Francisco de Almeida
Biografía | |
---|---|
Nacemento | década de 1450 Lisboa, Portugal |
Morte | 1 de marzo de 1510 (50/60 anos) Cabo de Boa Esperanza, Suráfrica, preto do lugar |
Causa da morte | morto en combate |
Vice-rei da India portuguesa (pt) | |
12 de setembro de 1505 – 4 de novembro de 1509 ← Tristão da Cunha – Afonso de Albuquerque → | |
Actividade | |
Ocupación | explorador |
Carreira militar | |
Rango militar | almirante |
Familia | |
Fillos | Dona Leonor de Almeida |
Pais | Lopo de Almeida, 1.º conde de Abrantes e Brites da Silva |
Descrito pola fonte | Encyclopedic Lexicon (en) Enciclopedia militar Sytin Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron |
Francisco de Almeida, nado en Lisboa, ca. 1450 -e finado en Aguada de Saldanha o 1 de marzo de 1510 foi un nobre, soldado e explorador portugués. Destacouse primeiro como conselleiro de confianza do rei Xoán II de Portugal e máis tarde na conquista de Granada realizada polos Reis Católicos en 1492.
En 1505, viaxa á India co galego Joan de Novoa, e o rei Manuel I de Portugal, nomeouno primeiro vicerrei da India portuguesa, onde loitou para expulsar aos musulmáns e venecianos do comercio con Oriente. A partir de entón inflixiu duros castigos ás frotas musulmás e aos portos da India, e é recordado, tras a batalla naval de Diu en 1509, como o artífice da hexemonía portuguesa no océano Índico . Morreu nunha batalla contra os Khoikhoi en Saldanha (hoxe Suráfrica), e foi enterrado en Aguada de Saldanha, preto de onde se atopa na actualidade Cidade do Cabo.
Na India construíu as fortalezas de Anjidiv, Cannanore e Cochin.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Francisco de Almeida era fillo de Lopo de Almeida, primeiro conde de Abrantes, e da súa muller Beatriz da Silva. Criouse na corte do rei Afonso V de Portugal e, como era costume entre os homes do seu círculo social, ingresou moi novo no exército. Sábese que era un home de confianza de Xoán II de Portugal e que participou en 1476 na Batalla de Toro, cando o rei portugués tomou partido na sucesión da Coroa de Castela, loitando a favor de Xoana a Beltranexa e en contra da súa tía Isabel (despois Isabel a Católica). Nos anos seguintes, Francisco de Almeida loitou en varios conflitos en Marrocos e en 1492 participou, ao servizo dos Reis Católicos, na conquista de Granada.[1]
En 1505 o rei Manuel I de Portugal nomeouno vicerrei da India portuguesa. Partiu de Lisboa xunto a Joan de Novoa cunha frota de vinte barcos, o 25 de marzo dese ano.[2] Unha vez que pasou o cabo de Boa Esperanza conquistou o sultanato de Kilwa, na costa da actual Tanzania, onde construíu unha fortaleza. Despois atacou e arrasou Mombasa (Kenya) e apoderouse do porto de Sofala (Mozambique).
Chegou á India e instalouse en Cochin. Dende alí esforzouse por contrarrestar o poder dos musulmáns de Exipto no océano Índico para garantir a presenza portuguesa. Foi partidario da expansión colonial de Portugal, organizando viaxes de descubrimento cara Ceilán e Madagascar. O 3 de febreiro de 1509 derrotou a unha frota composta por barcos do sultanato mameluco, do Imperio Otomán e do sultanato de Gujarat na batalla de Diu, ao norte de Calicut.[3] O mesmo ano converteuse no primeiro portugués en desembarcar en Bombai.
Cando Afonso de Albuquerque chegou á India para sucedelo, negouse a recoñecer as súas credenciais e foi encarcerado. Despois de tres meses renunciou, ao tempo que unha gran frota chegou de Portugal en novembro de 1509. Almeida embarcou para Portugal, pero morreu o 1 de marzo de 1510 durante unha escala no camiño de volta, preto da Cidade do Cabo, nunha escaramuza con membros do pobo Khoikhoi.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Paul Lunde, The coming of the Portuguese, 2006, Saudi Aramco World Arquivado 21 de agosto de 2011 en Wayback Machine. (en inglés)
- ↑ Logan, William (2000). Malabar Manual (en inglés). Asian Educational Services. ISBN 978-81-206-0446-9.
- ↑ Rogers, Clifford J. Readings on the Military Transformation of Early Modern Europe, San Francisco:Westview Press, 1995, pp. 299–333
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Francisco de Almeida |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- A historia de Almeida, de Ian D. Colvin, The Baldwin Project Arquivado 03 de febreiro de 2014 en Wayback Machine.
- Paul Lunde, A chegada dos portugueses, 2006, Saudi Aramco World Arquivado 21 de agosto de 2011 en Wayback Machine.
- Francisco de Almeida en geneall.net (en portugués)