Saltar ao contido

Giacomo Puccini

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 22 de abril de 2024 ás 19:52 por Chairego apc (conversa | contribucións)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)

Modelo:BiografíaGiacomo Puccini

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(it) Giacomo Antonio Domenico Michele Secondo Maria Puccini Editar o valor en Wikidata
22 de decembro de 1858 Editar o valor en Wikidata
Lucca (Gran Ducado de Toscana) Editar o valor en Wikidata
Morte29 de novembro de 1924 Editar o valor en Wikidata (65 anos)
Bruxelas, Bélxica Editar o valor en Wikidata
Causa da mortecancro de larinxe Editar o valor en Wikidata
Senador do Reino de Italia
18 de setembro de 1924 – 29 de novembro de 1924 (morte da persoa) Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
ResidenciaTorre del Lago Puccini (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
EducaciónConservatorio Giuseppe Verdi Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoMúsica culta, ópera e música Editar o valor en Wikidata
Ocupacióncompositor de ópera, director de orquestra, político, compositor, organista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1876 Editar o valor en Wikidata -
Membro de
Xénero artísticoMúsica clásica e ópera Editar o valor en Wikidata
ProfesoresAmilcare Ponchielli e Antonio Bazzini (mul) Traducir Editar o valor en Wikidata
InstrumentoÓrgano Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
FamiliaPuccini (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
CónxuxeElvira Puccini (1904–1924), morte da persoa Editar o valor en Wikidata
PaiMichele Puccini Editar o valor en Wikidata
ParentesFosca Gemignani, fillastra
Giacomo Puccini, tataravó
Simonetta Puccini Editar o valor en Wikidata
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Пуччини Джакомо)
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Dicionario Musical Riemann (1901–1904) Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0006242 IBDB: 8199
BNE: XX895857 Spotify: 0OzxPXyowUEQ532c9AmHUR Musicbrainz: a693df4a-8762-4a45-b7fd-6695b558385e Songkick: 60183 Discogs: 369053 IMSLP: Category:Puccini,_Giacomo Allmusic: mn0000928153 WikiTree: Puccini-3 Find a Grave: 2177 Editar o valor en Wikidata

Giacomo Antonio Domenico Michele Secondo Maria Puccini, nado en Lucca (daquela no Gran Ducado de Toscana e actualmente en Italia), o 22 de decembro de 1858 e finado o 29 de novembro de 1924 en Bruxelas (Bélxica), foi un compositor italiano de ópera. Considerado entre os máis grandes de finais do século XIX e comezos do XX, as súas óperas están entre as representadas con máis frecuencia no repertorio estándar.[1]

Foi considerado o mellor compositor da ópera italiana tras Giuseppe Verdi[2] e un dos máximos expoñentes do verismo. Algunhas das súas melodías como O mio babbino caro de Gianni Schicchi e Nessun Dorma de Turandot forman hoxe parte da cultura popular.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]
Casa natal de Puccini en 1984.

Nado en Lucca o 22 de decembro de 1858, Giacomo foi o sexto dos nove fillos[3] de Michele Puccini (Lucca, 27 de novembro de 1813 - 23 de xaneiro de 1864 ibídem) e Albina Magi (Lucca, 2 de novembro de 1830 - 17 de xullo de 1884 ibídem).

Os Puccini eran mestres de capela da Catedral de Lucca dende moitas xeracións atrás[4] e aínda que Giacomo, tras perder a seu pai aos cinco anos, foi mandado a estudar co seu tío materno, Fortunato Magi, este considerábao un estudante non particularmente dotado e sobre todo pouco disciplinado (un «talento», como chegou a definilo, ou un vago sen talento). Mellores resultados obtivo Carlo Angeloni, antigo alumno de Michele Puccini, tanto que aos catorce anos Giacomo puido comezar a contribuír á economía familiar tocando o órgano na Catedral de Lucca.

Algunhas anécdotas porén descríbeno como un temerario. Dise por exemplo que, para embolsarse algún centavo, foi roubar e revender algúns tubos do órgano da catedral e que sufriu unha condena por ter simulado o suicidio dun amigo.

A tradición di que decidiu adicarse ao teatro musical en 1876 logo de asistir a unha representación de Aida de Verdi en Pisa, a onde fora camiñando con dous amigos.[5]

A este período pertencen as súas primeiras composicións coñecidas, entre as que destacan unha cantata (I figli d'Italia bella, 1877), un mottetto (Mottetto per San Paolino, 1877) e unha Messa (1880).

As primeiras óperas

[editar | editar a fonte]

Deixada Lucca, de 1880 a 1883 Puccini estudou no Conservatorio de Milán, grazas a unha bolsa de estudo de cen liras mensuais durante un ano, que lle foi concedida pola raíña Margarida de Savoia por súplica de súa nai. Durante estes anos de miseria, compartiu habitación co seu amigo Pietro Mascagni. Entre os seus profesores destacan nomes como Amilcare Ponchielli e Antonio Bazzini.

En 1883 participou no concurso de óperas nun acto organizado pola editorial Sonzogno. Le Villi, con libreto de Ferdinando Fontana; non gañou o concurso, mais en 1884 foi representada no Teatro dal Verme de Milán baixo o padroado do editor Giulio Ricordi, un competidor de Sonzogno.

Animado polo grande éxito de Le Villi, Ricordi encargoulle unha nova ópera ao tándem Puccini-Fontana, destinada desta vez ao Teatro alla Scala, mais Edgar (1889), que lle levou ao compositor cerca de catro anos de traballo, non conseguiu moito éxito, e nas décadas seguintes foi sometida a modificacións substanciais sen conseguir que entrase no repertorio.

Mentres tanto, en 1884 Puccini formara a súa familia, iniciando unha convivencia destinada a durar toda a vida con Elvira Bonturi (esposa do tendeiro de Lucca Narciso Gemignani) tras varias visicitudes. Elvira achegou a súa filla Fosca e entre 1886 e 1887 a familia viviu en Monza, e durante ese tempo naceu o único fillo do compositor, Antonio (chamado Tonio). En Monza Puccini traballou na composición de Edgar, á que adicaría outros catro anos.

Torre del Lago

[editar | editar a fonte]

En 1891 Puccini trasladouse a Torre del Lago (actualmente denominada Torre del Lago Puccini, unha frazione de Viareggio): encantáballe o mundo rural e o consideraba o lugar ideal para cultivar a súa paixón pola caza e para as xuntanzas de artistas. O compositor fixo de Torre del Lago o seu refuxio, primeiro nunha vella casa alugada, e despois construíndo a vila á que se foi vivir en 1900. Puccini describíaa así:[6]

Ledicia suprema, paraíso, edén, empíreo, «turris eburnea», «vas spirituale», palacio... habitantes 120, 12 casas. País tranquilo, con espléndidas matogueiras fronte ao mar, poboadas por gamos, xabaríns, lebres, coellos, faisáns, arceas, merlos, pimpíns e pardais. Pantanos inmensos. Postas de sol luxuriosas e extraordinarias. Aire oportuno en verán, espléndido en primavera e outono. O vento dominante, de mistral no verán, no inverno o nordés ou o suroeste. Ademais dos 120 habitantes anteditos, as canles navegábeis e as cabanas trogloditas de xunca, hai diversos galeiróns, asubiadores, mergullóns e culleretes, certamente máis intelixentes ca os habitantes, pois a aproximación a eles é difícil. Din que na Pineta "latrica" tamén un animal raro, chamado «Antilisca»[7], para máis informacións dirixirse a...

Ao compositor gustáballe tanto, que non puido distanciarse dela por moito tempo, e afirmou estar «enfermo de torrelaghìte aguda». Un amor que respectou a súa familia logo da súa morte sendo enterrado na capela da vila. Alí foron compostas as súas óperas de maior éxito, a excepción de Turandot.

O éxito: a colaboración con Illica e Giacosa

[editar | editar a fonte]

Despois do paso en falso de Edgar, a súa terceira ópera – Manon Lescaut – foi un éxito extraordinario, quizais o máis auténtico da carreira de Puccini. Tamén marcou o inicio dunha frutuosa colaboración cos libretistas Luigi Illica e Giuseppe Giacosa. O primeiro fíxose cargo de Marco Praga e Domenico Oliva na fase final da xénese e o segundo tivo un papel máis oculto. Illica e Giacosa terían escrito entón os libretos das tres óperas seguintes, as máis famosas e representadas de todo o teatro pucciniano. A primeira, La Bohème (baseada na novela de Henri Murger Scènes de la vie de Bohème), é posiblemente a súa ópera máis famosa.

Entre as obras mestras do panorama operístico tardorromántico, La Bohème é un exemplo de síntese dramática, estruturada en catro cadros (é indicativo o uso deste termo en lugar do tradicional "actos") coa velocidade do raio. A seguinte, Tosca, representa a incursión de Puccini no melodrama histórico con fortes tinturas. O tema, en base a Victorien Sardou, pode lembrar algúns estereotipos da ópera verista, mais as solucións musicais anticipan máis ben, especialmente no segundo acto, o nacente expresionismo musical. Madama Butterfly (baseada nun drama de David Belasco) é a primeira ópera exótica de Puccini. O seu debut no Teatro alla Scala en 1904 foi un gran fiasco, probablemente en parte orquestrado polos seus críticos. Porén, despois dalgunhas modificacións, a ópera foi representada no Teatro Grande de Brescia, onde colleitou un éxito pleno que dura ata os nosos días.

A colaboración con Illica e Giacosa foi certamente a máis produtiva da carreira artística de Puccini. A Luigi Illica, dramaturgo e xornalista, correspondíalle principalmente o labor de esbozar un «lenzo» (unha especie de guión) e definir a trama pouco a pouco, discutíndoa con Puccini, ata chegar á redacción dun texto completo. A Giuseppe Giacosa, autor de comedias de éxito e profesor de literatura, correspondíalle o delicado labor de poñer en verso o texto, salvagardando tanto os aspectos literarios como os musicais, tarefa que levou a cabo con gran paciencia e sensibilidade poética.

A última palabra tíñaa sempre Puccini, a quen Giulio Ricordi alcumaba como «Doge», polo predominio que exercía dentro deste grupo de traballo. O mesmo editor contribuía persoalmente na creación dos libretos, suxerindo solucións, ás veces mesmo escribindo versos e en especial mediando entre os libretistas e o músico durante os frecuentes conflitos debidos ao frecuente costume do compositor de revolucionar o plano dramatúrxico durante a xénese da ópera.

Puccini e os seus libretistas

[editar | editar a fonte]

O libreto de Edgar foi un factor importante no fracaso da ópera. Dende aquela, especialmente na metade e cara ao final da súa carreira, Puccini foi extremadamente selectivo, e mesmo ás veces indeciso, nas súas eleccións de materiais para as súas novas obras. Puccini estaba profundamente implicado no proceso de redacción do libreto, requirindo moitas revisións dos seus libretos en termos tanto estruturais como textuais. A relación entre Puccini e os seus libretistas foi ás veces moi difícil. O seu editor, Casa Ricordi, foi requirido frecuentemente para mediar nas disputas e nas situacións de punto morto entre eles.[8]

Puccini explorou moitos temas posibles que finalmente rexeitaba só despois dun grande esforzo -como a creación dun libreto- posto neles.[9] Entre os temas que Puccini considerou seriamente, mais finalmente abandonou, encóntranse: Cristoforo Sly, Anima Allegra (baseada na obra El genio alegre de Serafín e Joaquín Álvarez Quintero), I due zoccoletti (unha pequena historia de Maria Louise Ramé, tamén coñecida como Ouida), a vida de María Antonieta de Austria, Margherita da Cortona, e Conchita (baseada na novela La Femme et le pantin, de Pierre Loüys).[8] Algúns destes temas abandonados foron empregados para óperas doutros compositores. Por exemplo, Franco Vittadini realizou unha ópera sobre Anima Allegra; a ópera de Mascagni Lodoletta deriva de I due zoccoletti, e Riccardo Zandonai finalmente escribiu Conchita.[8]

Puccini, os seus contemporáneos, e o verismo

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Verismo.

Hoxe, Puccini é con moito o compositor italiano máis interpretado de entre os seus contemporáneos, e o mesmo ocorreu durante a súa vida. Un autor inglés contemporáneo seu, escribiu en 1897: "[Puccini] é sen dúbida o máis completo de todos os novos compositores italianos, e a súa futura carreira será observada con interese". Os compositores italianos de ópera da xeración cos que foi comparado Puccini inclúen a Pietro Mascagni (7 de decembro de 18632 de agosto de 1945), Ruggero Leoncavallo (nado en Nápoles, 8 de marzo de 1857 - 9 de agosto de 1919), Umberto Giordano (28 de agosto de 186712 de novembro de 1948), Francesco Cilea (23 de xullo de 186620 de novembro de 1950), Baron Pierantonio Tasca (1858-1934), Gaetano Coronaro (nado en Vicenza, 18 de decembro de 1852; finado en Milán, 5 de abril de 1908). No momento da súa morte en 1924, Puccini gañara 4 millóns de dólares das súas obras.[10]

Once das óperas de Puccini están entre as 200 óperas máis representadas entre agosto de 2008 e decembro de 2011 (en todo o mundo, entre todos os compositores de calquera nacionalidade, segundo as estatísticas de Operabase).[11] Unicamente tres compositores, e tres óperas, de entre os contemporáneos italianos de Puccini figuran nesta lista: Cavalleria rusticana de Mascagni, Pagliacci de Leoncavallo, e Andrea Chénier de Giordano.

Puccini é frecuentemente denominado como un compositor "verista". O verismo é un estilo de ópera italiana que comezou en 1890 coa estrea da ópera de Mascagni Cavalleria rusticana, acadando o seu punto máximo na primeira década de 1900, e decaeu na década de 1920.[12] O estilo caracterízase polo realismo - ás veces sórdido ou violento - e a representación da vida cotiá, especialmente a vida das clases baixas contemporáneas. Xeralmente rexeita temas históricos ou mitolóxicos asociados ao Romanticismo. Cavalleria rusticana, Pagliacci, e Andrea Chénier son consideradas de xeito uniforme óperas "veristas" que representan as obras primarias do "verismo" que se representan na actualidade que non foron escritas por Puccini.

A carreira de Puccini como compositor coincidiu no tempo co movemento do verismo. Unicamente as súas óperas Le villi e Edgar precederon a Cavalleria rusticana. Cando menos dúas das óperas de Puccini, Tosca e Il tabarro, son consideradas xeralmente óperas veristas.[13] Mentres algúns ven a Puccini como un compositor esencialmente verista,[14] outros, aínda que recoñecendo que participou no movemento ata certo punto, non o ven como un compositor puramente verista.[15] Por outra banda, os críticos difiren sobre o grao no que óperas particulares de Puccini son, ou non, propiamente descritas como veristas. Por exemplo, o estudoso de Puccini Mosco Carner só sitúa dúas óperas de Puccini distintas de Tosca e Il tabarro dentro da escola verista: Madama Butterfly, e La fanciulla del West.[16]

Estilo e recepción

[editar | editar a fonte]

O Grove Music Online indica que

Puccini tivo éxito no dominio da orquestra como ningún outro compositor italiano fixera antes, creando novas formas manipulando estruturas herdadas da gran tradición italiana, cargándoas con audaces progresións harmónicas que tiñan pouco ou nada que ver co que estaba a suceder daquela en Italia, aínda que estaba á par co que facían os compositores franceses, austríacos e alemáns..[17]

Mentres que a música de Puccini se ten mantido extremadamente popular entre o público de ópera, Puccini foi sempre obxecto da condescendencia dalgúns dos críticos que encontran a súa música insuficientemente sofisticada ou difícil. Algúns teñen condenado explicitamente os seus esforzos para compracer o seu público, como este crítico italiano contemporáneo seu:

De boa gana mantense a si mesmo no menor talento, acariciando o gusto do público ... obstinadamente evita a innovación máis atrevida ... Un pouco de heroísmo, mais non toca grandes alturas; un pouco de comedia verista, mais breve; un lote de sentimento e idilio romántico: esta é a receita na que el atopa a felicidade. ([E]gli si arresta volentieri alla piccola genialità, accarezzando il gusto del pubblico ... rifuggendo ostinato dalle troppo ardite innovazioni. ... Un po' di eroismo, ma non spinto a grandi altezze, un po' di commedia verista, ma breve; molto idillio sentimentale e romantico: ecco la ricetta in cui egli compiace.)[18]

Aínda que Puccini é principalmente coñecido polas súas óperas, tamén compuxo algunhas pezas orquestrais, música sacra, música de cámara e cancións para voz e piano.

Giacomo Puccini con Ferdinando Fontana, en torno a 1885.

As doce doce óperas de Puccini, e a cidade, teatro e data da estrea:

Puccini no cine, a televisión e o teatro

[editar | editar a fonte]

Existen varios filmes, un drama televisivo e dúas miniseries de televisión adicadas á vida do compositor nado en Lucca:

  • Puccini (1953), filme dirixido por Carmine Gallone, con Gabriele Ferzetti no papel de Puccini. Trátase dunha versión romantizada da biografía de Puccini.
  • Puccini (1973), serie de televisión dirixida por Sandro Bolchi, con Alberto Lionello no papel de Puccini. Emitida pola RAI, este drama naceu coa intención de reproducir fielmente a vida do compositor. Un feito curioso legado por esta serie foi a polémica suscitada en Lucca e Viareggio polo acento marcadamente toscano central (ou florentino), que Lionello utilizou para dar voz ao músico. O actor gañouse por esta causa algúns centos de cartas de protesta.
  • La famiglia Ricordi (1994), miniserie dirixida por Mauro Bolognini, con Massimo Ghini no papel de Puccini. Emitida pola RAI, percorre máis de cen anos da historia da familia de editores musicais Ricordi. A última das catro entregas da miniserie está adicada á figura de Puccini.
  • Puccini e la fanciulla (2008), dirixida por Paolo Benvenuti, con Riccardo Moretti no papel de Puccini; narra a historia relacionada co suicidio da xove serventa Doria Manfredi e a relación de Puccini con Giulia, prima de Doria.
  • Puccini (2009), miniserie dirixida por Giorgio Capitani, con Alessio Boni no papel de Puccini; foi tamén retransmitida pola RAI os días 1 e 2 de marzo de 2009. O guión, fantasioso, ten pouco en conta os coñecementos históricos e biográficos.

Hai tamén un Puccini "teatral". A comedia máis famosa, neste sentido, é "Un bel di' vedremo (La vera storia di Madama Butterfly)" de Ruggero Rimini, estreada no verán de 1974 no Festival de Barga e representada na seguinte tempada teatral. Dirixida polo mesmo autor, foi interpretada pola compañía "Il Centro" de Lucca. Os escenarios e o vestiario eran, respectivamente, de Emanuele Luzzati e Santuzza Cali'. Puccini era interpretado por Gabriele Antonini. Un cuarto de século despois, na tempada 1998/99, a comedia foi representada pola "Compagnia del Dramma Italiano di Fiume" (Teatro Nacional Croata Ivan de Zajc), dirixida por Sandro Damiani. A preparación foi obra do director lírico e dramático croata Peter Selem. Escenarios de Raffaele Del Savio e vestiario de Dora Argento. Giacomo Puccini era interpretado por Claudio Trionfi.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. O sitio web Operabase.com na súa sección de estatísticas de ópera 2007–2012 coloca a Puccini, con 2294 representacións de 13 óperas, na terceira posición de compositores máis representados por detrás de Verdi (3020 representacións de 29 óperas) e Mozart (2410 representacións de 22 óperas). Tres das óperas de Puccini encóntranse entre as 10 máis representadas: La Bohème (2º posto), Tosca (5º posto) e Madama Butterfly (7º posto)
  2. Ravenni and Girardi, n.d., Introduction
  3. Otilia (Lucca, 24 de xaneiro de 1851 - 9 de marzo de 1923 ibídem), Tomaide (Lucca, 14 de abril de 1852 - 24 de agosto de 1917 ibídem), Temi (Lucca, 5 de outubro de 1853 - 1854 ibídem), Nitteti (Lucca, 27 de outubro de 1854 - Pordenone, 3 de xuño de 1928), Iginia (Lucca, 19 de novembro de 1856 - Vicopelago, 2 de outubro de 1922), Ramelde (Lucca, 19 de decembro de 1859 - Boloña, 8 de abril de 1912), Macrina (Lucca, 13 de setembro de 1862 - 4 de xaneiro de 1870 ibídem), Michele (Lucca, 19 de abril de 1864 - Río de Xaneiro, 12 de marzo de 1891).
  4. Giacomo (Celle di val di Roggio, Lucca, battezzato il 26 gennaio 1712 - Lucca, 16 maggio 1781); Antonio (Lucca, 30 luglio 1747 - Lucca, 10 febbraio 1832); Domenico (San Pier Maggiore, Lucca, 15 aprile 1772 - Lucca, 25 maggio 1815); Michele (Lucca, 27 novembre 1813 - Lucca, 23 gennaio 1864).
  5. Gino Monaldi, Giacomo Puccini e la sua opera, Selecta, Roma 1925, p. 14. Os amigos que o acompañaron na viaxe foron Zizzania e Carlo Carignani, que máis tarde realizou as reducións para canto e piano de numerosas obras de Puccini.
  6. Lettera ad Alfredo Caselli del luglio 1900, in Carteggi Pucciniani, a cura di Eugenio Gara cit., lett. 233.
  7. A antilisca naturalmente non existe: Puccini fixéralle unha burla a un amigo cazador, deixándoo no medio do bosque durante horas a esperar o fantástico paxaro.
  8. 8,0 8,1 8,2 Phillips-Matz
  9. Phillips-Matz, passim
  10. "The Puccini Centenary". Life 45 (23): 127. 8 de decembro de 1958. 
  11. "Stattistics". Operas, select "top=200" and "*World": Operabase. Consultado o 18 de novembro de 2012. 
  12. "Verismo" in Stanley Sadie (ed.) The New Grove Dictionary of Music & Musicians, London: Macmillan/New York: Grove, 1980, vol 19 p.670, ISBN 1-56159-174-2
  13. Fisher, Burton D., ed. (2003). Puccini's IL TRITTICO. Miami: Opera Journeys Pub. ISBN 0-9771455-6-5. 
  14. Montgomery, Alan (2006). Opera Coaching: Professional Techniques And Considerations. Nova York: Routledge Taylor and Francis Group. ISBN 9780415976015. 
  15. Berger, William (2005). Puccini Without Excuses: A Refreshing Reassessment of the World's Most Popular Composer. Random House Digital. p. 7. ISBN 1-4000-7778-8. 
  16. Carner, Mosco (1985). Giacomo Puccini, Tosca (Reprinted ed.). Cambridge, Cambridgeshire: Cambridge University Press. p. 6. ISBN 0-521-22824-7. 
  17. Ravenni and Girardi, #11 Assessment
  18. "Puccini, Franchetti, Leoncavallo". La Stampa. 8 de agosto de 1903. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]