Saltar ao contido

Cisticercose

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Imaxe por resonancia magnética dun paciente con neurocisticercose mostrando múltiples cisticercos no cerebro

A cisticercose é unha enfermidade parasitaria do home e outros mamíferos, producida por consumo de carne de porco ou de vacún infestada con larvas (cisticercos) de certas especies de tenias, enquistadas nos músculos ou outros órganos destes hóspedes intermediarios. Estas larvas adoptan a forma dunha vesícula chea de líquido, que contén no seu interior o escólex da tenia; estas vesículas denomínanse cisticercos ou, popularmente, lentellas [1]. A infestación por tenias adultas chámase teníase.

Etioloxía e epidemioloxía

[editar | editar a fonte]

Os cisticercos son coñecidos desde antigo [2]. Tamén eran coñecidas as tenias e, durante séculos, consideráronse como dous seres vivos diferentes, sen relación ningunha entre eles. Isto explica que na literatura científica se designasen con cadanseu nome binomial. Só recentemente se completaron os distintos ciclos biolóxicos e se demostrou que eran dúas formas -larva e adulto- dun mesmo organismo parasitario.

As tenias responsables da enfermidade pertencen a diferentes especies da clase dos cestodos Obsérvase unha marcada especificidade de modo que unha tenia determinada afecta a un hóspede determinado. Entre elas destacan pola súa importancia sanitaria as seguintes:

  • Taenia solium (solitaria ou tenia armada), que en estado adulto parasita o home pero os cisticercos (Cysticercus cellulosae) aparecen no porco.
  • Taenia saginata (tenia inerme), que en estado adulto parasita o home pero os cisticercos (Cysticercus bovis) aparecen no gando vacún.
  • Taenia hydatigena, que en estado adulto parasita o can pero os cisticercos (Cysticercus tenuicollis) aparecen no gando vacún, ovino e porcino.
  • Taenia taeniformis, que en estado adulto parasita o gato pero os cisticercos aparecen nas ratas.

Outras especies de tenias (como tal, Taenia multiceps, T. serialis, T. brauni ou T. crassiceps) poden infecta-los seres humanos, provocando a aparición de cisticercos en distintos órganos incluíndo o cerebro, ollo, fígado ou no tecido celular subcutáneo.

Outros cestodos tamén producen un estado larval semellente ós cisticercos pero con certas diferenzas que os exclúen do concepto das cirticercoses. É o caso, por exemplo, do Echinococcus granulosus, un cestodo pero moito máis pequeno cás tenias que parasita en estado adulto a mamíferos carnívoros pero as formas larvarias (hidátides) aparecen en distintas especies de animais herbívoros e omnívoros, incluído o home, nos que provoca a hidatidose ou equinococose.

Ciclo biolóxico

[editar | editar a fonte]
Ciclo biolóxico da Taenia solium

O ciclo biolóxico en tódolos casos é composto e precisa dun hóspede intermediario, no que se desenvolve a larva, e un hóspede definitivo, onde se desenvolve o parasito adulto. A única excepción a esta regra é a constituída pola Taenia solium, para a que o home actúa como hóspede definitivo pero tamén pode facelo como hóspede intermediario [3]

Tomando como exemplo a Taenia solium, a forma adulta parasita o intestino delgado do home. A tenia libera proglotes fecundadas que se expulsan coas feces e se desfán no exterior liberando os ovos; cada proglote pode conter ata 50.000 ovos viables. Se o porco inxire estas feces ou calquera alimento contaminado cos ovos, estes eclosionan no seu intestino liberándose as oncosferas, que penetran e atravesan a parede intestinal para ser transportadas, pola vea porta, ó fígado, ó corazón e desde aí ser distribuídas por todo o organismo, fixándose especialmente no tecido muscular estriado, onde evolucionan para formar o cisticerco.

Cando o home consome carne de porco contaminada, pouco cociñada ou transformada en embutidos, inxire estes cisticercos, que ó chegar ó estómago evaxinan o escólex para fixarse na parede intestinal e madurar aí ata o estado adulto, pechándose así o ciclo.

É posible unha autoinfestación, se as proglotes ascenden cara ao estómago a causa dun peristaltismo inverso (antiperistaltismo), e liberan aí os ovos fecundados.

Patoxenia

[editar | editar a fonte]

Os cisticercos localizanse preferentemente no tecido muscular estriado, onde adoptan unha forma ovoide entre as fibras musculares. Cada un contén un único escólex invaxinado. No caso dos producidos pola T. solium, as vesículas adoitan medir uns 15 mm de longo por 7-8 de ancho, son de cor branca que contrasta coa cor vermella do músculo. No caso da T. saginata son máis pequenos e adoitan pasar desapercibidos pola súa semellanza coa graxa do tecido conxuntivo que rodea os músculos, onde se localizan, o que xustifica a maior frecuencia da parasitación por esta segunda especie.

Poden localizarse na musculatura e anexos dos ollos ou no tecido nervioso, e neste caso a enfermidade adquire especial gravidade.

  1. "Se conocen con este nombre unas glandulitas que crian algunos cerdos por medio de la carne" (Francisco Javier Rodríguez Gil 1855); "Glandulitas que se hallan en la carne de algunos cerdos" (Xoán Cuveiro Piñol 1876); "Especie de tumorcillo que aparece, á veces, entre la carne y la piel del cerdo" Marcial Valladares Núñez 1884); "Cisticerco del cerdo" (Aníbal Otero).
  2. Saiz Moreno testemuña que xa os menciona Arsitófanes na súa obra Os cabaleiros, no século IV a. C.
  3. Realmente non se pode considerar hóspede intermediario xa que, de sufri-la cisticercose, interrompería o ciclo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • BRUMPT, Lucien e BRUMPT, Valentín (1969): Parasitología práctica. Toray-Masson, Barcelona.
  • SAIZ MORENO, Laureano (1976): Las zoonosis. Aedos, Barcelona.
  • VARIOS (2002): Diccionario galego de termos médicos. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Santiago de Compostela.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]