Aleksandr Sokurov
Nome orixinal | (ru) Алекса́ндр Соку́ров |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 14 de xuño de 1951 (73 anos) Irkutsky District (Unión Soviética) |
Educación | Instituto Gerasimov de Cinematografía (–1979) |
Actividade | |
Ocupación | director de cinema, escritor, guionista, realizador |
Período de actividade | 1975 - 2017 |
Empregador | Kabardino-Balkarian State University (en) |
Membro de | |
Participou en | |
21 de xuño de 1997 | documenta x (en) |
Obra | |
Obras destacables
| |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | UbuWeb (en) Obálky knih, The Voice of Sokurov (en) |
Páxina web | sokurov.spb.ru… |
Aleksandr Nikolaevich Sokúrov (en ruso: Александр Николаевич Сокуров), nado en Podorvicha (Oblast Irkutsk) o 14 de xuño de 1951, é un director de cinema e guionista ruso. Dende 1980 Sokúrov vive en San Petersburgo. As películas Mat i syn (1997) e Russkij Kovcheg (2002) déronlle recoñecemento internacional. Sokúrov está considerado un dos directores referentes do cine europeo.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo dun soldado profesional, Aleksandr Nikolaevich Sokúrov pasou a súa infancia e xuventude entre Polonia e Turkmenistán, seguindo os destinos do seu pai. O 1968 comezou os estudos de historia na Universidade de Gorki e incorporouse a unha emisora de televisión local para facer documentais.
Entre 1969 e 1975 Sokúrov traballou de axudante de dirección no estudio de televisión de Gorki, hoxe Nizhnii Novgorod, onde tamén estudou historia na súa universidade. Despois de licenciarse en historia, ingresou na Escola de Cinema de Moscova (VGIK), (en ruso: Всероссийский государственный институт кинематографии имени С.А.Герасимова, ВГИК), onde se graduou no 1979. Alí, porén ser un alumno brillante, non lle aprobaron o traballo de fin de carreira polo seu excesivo "formalismo" e polas actitudes antisoviéticas. A perestroika e o fin do réxime comunista soviético non lle proporcionaron visibilidade nin recoñecemento, mais si que foron determinantes, neste sentido, a defensa que o director Andrei Tarkovskii fixo da súa obra e do papel dos novos sindicatos.
Inicialmente, as súas películas sufriron habitualmente a censura soviética. Despois, unha vez disolta a Unión Soviética, a súa obra foi galardoada con múltiples premios internacionais. A pesar de ser coñecido principalmente pola dirección de dramas, Sokúrov tamén é autor dunha vintena de documentais, entre os cales salientan unha entrevista a Alexander Solzhenitsin e unha reportaxe sobre Grigori Kózintsev.
Mat i syn ("Nai e fillo", 1996) foi a súa primeira película internacionalmente aclamada. A contrapartida chegou o 2003 coa rodaxe de Otets i syn ("Pai e fillo"), a cal desconcertou a crítica polo seu implícito homoerotismo, feito que Sokúrov sempre desmentiu.
Un dos traballos máis coñecidos do director ruso foi a súa tetraloxía sobre a natureza do poder, constituída por tres primeiras partes biográficas sobre políticos prominentes do século XX e a última parte baseada no mito de Fausto de Goethe, coa cal Sokúrov trata a corrupción do poder. As partes integrantes da tetraloxía son Molokh (1999) sobre Hitler, Telets (2000) sobre Lenin, Solntse (2004) sobre o emperador Hirohito e, finalmente, Faust (2011).
Sokúrov é un convidado habitual do Festival Internacional de Cine de Cannes, onde ó longo das súas edicións anuais se teñen estreado de maneira consecutiva catro películas súas.
Internacionalmente, o drama histórico Russkij Kovcheg (2002) foi unha das súas películas con máis éxito, tanto a nivel comercial coma tamén dende o punto de vista da crítica. A película é considerada unha obra mestra tanto polas súas imaxes cativadoras coma por acadar un récord mundial ó ser rodada nun só plano de 92 minutos de duración, sen ningún corte.
Filmografía
[editar | editar a fonte]A produción de Sokúrov é moi ampla, con máis de corenta películas entre longametraxes, curtas e documentais. Dirixiu máis de quince obras de ficción e máis de 25 documentais, frecuentemente convertidos en series a través de triloxías. Cun cine de gran lirismo e estatismo, Sokúrov explora o lado plástico da imaxe e os seus posibles significados. Os seus filmes presentan situacións humanas en contextos de conflito e dificultade, frecuentemente enmarcados na antiga Unión Soviética. Con referencias á pintura clásica, as súas obras difuminan as fronteiras entre ficción e documental. As cintas, con alusións literarias e unha consciencia persistente da morte, son poemas fílmicos nos cales a paisaxe adquire un gran protagonismo.
A obra fílmica de Sokúrov non tivo un acceso sinxelo ós circuítos de distribución de cine comercial, mais dende finais dos anos oitenta foi premiada en diversos festivais de cine independente e tense exposto en museos de arte contemporánea.[1]
Películas de ficción
[editar | editar a fonte]- Odinokiy golos cheloveka (Одинокий голос человека, 1978–1987)
- Razzhalovannïy (Разжалованный, 1980)
- Skorbnoye beschuvstviye (Скорбное бесчувствие, 1983–1987)
- Ampir (Ампир, 1986)
- Dni zatmeniya (Дни затмения, 1988)
- Spasi i sokhrani (Спаси и сохрани, 1989)
- Krug vtoroy (Круг второй, 1990)
- Kamen (Камень, 1992)
- Tikhiye stranitsy (Тихие страницы, 1993)
- Mat i syn (Мать и сын, 1996)
- Molokh (Молох, 1999)
- Telets (Телец, 2000)
- Russkij Kovcheg (Русский ковчег, 2002)
- Otets i syn (Отец и сын, 2003)
- Solntse (Солнце, 2004)
- Aleksandra (2007)
- Faust (2011)
Series Militares
[editar | editar a fonte]O 2012, o Museo de Arte Contemporánea de Barcelona (MACBA) presentou na Planta 1 do Edificio Meier as Series militares de Sokúrov, un conxunto de tres películas que forman parte da Colección MACBA dende 2004: Soldatskiy son (1995), Dukhovnye golosa (1995) e Povinnost (1998), así como Elegiya dorogi (2001), a primeira produción do cineasta pensada para ser exposta. Baixo o título Sèries militars. Aleksandr Sokúrov a la Col·lecció MACBA, esta exposición foi concibida polo MACBA e o MoMA PS1.[2]
A mostra presentouse no marco da exposición Pantalla global, un proxecto do Centre de Cultura Contemporània de Barcelona (CCCB). Este proxecto supuxo o inicio dunha serie de colaboracións coa Filmoteca de Catalunya, que coincidindo con esta exposición adicou un ciclo á obra cinematográfica do director ruso.
- Soldier's Dream. Serie "The Military". Mèdia, 1995[3]
- Confession. Serie "The Military". Mèdia, 1998[4]
- Spiritual Voices. From the Diaries of War. Series: "The Military". Mèdia, 1995[5]
Premios e recoñecementos
[editar | editar a fonte]O 2011 Sokúrov gañou o León de Ouro do Festival Internacional de Cine de Venecia pola súa película Faust. As películas de Sokúrov tamén foron premiadas en diversas ocasións pola Academia de Cine de Rusia e os seus premios Nika.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Museo de arte contemporánea de Barcelona (ed.). "Sokúrov, Aleksandr". Arquivado dende o orixinal o 23-10-2016. Consultado o 20-10-2016.
- ↑ "Series militares. Aleksandr Sokúrov na colección MACBA". Arquivado dende o orixinal o 06 de outubro de 2016. Consultado o 05 de outubro de 2016.
- ↑ Soldier's Dream. Serie "The Military" Arquivado 28 de xuño de 2019 en Wayback Machine., MACBA
- ↑ Confession. Serie "The Military" Arquivado 14 de febreiro de 2012 en Wayback Machine., MACBA
- ↑ MACBA (ed.). "Spiritual Voices. From the Diaries of War. Series: "The Military"" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 28 de xuño de 2019. Consultado o 29 de xuño de 2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Aleksandr Sokurov |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Aleksandr Sokurov na IMDb (en inglés).