Augustus Saint-Gaudens
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de marzo de 1848 Dublín, Irlanda |
Morte | 3 de agosto de 1907 (59 anos) Cornish, Estados Unidos de América (pt) |
Causa da morte | cancro |
Educación | Escola Nacional Superior de Belas Artes Academia Nacional de Desenho (pt) Cooper Union (pt) Universidade Stanford |
Actividade | |
Campo de traballo | Escultura |
Ocupación | escultor |
Membro de | |
Profesores | François Jouffroy |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Fillos | Homer Saint-Gaudens |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Сент-Годенс Огастес) Encyclopædia Britannica |
Augustus Saint-Gaudens, nado en Dublín o 1 de marzo de 1848 e finado en Cornish, Nova Hampshire, o 3 de agosto de 1907, foi un escultor, medallista e deseñador de moeda estadounidense de orixe irlandesa, da xeración das Belas Artes que encarnou os ideais do American Renaissance.[1][2]
De familia franco-irlandesa, Saint-Gaudens criouse en Nova York. Viaxou a Europa para ampliar a súa formación e os seus estudos artísticos. Ao seu regreso a Nova York, acadou un grande éxito de crítica polos seus monumentos conmemorativos dos heroes da guerra civil estadounidense, moitos dos cales seguen en pé. Saint-Gaudens creou obras como o Robert Gould Shaw Memorial, en Boston, ou Abraham Lincoln: The Man, en Chicago, e grandes monumentos ecuestres a xenerais da guerra civil (John Logan Memorial no Grant Park, de Chicago, e William Tecumseh Sherman Memorial na esquina do Central Park de Nova York). Ademais, creou a popular representación historicista do Puritano en Springfield, Massachusetts.[3]
Saint-Gaudens tamén creou obras clásicas como a Diana, e empregou as súas habilidades de deseño na numismática, creando a moeda de ouro de 20 dólares Saint-Gaudens para a Casa da Moeda dos EEUU, considerada unha das moedas estadounidenses máis fermosas xamais emitidas, así como a moeda de 10 dólares Indian Head; ambas cuñadas desde 1907 ata 1933.
Nos seus últimos anos fundou a Cornish Colony, unha colonia de artistas en Nova Hampshire que incluía notables pintores, escultores, escritores e arquitectos. O seu irmán Louis Saint-Gaudens, con quen colaborou ocasionalmente, tamén foi un coñecido escultor.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos, formación e vida familiar
[editar | editar a fonte]Saint-Gaudens naceu en Dublín, no daquela no Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda, fillo de nai dublinesa, Mary McGuiness, e de pai francés, Bernard Paul Ernest Saint-Gaudens, un zapateiro natural dunha pequena poboación dos Pireneos, Aspet, a 15 quilómetros de Saint-Gaudens. Os seus pais emigraron a América en 1848, cando el tiña seis meses de idade, e criouse na cidade de Nova York.[4][5]
Asistiu á escola ata os 13 anos e en 1861 converteuse en aprendiz dun cortador de camafeos, Louis Avet, e asistiu a clases nocturnas de arte na Cooper Union de Nova York.[6][7] Tres anos máis tarde, foi contratado como aprendiz de Jules Le Brethon, outro cortador de camafeos, e matriculouse na Academia Nacional de Deseño.[8] Aos seus 19 anos, finalizou a súa aprendizaxe e viaxou a París en 1867, onde estudou no obradoiro de François Jouffroy, na École des Beaux-Arts, ata 1870.[9][10]
En 1870 trasladouse de París a Roma, onde permaneceu dous anos, para estudar arte e arquitectura, e traballou nas súas primeiras encargas. Alí coñeceu unha estudante de arte estadounidense xorda, Augusta Fisher Homer, coa que casou en Boston o 1 de xuño de 1877.[9][12] A parella tivo un fillo chamado Homer, nado en 1880, aínda que Saint-Gaudens tería outro fillo coa súa amante, Davida Clark, chamado Louis e nado en 1889.[5]
En 1874, Edwards Pierrepont, un destacado xurista e político de Nova York, contratou a Saint-Gaudens para que lle fixese un busto de mármore. Pierrepont, que era frenólogo, demostrou ser un cliente exixente e insistiu en que Saint-Gaudens lle agrandase a cabeza. A este respecto, Saint-Gaudens dixo que o busto de Pierrepont "parecía estar afectado por unha espantosa doenza de inchazo" e máis tarde comentoulle a un amigo que "daría calquera cosa por apoderarse dese busto e facelo anacos".[13]
En 1876 recibiu a encarga de realizar un monumento en bronce ao almirante da Guerra Civil David Farragut,[14] para o que foi procurar inspiración a París, onde alugou un estudio no número 49 da rúa Notre Dame des Champs. O monumento inaugurouse o 25 de maio de 1881 en Madison Square Park, Nova York, cun pedestal deseñado por Stanford White.[10] Saint-Gaudens volveu colaborar con Stanford White en 1892-1894, cando creou a Diana como catavento para o segundo edificio do Madison Square Garden de Nova York;[15] unha segunda versión deste traballo consérvase na colección do Museo de Arte de Filadelfia, e hai outras versións en tamaño reducido en institucións como o Museo Metropolitano de Arte de Nova York. A estatua erguíase sobre unha torre de máis de 90 metros de altura, o que convertía a Diana no punto máis alto da cidade. Tamén foi a primeira estatua desa zona de Manhattan iluminada á noite con electricidade. A estatua e a súa torre foron un monumento emblemático ata 1925, cando o edificio foi derrubado.[16]
En Nova York, foi membro dos Tilers, un grupo de destacados artistas e escritores, entre os que se achaban Winslow Homer (primo cuarto da súa esposa), William Merritt Chase e Arthur Quartley. Tamén foi membro de The Lambs, do Salmagundi Club e de The National Arts Club de Nova York.
Comisionado para as conmemoracións da Guerra Civil
[editar | editar a fonte]A primeira das grandes encargas en conmamoración da guerra civil estadounidense foi a xa citada de 1876, dedicada ao almirante David Farragut, en Madison Square, Nova York. O seu naturalismo, a súa falta de ampulosidade e a súa localización combináronse para o converter nun grande éxito, co que a reputación de Saint-Gaudens quedou consolidada.
Axiña recibiu novas encargas salientables, entre elas o colosal Abraham Lincoln: The Man ("Abraham Lincoln: o home"), creado entre 1884 e 1887 no parque Lincoln de Chicago,[18][19] tamén nunha contorna do arquitecto White, considerada a mellor estatua de retrato dos Estados Unidos. Esta estatua exerceu unha grande influencia nos artistas estadounidenses posteriores e recibiu numerosos eloxios da crítica.[17] Unha réplica desta obra colocouse na tumba de Lincoln en Springfield, Illinois, e outra en Parliament Square, en Londres.[20][21]
A estes seguiunos unha longa serie de memoriais, monumentos funerarios e bustos, entre eles os monumentos a Adams (1891)[25][26], en Washington, a Peter Cooper (1897),[27][28] en Cooper Square, e a John A. Logan (1897),[29] en Grant Park, Chicago. O máis grande destes monumentos é o baixorrelevo de bronce do monumento a Robert G. Shaw no parque Boston Common, en Boston, no que Saint-Gaudens traballou durante 14 anos (1884-1897);[22][23][24] mesmo despois de inaugurar a versión pública, continuou con outras versións. As representacións dos soldados afroamericanos no monumento a Shaw considérase un raro exemplo de representacións fieis á realidade, non despectivas, das características físicas africanas na arte estadounidense do século XIX. Destaca tamén un gran monumento ecuestre a William Tecumseh Sherman, na esquina de Central Park en Nova York, coa modelo afroamericana Hettie Anderson posando como unha alegoría da Vitoria (1892-1903).[30][31]
Para o Centenario de Lincoln de 1909, Saint-Gaudens realizou outra estatua do sobranceiro presidente. Trátase dunha figura sedente, titulada Abraham Lincoln: The Head of State, para o parque Grant de Chicago. Saint-Gaudens completou o traballo de deseño e empezara xa a fundir a estatua no momento da súa morte, e outros membros do seu obradoiro rematárona. A cabeza da estatua utilizouse como modelo para o selo de correos conmemorativo emitido no centenario do nacemento de Lincoln.[32]
Outras obras
[editar | editar a fonte]Saint-Gaudens tamén creou a estatua para o monumento a Charles Stewart Parnell, que se instalou no extremo norte da rúa O'Connell en Dublín en 1911.[33]
En 1887, cando Robert Louis Stevenson realizou a súa segunda viaxe aos Estados Unidos, Saint-Gaudens tivo a oportunidade de facer os esbozos preliminares para un proxecto de cinco anos dun medallón que representaba a Stevenson, en moi mal estado de saúde naquel momento, apoiado na cama escribindo.[34][35][36] Con pequenas modificacións, este medallón reproduciuse para o monumento conmemorativo a Stevenson na catedral de Santo Exidio de Edimburgo. O curmán e biógrafo de Stevenson, Graham Balfour, considerou a obra "o máis satisfactorio de todos os retratos de Stevenson". Balfour tamén sinalou que Saint-Gaudens admiraba enormemente a Stevenson e que nunha ocasión dixera que "con gusto percorrería mil millas por unha sesión" con el.[37]
Saint-Gaudens tamén recibiu encargas de diversos grupos para crear medallas que incluían temas conmemorativos variados, como a de presentación de The Women's Auxiliary of the Massachusetts Civil Service Reform Association e a medalla da Exposición Colombina,[38][39] e outras dedicadas a personaxes como Charles Beaman, Francis Millet, Violet Sargeant, Homer Saint-Gaudens, etc.[40] Tamén foi o autor da plaqueta e da medalla conmemorativas da Exposición de Chicago de 1894.[41]
Nos xardíns do Sailors' Snug Harbor de Nova York érguese unha estatua do filántropo Robert Randall. Tamén é salientable unha estatua do "rei do cobre" Marcus Daly, situada á entrada da Escola de Minas de Montana. En 1902 dedicouse en Watertown, Nova York, unha estatua ao excongresista e exgobernador de Nova York Roswell Pettibone Flower, creada por Saint-Gaudens.[42]
Profesor e asesor
[editar | editar a fonte]A prominencia de Saint-Gaudens como artista fixo que atraese alumnos desexosos de se converter nos seus discípulos. Saint-Gaudens impartiu clases particulares a artistas novos e ensinou tamén na Art Students League de Nova York. Para a súa dedicación didáctica contratou, ademais, un gran número de axudantes. Exerceu como asesor artístico da Exposición Colombina de 1893, foi un fervente partidario da Academia Americana en Roma e formou parte da Comisión McMillan, que fixo realidade o longamente esquecido plan mestre de P. C. L'Enfant para a capital dos EEUU.
Augustus Saint-Gaudens foise especializando na realización de íntimos retratos privados en delicado e baixísimo relevo, debedores do Renacemento florentino. Crese que exerceu unha grande influencia sobre outro escultor irlandés-estadounidense: Jerome Connor.[44]
Ao lono da súa dilatada carreira, Saint-Gaudens empregou e formou algúns dos mellores escultores da seguente xeración, entre eles James Earle Fraser, Frances Grimes, Henry Hering, Charles Keck, Mary Lawrence, Frederick MacMonnies, Philip Martiny, Helen Mears, Robert Paine, Alexander Phimister Proctor, Louis Saint-Gaudens, Elsie Ward e Adolph Alexander Weinman.[45]
Deseñador de moedas
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Moeda de 20 dólares Saint-Gaudens.
- Artigo principal: Moeda de 10 dólares Cabeza India.
Saint-Gaudens referíase aos seus primeiros retratos en relevo como "medallóns" e interesouse moito pola arte da moeda. O seu deseño da moeda de ouro de 20 dólares ou dobre aguia (1905-1907), por encarga da US Mint,[46] posteriormente adaptado para a súa cuñaxe,[41] segue a considerarse como un dos máis fermosos da historia numismática do país.[47]
Saint-Gaudens foi un dos elixidos polo presidente Theodore Roosevelt para levar a cabo o redeseño das emisións de moeda dos Estados Unidos a principios do século XX, e para o efecto produciu unha peza de ouro de 20 dólares cun relevo ultraalto, que posteriormente tivo que ser aplanado na Casa da Moeda para cumprir os requisitos técnicos que posibilitasen a súa cuñaxe en serie.[41] A súa emisión ordinaria para a circulación produciuse entre 1907 e 1933. O deseño de Saint-Gaudens para o anverso desta moeda de 20 dólares reutilizouse posteriormente para as moedas de ouro de investimento da serie American Gold Eagle que comezou a producirse en 1986.[48] En 2009, a Casa da Moeda dos Estados Unidos levou a cabo unha nova cuñaxe limitada da moeda de ouro de 20 dólares Saint-Gaudens co seu gran relevo concibido orixinariamente polo artista.[49][50]
Dentro do mesmo programa de redeseño da moeda estadounidense, Saint-Gaudens encargouse tamén da moeda de 10 dólares de ouro coñecida como Indian Head, cuñada durante o mesmo período que a moeda de 20 dólares. A orixinalidade desta moeda radica principalmente na escolla do motivo reproducido no seu anverso, unha representación alegórica da Liberdade ollando cara á esquerda, cun toucado de plumas indias.[52][51][53]
Derradeiros anos e a Cornish Colony
[editar | editar a fonte]Diagnosticado de cancro en 1900, Saint-Gaudens decidiu marchar a vivir á súa casa, dotada dun celeiro-estudio, situada nunha zona axardinada, onde el e a súa familia pasaban os veráns desde 1885, en Cornish, Nova Hampshire, á que lle puxo o nome de Aspet, en lembranza da localidade pirenaica onde nacera o seu pai. Con todo, non se trataba dunha xubilación; malia a mingua das súas enerxías, continuou a traballar, producindo un fluxo constante de relevos e esculturas públicas.
En 1901 foi nomeado membro da Comisión do Parque do Senado, para o redeseño do National Mall de Washington e a ampliación do seu sistema de parques, xunto cos arquitectos Daniel Burnham e Charles F. McKim, e o paisaxista Frederick Law Olmsted. En 1902, a Comisión publicou o seu informe, coñecido popularmente como o Plan McMillan.[54] En 1904, foi un dos sete primeiros elixidos para formar parte da Academia Americana das Artes e das Letras. Ese mesmo ano incendiouse o seu amplo estudio, coa conseguinte perda da súa correspondencia e dos seus cadernos de esbozos, así como varias obras daquela en proceso de creación.
A Cornish Art Colony, establecida alí en 1895 por Augustus Saint-Gaudens e o seu irmán Louis, constituíu unha dinámica contorna social e creativa que atraeu ao lugar arredor dun cento de artistas ata a primeira guerra mundial. Entre os máis famosos están os pintores Maxfield Parrish e Kenyon Cox, o arquitecto e deseñador de xardíns Charles A. Platt e o escultor Paul Manship. Tamén a frecuentaron os pintores Thomas Dewing e George de Forest Brush, o dramaturgo Percy MacKaye, o novelista estadounidense Winston Churchill e o escultor Louis Saint-Gaudens, irmán de Augustus.[55][56]
Augustus Saint-Gaudens morreu na súa residencia de Cornish, Nova Hampshire, o 3 de agosto de 1908.[2]
Legado e honras
[editar | editar a fonte]En xuño de 1897, a Universidade Harvard concedeulle o grao de Master of Arts. En 1901, o Goberno francés nomeouno oficial da Lexión de Honra. Tamén foi membro correspondente do Instituto de Francia.[9] En 1920, Saint-Gaudens foi elixido a título póstumo como membro do Hall of Fame for Great Americans. O 16 de setembro de 1940, a súa imaxe reproduciuse nun selo de correos estadounidense da serie American Artists.[57]
Saint-Gaudens e a súa esposa ocupan un lugar senlleiro no libro de 2011 The Greater Journey: Americans in Paris, do historiador David McCullough.[58] En entrevistas concedidas logo da publicación do libro, McCullough afirmou que as cartas de Augusta Saint-Gaudens aos seus amigos e familiares nos Estados Unidos foran unha das fontes primarias máis ricas que descubriu en anos de investigación sobre a vida da comunidade estadounidense en París a finais do século XIX.
Durante a segunda guerra mundial construíuse en Florida o buque SS Augustus Saint-Gaudens, bautizado así na súa honra.[59] O seu nome tamén serviu para nomear a escola de educación primaria Augustus Saint-Gaudens, en Manhattan, na cidade de Nova York.[60]
Coleccións públicas coa súa obra
[editar | editar a fonte]Entre as coleccións públicas que contan con obras de Augustus Saint-Gaudens están as seguintes:
- Addison Gallery of American Art (Massachusetts).
- Amon Carter Museum (Texas).
- Art Institute of Chicago (Chicago).
- Berkshire Museum (Massachusetts).
- Brigham Young University Museum of Art (Utah).
- Brooklyn Museum of Art (Nova York).
- Carnegie Museum of Art (Pittsburgh, Pensilvania).
- Cincinnati Art Museum (Cincinnati).
- Courtauld Institute of Art (Londres).
- Currier Museum of Art (Nova Hampshire).
- Delaware Art Museum.
- Detroit Institute of Arts.
- Honolulu Museum of Art.
- Lincoln Park Conservatory (Chicago).
- Los Angeles County Museum of Art.
- Mabee-Gerrer Museum of Art (Oklahoma).
- Mead Art Museum (Amherst, Massachusetts).
- Memorial Art Gallery (Rochester, Nova York).
- Metropolitan Museum of Art (Nova York).
- Museum of the Rhode Island School of Design (Providence, Rhode Island).
- Montclair Art Museum (Nova Jersey).
- Musée d'Orsay (París).
- Museum of Fine Arts (Boston).
- National Academy of Design (Nova York).
- National Gallery of Art (Washington).
- National Portrait Gallery (Londres).
- North Carolina Museum of Art (Raleigh, Carolina do Norte).
- Saint-Gaudens National Historic Site (Cornish, Nova Hampshire).
- Newark Museum (Nova Jersey).
- Pennsylvania Academy of the Fine Arts (Filadelfia).
- Philadelphia Museum of Art.
- Senado dos EEUU (Washington).
- Sheldon Memorial Art Gallery (Lincoln, Nebrasca).
- Smithsonian American Art Museum (Washington).
- Tate Gallery (Londres).
- Toledo Museum of Art (Ohio).
- Virginia Museum of Fine Arts (Richmond).
Escolma de obras de Saint-Gaudens
[editar | editar a fonte]-
Medalla inaugural de Theodore Roosevelt (1905).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Saint-Gaudens, Augustus, 1848-1907". American Numismatic Society.
- ↑ 2,0 2,1 "Augustus Saint-Gaudens". Encyclopaedia Britannica.
- ↑ Cortissoz, Royal (1907). Páxinas 35-37.
- ↑ Forrer, L. (1912). Páxina 298.
- ↑ 5,0 5,1 "Saint Gaudens National Historic Site". National Park Service.
- ↑ Wilkinson, B. (1985). Páxinas 13-16.
- ↑ "Coopermade: NYC sculpture and monuments". The Cooper Union for the Advancement of Science and Art.
- ↑ Wilkinson, B. (1985). Páxina 16.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 Forrer, L. (1912). Páxina 299.
- ↑ 10,0 10,1 McCullough, D. (2011). "Adventures in Paris". En American Heritage. Vol. 61. Nº 2.
- ↑ "Portrait of a Boy". The Metropolitan Museum of Art.
- ↑ Supple, C. F.; Walton, C. (2007). The Nichols Family Papers 1860-1960. Manuscript Collection Nº 1.
- ↑ "Judge Edwards Pierrepont". Smithsonian American Art Museum and the Renwick Gallery.
- ↑ Cortissoz, Royal (1907). Páxinas 47-49.
- ↑ Saint-Gaudens, H. (1913). Vol. 2. Páxina 99.
- ↑ "Diana". Philadelphia Museum of Art.
- ↑ 17,0 17,1 "Abraham Lincoln Monument". Chicago Landmarks.
- ↑ 18,0 18,1 Saint-Gaudens, H. (1913). Vol. 2. Páxina 34.
- ↑ 19,0 19,1 Cortissoz, Royal (1907). Páxinas 53-55.
- ↑ Tolles, T. (2013). "Abraham Lincoln: The Man (Standing Lincoln): A Bronze Statuette by Augustus Saint-Gaudens". En Metropolitan Museum Journal. 48. Páxinas 223-237.
- ↑ Tolles, T. (2013). "Abraham Lincoln: The Man (Standing Lincoln): A Bronze Statuette by Augustus Saint-Gaudens". En Metropolitan Museum Journal. 48, Páxinas 223-237.
- ↑ 22,0 22,1 "The Shaw Memorial". National Park Service.
- ↑ 23,0 23,1 Saint-Gaudens, H. (1913). Vol. 2. Páxina 82.
- ↑ 24,0 24,1 Cortissoz, Royal (1907). Páxinas 57-59.
- ↑ Saint-Gaudens, H. (1913). Vol. 2. Páxina 274.
- ↑ Cortissoz, Royal (1907). Páxinas 31-33.
- ↑ Cortissoz, Royal (1907). Páxinas 9-10.
- ↑ Saint-Gaudens, H. (1913). Vol. 2. Páxina 111.
- ↑ "General John A. Logan Monument, 1894-97". En Dryfhout, J. H. (1982). Páxina 167.
- ↑ "The Shaw 54th Regiment Memorial, 1900". National Gallery of Art.
- ↑ Cortissoz, Royal (1907). Páxinas 61-63.
- ↑ "Lincoln Centenary of Birth Issue" National Postal Museum. Smithsonian.
- ↑ 33,0 33,1 "Charles S. Parnell Monument". National Park Service.
- ↑ Cortissoz, Royal (1907). Páxinas 25-27.
- ↑ Saint-Gaudens, H. (1913). Vol. 1. Páxina 380.
- ↑ Saint-Gaudens, H. (1913). Vol. 2. Páxina 297.
- ↑ Balfour, G. (1906). The Life of Robert Louis Stevenson. 3ª ed. Metheun, Londres. Páxina 243.
- ↑ Saint-Gaudens, H. (1913). Vol. 2. Páxina 45.
- ↑ Cortissoz, Royal (1907). Páxinas 65-67.
- ↑ Forrer, L. (1906). Páxina 215.
- ↑ 41,0 41,1 41,2 Forrer, L. (1912). Páxina 300.
- ↑ Dryfhout, J. H. (1982). Páxinas 246-247.
- ↑ Saint-Gaudens, H. (1913). Vol. 2. Portada interior.
- ↑ "Jerome Connor Sculptor". Annascaul.net
- ↑ Listaxe extraída de Wilkinson, B. (1985).
- ↑ 46,0 46,1 "20 Dollars Saint-Gaudens - Double Eagle". Numista.com
- ↑ Yeoman, R. S. (2013). A Guide Book of United States Coins (The Official Red Book) (67ª ed.). Whitman, Atlanta. ISBN 978-0-7948-4180-5. Páxina 271.
- ↑ Scott, V. (2021). "The History of the American Eagle Gold Coin". United States Mint. 11 de febreiro.
- ↑ "Ultra High Relief Double Eagle Gold Coin". United States Mint.
- ↑ "Guide to Saint Gaudens Double Eagles". Saintgaudensdoubleeagle.com
- ↑ 51,0 51,1 "10 Dollars Indian Head". Numista.com
- ↑ Forrer, L. (1912). Páxina 301.
- ↑ "Guide to U.S. Indian Head Gold Eagles". Indianheadeagle.com
- ↑ Luebke, T. E. (2013). Civic Art: A Centennial History of the U.S. Commission of Fine Arts. Commission of Fine Arts, Washington.
- ↑ "Cornish Colony". AskArt.com
- ↑ "Cornish Arts Colony in Cornish and Plainfield". Connecticut River Joint Commissions.
- ↑ 57,0 57,1 "3c American Artists Augustus Saint-Gaudens". National Postal Museum. Smithsonian.
- ↑ McCullough, D. (2011).The Greater Journey: Americans in Paris. Simon & Schuster. ISBN 1-4165-7176-0
- ↑ Williams, G. H. (2014). The Liberty Ships of World War II: A Record of the 2,710 Vessels and Their Builders, Operators and Namesakes. McFarland. ISBN 978-0786479450
- ↑ "P.S. 040 Augustus Saint-Gaudens". Schools.nyc.gov
- ↑ Saint-Gaudens, H. (1913). Vol. 1. Páxina 380.
- ↑ Cortissoz, Royal (1907). Páxinas 25-27.
- ↑ Saint-Gaudens, H. (1913). Vol. 2. Páxina 45.
- ↑ Cortissoz, Royal (1907). Páxinas 65-67.
- ↑ Saint-Gaudens, H. (1913). Vol. 2. Páxina 99.
- ↑ Cortissoz, Royal (1907). Páxinas 9-10.
- ↑ Saint-Gaudens, H. (1913). Vol. 2. Páxina 111.
- ↑ Saint-Gaudens, H. (1913). Vol. 2. Páxina 200.
- ↑ Saint-Gaudens, H. (1913). Vol. 2. Páxina 249.
- ↑ Saint-Gaudens, H. (1913). Vol. 2. Páxina 274.
- ↑ Cortissoz, Royal (1907). Páxinas 31-33.
- ↑ Cortissoz, Royal (1907). Páxinas 35-37.
- ↑ Cortissoz, Royal (1907). Páxinas 47-49.
- ↑ Cortissoz, Royal (1907). Páxinas 61-63.
- ↑ "General John A. Logan Monument, 1894-97". En Dryfhout, J. H. (1982). Páxina 167.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Augustus Saint-Gaudens |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Caffin, C. H. (1904). "The Work of the Sculptor August Saint-Gaudens". En The World's Work: A History of Our Time. VII. Páxinas 4.403-4.419
- Cortissoz, Royal (1907). Augustus Saint-Gaudens. Houghton Mifflin, Nova York, 1907.
- Dryfhout, J H. (1969). Augustus Saint-Gaudens: The Portrait Reliefs. The National Portrait Gallery / Grossman, Nova York. ISBN 978-0670141432
- Dryfhout, J. H. (1982). The Work of Augustus Saint-Gaudens. University Press of New England. ISBN 978-1-58465-709-5
- Forrer, L. (1906). "Gaudens, Augustin Saint". En Biographical Dictionary of Medallists. Vol. 2. Spink & Son, Londres. Páxinas 215-216.
- Forrer, L. (1912). "Saint-Gaudens, Augustus.". En Biographical Dictionary of Medallists. Vol. 5. Spink & Son, Londres. Páxinas 298-301.
- Greenthal, K. (1985). Augustus Saint-Gaudens, master sculptor. The Metropolitan Museum of Art, Nova York. ISBN 9780816187898
- Hagans, W. E. (2002). "Saint-Gaudens, Zorn, and the Goddesslike Miss Anderson". En American Art. Vol. 16. Nº 2. University of Chicago Press. Páxinas 66-89.
- Hind, L. (1908). Augustus Saint-Gaudens. John Lane Co., Nova York.
- Saint-Gaudens, H. (1913). The reminiscences of Augustus Saint-Gaudens. Vol. 1. The Century, Nova York.
- Saint-Gaudens, H. (1913). The reminiscences of Augustus Saint-Gaudens. Vol. 2. The Century, Nova York.
- Saxton, B. H. (1909). "Augustus Saint-Gaudens". En The Numismatist. Vol. 22. Nº 6. Xuño. Páxinas 161-64.
- Tharp, L. H. (1969). Saint-Gaudens and the Gilded Era. Little, Brown & Co., Boston. ISBN 978-1199454898
- Tolles, T. (2004). "Augustus Saint-Gaudens (1848-1907)". En Heilbrunn Timeline of Art History. The Metropolitan Museum of Art, Nova York.
- Tripp, D. E. (2008). "Fear and Trembling" & Other Discoveries: New Information on Augustus Saint-Gaudens and America's Most Beautiful Coin". En ANS Magazine. Vol. 6. Nº 3.
- Wilkinson, B. (1985). The Life and Works of Augustus Saint Gaudens. Eastern National. ISBN 0-15-192749-9
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Nados en 1848
- Finados en 1907
- Nados en Dublín
- Deseñadores de moeda
- Escultores dos Estados Unidos de América
- Alumnos da Cooper Union
- Alumnos da National Academy of Design
- Alumnos da École des Beaux-Arts
- Profesores da Art Students League of New York
- Membros da Academia Estadounidense das Artes e das Letras
- Membros da Royal Academy
- Estadounidenses de ascendencia irlandesa
- Finados por cancro