Saltar ao contido

Fundido (transición audiovisual)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O fundido é un tipo de transición audiovisual pola cal a imaxe e/ou o son van perdendo intensidade até quedar unicamente a cor de fondo que se elixiu (por exemplo fundido a negro cando o frame ou fotograma pasa a ser un totalmente escuro) ou o silencio no caso do fundido de son (fade en inglés). Xunto co fundido encadeado (fondu enchaîné en francés, xa usado no seu día por Georges Méliès e os irmáns Lumière) é un dos recursos narrativos máis antigos do cine e posteriormente da televisión e da montaxe de cine e a edición de vídeo. Tamén resulta un dos máis sinxelos e máis duradeiros porque só precisa unha fonte e non se albisca a súa desaparición.

Esta transición provén do mundo cinematográfico onde o director ou o montador mandaba a película ao laboratorio indicando a transición que debía realizarse. Este, pola súa banda, entregaba unha nova copia con ela xa incluída.[1] É das máis sinxelas, pero non a que máis (esta posición correspóndelle ao corte, que inicialmente consistía en cortar fisicamente a película).

Até a entrada definitiva da cor, o fundido adoitaba realizarse terminando nunha pantalla branca ou nunha negra, de aí as expresións "fundir a branco", "fundir a negro". Tamén existía e existe a opción inversa, é dicir, "fundir desde branco" ou "fundir desde negro" aínda que a chegada da edición dixital non lineal fixo que todo o proceso fose computerizado, mesmo para os formatos cinematográficos máis grandes e pesados como o 8k, esta opción segue existindo nos programas de edición.

Tras o nacemento da televisión e o sinal electromagnético este recurso narrativo seguiuse empregando, pero nesta ocasión utilizando un dispositivo electrónico: o mesturador de vídeo. Este aparello realizaba a transición inmediatamente, na televisión non existe o proceso de revelado, e tamén creaba outras cortinillas cada vez máis sofisticadas. Coa invención dos magnetoscopios na década dos 50s, as posteriores mesas de mesturas foron equipadas con este tipo de dispositivo para crear o efecto, xa non desde unha cámara, senón desde un reprodutor fonte.[1] Pero este recurso, ou mellor dito a súa duración, foi un dos problemas que a edición en dúas salas, unha online e outra offline, non foi capaz de solucionar porque non se incluía na lista de decisións de edición, aínda que dita lista estivese gravada nun disco magnético. Por tanto había que volvelas crear co consecuente gasto de tempo nunha casa cuxo alugueiro podía resultar moi caro.[1]

Coa edición dixital o recurso non desapareceu e non parece que vaia desaparecer nun futuro próximo polo significado tan rotundo que transmite de chegar a un punto e aparte na narración.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]