Saltar ao contido

Darío I

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 28 de maio de 2024 ás 14:24 por Breogan2008 (conversa | contribucións) (Reemplazos con Replacer: «someter aos»)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)
Modelo:BiografíaDarío I

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento550 a. C. Editar o valor en Wikidata
Morte486 a. C. Editar o valor en Wikidata (63/64 anos)
Lugar de sepulturaTomb of Darius I (en) Traducir
Naqsh-e Rostam Editar o valor en Wikidata
Rei de Reis
29 de setembro de 522 a. C. – 1 de outubro de 486 a. C.
← EsmerdisXerxes I →
Faraón
29 de setembro de 522 a. C. – 1 de outubro de 486 a. C.
← EsmerdisXerxes I → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónZoroastrismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónestadista, líder militar, monarca Editar o valor en Wikidata
Período de tempoAntigo Exipto, Século -VI, Século -V, A Baixa Época e XXVII dinastia egípcia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
Rango militarComandante en xefe Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloRei de Reis
Faraón
King of the Lands (en) Traducir
Gran Rei Editar o valor en Wikidata
FamiliaDinastía aqueménida Editar o valor en Wikidata
CónxuxeAtossa
Pármis
Artistona
Fedímia Editar o valor en Wikidata
FillosXerxes I
 () Atossa
Ariamenes
 ()
Arsames
 () Artistona
Artobazanes
 ()
Aquêmenes
 () Atossa
Masistes
 () Atossa
Gobrias
 () Artistona
Artazostra
 () Artistona
Abrocomes
 ()
Hyperanthes
 () Editar o valor en Wikidata
PaiHistaspes Editar o valor en Wikidata
IrmánsArtafernes
Artabanus Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fontePequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Enciclopedia Xudía de Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
Find a Grave: 8152298 Editar o valor en Wikidata
Darío I, rei dos persas

Darío I o Grande (en persa antigo Dārayawuš, "aquel que apoia firmemente o Ben", en persa moderno داریوش Dâriûsh, e en grego clásico Δαρεῖος Dareîos) (circa 549-485 a.C.), foi rei aqueménida de Persia (521-485 a.C).

Orixe e ascenso

[editar | editar a fonte]

Darío era fillo de Hidaspes, sátrapa de Partia e fillo do rei Arsames; pertencía xa que logo a unha rama secundaria da familia real aqueménida. Como parente de Cambises II, Darío pertencía a unha das máis poderosas familias que conformaban a nobreza do Imperio persa. Era membro da garda real de Cambises II no momento do suicidio do rei (-522), que cometeu debido ao seu fracaso para deter a usurpación que o mago Gaumata levara a cabo, suplantando ao falecido Esmerdis, irmán de Cambises que o propio rei mandara asasinar previamente.

Ninguén se atreveu a alzarse contra Gaumata, excepto Darío, quen, coa axuda dalgúns nobres (e de Ahura Mazda, como el mesmo argumentaba), tratou de recuperar o trono para a dinastía aqueménida. Tal como indica unha inscrición posterior de Darío atopada en Susa, tanto o seu pai Hidaspes como o seu avó Arsames vivían aínda no momento da usurpación de Gaumata, aínda que foi Darío quen por idade herdou os dereitos aqueménidas ao trono persa, proclamando que fora sinalado como futuro rei mediante a hipomancia, a adiviñación polos cabalos. Axudado por seis nobres persas, cuxos nomes honrou posteriormente Darío nas liñas finais da inscrición de Behistún, sorprendeu e asasinou o usurpador nunha fortaleza de Nisaya, en Media (outubro do 521 a.C.). Trala morte do mago, Darío contraeu matrimonio con Atosa, viúva do falso Esmerdis e filla de Ciro II o Grande; Xerxes I, fillo de ambos, sería o herdeiro e o futuro rei de Persia.

O cambio repentino no goberno central do imperio persa foi percibido polos gobernadores das provincias orientais como o momento ideal para obter a súa independencia. Ademais, en varias rexións do imperio, como en Susiana, Babilonia, Media, Marxiana ou Sagartia, xurdiron usurpadores, que pretendían pertencer, a maioría deles, ás dinastías locais anteriores á conquista persa, e dispuxeron varios exércitos propios para enfrontarse a Darío. Na mesma Persia o usurpador Vahyazdata imitou a Gaumata, conseguindo o recoñecemento do pobo como o verdadeiro Esmerdis. No entanto Darío, con só un pequeno exército de persas e medos e con algúns xenerais leais, puido sobrepoñerse a todas estas dificultades, chegando a derrotar ata nove usurpadores, acabando con todas as rebelións en pouco tempo, e controlando á casta sacerdotal (-520--519). Babilonia (que se sublevou dúas veces), Susiana (con tres alzamentos) e Exipto foron sometidos, e a autoridade de Darío foi restablecida en todo o imperio.

Administración do imperio

[editar | editar a fonte]

Darío foi un destacado gobernante e organizador do imperio, revisando o sistema administrativo persa, así como o seu código legal. As súas revisións sobre este código concernían a leis sobre testemuños, comercio de escravos, depósitos, subornos e violacións. Tamén introduciu melloras no aspecto militar durante as súas sucesivas campañas, como o servizo militar obrigatorio, o pago aos guerreiros, o adestramento militar e outras modificacións no exército e a armada persa.

Posibelmente o aspecto civil máis destacado do seu reinado foi a reorganización administrativa do imperio, algo que o situou ao nivel do propio Ciro para os persas da posteridade. A nova organización das provincias e a fixación dos impostos foi descrita por Herodoto (iii. 90 if.), quen contaba ao parecer con boas fontes. Darío dividiu o Imperio persa en vinte provincias ou satrapías, cada unha baixo a supervisión dun gobernador ou sátrapa. Este cargo era xeralmente hereditario, e gozaba dunha ampla autonomía, que permitía a cada provincia conservar as súas propias leis, tradicións e clases dirixentes. No entanto, cada rexión era responsable do pago dun determinado tributo ao emperador, en ouro ou prata, algo que algunhas provincias acusaron co paso do tempo, como foi o caso de Babilonia.

Cada satrapía posuía un administrador financeiro e un coordinador militar independentes, ademais do sátrapa, quen controlaba a administración e o cumprimento das leis. Estes tres cargos respondían directamente ante o rei, quen con esta medida impedía a concentración do poder en cada satrapía, diminuíndo así as posibilidades de deslealdades e revoltas. Darío tamén incrementou a burocracia do imperio, aumentando o número de escribas que rexistrasen as tarefas administrativas de cada provincia.

Construcións destacadas

[editar | editar a fonte]
A inscrición de Behistún.

Durante o reinado de Darío iniciáronse moitos proxectos de construcións, sendo o máis destacado a edificación dunha nova capital para o imperio, a cidade de Persépole, en detrimento da antiga capital de Ciro, Pasargadas, que estaba moi asociada aos reis anteriores, algo que Darío quería evitar. A nova capital posuía murallas de 60 pés de altura (uns 20 metros) e 33 pés de espesor (uns 11 metros), sendo xa que logo un importante labor de enxeñería arquitectónica. Así mesmo, a futura tumba de Darío foi tallada nunha parede de roca, non moi lonxe da cidade.

Outro dos proxectos de Darío foi a escavación dunha canle que comunicase o río Nilo con Suez, unha vía que, como demostran os fragmentos dunha inscrición xeroglífica recuperada, os barcos persas utilizaban para navegar desde o mesmo Nilo ata Persia, seguindo o Mar Vermello cara ao sur e rodeando a península arábiga e o reino de Saba antes de dirixirse cara ao Golfo Pérsico e a Susa.

Darío encargou tamén a creación dunha importante rede de camiños que percorresen todo o imperio, como é o destacado Camiño Real que desde Sardes atravesaba Anatolia, Siria e Mesopotamia para chegar ata Susa, e de alí, ata Persépolis, como mencionan as taboíñas de Persépolis. Este camiño apoiábase en postas de mensaxeiros, postos de descanso, pousadas e gornicións militares, evitando así o risco que supoñían os bandidos. Darío é tamén recordado pola impresionante inscrición de Behistún, que foi tallada na parede dun acantilado preto da cidade de Behistún, a cal nos informa acerca da súa ascensión ao trono e onde Darío argumenta sobre a súa lexitimidade como rei de Persia.

Economía, diplomacia e comercio

[editar | editar a fonte]

Reforma monetaria

[editar | editar a fonte]
Dárico do tempo de Darío I a Xerxes I, ca. 505-480 a. de C.[1]
Artigo principal: Moeda aqueménida.

Darío introduciu un novo sistema monetario unificado para todo o imperio, baseado no dárico como moeda de ouro, algo antes do 500 a. de C. Realmente utilizou o sistema monetario como unha moeda internacional coa que regular o comercio ao longo de todo o seu imperio. O dárico foi recoñecido e aceptado alén das súas fronteiras, en lugares como a Europa Oriental e tamén polos pobos celtas da Europa Central. Xunto co dárico instituíuse tamén o siclo como mnoeda de prata. En tanto que a cuñaxe do dárico estaba reservada para o poder real, importantes xenerais e sátrapas emitiron moeda de pratra, esta última utilizada, entre outras cousas, para recrutar mercenarios en Anatolia. [1]

Os pesos e as medidas foron normalizados (como o cúbito real ou a medida do rei), pero adoitaban coexistir coas tradicionais unidades exipcias e babilonias, o cal incentivou o comercio debido a que nunca antes existira un mercado tan amplo como era o imperio persa.

A creación do dárico supuxo un importante pulo para o comercio internacional; os bens téxtiles, as alfombras, ferramentas e outros instrumentos metálicos comezaron a viaxar por Asia, África e Europa. Darío fomentou o desenvolvemento do comercio a través de expedicións que abrisen novos mercados e rutas, sendo moi probábel que Persia chegase a manter contactos con Cartago (cf. o termo Karka da inscrición de Nakshi Rustam) en Sicilia e Italia. O seu reinado caracterizouse así polo crecemento da poboación e o desenvolvemento das actividades artesanais nas cidades.

As melloras na rede de comunicacións e a reordenación administrativa contribuíron a dotar ao imperio aqueménida dunha aparente unidade comercial, baseada na xeración de riqueza.

Tradicións e relixión

[editar | editar a fonte]
Darío I (xeroglífico). Museo do Louvre

Darío procuraba obter o benestar das nacións súbditas do imperio, e con este obxectivo fomentou as axudas ás súas diferentes castas sacerdotais. Permitiu aos xudeus reconstruír o Templo de Xerusalén, á vez que en Exipto é mencionado en varios templos que erixiu en Menfis, Edfú e o Gran Oasis. Convocou a Tzahor, gran sacerdote de Sais, a Susa (como mostra a inscrición do Museo Vaticano), outorgándolle poderes para reorganizar a Casa da Vida, a grande institución médica do templo de Sais. Nas tradicións exipcias é mencionado como un dos grandes benfeitores e lexisladores do país. Así mesmo apoiou aos santuarios gregos (cf. a carta de Darío a Godatas, inspector do parque real próximo a Magnesia, onde exime de impostos e de traballos obrigados ao territorio sagrado de Apolo), polo que todos os oráculos gregos da Asia Menor e da Europa controlada polos persas permaneceron do seu lado durante as Guerras Médicas, disuadindo aos gregos de calquera tentativa de resistencia.

No aspecto relixioso, Darío aparece en todas as súas inscricións como un fervente crente da relixión monoteísta oficial, o zoroastrismo; Ahura Mazda é o único deus mencionado nas mesmas. No entanto, demostrou un profundo respecto e tolerancia polos outros cultos existentes no seu imperio, unha política tradicional das súas predecesores. Tamén é mencionado adorando, sufragando ou loando varios panteóns, unha actitude a destacar en canto a maioría das súas súbditos eran politeístas. Do mesmo xeito que outros reis persas, mantivo a política contra a escravitude, de maneira que, por exemplo, todos os traballadores que traballaron en Persépolis e noutros lugares eran remunerados, unha idea revolucionaria para a época. Esta política de dereitos humanos foi moi común nos seus predecesores e nos posteriores reis persas, sendo practicamente o primeiro testemuño continuado da mesma.

Política exterior

[editar | editar a fonte]

A expansión por Asia

[editar | editar a fonte]

Darío continuou a política expansionista das súas predecesores Ciro II o Grande e Cambises II, aínda que cun propósito fundamental: alcanzar unhas fortes fronteiras naturais en pos da estabilidade do imperio, para facer fronte á ameaza que supoñían os pobos bárbaros e nómades que moraban máis aló dos límites do imperio persa (como tamén perseguiu Augusto séculos máis tarde no Imperio romano). As campañas de conquista executadas no seu reinado foron xa que logo suscitadas en torno a este fin, ou como expedicións punitivas que fixesen fronte a situacións concretas, como foron a campaña contra os escitas pónticos ou a invasión de Grecia.

Desta forma, respecto de Asia, someteu os territorios indios de Gandhara (o actual Punjab), máis aló das satrapías orientais de Bactriana, Aracosia e Xedrosia, ata chegar ao río Indo, considerándoo como a lóxica fronteira oriental do seu imperio. Ordenou a saída desde Cabul dunha expedición fluvial ao mando do cario Escila de Carianda, que explorou o río Indo augas abaixo, e que chegou ata o océano Índico e probabelmente ata a mesma Suez. Tamén atacou os saces das estepas iranias, e aos turanios de máis alá do Oxus, e someteu aos pobos salvaxes das montañas anatolias e armenias, estendendo o imperio ata o Cáucaso, á vez que expandiu a área de influencia persa pola ribeira meridional do Golfo Pérsico (-512).

A campaña escita

[editar | editar a fonte]

En canto a Europa, no ano -512 dirixiu unha campaña militar contra os escitas que habitaban nas estepas pónticas da ribeira setentrional do Mar Negro (na actual Ucraína). O propósito desta expedición foi atacar ás tribos nómades que fustrigaban a fronteira norte do imperio persa, aínda que o plan estaba baseado nunha incorrecta interpretación xeográfica, moi común na Antigüidade e que tamén cometeu Alexandre Magno máis adiante: o feito de identificar o Hindu Kush (o Cáucaso indio) como unha prolongación do Cáucaso real, e de supoñer ao Mar Negro como unha parte do Mar Caspio (ou moi próximo ao mesmo), de maneira que os escitas pónticos foron confundidos cos escitas da Asia Central.

Así, a expedición de Darío, tras atravesar o Bósforo e someter os tracios e Macedonia, cruzou o Danubio e internouse varias semanas polas estepas ucraínas, mentres os escitas se retiraban ante o exército persa. Finalmente, ante os negativos resultados da campaña, Darío decidiu cancelala e retirarse cara a Anatolia. Os detalles dados por Heródoto acerca desta expedición son bastante fantásticos, e ata afirma que Darío chegou a remontar o río Rha, algo pouco verosímil, aínda cando se pensaba que o Rha e o Tanais eran o mesmo río, sendo o Dniester o límite máis probábel da súa aventura póntica. En canto ás anotacións que fixera Darío sobre esta campaña nunha taboíña, foron engadidas á inscrición de Behistún, aínda que só se conservaron unhas poucas palabras.

A Primeira Guerra Médica

[editar | editar a fonte]

Nesta mesma etapa hai que sinalar os conflitos que serían posteriormente coñecidos como as Guerras Médicas, e que foron iniciados polos propios gregos. A Grecia europea (a Hélade) estaba intimamente ligada á costa exea de Asia Menor, debido á existencia de numerosas colonias gregas na mesma, e moitos partidos rivais dentro das cidades gregas pugnaban por lograr o favor do rei persa nas súas disputas, aínda que Darío non se involucrou inicialmente nestes conflitos internos. Con todo, o apoio que as polis de Atenas e Eretria brindaron ás cidades xónicas e carias na súa revolta contra o poder persa que as sometía, animadas trala frustrada campaña persa contra os escitas, fixo que Darío decidise castigar esa axuda unha vez que as revoltas foron aplacadas (-499).

Desta forma, reuniu un importante exército e lanzou unha primeira expedición de castigo contra as cidades gregas, ao mando de Mardonio, aínda que a escuadra naval foi detida xunto aos acantilados do Monte Athos (-492). Unha segunda expedición foi encomendada a Datis, que contaba co apoio ou a neutralidade de gran parte dos estados gregos, grazas ao diñeiro persa. Enviada cara á Ática contra a alianza de Atenas e Esparta, foi no entanto derrotada de novo polos atenienses de Milcíades na batalla de Maratón (-490). Antes de que Darío dirixise unha terceira expedición contra a Hélade, desencadeouse unha revolta en Exipto no -486. Darío morreu en outubro do ano seguinte, tras un longo reinado de trinta e seis anos; a súa morte, unida a unha caída no prestixio persa trala derrota ante os gregos, foi a causa de novas revoltas que estalaron en Babilonia e Exipto, que tiveron que ser sufocadas polo seu fillo e herdeiro, Xerxes I.

  1. 1,0 1,1 Alram, M. "Daric". En Encyclopaedia Iranica.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
Imperio Persa

Segue a:
Esmerdis
Darío I
Precede a:
Xerxes I
Dinastía Aqueménida