Saltar ao contido

Durango, Biscaia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaDurango, Biscaia
Imaxe

Localización
Mapa
 43°10′01″N 2°37′56″O / 43.166974, -2.6321025
EstadoEspaña
Comunidade autónomaPaís Vasco
ProvinciaBiscaia
ComarcasDuranguesado Editar o valor en Wikidata
Capital de
CapitalDurango (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación29.767 (2023) Editar o valor en Wikidata (2.728,41 hab./km²)
Lingua oficiallingua éuscara (lingua predominante) Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie10,91 km² Editar o valor en Wikidata
Altitude119 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcaldesa Editar o valor en WikidataIma Garrastatxu Urbaneja (en) Traducir (2019–) Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal48200 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Código INE48027 Editar o valor en Wikidata
Outro
Irmandado con

Páxina webdurango-udala.net Editar o valor en Wikidata

Durango é un concello do País Vasco, na provincia de Biscaia, na comarca do Duranguesado. Ten unha área 10,79 km² e unha poboación no 2005 de 28.229 habitantes (2009).

Xeografía

[editar | editar a fonte]

O concello está situado á beira esquerda do río Ibaizábal. Cara ao sueste comeza unha zona montañosa de tipo calizo con numerosas formacións de tipo kárstico, na que destacan a Peña de Mugarra (960 m) e o monte Neberondo (453 m). O río Ibaizabal recibe as augas do Mañaria, que atravesa o municipio de norte a sur, e do rego de Larrinagatxu.

Demografía

[editar | editar a fonte]

Desde 1940 a poboación aumentou considerablemente por mor da industrialización da zona, especialmente como consecuencia da chegada de inmigrantes das zonas rurais das comarcas máis achegadas. Con todo, na década de 1980 esta tendencia sufriu un estancamento por mor da crise económica. No ano 2009 tiña 28.229 habitantes (13.878 homes e 14.351 mulleres).

Mapa de Durango en 1857.

A vila non conta con Carta Puebla, como outras vilas vascas. Durango foi o nome da merindade, e Tabira o do núcleo primitivo, nome conservado no escudo actual. Cara ao século XVI era coñecida como Villanueva de Durango.

O núcleo urbano de Tabira tivo a súa orixe entre as igrexas de Santa María de Uribarri e Santa Ana, que conserva a súa estrutura. Na Crónica de Ibargüen e de Cachopín, do século XVI, dise que Sancho VI de Navarra, que reinou na segunda metade do século XII, deu foros á vila de Durango, pertencente naquel momento á coroa de Navarra. No 1200 foi incorporada ao reino de Castela, e cedida ao señor de Biscaia Diego López II de Haro 12 anos despois como compensación polos servizos prestados na Batalla das Navas de Tolosa.

A vila non formaba parte do Meiriñado de Durango, ao estar esta composta polos elizates, veciñanzas acollidas ao foro da Terra Chá de Biscaia. A vila tiña representación nas Xuntas de Gernika.

As guerras de bandos da Idade Media tiveron presenza na vila. As diferentes casas nobres da merindade decantáronse unhas polo bando gamboíno e outras polo oñacino.

Entre 1442 e 1444 tivo lugar a Herexía de Durango, instigada polo frade franciscano Alonso de Mella, que chegou a promulgar a comunidade de bens e mulleres. Máis de cen dos seus seguidores foron condenados a morte e queimados na rúa Kurutziaga. Como monumento expiatorio da herexía, ergueuse unha cruz con ese nome[1].

Casa de Carlos en Durango no ano 1837 (debuxo de Isodoro Magués).

O desenvolvemento económico da vila estaba baseado no comercio (por ser punto importante nun dos traxectos entre Castela e os portos da costa) e a industria (produción das ferreirías e panos).

Durante a Primeira Guerra Carlista foi corte de Carlos María Isidro. O decreto de Durango ordenaba fusilar os combatentes estranxeiros apresados polas tropas carlistas, en contra do Convenio Lord Eliot. Tamén foi ocupada polos carlistas durante a segunda carlistada.

Guerra civil en Durango

[editar | editar a fonte]

Despois das eleccións de febreiro de 1936, os requetés de Durango fixeron prácticas de guerrilla en Urkiola, preparándose para o golpe de estado do 18 de xullo[2]. O grupo de tradicionalistas durangueses, vendo que as forzas da Garda Civil non se sumaban ao alzamento armado, decidiron pasar a territorio controlado polos insurrectos, sendo detenidos o 25 de xullo. A defensa da República foi organizada polos partidos e sindicatos de esquerdas que forman o Comité de Defensa en Durango. O PNV mantívose indeciso até o día 26. Os partidarios dos alzados foron detidos e ocupouse o colexio de Xesuítas e os conventos de Santa Susana e Santo Antón para establecer servizos de guerra.

O 25 de setembro de 1936 a vila foi bombardeada, producíndose 12 mortes, e desencadeándose a represalia do fusilamento de 22 detidos afíns aos atacantes. A fronte quedou estabilizada nas proximidades da comarca durante o outono e inverno de 1936–1937. O 31 de marzo de 1937 Mola ordenou o ataque xeral co obxectivo de eliminar a fronte norte, bombardeándose a vila ese mesmo día.

O bombardeo de Durango foi levado a cabo polos avións da 214 escuadrilla do grupo 24 de bombardeo pesado Savoia 21 e cazas de tipo CR-32. Ás 8:30 da mañá 5 bombardeiros e 9 cazas descargaron 80 bombas de 50 kg, mentres se celebraban actos relixiosos na igrexa de Santa María e na do colexio dos Xesuítas, e mercado no pórtico de Santa María. As bombas destruíron os dous templos e o convento de santa Susana, provocando numerosas mortes. Ás 17:45 8 bombardeiros e 15 cazas realizaron unha nova acción, descargando 22 bombas de 100 kg e 54 de 50 kg. O segundo ataque cebouse na diagonal que une o camposanto coa Zeharkalea, zona moi transitada pola xente que acudía a identificar as vítimas do bombardeo matinal. Os ametrallamentos dos cazas causaron moitas baixas entre a poboación civil, ao carecer a vila de defensa antiaérea.

O 2 de abril a poboación foi bombardeada de novo, aínda que nela se encontraba unha comisión internacional de Francia e Gran Bretaña estudando os danos sufridos polo ataque anterior. O día 4 volveu ser bombardeada. En total calcúlase que sobre a vila foron botadas unhas 281 bombas, cun total de 14.840 quilos de explosivos. Houbo 336 vítimas mortais, e foron destruídos 71 edificios e outros 234 foron afectados, entre eles varias igrexas e conventos.

O 27 de abril houbo combates ás portas do lado leste da vila, formados por batallóns de requetés. A batalla desprazouse cara ao norte, coa intención de illar a poboación. As tropas de defensa retiráronse cara a Bilbao, intentando poñer unha liña de fogo no barrio de Berna, xa no alfoz de Iurreta. En Durango quedaron algúns milicianos emboscados nos edificios enfrontándose aos tradicionalistas do Terzo de Montejurra, que tomaron a vila o 28 de abril.

O 29 de xullo de 1937 constituíuse a nova corporación municipal, sendo nomeado alcalde Adolfo Uribasterra en substitución de Ramón Oralde[2].

Posguerra e actualidade

[editar | editar a fonte]

Rematado o conflito e a posguerra, a comarca foise industralizando, en base á tradición férrea e téxtil e axudada pola emigración dalgunhas industrias procedentes de Éibar. Destacan os sectores da maquinaria de ferramentas e do automóbil, con empresas avanzadas en I+D.

Política e administración

[editar | editar a fonte]
Escudo da vila de Durango.

Partidos políticos no concello de Durango

Partido político Concelleiros
Partido Nacionalista Vasco (PNV-EAJ)
7
Acción Nacionalista Vasca (ANV-EAE)
4
Partido Socialista de Euskadi-Euskadiko Ezkerra (PSE-EE-PSOE)
4
Partido Popular do País Vasco (PP)
3
Aralar(Aralar)
2
Ezker Batua (EB-IU)
1

Corporación municipal (2 de marzo de 2010)

EAJ PNV

•Aitziber Irigoras •Mª Jose Balier •Ander Gorrotxategi •Natxo Martinez •Goiztidi Díaz •Iker Oceja •Pedro Luis Urain

Grupo Mixto (EAE/ANV)

•Oier Perez •Zorione Arana •Ricardo Alberdi •Ohiana Estibez

PSE-EE PSOE

•Pilar Ríos •Fernando Castillo •Juan Carlos Justo •Idoia Agorria

PP País Vasco

•Juan José Gastañazatorre •Cristina Goiri •Vicente de la Quintana

Aralar

Daniel Maeztu •Iker Urkiza

Ezker Batua - Berdeak

Sen presenza trala dimisión de Sabin Bilbao

Economía

[editar | editar a fonte]

A economía de Durango está baseada no sector secundario, sendo en gran medida industrial. Aínda mantén certo grao de actividade no sector primario ao ter pequenas explotacións familiares. O sector servizos experimenta un grande avance desde finais do século XX.

O sector primario está centrado nos barrios rurais, escasos polo reducido tamaño do concello e o avance da área urbana. Neles mantense unha actividade familiar, con produción de produtos destinados ao consumo propio ou á venda. Con todo, esta adoita ser unha actividade secundaria, sendo a principal o traballo na industria.

O sector secundario ocupa a maioría da poboación activa e constitúe a principal fonte de riqueza da vila. A tradición do traballo metalúrxico remóntase á época das ferreirías, centradas na actualidade nos transformados metálicos e en especial na fundición. Con todo, as industrias están abandonando os escasos terreos urbanos para ubicarse nos numerosos e novos polígonos industriais da comarca. Destacan empresas como Ona Electroerosión, Ferretera Vizcaína, Fundiguel e o Centro de Investigación Metalúrxica Azterlan.

No sector servizos Durango centraliza os servizos administrativos, sanitarios e de ensinanza como cabeza de comarca. Entre as escolas de Formación Profesional ten especial relevancia a Maristak, fundada polos irmáns Maristas en 1904.

O comercio está desenvolvido, pero fortemente influenciada pola capital Bilbao, situada a 30 km.

En Durango fálase a variante biscaína (bizkaiera) do éuscaro, coa característica propia da comarca. En 1869, L. L. Bonaparte, clasificou esta localidade no subdialecto occidental e variedade de Gernika.

  1. Xosé Estévez e José Luis Orella: Euskal Herria. Piedra y memoria. Diario Egin e Editorial Txalaparta, 1996. ISBN 84-89077-42-8.
  2. 2,0 2,1 Irazabal Agirre, J.: La guerra civil en el Duranguesado (1936-1937). Gerendiaga Elkartea, 2007. ISBN 84-933999-7-3.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]