2019.
Niimura publicou obras orixinais en tódolos grandes mercados de banda deseñada (os Estados Unidos, Europa e o Xapón), e foi traducido a doce linguas. Na actualidade, vive e traballa en Tokyo.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Niimura naceu en Madrid en 1981 de pai xaponés e nai española. Comezou a súa formación artística con Manuela Sánchez González e, máis adiante, ingresou na Escola de Arte La Palma, xunto con artistas como Pepe Larraz, Esther Gili ou Carlos Salgado, entre outros. Licenciouse en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid.[1] Tamén estudou no departamento de ilustración da Academia Real de Belas Artes de Bruxelas, grazas a unha bolsa Erasmus.
Primeiros traballos (1997-2008)
[editar | editar a fonte]Niimura comezou a súa carreira artística no eido da autoedición, sendo fundador de proxectos como H Studios, Arruequen e o selo editorial Epicentro. Aos 20 anos, publicou as súas primeiras obras: Two Sides (xunto a Javier Bolado) e Underground Love, para a editorial Amaníaco, coa que traballou posteriormente. Foi ilustrador en revistas como Dokan, Minami ou Shirase, así como en proxectos como a serie de manuais Japonés en viñetas (escrita por Marc Bernabé). No campo da publicidade, traballou para Repsol, o Salón do Manga de Barcelona ou a canle de televisión Cuatro, onde realizou ilustracións para o programa La noche manga. Creou tamén a portada e o anuncio do libro Los niños vienen sin manual de instrucciones, da psicóloga Montserrat Giménez.[2]
En 2007, participou no proxecto Lingua Comica,[3] promovido pola Fundación Asia-Europa (ASEF), xunto a outros profesionais da banda deseñada asiática, como Sarnath Banerjee, Gerald Gorridge ou Kōsei Ono.
Empezou a publicar historias curtas en revistas e fanzines españois, como "Oni" (2001), que apareceu no monográfico La senda del Samurai e que lle valeu numerosos recoñecementos a nivel nacional.[4]
Eu mato xigantes e Henshin (2009-2015)
[editar | editar a fonte]Niimura mudouse a París, onde comezou a debuxar Eu mato xigantes (2009), cun guión de Joe Kelly. Esta obra foi nomeada ao Premio Eisner en 2010, na categoría de Mellor Banda Deseñada Xuvenil, e recibiu o Premio Internacional de Manga en 2012.[5] Ademais, foi adaptada ao cinema en 2018.
Tras o éxito de Eu mato xigantes, colaborou en revistas internacionais como Black (Italia), Mandala (Xapón), Popgun e Spera (Estados Unidos), C'est Bon Anthology (Suecia) ou Fluide (Francia). As historias curtas deste período foron recollidas na escolma Traveling (2014), publicada por Norma Editorial.
Máis tarde, trasladouse ao Xapón. En 2013, comeza a súa serie Henshin, para a revista Monthly Ikki da editorial Shogakukan. Os seus trece episodios foron recollidos nunha antoloxía, unha sorte de diario ficticio da súa vida na capital nipoa.
Como ilustrador, traballou en proxectos como a edición especial do xogo de cartas Love Letter, de Seiji Kanai,[6] ou unha colaboración co grupo de música The Naked and Famous, que compuxeron o seu single I Kill Giants (2013) en base á obra de Niimura. Tamén publicou historias autoconclusivas para The Amazing Spiderman e Gotham Academy.
Umami e outras obras (2016-2023)
[editar | editar a fonte]En 2017, comeza a publicar na rede Umami, a través de Panel Syndicate. Esta obra narra as aventuras de dúas cociñeiras nun mundo de fantasía. Foi galardoada co Premio Eisner en 2019, na categoría de Mellor Banda Deseñada Dixital.[7]
En 2021, publicou en Astiberri No lo abras jamás (2021), na que reinterpreta as lendas xaponesas de Urashima Tarō, a gratitude da grúa e Ikkyu-san.[8] Ao ano seguinte, saíu en internet Peni Parker: After School (de Marvel), a primeira historia longa protagonizada por Peni Parker, aparecida na película Spider-Man: Into the Spider-Verse (2018).
En 2023, publicou Immortal Sergeant, xunto con Joe Kelly. Inspirada nas road movies, conta a historia dun comisario que anda na procura do asasino do seu fillo.[9]
Como ilustrador, traballou para L'Oréal China, Mahou, Judd Apatow, o grupo de J-Rock Grapevine e para a NHK, entre outros. Ademais, foi autor do apartado gráfico do videoxogo Twinbee LOOP!, premiado no Konami Action & Shooting Contest de 2022.
Ensino
[editar | editar a fonte]Como docente, Niimura impartiu cursos sobre banda deseñada e manga na Universidade de Salamanca, Casa Asia, e na Maison de la Culture du Japon à Paris, entre outros centros.
Estilo
[editar | editar a fonte]Como resultado da combinación do manga xaponés e a banda deseñada española e estadounidense, o estilo de Niimura caracterízase polo seu enxeño e dinamismo. Neste sentido, a súa obra aproveitase dunha fonda bagaxe procedente das súas vivencias en diversos lugares do mundo e distintas culturas de banda deseñada.[10]
Umami supuxo un punto de inflexión no seu estilo. Resultado dun arduo proceso, esta obra episódica permitiulle experimentar e procurar a súa propia voz, influenciando os seus traballos posteriores.
Niimura adoita traballar sen guión, á maneira xaponesa, directamente sobre o storyboard.[11]
Obra
[editar | editar a fonte]Ano | Título | Outros autores | Editorial | Outras edicións |
---|---|---|---|---|
2001 | Underground Love | Amaníaco | ||
2002 | Clockworld | Amaníaco | ||
2003 | Otras jaulas | Astiberri | ||
2004 | En el camino de la madeja | Astiberri | ||
2005 | Historietas | Recerca | ||
2006 | Qu4ttrocento | Dolmen | ||
2009 | Eu mato xigantes | Joe Kelly | Image Comics | Rinoceronte Editora (galego)
Norma (castelán) |
2011 | Zero: JM Ken Niimura Illustrations | Image Comics | Norma (castelán) | |
2013 | Henshin | Shōgakukan | Norma (castelán) | |
2014 | Traveling | Norma | ||
2017-2018 | Umami | Panel Syndicate | ||
2021 | No lo abras jamás | Astiberri | ||
2022 | Peni Parker: After School | Marvel Unlimited | ||
2023 | Immortal Sergeant | Joe Kelly | Image Comics | Astiberri (castelán) |
Premios
[editar | editar a fonte]Ano | Recoñecemento | Categoría | Obra | Resultado |
---|---|---|---|---|
2010 | Premio Eisner | Mellor Banda Deseñada Xuvenil | Eu mato xigantes | Nominado |
2012 | Premio Internacional de Manga | Eu mato xigantes | Gañador | |
2019 | Premio Eisner | Mellor Banda Deseñada Dixital | Umami | Gañador |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Ken Niimura - CV" (PDF). casaasia.es (en castelán). Consultado o 13 de xuño de 2024.
- ↑ Argiz, Jorge Iván (2006). "Cosas Varias 82 - KEN NIIMURA portadista de libros". desdemimundo (en castelán). Consultado o 2024-06-13.
- ↑ "LINGUA COMICA". LINGUA COMICA (en inglés). Consultado o 2024-06-13.
- ↑ "Facultad de Bellas Artes". bellasartes.ucm.es. Consultado o 2024-06-13.
- ↑ RTVE.es/EFE (2012-02-17). "El dibujante español Ken Niimura, Premio Internacional de Manga de Japón". RTVE.es (en castelán). Consultado o 2024-06-13.
- ↑ "Carta de amor de Ken Niimura". www.jugamostodos.org. Consultado o 2024-06-13.
- ↑ EFE (2019-07-20). "Los españoles Julia Madrigal, Gabriel Hernández y Ken Niimura ganan los 'Oscar del cómic' en San Diego". RTVE.es (en castelán). Consultado o 2024-06-13.
- ↑ "No lo abras jamás, leyendas sobre lo prohibido por Ken Niimura – SALA DE PELIGRO" (en castelán). Consultado o 2024-06-13.
- ↑ "Immortal Sergeant". Image Comics (en inglés). Consultado o 2024-06-13.
- ↑ Fiamma, Andrea (2019-01-03). "In conversazione con J.M. Ken Niimura, fumettista che abita il mondo". Fumettologica (en italiano). Consultado o 2024-06-13.
- ↑ "Ken Niimura on Creating the Perfect Intro Story for Peni Parker". www.marvel.com. Consultado o 2024-06-13.