Saltar ao contido

Edificio Sultán Abdul Samad

Edificio Sultán Abdul Samad
Vista frontal do Edificio Sultán Abdul Samad
Coordenadas3°08′55″N 101°41′40″L / 3.1486111111111, 101.69444444444
editar datos en Wikidata ]

O Edificio Sultán Abdul Samad é unha das principais construcións de Kuala Lumpur, a capital de Malaisia. Leva o nome de Abdul Samad, que era o sultán de Selangor cando empezou a súa construción en 1894. Foi xustamente en fronte deste edificio, na praza de Merdeka, onde se celebrou a cerimonia da baixada da bandeira británica e a subida da bandeira de Malaisia o 31 de maio de 1957, data da independencia da Federación de Malaisia. O edificio foi declarado Patrimonio Nacional en 2007 ao abeiro da Lei 645. No edificio tivo a súa sede o Tribunal Supremo e outros tribunais superiores pero agora só é sede dunha sección económica do Tribunal Superior de Malaisia.

O edificio coñeceuse primeiro como Pejabat Baru Kerajaan en malaio e New Government Offices en inglés por canto albergaba diversos departamentos do goberno durante a administración británica. Cando se formou a Federación de Malaisia en 1948 o edificio pasou a coñecerse como Sekretariat Persekutuan en malaio e Federal Secretariat en inglés. En 1974 as oficinas do goberno de Selangor mudáronse para Shah Alam e as federais para Jalan Duta. De aí que se tivera que modificar o nome do edificio, escolléndose o nome do sultán de Selangor ao comezo da construción do edificio.

Localización

[editar | editar a fonte]
Vista nocturna, apréciase a Torre do Reloxo sobresaíndo no edificio

O Edificio Sultán Abdul Samad Building localízase en fronte da praza de Merdeka e do Royal Selangor Club, onde conflúen os ríos Klang e Gombak Sungai, lugar historicamente coñecido polas súas minas de casiderita, de onde se obtiña o estaño, o catalizador do éxito económica de Malaisia.

A administración británica en Selangor precisaba dunha nova sede. Klong, a capital ata daquela, estaba moi lonxe das áreas máis desenvolvidas de Kuala Lumpur. O Ministerio de Obras Públicas encargoulle a construción do novo edificio ao arquitecto Arthur Charles Norman. A cerimonia de colocación da primeira pedra realizouse o 6 de outubro de 1894 e foi formalmente inaugurado por Frank Swettenham, Residente Xeral británico nos Estados Federados Malaios, o 4 de abril de 1897. O proxecto inicial prevía a construción dun edificio no estilo neoclásico, como era o estándar nos edificios gobernamentais do Imperio Británico, pero por suxestión do enxeñeiro do proxecto, Charles Spooner, realizouse seguindo o estilo raj británico, unha reinterpretación vitoriana de diversos estilos islámicos, e que estaba en voga en diversas cidades da India. Sobresae sobre o resto do edificio a Torre do Reloxo cos seus corenta metros de altura. Ttamén son destacables as súas cúpulas voluptuosas e os seus arcos e arcadas.

Entre os servizos que se estableceron no novo edificio estaba o Goberno, a Cámara do Consello, a Oficina de Correos, a Oficina Sanitaria, o Comisionado Xudicial, o Departamento de Obras públicas, a Auditoría do Tesouro, a Oficina de Terras e o Ministerio de Minas.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Ross King: Kuala Lumpur and Putrajaya: negotiating urban space in Malaysia, 2008. ISBN 9971694158
  • S Vlatseas: A history of Malaysian architecture. 1990. ISBN 9971899752
  • Ken Yeang: The architecture of Malaysia. 1992 ISBN 9054960019