Delaware
State of Delaware (en) | |||||
Himno | Our Delaware (en) (1925) | ||||
---|---|---|---|---|---|
Lema | «Liberty and Independence» | ||||
Símbolo oficial | Blue Hen of Delaware (en) (aves) | ||||
Alcume | The First State | ||||
Epónimo | Baía de Delaware (pt) | ||||
Localización | |||||
| |||||
Estado | Estados Unidos de América | ||||
Capital | Dover | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 989.948 (2020) (153,43 hab./km²) | ||||
Número de fogares | 370.953 (2020) | ||||
Lingua oficial | sen valor | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 6.452 km² | ||||
Auga | 21,71 % | ||||
Lonxitude da costa | valor descoñecido | ||||
Bañado por | Océano Atlántico, Baía de Delaware (pt) e Rio Delaware (pt) | ||||
Altitude | 18 m | ||||
Punto máis alto | Ebright Azimuth (en) (137 m) | ||||
Punto máis baixo | Océano Atlántico (0 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 7 de decembro de 1787 | ||||
Organización política | |||||
Órgano executivo | Government of Delaware (en) | ||||
• Governor of Delaware (en) | John Carney (2017–) | ||||
Órgano lexislativo | Asemblea Xeral de Delaware , | ||||
Máxima autoridade xudicial | Delaware Supreme Court (en) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
ISO 3166-2 | US-DE | ||||
Identificador GNIS | 1779781 | ||||
Sitio web | delaware.gov | ||||
Delaware é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América, localizado en Nova Inglaterra na rexión Sur do país. Delaware é o segundo estado máis pequeno en extensión territorial, tan só por diante de Rhode Island. Delaware é tamén o sexto estado menos poboado do país, só Dacota do Sur, Alasca, Dacota do Norte, Vermont e Wyoming contan con menos habitantes.
A pesar da súa pequena extensión territorial, Delaware é un gran centro financeiro. Máis de 200 mil empresas e compañías teñen a súa sede no estado. Isto sucede grazas á leis estatais que conceden beneficios fiscais ás empresas que deciden instalar as súas sedes no estado, atraendo ata a moitas compañías que operan principalmente fóra de Delaware. Este feito deu ao estado o alcume de The Land of Free-Tax Shopping. Por iso, Delaware é tamén un dos maiores centros bancarios dos Estados Unidos. Delaware tamén posúe unha forte industria petroquímica.
Delaware foi inicialmente colonizado polos neerlandeses e polos suecos. Era tamén unha das Trece Colonias do Reino Unido. Logo da Guerra de Independencia dos Estados Unidos, Delaware foi o primeiro estado americano en ratificar a Constitución americana, o 7 de decembro de 1787. Por iso, o estado é coñecido nacionalmente como The First State (O Primeiro Estado). O nome do estado provén do río Delaware, pois se localiza ás marxes deste río e o seu estuario, a baía de Delaware. A orixe do nome Delaware, pola súa banda, provén de Thomas West Terceiro, Barón De La Warr, que foi gobernador de Virxinia entre 1610 e 1618.
Historia
[editar | editar a fonte]Ata 1787
[editar | editar a fonte]A rexión que constitúe actualmente o estado americano de Delaware estaba habitado, antes da chegada dos primeiros exploradores europeos á rexión, por dúas tribos de nativos americanos pertencentes á familia ameríndia dos algonquinos: os delaware, ao longo do val do río Delaware, e os Nanticoke, ao longo dos ríos que desembocan na baía de Chesapeake. Os delaware eran unha tribo sedentaria, que vivían da caza e da agricultura.
O primeiro europeo en descubrir Delaware foi o explorador inglés Henry Hudson, en 1609, que navegou polo interior da baía de Delaware. Os holandeses foron os primeiros europeos en intentar poboar a rexión do actual Delaware. A primeira tentativa ocorreu en 1631, nun forte chamado de Zwaanendael, próximo ao actual Lewes. Con todo as desavinzas cos nativos da rexión acabaron, ao ano seguinte, co masacre de tódolos neerlandeses de Zwaanendael o ano seguinte, e a queima do forte. En 1638, os suecos fundaron Nova Suecia, na rexión do actual Delaware. O primeiro asentamento sueco na nova colonia foi Fort Christina, actual Wilmington. Case de inmediato producíronse conflitos entre os suecos e os holandeses, ambos reivindicando a posesión da rexión. Os holandeses, liderados por Peter Stuyvesant, expulsarían aos suecos da rexión en 1655, incorporando á colonia sueca os Novos Países Baixos. Con todo, nove anos despois, en 1664, unha expedición inglesa, liderada por James, Duque de York, expulsaría os aos neerlandeses da rexión. Maryland, entón administrada por Cæcilius Calvert, e Pensilvania, administrada por William Penn (que quería a rexión para que Pensilvania puidese ter un acceso directo ao océano Atlántico), inmediatamente reivindicaron dereitos sobre a rexión. A posesión de Delaware outorgóuselle a Pensilvania en 1682.
William Penn organizou Delaware en tres condados: Kent, Newcastle e Sussex. O resto de Pensilvania tamén foi dividida en tres condados diferentes. Tanto a rexión de Delaware como o resto de Pensilvania posuían o mesmo número de representantes no goberno de Pensilvania. Con todo, a medida que a poboación desta última foi crecendo por encima da poboación de Delaware, foron engadidos máis condados. Mentres tanto, Delaware permanecía con pouco crecemento de poboación, cos tres condados, chamados Lower Counties (Condados Menores). A rexión de Delaware, así, foi perdendo representación no goberno de Pensilvania. A poboación de Delaware pediu a William Penn permiso para a creación dun Lexislativo rexional, petición que foi aceptada. Delaware fundou o seu Lexislativo en 1704, aínda que continuou sendo gobernada polo gobernador de Pensilvania, ata o inicio da Revolución Americana de 1776.
Delaware reaccionou fortemente contra actos impostos polos británicos despois do fin da Guerra Franco-Indíxena, en 1754, con diversos políticos da rexión criticando duramente aos británicos, entre eles, Thomas McKean. Este, xuntamente con Caesar Rodney, convenceron a Asemblea Xeral de Delaware a declarar a súa independencia do Reino Unido, e polo tanto, de Pensilvania, o 15 de xuño de 1776.
En 1776, no inicio da Revolución Americana, oficiais dos tres condados de Delaware reuníronse en New Castle, con obxecto de organizar un goberno estatal. Creouse o estado, e o nome Delaware, que xa era amplamente utilizado para designar a rexión, foi adoptado con carácter oficial. O mesmo ano, Delaware adoptou a súa primeira Constitución, con John McKinly como o seu primeiro gobernador.
O único conflito armado entre americanos e británicos que ocorreu exclusivamente dentro de Delaware foi rexistrado nunha ponte. Crese que a bandeira dos Estados Unidos (Stars and Stripes) foi izada en batalla por primeira vez neste conflito. Delaware foi escenario de só unha batalla durante a guerra de independencia, a Batalla de Brandywine, o 11 de setembro de 1777, en Delaware e no Condado de Delaware, Pensilvania, onde tropas americanas intentaron impedir sen éxito que tropas británicas continuasen o seu avance contra Filadelfia. O día seguinte, os británicos ocuparon Wilmington, apresaron a John McKinly, e ocuparon a cidade durante un mes, aínda que mantivesen o control do río Delaware durante a maior parte do resto da guerra, entorpecendo o comercio do estado, e incentivando a colonos leais aos británicos, especialmente no Condado de Sussex, realizando diversos actos de sabotaxe e ataques contra tropas e milicias americanas. Diversos ataques militares realizados polo segundo gobernador de Delaware, Caesar Rodney, mantiveron aos colonos leais aos británicos baixo control.
O 22 de febreiro de 1779, Delaware ratificou os Artigos da Confederación. Sete anos despois, o 7 de decembro de 1787, Delaware ratificou a Constitución dos Estados Unidos de América, sendo así o primeiro estado americano en facelo e, xa que logo, oficialmente o primeiro Estado da Unión.
1787 - Actualidade
[editar | editar a fonte]Delaware, localizado na fronteira entre as Rexións Norte e Sur dos Estados Unidos, posuía características de ambos. Tal como os Estados do Norte, Delaware posuía unha economía baseada principalmente no comercio, e cunha industria, como a produción de produtos químicos e o refinado de trigo, en rápida expansión. Con todo, a proximidade co estado escravista de Maryland - onde o uso de escravos era común nas facendas de tabaco do estado - fixo que o uso de man de obra escrava fixésese común en Delaware. O pouco uso destes escravos fixeron con moitos donos liberasen aos seus escravos. En 1860, Delaware posuía unha poboación de, aproximadamente, 90 mil habitantes, dos cales 1,8 mil eran escravos, e 20 mil eran afroamericanos libres.
En 1861, comezou a Guerra Civil Estadounidense. Delaware decidiu permanecer na Unión. Con todo, boa parte da poboación do estado simpatizaba coa Confederación, crendo que os estados posuían o dereito de separarse da Unión se quixesen. A Procamación de Emancipación de 1863 abolía a escravitude nos Estados Unidos, aínda que non nos estados que permaneceran na Unión (Delaware e Maryland). En 1865, despois do final da Guerra Civil, a décimo terceira emenda á Constitución americana aboliu oficialmente o uso do traballo escravo no estado. Delaware intentou continuar co uso do traballo escravo logo da Guerra Civil, pero sen éxito.
Logo da guerra, Delaware entrou nunha fase de prosperidade económica. Foron construídas liñas ferroviarias, o sector agrícola do estado prosperou, e Delaware entrou nunha fase de rápida industrialización. En 1897, Delaware adoptou a súa actual Constitución. A fase de prosperidade económica durou ata a Gran Depresión da década de 1930. A Gran Depresión causou unha gran recesión económica no estado, causando endebedamento, suspensión de pagos e peche de fábricas e institucións comerciais, desemprego e miseria. Estes efectos irían diminuíndo ao longo do final da década, grazas a medidas socio-económicas, tales como programas de asistencia e programas públicos de axuda. A segunda guerra mundial acabou coa recesión económica, e Delaware continuaría industralizándose rapidamente, con diversas empresas petroquímicas abrindo fábricas no estado, ata a década de 1960.
En 1980, unha nova emenda á Constitución de Delaware limitou os gastos do goberno, que non poderían superar o 95% do orzamento do goberno. En 1981, o Financial Center Development Act foi aprobado, en resposta á caída do crecemento económico de Delaware durante o final da década de 1970. O acto diminuíu sensiblemente a regulación de impostos do estado ás empresas financeiras, en canto aos intereses que as empresas poderían cobrar dos seus clientes. Isto atraeu varias institucións financeiras a Delaware, que se instalaron principalmente en Wilmington. Isto xerou un gran número de postos de traballo, mantendo baixa a taxa de desemprego do estado, os gastos dedicados á asistencia social dos necesitados, e mantivo alto o crecemento da poboación do estado. Con máis renda xerada a través de impostos (principalmente polo imposto sobre a renda nunha poboación en rápido crecemento), o goberno de Delaware diminuíu na década de 1980 o imposto sobre a renda estatal catro veces, sen prexudicar o orzamento do goberno. O turismo tamén se converteu nunha crecente e importante fonte de renda do estado durante a década de 1980.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Delaware limita ao norte con Pensilvania, ao sur e ao oeste con Maryland, ao leste coa baía de Delaware, que fai de fronteira con Nova Jersey, e ao sueste co océano Atlántico. O litoral de Delaware ao longo do océano Atlántico posúe preto de 45 quilómetros de longo, que aumentan a 613 quilómetros, se contamos o litoral formado por esteiros, baías e illas costeiras. A fronteira de Delaware con Pensilvania é a única fronteira entre dous estados nos Estados Unidos que posúe forma de arco, e é coñecido como Twelve Mile Circle (Círculo de Doce Millas).
Delaware, xunto con parte do litoral de Maryland e dous condados de Virxinia, forman a Península de Delmarva, abreviatura do nome dos estados que a forman: Delaware, Maryland e Virginia. A Península de Delmarva nun interesante accidente xeográfico que se sitúa entre as baías de Delaware e Chesapeake. O río Delaware é o maior e o máis importante do estado. Outros ríos importantes son o Christina e o Brandywine. O Christina permite a navegación de grandes navíos ata Wilmington, e de pequenos navíos ata Newport. Tódolos ríos que atravesan Delaware desembocan no océano Atlántico. Delaware posúe preto de 50 lagos e os bosques cobren aproximadamente o 30% do estado.
Delaware pode ser dividido en dúas rexións xeográficas distintas:
- As Chairas Costeiras do Atlántico ocupan a maior parte de Delaware. O terreo desta rexión é chairo, pouco accidentado, areoso e de baixa altitude, raramente supera os 25 metros de altitude.
- O Piemonte é unha pequena franxa de terra localizada no extremo norte do estado, que non ten máis que 15 quilómetros de longo. Esta rexión caracterízase polo seu terreo accidentado, con fértiles vales. O Piemonte é a rexión de maior altitude do estado. O punto máis elevado de Delaware, que só se eleva 137 metros sobre o nivel do mar, localízase nesta rexión.
Clima
[editar | editar a fonte]O norte de Delaware posúe un clima amornado continental, mentres que a rexión sur do estado posúe un clima subtropical. A localización do estado, próxima ao Atlántico e ao sur das cadeas montañosas de Pensilvania (que serven como obstáculos contra frontes frías provenientes do norte) fan que os invernos do estado sexan suaves. A temperatura en Delaware varía pouco dunha rexión a outra, a causa do pequeno tamaño do estado. A variación é de 2°C no verán e de 1 °C en inverno, con temperaturas medias que diminúen a medida que se viaxa en dirección norte.
A temperatura media no inverno é de 2 °C, mentres que a temperatura media do estado no verán é de 24 °C. Tanto a temperatura máis baixa como a máis alta rexistrada en Delaware foron en Millsboro, a máis baixa, de -27 °C, o 17 de xaneiro de 1893, e a máis alta, de 43 °C, o 21 de xullo de 1930. Millsboro é a única cidade americana que ten rexistrada tanto a temperatura máis alta como a máis baixa dun estado, xuntamente con Warsaw, en Missouri.
A taxa de precipitación media anual de choiva de Delaware é de 114 centímetros, maior ao longo do litoral e menor no interior (especialmente no extremo norte do estado). A precipitación media anual de neve varía entre 46 centímetros no norte, 36 centímetros no suroeste, e 30 centímetros ao longo do litoral.
Política
[editar | editar a fonte]A actual Constitución de Delaware foi adoptada en 1897. Outras constitucións anteriores foron aprobadas en 1776, en 1792 e en 1831. As Emendas á Constitución son propostas polo Poder Lexislativo de Delaware, e para ser aprobadas, necesitan a aprobación de polo menos o 51% do Senado e da Cámara dos Representantes do Estado, ademais de dous terzos dos votos da poboación electoral de Delaware, nun referendo. A poboación do estado tamén pode propor emendas á Constitución a través da recollida dun número determinado de firmas. Cando estas firmas son aceptadas polo goberno, necesitan recibir a aprobación de polo menos un cuarto dos membros de ambas as cámaras do Poder Lexislativo, e polo menos o 51% dos votos da poboación electoral. As emendas tamén poden ser propostas e introducidas por unha Convención constitucional, que necesitan recibir polo menos o 51% dos votos de ambas as cámaras do Poder Lexislativo e dous terzos dos votos do electorado, nun referendo.
O principal oficial do Poder executivo en Delaware é o gobernador. É elixido polos electores do Estado para mandatos de ata catro anos de duración, podendo ser reelixido só unha vez. Os electores tamén elixen ao Tenente Gobernador e o Secretario de Estado, entre outros oficiais executivos.
O Poder lexislativo de Delaware exérceo a Asemblea Xeral que está constituída polo Senado e pola Cámara dos Representantes. O Senado posúe un total de 21 membros, mentres que a Cámara dos Representantes posúe un total de 41 membros. Delaware está dividido en 21 distritos senatoriales e 41 distritos representativos. Os electores de cada distrito elixen un senador/representante, que representará ese distrito no Senado/Cámara dos Representantes. O mandato dos senadores é de catro anos, mentres os representantes son elixidos para mandatos de ata dous anos de duración.
O tribunal máis alto do Poder xudicial do estado é o Tribunal Supremo de Delaware, composto por catro xuíces e un xefe de xustiza. Outros tribunais do Poder Xudicial do estado son o Tribunal Superior, o Delaware's Court of Chancelery (que se encarga de disputas corporais), os Tribunais Familiares (traballa con procesos familiares) e o Common Pleas Court. Tódolos xuíces do Poder Xudicial de Delaware son escollidos polo gobernador, para mandatos de ata 12 anos de duración.
Delaware está dividido en tres condados - Kent, Newcastle e Sussex. Cada un dos condados está administrado por unha comisión composta por un determinado número de membros (sete en Kent, seis en Newcastle e cinco en Sussex). Estes membros son elixidos pola poboación dos seus respectivos condados para mandatos de ata catro anos de duración.
A delegación de Delaware no Congreso dos Estados Unidos compose por dous senadores e un representante. O presidente dos Estados Unidos Joe Biden, gañou sona a nivel federal durante os 36 anos (1973-2009) do seu exercicio como senador por Delaware[1].
Preto da metade do orzamento do goberno do Delaware é xerado por impostos estatais. O resto provén de orzamentos recibidos do goberno nacional e de préstamos. En 2002, o goberno do Estado gastou 4.646 millóns de dólares, habendo xerado 4.882 millóns de dólares. A débeda gobernamental é de 4.038 millóns de dólares. A débeda per cápita é de 5.010 dólares, o valor dos impostos estatais per cápita é de 2.697 dólares, e o valor dos gastos gobernamentais per cápita é de 5.764 dólares.
Demografía
[editar | editar a fonte]
|
|
En Delaware en 2019 residían 973.764 habitantes segundo estimacións da Oficina do Censo dos Estados Unidos[2]. Este dato supón un incremento do 8,4% con respecto os 897.937 do censo de 2010.
O censo nacional de 2000, da Oficina do Censo dos Estados Unidos, estableceu a poboación de Delaware en 783.600 habitantes, un crecemento do 17,5% en relación á poboación do Estado en 1990, de 666.168 habitantes. Unha estimativa realizada en 2005 calculou a poboación do Estado en 843.524 habitantes, un crecemento do 26,6% en relación á poboación do Estado en 1990, do 7,6%, en relación á poboación do Estado en 2000, e do 1,6% en relación á poboación estimada en 2004.
O crecemento da poboación natural de Delaware entre 2000 e 2005 foi de 21.978 habitantes - 58.699 nacementos e 36.721 falecementos - o crecemento causado pola inmigración foi de 27.912 habitantes, mentres que a migración interestatal incrementouse en 11.226 habitantes. Entre 2000 e 2005, a poboación do Estado creceu en 59.924 habitantes, e entre 2004 e 2005, en 13.455 habitantes.
Razas e etnias
[editar | editar a fonte]Composición racial da poboación de Delaware, segundo a Oficina do Censo dos Estados Unidos é[3]:
- 69,2% Brancos
- 23,2% Afroamericanos
- 9,6% Hispanos
- 4,1% Asiáticos
- 0,7% Nativos americanos ou nativos de Alasca
- 0,1 Nativos de Hawaii ou doutras illas do Pacífico
- 2,7% Dúas ou máis razas
Os cinco maiores grupos étnicos de Delaware son: afroamericanos (que compón o 19,2% da poboación), irlandeses (16,6%) alemáns (14,3%), ingleses (12,1%) e italianos (9,3%).
A poboación de Delaware posúe a maior porcentaxe de afroamericanos de calquera Estado americano localizado ao norte de Maryland, así como posuía a maior porcentaxe de afroamericanos libres (17%), antes da Guerra Civil Estadounidense. O 90,5% da poboación do Estado con máis de cinco anos de idade teñen o inglés como idioma materno e o 4,7% o español. O francés é o terceiro idioma máis falado no Estado, cun 0,7%, seguido polo chinés e o alemán, cada un cun 0,5%.
A porcentaxe de persoas residentes en Delaware que non son cidadáns dos Estados Unidos estímase no 9,6% para o período 2015-19[4].
Relixión
[editar | editar a fonte]Porcentaxe da poboación de Delaware por relixión:
- Cristianismo – 79%
- Protestantes – 68%
- Igrexa Baptista – 22%
- Igrexa Metodista – 21%
- Igrexa luterana – 4%
- Igrexia Presbiteriana – 3%
- Igrexa Pentecostal – 3%
- Outras afiliacións protestantes – 15%
- Igrexa católica – 10%
- Outras aficiacións cristiáns – 1%
- Protestantes – 68%
- Outras relixións – 2%
- Non relixiosos – 19%
Principais Cidades
[editar | editar a fonte]Economía
[editar | editar a fonte]O Produto Interior Bruto de Delaware foi de 49 mil millóns de dólares. A renda per cápita do Estado, pola súa banda, foi de 34.199 dólares, o noveno maior entre os 50 Estados americanos. A taxa de desemprego de Delaware é do 4,4%.
O sector primario corresponde ao 1% do PIB de Delaware. O Estado posúe 2,6 mil granxas, que ocupan preto da metade do Estado. A agricultura e a gandería responden xuntas polo 1% do PIB do Estado, e empregan aproximadamente 9,6 mil persoas. O leite é o principal produto da industria agropecuaria de Delaware, que produce máis do 25% de tódalas cereixas consumidas no país. Os efectos da pesca e da silvicultura son pouco importantes na economía do Estado, empregando xuntas preto de mil persoas. O valor da pesca capturada anualmente é de 28 millóns de dólares.
O sector secundario achega o 20% do PIB de Delaware. O valor total dos produtos fabricados no Estado é de 28 mil millóns de dólares. Os principais produtos industrializados fabricados no Estado son os produtos químicos, equipamentos de transportes (principalmente automóbiles), produtos químicos, alimentos industrializados e papel. A industria de manufactura responde polo 15% do PIB do Estado, empregando aproximadamente a 56 mil persoas, e a construción o 5% do PIB do Estado e emprega aproximadamente a 32 mil persoas. O sector mineiro é moi pouco representativo, empregando preto de 200 persoas.
O sector servizos é o máis importante, cun 79% do PIB. A prestación de servizos financeiros e inmobiliarios son o 38% do PIB do Estado, empregando aproximadamente a 70 mil persoas. Cerca do 16% do PIB do Estado xérase a través da prestación de servizos comunitarios e persoais. Este sector emprega preto de 150 mil persoas. O comercio por xunto e polo miúdo responde por 11% do PIB do Estado, e emprega aproximadamente 103 mil persoas. Os Servizos gobernamentais son o 9%, empregando aproximadamente 66 mil persoas. Transportes, telecomunicacións e servizos públicos empregan a 19 mil persoas, cun 5% do PIB. Toda a electricidade producida en Delaware está xerada en centrais termoeléctricas a carbón, gas natural ou petróleo.
Educación
[editar | editar a fonte]Delaware instituíu un sistema de fondos públicos en 1796 para ser utilizados con fins educativos. Con todo, tales fondos non serían utilizados ata 1818, cando o Estado liberou mil dólares para cada condado. En 1829, Delaware dividiu o Estado en diferentes distritos escolares, cada un tendo o dereito de recibir do Estado ata 300 dólares anuais, establecendo así as primeiras escolas públicas do Estado. Ata entón, os nenos de familias pobres víanse obrigados a estudar, ou ben en escolas administradas por institucións relixiosas (as primeiras foron fundadas durante o inicio do século XVII), ou a non estudar.
Actualmente, tódalas institucións educativas en Delaware necesitan seguir regras e normas ditadas polo Departamento de Educación de Delaware, composto por sete membros nomeados polo gobernador para mandatos de ata 4 anos de duración. Este departamento, dirixido polo Secretario de Educación, controla directamente o sistema de escolas públicas do Estado, que está dividido en diferentes distritos escolares. Cada cidade principal (city), diversas cidades secundarias (towns) e cada condado, é atendida por un distrito escolar. Nas cidades, a responsabilidade de administrar as escolas é do distrito escolar municipal, mentres que en rexións menos densamente habitadas, esta responsabilidade é dos distritos escolares, que operan en todo o condado en xeral. Delaware permite o funcionamento de escolas charter - escolas públicas independentes, que non son administradas por distritos escolares, pero que dependen de orzamentos públicos para o seu funcionamento. A escolarización é obrigatoria para tódolos nenos e adolescentes con máis de cinco anos de idade, ata a conclusión do ensino secundario ou ata os dezaseis anos de idade.
En 1999, as escolas públicas do Estado atenderon preto de 112,8 mil estudantes, empregando aproximadamente a 7,3 mil profesores. Escolas privadas atenderon a preto de 22,8 mil estudantes, empregando aproximadamente 1,8 mil profesores. O sistema de escolas públicas do Estado gastou preto de 873 millóns de dólares, e o gasto das escolas públicas foi de aproximadamente 8,3 mil dólares por estudante. Cerca do 88,7% dos habitantes do Estado con máis de 25 anos de idade posúen un diploma de estudos secundarios.
A primeira biblioteca de Delaware foi fundada en 1754, en Wilmington. Actualmente, o Estado posúe 57 sistemas de bibliotecas públicas, que moven anualmente unha media de 5,8 libros por habitante. A primeira institución de educación superior de Delaware foi o Newark College - actual Universidade de Delaware - fundada en 1833, en Newark. Actualmente existen dez institucións de educación superior, das cales cinco son públicas e cinco son privadas.
Transporte
[editar | editar a fonte]O sistema de transportes de Delaware está administrado polo Departamento de Transportes. Este Departamento é responsable da retirada da neve das vías públicas estatais, da administración de estradas de peaxe e da infraestrutura de tráfico, como sinais e placas de tráfico. En 2002, Delaware posuía 365 quilómetros de vías ferroviarias. En 2003, dispuña de 9.485 quilómetros de vías públicas, dos cales 66 quilómetros eran estradas interestatais, parte do sistema viario federal dos Estados Unidos. Delaware posúe preto de 1.400 pontes, 30% dos cales foron construídos antes da década de 1950. O 95% das pontes e o 90% das vías públicas do Estado son administradas polo Departamento de Transportes de Delaware.
Medios de comunicación
[editar | editar a fonte]O primeiro xornal de Delaware foi o Delaware Gazette, que foi publicado por primeira vez en 1764, en Wilmington. Actualmente, preto de 17 xornais son publicados no Estado, deles, dous son diarios. A primeira estación de radio de Delaware foi fundada en 1922, en Wilmington. A primeira estación de televisión do Estado foi fundada en 1949, tamén en Wilmington. Actualmente, Delaware posúe 21 estacións de radio - das cales 9 son AM e 12 son FM - e 13 estacións de televisión.
Cultura
[editar | editar a fonte]Símbolos do Estado
[editar | editar a fonte]- Árbore: Ilex opaca
- Bebida: Leite
- Bolboreta: Papilio glaucus
- Sobrenomes:
- First State
- Diamond State (non oficial)
- Land of Tax-Free Shopping (non oficial)
- Cores: Azul claro e beis
- Fósil: Belemnitella americana
- Insecto: Maruxiña
- Lema: Liberty and independence (Liberdade e independencia)
- Música: Our Delaware (Noso Delaware)
- Paxaro: Gallus gallus
- Peixe: Cynoscion regalis
- Slogan: It's Good Being First (É Bo Ser o Primeiro)
Notas
[editar | editar a fonte]- United States Census Bureau
- Web oficial de Delaware
- United States Department of Education
- United States Department of Commerce
- National Oceanic and Atmospheric Administration
- Monroe, John A. (2001). University of Delaware Press, ed. History of Delaware. ISBN 0-87413-772-1.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Delaware |
- ↑ "Bioguide Search". bioguide.congress.gov. Consultado o 2021-01-24.
- ↑ "U.S. Census Bureau QuickFacts: Delaware; United States". www.census.gov (en inglés). Consultado o 2021-01-23.
- ↑ "U.S. Census Bureau QuickFacts: Delaware; United States". www.census.gov (en inglés). Consultado o 2021-01-23.
- ↑ "U.S. Census Bureau QuickFacts: Delaware; United States". www.census.gov (en inglés). Consultado o 2021-01-23.