Saltar ao contido

Caraveleira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A caraveleira (Dianthus caryophyllus), é unha planta herbácea pertencente á familia Caryophyllaceae de 1 m de altura con follas angostas, opostas e envaíñadoras. Cultívase profesionalmente en invernadoiros para obtención de flor cortada e coma planta ornamental en xardíns particulares polas súas flores vistosas: os caraveis. Tamén recibe o nome de caravel da onza ou caravel rebentón. É unha das flores ornamentais máis cultivadas en Galiza, normalmente de cor vermella. Tamén se lle chama caraveleira á parte do xardín onde se plantaban os caraveis[1], se ben nalgunhas zonas de Galiza chámanlle caraveleira á roseira, ao ser o termo "caravel" moi amplo en lingua galega.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O termo galego caraveleira (craveiro en portugués), vén de caravel, á súa vez do latín: clavum (cravo).

Os caraveis menciónanse na literatura grega hai 2000 anos. O nome xenérico Dianthus foi dado polo botánico grego Teofrasto, e deriva da unión das palabras gregas para divino (dios) e flor (anthos), flor dos deuses.[2]

É unha planta ornamental empregada en xardinaxe. Adóitase plantar en vasos como decoración de xanelas, corredores e incluso sepulturas. As follas tanto secas como frescas combinan moi ben en coroas de flores e en aneis florais, en especial cando se trata de delicadas flores de verán.

A maioría das especies de formigas domésticas son altamente repulsivas á caraveleira, sendo esta un bo axente para combater pragas.

Como especie aromática, dedúcese que na súa composición se ache unha esencia moi recendente, e en efecto pódense atopar pequenas cantidades. Tamén atopamos saponinas e algúns principios activos de menor importancia. Non é unha planta con propiedades medicinais, o seu principal emprego encádrase no eido da perfumaría. Con todo, usouse noutra época a auga de caravel coma colirio para o lavado de ollos cansos ou danados.

A orixe da caraveleira non está clara; crese que é orixinaria dos montes orientais da Europa meridional. Mais sábese que hai máis de 2000 anos esta planta xa era utilizada polos gregos en coroas de cerimonias. Varias especies de caraveis xa eran apreciadas na Idade media en tempos de cabaleiros.

Ao longo da historia, esta flor ten asumido varios significados como o de fidelidade matrimonial no Renacemento ou o de amor polos pais en Corea.

Segundo expresa a Bélxica hortícola, foi Lois IX de Francia quen, viaxando dende Tunisia, introduciu as caraveleiras nos xardíns de Europa en 1270. Un catálogo de 1629 indica xa 20 variedades; porén o caravel non chegou a estar de moda até o século XVIII cando a xente aborreceu dos bulbos nos Países Baixos. Esta moda durou polo menos cen anos; xunto os caraveis tamén se puxeron en voga os cáncaros (Primula vulgaris).

Un catálogo inglés de 1702 enumera 360 especies de caraveleiras. O caravel foi moito máis apreciado cando o seu cultivo e selección permitiulle producir flores máis vistosas e rechamantes. Este cultivo sobre todo, levouse a último extremo en Flandres, Brabante e Henao. Deuse tal importancia a esa flor que se escribiron até 1820 centenares de libros sobre os caraveis. Entre outros distinguise o Gran Condé, quen en 1660, publicou varios preceptos para o cultivo dos máis fermosos caraveis. Establecéronse sistemas formais sobre as súas cores, o seu deseño e as súas formas.

O gosto polos caraveis espallouse axiña e con máis forza que outras flores principalmente por ser a primeira flor do verán e a que persiste máis tempo. Ademais a caraveleira pode cultivarse en vaso ou testo. Mais, cando a consecuencia das viaxes botánicas a destinos exóticos amentou o número de flores novas, a paixón polos caraveis foi diminuíndo e , xa dende 1820 a 1830 as boas coleccións eran raras[3]. En Galiza, porén comezaba a sona e os caraveis, especialmente encarnados, comezaban a encher corredores e soleiras.

En Portugal o caravel vermello é o símbolo da Revolución dos Caraveis (25 de abril de 1974). Anna Jarvis escolleu os caraveis brancos como símbolo cerimonial para honrar ás nais falecidas, xesto que posteriormente se popularizou e complementou co uso de caraveis vermellos como representación das nais en vida.

Mentres a flor nacional de Galiza é a chorima, o caravel é a flor nacional de España, Eslovenia, Mónaco e das Illas Baleares; o caravel vermello é tamén a flor do estado de Ohio nos EUA. Foi escollida en 1901 en memoria do presidente asasinado William McKinley, que portaba un caravel vermello no ollo da lapela.[4]

Descrición

[editar | editar a fonte]

Planta perenne de base lígnea orixinaria da conca mediterránea que acada unha altura entre os 45 e os 60 cm. Florea case todo o ano, cunha flores de forte recendo.

A partir da forma típica obtivéronse híbridos e variedades con flores duplas, provistas de grandes corolas de diferentes cores e tons. As cores máis usuais son a vermella, a rosa, a branca, a salmón, a amarela e as bicolores.

En principio , a caraveleira brava florea durante a primavera e o verán. Porén, o usual é atopar a caraveleira cultivada, pois se pode facer florear de xeito artificial cando se quere, incluso en pleno inverno. O único que require para o seu desenvolvemento é un bo solo e abundante rega. É importante asollar a planta; é un factor clave, tanto para o crecemento como para a floración. Por iso cómpre ter unha boa orientación se se cultiva en invernadoiro. Resulta favorábel unha iluminación de 40.000 lux. A luz tamén determina a rixidez do tallo e o tamaño e número de flores.

A temperatura óptima de día oscila entre os 22 e 24 °C e de noite, entre os 10 e 12 °C. As xeadas son fatais, pois se poden formar manchas e deformacións nos pétalos. O solo deber ser poroso e ter unha elevada capacidade de drenaxe para evitar asolagamentos e asfixias. O pH axeitado é entre 6,5 e 7,5. A rega debe ser constante.

A respecto da fertilización: ten altas necesidades nutritivas. Cómpre adubar unha vez por semana en primavera e verán. O resto do ano abonda cunha vez por mes. Por solo require materia orgánica e calcio. A fertilización foliar é efectiva, recoméndase fósforo (durante todo o ciclo) e potasio (dende o inicio da floración). A aplicación de boro e molibdeno tamén é importante dende o inicio da floración. Debe aplicarse magnesio, ferro, cinc e manganeso en caso de deficiencias. O uso de fertilizantes biostimulantes con aminoácidos tamén é efectivo para contrarrestar situacións de estrés (xeadas serodias, secas, asolagamento etc).

Co pinzamento conséguese que a planta ramifique e que as primeiras flores sexan máis longas. Canto máis alto se efectúa o pinzamento máis flores se obterán, mais a calidade pode non ser moi boa por ser demasiadas para a planta.

  • O primeiro pinzamento faise por riba do cuarto, quinto ou sexto (dependendo do cultivar), é dicir, de 15 a 20 días despois da plantación.
  • O segundo pinzamento faise de 30 a 50 días despois, sobre as ramificacións obtidas do primeiro pinzamento, e por riba do terceiro nó.

A multiplicación realízase por sementes en primavera, mais tamén por espeque ou por división das matas. As sementes tardarán en agromar de 2 a 3 semanas en ambiente cálido. Os espeques son conservados en frío (entre os 0,5 e 1 °C). A duración da almacenaxe é de 15 días para espeques enraizados e 2 meses para os non enraizados. Cóllense espeques procedentes de plantas nai de 10 cm de lonxitude e colócanse en invernadoiros de multiplicación con instalación de fog-system (neboeiro) e sobre un substrato composto por: 25% de turba e 75% de perlita; cunha temperatura arredor de 20 °C. Nestas condicións o enraizado ten lugar ás tres semanas.

Conservación das flores cortadas

[editar | editar a fonte]

As condicións óptimas de conservación das flores do caravel xa cortadas son:

  • Mantelas entre os 0 e 1 °C;
  • realizar un pretratamento cun funxicida contra botrite Botrytis;
  • garantir un ambiente ceibo de etileno (a flor da caraveleira é altamente sensíbel á esta fitohormona gasosa que induce a súa senescencia[5])

Os tratamentos con 1-metilciclopropeno ou tiosulfalto de prata realizados antes da almacenaxe en cámara fría melloran a conservación de xeito substantivo.[5] As flores abertas pódense almacenar por 2-4 semanas, mentres que os botóns florais poden acadar as 4-5 semanas de vida.[6]

Chipiona (Cádiz) é o maior produtor de caravel cortado de Europa. Tamén teñen grande importancia Ecuador e Kenya.

Variedades

[editar | editar a fonte]
  • Dianthus caryophyllus subsp. coronarius (Lam.) P.Fourn.
  • Dianthus caryophyllus var. coronarius L.
  • Dianthus caryophyllus subsp. coronarius (Lam.) Bonnier

Sinónimos

[editar | editar a fonte]
  • Tunica caryophylla (L.) Scop.
  • Silene caryophyllus (L.) E.H.L.Krause in Sturm
  • Dianthus coronarius Lam.

Etnografía galega

[editar | editar a fonte]

Caravel/ carvaleira é un termo moi amplo en galego: nalgunhas zonas de Galiza chámaselle caraveleira á roseira[7]. É unha das flores ornamentais máis cultivadas en Galiza dende a antigüidade; emprégase acotío para o enfeite de sepulturas. Adoitábase reservar unha parte do eido ao cultivo dos caraveis; a esta zona coñecíase coma caraveleira.

Eligio Rivas Quintas no seu Frampas, contribución al diccionario gallego (1978), dicía que caravel é a flor da caraveleira, mais tamén da roseira e de calquera planta en xeral. Afirmaba que o termo se usa con gran frecuencia para designar a flor da pataca: "Xa ten o caravel as patacas; xa están encaravelando" (Frampas).

Eladio Rodríguez describía no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1959), a entrada caravel[7] do seguinte modo:

En Galiza coñécense diversas clases de caraveis: como plantas ornamentais, de floración duradeira, cultívanse moitísimo nas hortas e xardíns e nas mesmas vivendas campesiñas, cuxas fiestras, balcóns e corredores enféitanse profusamente con eses vistosos vexetais de recendo aromático e de cores variadísimas. Entre eses caraveis cómpre citar o caravel da onza, que así chaman nalgunhas comarcas ao caravel reventón; o caravel mariño ("Armeria maritima" (Miller) Willd.) , que máis comunmente se denomina herba de namorar; o caravel prolífero ("Petrorhagia prolifera" (L.) P. W. Ball e Heywood), que é espontáneo nas marxes do Ulla e abunda tamén nas ribeiras doutros río; e o caravel rebentón, o que máis se cultiva en moitas das nosas aldeas, e que tamén se chama caravel da onza, con pétalos dun vermello vivo, que antigamente se usaron como flores cordiais, sudoríferas e diaforéticas. Nos montes e leiras medra ademais unha planta espontánea de talos herbáceos, flores en pequenos feixes e talos floríferos, de 3 a 5 cms. de alto, coñecida vulgarmente por caravel dos campos ou "herba caraveleira" ("Geum urbanum" L.).

Manuel Leiras Pulpeiro falaba das caraveleiras na súa obra Cantares gallegos (1911):

Os caraveles que eu teño, na miña caraveleira, sonche toxos, todos toxos, que o toxo é o que a min me leva.

Juan Sobreira Salgado, na súa obra Vegetables de Galicia (1970) recollía varios ditos populares que os mencionan:

Demañan é día santo, día de San Grabiel: Heime de pó-lo vestido; da color do caravèl[7].

Na miña 'ventana' teño / un caravel mui aberto; Aprovéitate das falas / que o cariño non é certo.

Ti es caravel e rosa; Tes, pois, dous nomes a un tempo: Coa túa fermosura / Eu vivira mui contento.

Tamén hai referencias aos caraveis nas cantigas ("Cando arrola ao seu meniño: Meu caravel! Miña rosa! Meu bico de paxariño!"[8]).

  1. http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=caraveleira&tipo_busca=lema
  2. "What In Carnation?", The Wall Street Journal, Off Duty Section, October 23–24, 2010, p.D1
  3. El Trivio y el cuadrivio, Joaquín Bastús, 1868 (en castelán).
  4. "Ohio State Flower Scarlet, Carnation (Dianthus caryophyllus), from NETSTATE.COM". www.netstate.com. Consultado o 12 de xuño de 2019. 
  5. 5,0 5,1 Kader, Adel A., ed. (2002). Postharvest Technology of Horticultural Crops (3ª ed.). Oakland, California: University of California, Agriculture and Natural Resources, Publication 3311. p. 318. ISBN 1-879906-51-1. 
  6. Reid, Michael S. "Carnation, Miniature Carnation: Recommendations for Maintaining Postharvest Quality" (en inglés). UC-Davis Postharvest Technology. Arquivado dende o orixinal o 07 de decembro de 2012. Consultado o 17 de xaneiro de 2013. 
  7. 7,0 7,1 7,2 http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=caravel&tipo_busca=lema
  8. Artigo sobre flores nacionais do Portal das Palabras da RAG

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outras páxinas

[editar | editar a fonte]