Saltar ao contido

Afonso V de Aragón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 4 de maio de 2024 ás 20:24 por Breogan2008 (conversa | contribucións)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)
Modelo:BiografíaAfonso V de Aragón

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento24 de febreiro de 1396 Editar o valor en Wikidata
Medina del Campo (Coroa de Castela) Editar o valor en Wikidata
Morte27 de xuño de 1458 Editar o valor en Wikidata (62 anos)
Castelo do Ovo (Coroa de Aragón) Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaTomb of Alphonse V of Aragon (en) Traducir
Mosteiro de Poblet Editar o valor en Wikidata
Rei de Sardeña Kingdom of Sardinia (en) Traducir
2 de abril de 1416 – 27 de xuño de 1458
Monarca da Coroa de Aragón Coroa de Aragón
2 de abril de 1416 – 27 de xuño de 1458
← Fernando I de AragónXoán II de Aragón →
Rei de Mallorca
Rei de Nápoles
Príncipe de Xirona
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónCristianismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmonarca, estadista Editar o valor en Wikidata
Membro de
Carreira militar
ConflitoCastilian-Aragonese War of 1429-1430 (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloRei de Aragón
Rei de Nápoles
Conde de Barcelona
Rei de Xerusalén
Rei de Sardeña
Rei de Mallorca
Rei de Sicilia
Rei de Valencia
Príncipe de Xirona Editar o valor en Wikidata
FamiliaCasa de Trastámara e Casa de Aragón Editar o valor en Wikidata
CónxuxeMaría de Castela (1415 (Gregoriano)–) Editar o valor en Wikidata
ParellaMargaret of Híjar
Giraldona Carlino
Lucrezia d'Alagno Editar o valor en Wikidata
FillosEleonora
 () Giraldona Carlino
Ferdinand of Aragon
 () Margaret of Híjar
Fernando I de Nápoles
 () Giraldona Carlino
Maria of Aragon
 () Giraldona Carlino Editar o valor en Wikidata
PaisFernando I de Aragón Editar o valor en Wikidata  e Leonor Urraca de Castela Editar o valor en Wikidata
IrmánsSancho of Aragon
Leonor de Aragón
María de Aragón
Henrique de Trastámara de Aragón
Xoán II de Aragón
Pedro de Aragón, conde de Alburquerque Editar o valor en Wikidata
ParentesBeatriz de Frangepan, bisneta Editar o valor en Wikidata
Premios

Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Enciclopedia de Otto
Regesta Imperii XIII (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
BNE: XX826009 WikiTree: Aragon-80 Find a Grave: 73449551 Editar o valor en Wikidata

Afonso V de Aragón, nado en Medina del Campo (Coroa de Castela) en 1396 e finado no Castel dell'Ovo (Reino de Nápoles) o 27 de xuño de 1458, chamado o Magnánimo e o Sabio,[1] foi, entre 1416 e 1458, rei de Aragón, de Valencia (Afonso III), de Mallorca (Afonso I), de Sicilia (Afonso I), de Sardeña (Afonso II) e conde de Barcelona, Rosellón, Cerdaña e Urgell, e entre 1442 e 1458, rei de Nápoles (Afonso I).

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Era o fillo primoxénito do rexente de Castela Fernando de Antequera (que posteriormente foi rei de Aragón co nome de Fernando I), e da condesa Leonor de Alburquerque. Pertencía, por tanto, á Casa de Aragón.[2] por ser neto de Leonor de Aragón (xa que a dignidade real aragonesa podía transmitirse por liña feminina),[3] e á liñaxe Trastámara por ser neto de Xoán I de Castela.

O 28 de xuño de 1412 converteuse en herdeiro ao trono da Coroa de Aragón ao ser proclamado rei o seu pai tras o Compromiso de Caspe. O 12 de xuño de 1415 casou na catedral de Valencia coa súa prima a infanta de Castela María, filla de Henrique III de Castela e de Catarina de Lancaster.

O 2 de abril de 1416, tras o falecemento do seu pai, sucédeo como rei de Aragón e dos demais reinos e condados dos que era titular.[1] Faleceu o 27 de xuño de 1458 en Castel dell'Ovo, Nápoles, e está soterrado nos Sepulcros Reais do Mosteiro de Poblet. Sucedeuno como rei de Aragón o seu irmán Xoán, e como rei de Nápoles o seu fillo natural Fernando.

Política interior

[editar | editar a fonte]
Escudo de armas do rei Afonso V de Aragón O Magnánimo como cabaleiro da Orde do Vélaro de Ouro, á que accedeu tras o seu sétimo capítulo de Gante, 1445. Lenda: TRÈS HAÙT ET TRÈS EXCELLENT ET TRES PÙISSANT PRINCE DON ALPHONSE, ROY D'ARRAGON V. DÙ NOM. 'Moi alto e moi excelente e moi poderoso príncipe don Afonso, rei de Aragón V do nome'.

Cataluña

[editar | editar a fonte]

Nas Cortes de 1419 Afonso tivo un enfrontamento cando a nobreza catalá formou unha liga de baróns, vilas e cidades reclamando ao rei que reducise o elevado número de membros da nobreza castelá nomeados para cargos de goberno, o que fixo que o monarca reducise e reorganizase a Casa Real.

En 1448 ditou desde Nápoles, onde instalara a Corte, unha provisión que permitía aos campesiños (pagesos) reunirse nun sindicato para tratar a supresión dos malos usos señoriais. Os propietarios das terras opuxéronse á medida e fixérona fracasar, se ben o problema regresou en 1455, cando Afonso ditou a Sentenza interlocutoria, na que suspende as servidumes e os malos usos, medida que en 1462, xa reinando Xoán II de Aragón, provocaría a primeira guerra remensa.

Xoán II ocupaba o trono castelán desde 1406, tras a morte do seu pai Henrique III, quen no seu testamento, e debido a que ao acceder ao trono Xoán só contaba con pouco máis dun ano de idade, dispuxera que a rexencia do reino a desempeñasen a súa viúva Catarina de Lancaster e o infante Fernando de Trastámara.

Ao ser coroado Fernando rei de Aragón no Compromiso de Caspe (1412), deixou aos seus fillos, os Infantes de Aragón Xoán II de Navarra e Henrique, como os seus lugartenentes en Castela para que defendesen os seus intereses.

En 1419 Xoán II de Castela alcanzara a maioría de idade e pretendeu librarse da influencia dos Infantes. Tras o golpe de Tordesillas e o fracasado cerco do castelo de La Puebla de Montalbán a finais de 1420, delega todo o poder no novo Condestábel de Castela Álvaro de Luna, o que deu lugar a unha longa e intermitente guerra civil entre dous bandos: o primeiro formado por Álvaro de Luna e a pequena nobreza, e o segundo integrado polos Infantes de Aragón e a alta nobreza, apoiados por Afonso V desde Aragón.

Porén, o enfrontamento que xorde entre os propios infantes polo poder provoca que a influencia aragonesa en Castela corra perigo, polo que Afonso V, que se encontraba en Nápoles, decidiu retornar á península en 1425 onde, tras acusar a Álvaro de Luna de usurpador do goberno, logrou reconciliar aos seus irmáns os infantes e, aínda que consegue nun primeiro momento, en 1427, que o Condestábel de Castela sexa desterrado a Cuéllar, non puido evitar o seu retorno vencedor ao ano seguinte.

Afonso V, entre 1429 e 1430, enleouse nunha guerra contra o seu primo Xoán II de Castela e a política do valido Álvaro de Luna para apoiar aos seus irmáns os infantes pero, cando ambos os bandos se encontraban cerca de Jadraque fronte a fronte para comezar a batalla, a intervención persoal da raíña castelá María de Aragón, irmá de Afonso V, evitouna.

En 1432 Afonso retorna a Italia e, en 1436, asinou a paz con Castela mediante un tratado no que os infantes abandonaban o reino castelán a cambio de percibir rendas anuais.

Política exterior

[editar | editar a fonte]
Mapa da Coroa de Aragón en 1443.

O antipapa Bieito XIII investira Fernando I de Aragón como rei de Sicilia en 1412, quen nomeou o seu fillo Xoán como lugartenente xeral da illa. Ao falecer Fernando I, os sicilianos intentaron que o seu trono fose ocupado por Xoán, polo que a primeira medida de política exterior que tomou Afonso V foi acabar con esas ansias independentistas. Reclamou a presenza do seu irmán Xoán na Corte e enviouno, xunto ao seu outro irmán, Henrique, para que o axudase na loita que mantiña por facerse co poder en Castela.

Desactivado o perigo independentista siciliano, o seguinte obxectivo de Afonso foi a illa de Sardeña, territorio sobre o que a coroa aragonesa reivindicaba a súa soberanía desde que en 1297 o papa Bonifacio VIII concedera a illa en feudo a Xaime II de Aragón, e que nese momento se encontraba inmersa nunha rebelión instigada polos xenoveses.

Representación heráldica do rei Afonso V no Armorial ecuestre del Toison d'Or. París, Bibliothèque de l’Arsénal, ms. 4790, f. 108r, miniatura n.º 228.[4]

Afonso dirixiuse á illa á fronte dunha escuadra de 24 galeras que levantou áncora, en maio de 1420, desde Los Alfaques con dirección a L'Alguer coa intención de someter as cidades que se rebelaran. A chegada da frota fixo que os rebeldes se someteran sen presentar ningunha resistencia.

Desde Sardeña, Afonso dirixiuse coa súa escuadra á illa de Córsega onde logro tomar a cidade de Calvi e puxo sitio á cidade de Bonifacio.

Afonso V abandonou o sitio de Bonifacio en 1421 cando recibiu a petición de axuda de Xoana II de Nápoles ante o sitio que estaba sufrindo por parte das tropas de Lois III de Anjou, mandadas por Muzio Attendolo Sforza. O monarca aragonés acodiu en axuda de Xoana que, en agradecemento, o adoptou como fillo e herdeiro e nomeouno duque de Calabria e, tras fixar a súa residencia en Nápoles Afonso nomeou rexente de Aragón á súa esposa María.

Armas de Afonso V.

Os sucesivos éxitos militares e políticos de Afonso V no escenario mediterráneo levantaron o receo do duque de Milán Filippo María Visconti quen, aproveitando o arrefriamento das relacións entre a raíña Xoana e Afonso cando este fixo deter ao primeiro ministro napolitano e amante daquela, alentou unha revolta encabezada por Sforza que obrigou a Afonso a refuxiarse, o 30 de maio de 1423, na fortaleza napolitana de Castel Nuovo até que a chegada dunha frota aragonesa de 22 galeras lle permitiu recuperar Nápoles e obrigar a Xoana a buscar refuxio en Aversa e despois en Nola onde revogou a adopción de Afonso e nomeou como novo herdeiro a Lois de Anjou.

Tras recibir noticias da Península acerca das dificultades que atravesaban os seus irmáns no seu enfrontamento con Castela, e ao necesitar reforzos económicos e militares para continuar coa súa política de expansión, Afonso decide deixar Nápoles ao mando do seu irmán Pedro e, tras destruír o porto de Marsella en territorio dos Anjou, retornou aos seus reinos peninsulares onde permaneceu até 1432.

A ausencia de Afonso de Italia permitiu ao duque de Milán conquistar, en 1423, Gaeta, Procida, Sorrento e Castellammare; e tras poñer sitio a Nápoles, permitiu a Francesco Sforza tomar a cidade en 1424, obrigando a Pedro a buscar refuxio en Sicilia.

Afonso V regresou a Italia en 1432, pero debeu pospoñer a toma de Nápoles debido á liga militar que, co apoio do papa Uxío IV e do emperador Sexismundo, formaron Venecia, Florencia e Milán, e que o obrigou a asinar en 1433 unha tregua de dez anos con Xoana II de Nápoles.[5][6]

Retrato de Afonso V de Aragón, de Mino da Fiesole.

A tregua permitiu a Afonso fixar a súa atención en África, onde xa en 1432 dirixira unha expedición militar contra a illa de Xerba. O seu interese reanudouse en 1434 cunha nova expedición a Trípoli; porén, as mortes dos seus rivais napolitanos fai que a súa atención volvese centrarse en Italia.

En 1434 faleceu Lois III de Anjou, polo que a raíña Xoana nomeou novo herdeiro ao trono de Nápoles ao irmán daquel, Renato. Porén, ante a morte de Xoana ao ano seguinte, o papa Uxío IV non deu a súa aprobación, polo que Afonso viu chegado o momento de conquistar Nápoles. Acompañado dos seus irmáns Xoán, Henrique e Pedro tomou a cidade de Capua e puxo sitio a Gaeta en cuxo auxilio acudiu unha frota xenovesa que derrotaría á aragonesa na batalla que se desenvolveu o 4 de agosto de 1435 fronte á illa de Ponza e na que foron feitos prisioneiros o propio rei e os seus irmáns Xoán II de Navarra e Henrique, que foron entregados ao duque de Milán Filippo María Visconti.[1]

En 1436 o duque liberou a Xoán de Navarra, que regresou á Península e substituíu a esposa de Afonso V como rexente do reino de Aragón, polo que María quedou unicamente á fronte do principado catalán. De contado Afonso negociou a súa liberdade, e chegou con Visconti a un acordo polo que ambos os dous asinan unha alianza que lle permitiu a Afonso volver a conquistar Capua e Gaeta en 1436 e poñer sitio a Nápoles, no que faleceu o seu irmán Pedro en 1438.

Tras tomar varias cidades en Calabria, incluíndo Cosenza e Brisignano, Afonso entrou triunfalmente en Nápoles o 23 de febreiro de 1443, obtendo o recoñecemento do papa Uxío IV a cambio de que Afonso o apoiase no seu enfrontamento cos Sforza.

Afonso non regresaría nunca máis aos seus estados peninsulares da Coroa de Aragón, establecendo a súa Corte na fortaleza de Castel Nuovo, que mandou remodelar ao arquitecto mallorquín Guillermo Sagrera.

Política cultural

[editar | editar a fonte]
O Cancioneiro de Stúñiga. Manuscrito belamente iluminado que recolle a poesía da corte napolitana de Afonso V de Aragón.

Afonso V pode considerarse como un xenuíno príncipe do Renacemento, xa que desenvolveu un importante mecenado cultural e literario que lle valeu o sobrenome de "o Sabio", e que convertería a Nápoles no foco principal da entrada do humanismo renacentista no ámbito da Coroa de Aragón. Protexeu a humanistas destacados, como Lorenzo Valla, Giovanni Pontano ou Antonio Beccadelli. Froito deste mecenado foi un círculo de poetas de cancioneiro cuxa obra recolle o Cancioneiro de Stúñiga.

A súa devoción cara aos clásicos foi excepcional. Nas súas propias palabras dixo: «os libros son, entre os meus conselleiros, os que máis me agradan, porque nin o temor nin a esperanza lles impiden dicirme o que debo facer». Dise igualmente que Afonso detiña ao seu exército en piadoso respecto ante o lugar de nacemento dun escritor latino, levaba a Tito Livio ou a César na súas campañas e o seu panexirista Panormita non consideraba unha incríbel mentira dicir que o rei curou dunha enfermidade cando lle leron unhas páxinas da biografía de Alexandre Magno escrita por Quintus Curtius Rufus.

Outros feitos

[editar | editar a fonte]
Afonso V nunha medalla de Pisanello (1449).

Tivo contactos diplomáticos co imperio de Etiopía. En 1428 recibiu unha carta de Yeshaq I de Etiopía, entregada en man por dous dignatarios, na que lle propoñía unha alianza contra os musulmáns, selada por un dobre matrimonio, o do infante Pedro coa filla de Yeshaq, a condición de que este levase a Etiopía a un grupo de menestrais. Non está claro se Afonso respondeu a esta carta nin en que termos, aínda que unha mensaxe enviada en 1450 ao sucesor de Yeshaq, Zara Yagob, escribiu que estaría encantado de envialos se lle garantían a súa seguridade, xa que nunha ocasión anterior toda unha partida de trece dos seus súbditos pereceran na viaxe.

O seu reinado acaba con dúas novas guerras: unha contra o seu primo e cuñado, Xoán II de Castela, entre os anos 1445 e 1454, e outra contra Xénova, que se iniciou en 1454 e continuou até a súa morte, ocorrida o 27 de xuño de 1458 no Castel dell'Ovo (Nápoles). En 1671 Pedro Antonio de Aragón, vicerrei de Nápoles, obtivo o permiso para trasladar desde alí os restos de Afonso V o Magnánimo e depositalos nos Sepulcros Reais do mosteiro de Poblet. Construíuse unha tumba cun gran pedestal xunto aos sepulcros reais, no cruceiro, no lado do Evanxeo. Só se conserva a base ou pedestal restaurado.

Devanceiros

[editar | editar a fonte]

Descendencia

[editar | editar a fonte]

En 1408 Afonso comprometeuse con María de Castela (1401-1458), filla de Henrique III o Doente, e prima súa. O matrimonio celebrouse na catedral de Valencia o 12 de xuño de 1415. Non tiveron descendencia.[1]

Da súa relación con Giraldona de Carlino, tivo tres fillos naturais:

  • Fernando (1423-1494), o seu sucesor no reino de Nápoles co nome de Fernando I.
  • María (1425-1449), casada con Lionel, marqués de Este e duque de Ferrara.[7]
  • Leonor.

Sucesión

[editar | editar a fonte]

Nas coroas de Aragón, Sicilia e Sardeña, sucedeulle o seu irmán Xoán. O reino de Nápoles quedou para o seu fillo bastardo Fernando.[1]

Predecesor:
Fernando I
thum
Rei de Aragón, Valencia, Mallorca, Sicilia e Sardeña
Conde de Barcelona

1416 - 1458
Sucesor:
Xoán II
Predecesor:
Renato I

Rei de Nápoles

1442 - 1458
Sucesor:
Fernando I
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 De Capmany y de Montpalau, Antonio (1792): Compendio cronológico-histórico de los soberanos de Europa. Primera Parte. Capítulo: "De los reyes de Aragón. Casa de Castilla", páx. 413.
  2. Fernando de Trastámara foi proclamado rei de Aragón o 28 de xuño de 1412 como Fernando I, quen o 5 de agosto entrou en Zaragoza, onde xurou o seu título perante as Cortes xunto ao seu fillo Afonso, futuro Afonso V o Magnánimo, que o fixo como herdeiro á Coroa de Aragón. En palabras de José Ángel Sesma:
    O breve reinado de Fernando I non supuxo de ningunha maneira unha nova etapa para a Coroa, nin sequera se pode falar dun cambio de dinastía. A Casa Real de Aragón seguirá no trono, polo menos durante o século XV.
    J. A. Sesma Muñoz, El Interregno (1410-1412). Concordia y compromiso político en la Corona de Aragón,Zaragoza, Institución «Fernando el Católico» (CSIC), 2011, páx. 224. ISBN 978-84-9911-143-8
  3. Véxase Alberto Montaner Frutos, El señal del rey de Aragón: Historia y significado, Zaragoza, Institución «Fernando el Católico», 1995, páxs. 24-25; Ana Isabel Lapeña Paúl, Ramiro II de Aragón: el rey monje (1134-1137), Gijón, Trea, 2008, páx. 184; Ernest Belenguer, «Aproximación a la historia de la Corona de Aragón», en Ernest Belenguer, Felipe V. Garín Llombart y Carmen Morte García, La Corona de Aragón. El poder y la imagen de la Edad Media a la Edad Moderna (siglos XII - XVIII), Sociedad Estatal para la Acción Cultural Exterior (SEACEX), Generalitat Valenciana y Ministerio de Cultura de España - Lunwerg, 2006, páx. 26; Adela Mora Cañada, «La sucesión al trono en la Corona de Aragón», en El territori i les seves institucions historiques. Actes de les Jornades d’Estudi. Ascó, 1997, vol. 2, Barcelona, Pagés (Estudis, 20), 1999, vol. 2, páxs. 553-556 e Carlos Laliena Corbera y Cristina Monterde Albiac, En el sexto centenario de la Concordia de Alcañiz y del Compromiso de Caspe, coord. por José Ángel Sesma Muñoz, Zaragoza, Gobierno de Aragón, 2012, páx. 5.
  4. Alberto Montaner, «La problemática del número de elementos en las armerías medievales: diseño frente a representación», Miguel Metelo de Seixas e Maria de Lurdes Rosa (coord.), Estudos de Heráldica Medieval, Lisboa, Instituto de Estudos Medievais; Centro Lusíada de Estudos Genealógicos e Heráldicos, 2012, páxs. 125-142; cfr. esp. páx. 130, fig. 2. ISBN 978-989-97066-5-1.
  5. Lafuente y Zamalloa, Modesto (1852). Historia general de España. pp. 300–301. Consultado o 31 de xaneiro de 2016. 
  6. Alzog, Johannes Baptist e De la Fuente, Vicente (1895): Historia eclesiástica o adiciones a la Historia general de la Iglesia, Volume 2. Barcelona: Librería religiosa, pp. 470-471.
  7. Ortiz de la Vega, Manuel (1856): Los héroes y las grandezas de la tierra, Tomo 6, p. 90.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]