Anglo-Welsh Cup
Tipo | competición deportiva |
---|---|
Deporte | rugby a 15 |
Número de participantes | 16 |
Localización e Datas | |
País | Reino Unido |
Vixencia | 1972 – |
Calendario da tempada | novembro – |
Período de ocorrencia | 1 ano |
Outro | |
Páxina web oficial | lv.com… |
A Anglo-Welsh Cup, (Copa Anglo-Galesa en galego), chamada LV = Cup por razóns publicitarias, é unha competición anual de rugby organizada pola Federación Inglesa de Rugby na que compiten os 12 clubs ingleses da Aviva Premiership e os 4 clubs galeses da Rabodirect Pro12.
O torneo comeza a principios de novembro e remata a finais de marzo. As datas nas que se disputan as semifinais e a final coinciden coas datas da disputa do Torneo das Seis Nacións, de xeito que os equipos adoitan ter ausencias destacables nas súas ringleiras.
Malia isto, o que fai que esta competición sexa atractiva para os seareiros e para os clubs participantes, é que o equipo gañador do torneo obtén unha praza para participar na tempada seguinte da Heineken Cup, a máxima competición continental.
Historia
[editar | editar a fonte]A competición orixinal comezou na tempada 1971/72 só entre clubs ingleses, e cun formato de eliminatorias directas. Foi o primeiro torneo oficial entre clubs existente en Inglaterra, e podían participar nel tódolos clubs do país. Hoxe o formato do torneo é moi diferente, e está formado por unha primeira fase de liga na que hai 4 grupos con 4 equipos en cada un, e unha segunda fase na que os primeiros de cada grupo xogan entre si as 2 semifinais e a final.
Por mor dos patrocinadores, o torneo tense coñecido con varios nomes:
- John Player Cup (1976-1988)
- Pilkington Glass Cup (1989-1997)
- Tetley's Bitter (1998-2000)
- Powergen Cup (2001-2005)
- EDF Energy Cup (2006-2009)
- LV Cup (2010-actual)
O formato de eliminatorias directas desapareceu cando se introduciu a participación dos 4 equipos profesionais de Gales, e que participaron por vez primeira no torneo na tempada 2005/06.
Os clubs que máis éxito tiveron nesta competición son Bath Rugby, con 10 vitorias en 11 finais, e Leicester Tigers, con 7 vitorias en 13 finais. Son os equipos con máis vitorias e tamén con máis presenzas na final.
O título da temporada 1981/82 foi compartido por Gloucester e Moseley que fixeron táboas a 12 na final.