Argyre Planitia
Argyre Planitia | |
---|---|
Mapa topográfico da cunca de Argyre e os seus arredores. | |
Tipo de accidente xeolóxico | Planitia |
Rexión de | Marte |
Diámetro medio | 892,93 km[1] 650 - 780 - 870 - 1.050 - 1.290 - 1.470 - 1.700 km[2]dimensións dos aneis concéntricos. |
Altitude - Profundidade | -5.212 m[2] punto máis baixo. |
Coordenadas | 49,84° S 316,69° E[1] |
Procedencia do nome | nome dun antigo accidente xeolóxico.[1] |
Argyre Planitia é unha planicie do hemisferio sur marciano, que se orixinou a través dun grande impacto dun meteorito. O seu nome provén dun vello accidente xeolóxico que aparecía no mapa de Giovanni Schiaparelli do ano 1877; que facía referencia a Argyre, a illa mítica de prata da mitoloxía grega.
Argyre descansa centrada nas coordenadas 49,84° S 316,69° E,[1] entre as terras altas de Aonia Terra e Noachis Terra, ten segundo o USGS 892,93 km[1] de diámetro medio, que corresponderían a planicie en si, pero outros estudos inclúen tódolos aneis concéntricos que se supón que foron froito do impacto orixinal, e estes terían un tamaño de 650 - 780 - 870 - 1.050 - 1.290 - 1.470 - 1.700 km[2]; se nos decantamos pola planicie en si sería a terceira cunha de impacto por tamaño do planeta, pero se temos en conta os seus aneis pasaría a se-la segunda cunca de impacto por tamaño, todo isto mentres que non se certifique que tanto a Cunca do Polo Norte, coma Utopia Planitia se xeraron a partir dun impacto. Ten unha profundidade media duns 3 km, o seu punto máis baixo está dentro do pequeno cráter Hooke, a −5.121 m, mentres que o seu punto máis alto está a 5.393 m. nunha das crista do bordo do cráter orixinal , en concreto nos Charitum Montes, o suroeste do cráter Galle.[2]
Esta cunca posiblemente se orixinou a través dun grande impacto durante o período coñecido como Bombardeo Intenso Tardío, nos primeiros tempos do Sistema Solar, hai aproximadamente 3.900 millóns de anos, é posiblemente sexa a cunca de impacto antiga mellor conservada. Argyre está rodeada de grandes e empinados macizos, cristas e aneis circulares que forman patróns concéntricos, inclúen tamén os grandes macizos dos Charitum Montes e Nereidum Montes.[2]
Existen catros grandes canles formadas durante a Época Noéica, tres destas canles (Surius Valles, Dzígai Valles, e Palacopas Valles) corren cara ó interior de Argyre, procedentes das cristas e macizos do sur e leste. A cuarta canle, Uzboi Vallis, semella que vai dirección norte, cara a rexión de Chryse Planitia e este val podería terse orixinado coma consecuencia dun posible drenado de Argyre Planitia. Nia Valles, unha canle moito máis pequena e recente, podería terse formado a principios da Época Amazónica, despois de que o principais episodios fluviais e lacustres tiveran rematado.[3]
O leito orixinal da cunha está parcialmente aplanado e desinflado grazas ás capas de material que se puideron formar por sedimentación lacustre. Non se aprecian aneis centrais interiores, aínda que os macizos illados do interior da planitia poden se-los restos dos picos centrais do cráter orixinal.[2]
O cráter Galle, que está localizado no bordo oriental de Argyre, a 51°S 31°W, é moi peculiar por que se asemella moito a un risoño ("cara feliz").
Galería de Argyre Planitia
[editar | editar a fonte]-
Imaxes na que se poden apreciar barrancos, depósitos aluviais en abano, fotografía da HiRISE.
-
Varios niveis de depósitos aluviais en forma de abano, imaxes en primeiro plano dos accidentes xeolóxicos da anterior imaxe.
-
Pequeno depósito coa súa forma de abano moi definida, imaxe en primeiro da imaxe anterior.
-
Esta imaxe amosa barrancos no chan, o cadrado é do tamaño dun campo de fútbol, tomada pola HiRISE.
-
Posibles leitos de ríos en Nereidum Montes, tomada pola HiRISE.
-
Imaxe que amosa leitos de regueiros.
-
Grupo de canles.
-
Vista en primeiro plano de superficie de Argyre.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Planetary Names: Planitia, planitiae: Argyre Planitia on Mars". Consultado o 09-04-2012.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 http://www.planetary.brown.edu/pdfs/2563.pdf Arquivado 04 de febreiro de 2021 en Wayback Machine. Hiesinger & Head: Topography and morphology of the Argyre Basin, Mars
- ↑ http://adsabs.harvard.edu/cgi-bin/nph-data_query?bibcode=2000LPI....31.2033P&link_type=ARTICLE&db_key=AST&high= Parker et al.: Argyre Planitia and the Mars Global Hydrologic Cycle