Frank País
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 7 de decembro de 1934 Santiago de Cuba |
Morte | 30 de xullo de 1957 (22 anos) Santiago de Cuba |
Causa da morte | homicidio, ferida por arma de fogo |
Lugar de sepultura | Cemiterio de Santa Ifigenia |
Actividade | |
Ocupación | Reformista Mestre Activista |
Familia | |
Irmáns | Josué País |
Frank Isaac País García, ou "Paris", nado en Santiago de Cuba o 7 de decembro de 1934 e morto na mesma cidade o 30 de xullo de 1957, foi un dirixente estudantil reformista, mestre e revolucionario cubano, de orixe galega, que loitou contra a ditadura de Fulgencio Batista integrando o Movemento 26 de Xullo. O seu asasinato pola policía nas rúas de Santiago de Cuba o 30 de xullo de 1957, cando contaba con 22 anos, desencadeou unha vaga de protestas en todo o país e constituíu un acontecemento decisivo para impulsar a Revolución cubana. Está considerado en Cuba un mártir da revolución.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Frank País naceu o 7 de decembro de 1934, en Santiago de Cuba. Os seus pais eran Francisco País Pesqueira, un pastor protestante, e Rosario García Calviño, ambos de Marín, Pontevedra, que emigraran a Cuba. Francisco País Pesqueira figura como primeiro converso e bautizado da Igrexa Evanxélica de Marín e foi un dos membros fundadores da primeira Igrexa Bautista de Santiago de Cuba.[2]
Ao morrer seu pai, súa nai fíxose cargo, en solitario, del, que contaba 5 anos de idade, e dos seus irmáns Agustín de 3 anos e Josué de 2. Deixou os seus estudos de arquitectura para ingresar á Escola Normal de Mestres de Oriente onde se graduou o 6 de xullo de 1953.
Destacouse como dirixente estudantil, foi un dos principais xefes da Asociación de Estudantes, e partidario do movemento latinoamericano de Reforma Universitaria, integrando o Bloque Revolucionario Estudantil Normalista (BREN), constituíndo a Federación Local de Centros de Segundo Ensino e participando no Directorio Estudantil Revolucionario. En 1952, cando se produciu o golpe de estado que levou a Fulgencio Batista ao poder, concorreu con outros mozos ao Cuartel Moncada para pedir armas co fin de defender ao goberno democrático de Carlos Prío Socarrás.[3]
Comezou a traballar como mestre en 1954 no Colexio do Salvador, onde se destacou pola paixón con que difundía as ideas nacionalistas, democráticas e cristiás, especialmente o pensamento e a obra de José Martí, mostrando unha aparente contradición entre a relixiosidade que profesaba e os ideais revolucionarios que se soluciona na redución á súa crenza no home e no futuro así como o seu desexo de conseguir unha sociedade mellor sen abandonar as súas crenzas cristiás.[4] Creou o Centro La Flor Martiana e puxo en práctica a República Escolar, baseada en conceptos de democratización da escola e participación dos estudantes.
O 10 de marzo de 1952 acudiu, xunto con outros estudantes, ao Cuartel Moncada, en resposta á asonada batistiana que conduciu á ditadura de Fulgencio Batista. Este feito supuxo o punto de inflexión que o convertería nun loitador pola liberdade e contra a ditadura batistiana.
Revolución cubana
[editar | editar a fonte]En 1954, Frank País, Pepito Tey e outros mozos do Oriente cubano crearon Acción Revolucionaria Oriental (ARO) co fin de organizar a loita armada contra a tiranía de Batista. Poucos meses despois cambian o nome da organización por Acción Nacional Revolucionaria (ANR). En 1955, cando Fidel Castro, recentemente amnistiado, e o grupo que asaltara o Cuartel Moncada formaron o Movemento 26 de Xullo, Frank País solicitou e obtivo o ingreso dos membros do ANR ao M-26-7. O seu paso á clandestinidade realizouno co pseudónimo de David.
Inicialmente País integrou a dirección do M-26-7 en Oriente, e en 1956 foi designado Xefe de Acción e Sabotaxe do M-26-7 en todo o país. O 30 de novembro de 1956 dirixiu o levantamento armado en Santiago de Cuba en apoio ao desembarco do iate Granma desde o que haberían de desembarcar Fidel Castro e un grupo de guerrilleiros co fin de instalarse en Sierra Maestra.
O 9 de marzo de 1957 foi detido e xulgado xunto aos superviventes do Granma e os combatentes do levantamento do 30 de novembro, sendo absolto en maio de 1957, no medio dunha gran axitación popular. Dende ese momento foi un dos principais organizadores do apoio á guerrilla de Sierra Maestra e a extensión da insurrección a toda a illa.
O 30 de xuño de 1957 foi asasinado o seu irmán Josué País e exactamente un mes despois resultou el mesmo asasinado no Canellón do Muro de Santiago de Cuba, xunto con Raúl Pujol.
O xornalista Pedro García relata así o momento do seu asasinato:"Ao mediodía, despois do xantar, reuniuse con dous mozos do Movemento. Traíanlle o libro que pedira: Entre a liberdade e o medo, de Germán Arciniegas. Unha das mulleres decatouse que a policía de Batista viña rexistrando unhas rúas máis abaixo, casa por casa, a rúa San Germán. El tomou unha decisión: ordenou aos dous mozos que se foran no coche. Alegou que lle sería moito máis doado fuxir a pé. Deulles algúns documentos ás mulleres. "Non poden caer nas mans da tiranía", dixo. Saíu co propietario da casa, o combatente Raúl Pujol, San Germán arriba. "Oe, detén eses dous", gritou un esbirro. Foron cercados polos uniformados. "Pero non sabe quen é este, coronel? -un connotado acusón sorriu cinicamente.- É Frank País."Empezaron a golpealos. Cando Pujol finalmente foi ametrallado, o mozo xa non tiña coñecemento. Frank foi empuxado cara ao canellón do Muro e ametrallado a balazos. "Todo o mundo aquí ten que tirar, diante de todo Santiago", gritou o coronel. Os esbirros baleiraron as súas armas sobre os cadáveres. Tiraron cerca do de Frank unha pistola 45 con dous pentes; logo viuse que eran dun calibre diferente. Foi o 30 de xullo de 1957".[5][6]
En resposta declarouse unha folga xeral en toda Cuba e o seu enterro organizouse como un desafío á ditadura de Batista e alcanzou unha convocatoria masiva que a fixo a máis grande manifestación popular coñecida até entón por esa cidade. O corpo de País foi vestido co uniforme verde oliveira e o brazalete negro e vermello do Movemento 26 de Xullo.[7]
A mobilización do 30 de xullo de 1957 está considerada como unha das datas decisivas da Revolución cubana e a caída da ditadura de Fulgencio Batista. Ese día foi instituído en Cuba como Día dos Mártires da Revolución.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "En el recuerdo eterno, Frank País García". www.cmkc.co.cu (en castelán). Archived from the original on 17 de xuño de 2008. Consultado o 2 de xaneiro de 2019.
- ↑ "El pastor Gallego de la Revolución Cubana". Faro de Vigo. 29 de xullo de 2007.
- ↑ "Combatiente extraordinario". www.bohemia.cu (en castelán). Archived from the original on 27 de setembro de 2007. Consultado o 2 de xaneiro de 2019.
- ↑ Monroy, Antonio (2007). Un líder Evangélico en la Revolución cubana. Caminos.
- ↑ Portuondo López, Yolanda (1988). La clandestinidad tuvo un nombre: David. Editora Política.
- ↑ Portuondo López, Yolanda. Frank, sus últimos treinta días.
- ↑ "Frank País: una figura insigne". www.cmkc.co.cu (en castelán). Archived from the original on 29 de maio de 2007. Consultado o 2 de xaneiro de 2019.