Vello Oeste, Oeste salvaxe ou Oeste americano[1] (en inglés Old West, Wild West ou Far west), son as expresións con que se denomina popularmente o período e os episodios históricos que tiveron lugar no século XIX (principalmente entre os anos 1860 e 1890) e no inicio do século XX (principalmente na década de 1910) durante a expansión da fronteira dos Estados Unidos cara á costa do océano Pacífico. Aínda que a colonización do territorio comezou no século XVI coa chegada dos europeos, o obxectivo de alcanzar a costa oeste debeuse principalmente á iniciativa gobernamental do presidente Thomas Jefferson, despois da compra de Luisiana en 1803. A expansión da fronteira foi considerada como unha oportunidade de riqueza e progreso.

O sioux hunkpapa Touro Sentado e William Cody, máis coñecido como Buffalo Bill, recoñecidas personaxes do popularmente chamado "Vello Oeste" dos Estados Unidos.

Esta incesante e prolongada migración de persoas cara ao oeste deslocou culturas ancestrais e oprimiu minorías étnicas de amerindios. En contraste, o período suscitou importantes avances na industria, as comunicacións e a agricultura, á custa en varios casos dunha intensa exploración dos recursos humanos e naturais.

Estes eventos históricos, orixe dun mito nacional nos Estados Unidos, foron recreados por diversas manifestacións da arte. No cinema, o xénero desígnase western e narra historias de cowboys, pioneiros, amerindios, garimpeiros, empresarios etc. Historias de persoas variadas, condicións que emprenderon a aventura do oeste coa esperanza de acadar o éxito persoal mais que acabaron moitas veces confrontados coa xustiza ou coa fatalidade do destino. Os estudos actuais consideran que tras esta mistificación se agocha unha realidade complexa e que existe a tendencia de reconsiderar o papel de todos os que participaron naquela conxuntura social, económica e cultural que foi a fronteira dos Estados Unidos no século XIX.

A fronteira na historia dos Estados Unidos

editar
 
American Progress (1872), de John Gast. Nótese como os animais e os nativos foxen perante o avance dos pioneiros, do ferrocarril, dos agricultores etc., sendo estes acompañados por unha semideusa que cobre o territorio con liñas telegráficas.

A «fronteira» é un concepto que, na historia dos Estados Unidos de América, alude ao avance cara ao oeste e á procura de oportunidades dentro dun territorio descoñecido. Nas palabras dun autor moderno:

A fronteira é aquel lugar onde a civilización pode avanzar á custa do salvaxe. É unha delgada liña xeográfica onde o vello e o novo, o coñecido e o descoñecido se encontran e se colocan límites.[2]

A principios do século XIX, o Oeste era considerado un territorio salvaxe e inhóspito, con escasas posibilidades de ser habitado.[3] Para esta opinión non influía o feito de que os pobos amerindios estaban vivindo alá dende había varios milenios. O avance do Leste "civilizado" sobre o Oeste salvaxe foi o encontro e o choque entre dous mundos mutuamente exclusivos. A apropiación de territorios e o deslocamento dos nativos xustificouse coa doutrina do "destino manifesto", unha ideoloxíaa que afirmaba que todos estes acontecementos eran parte dun plano divino previsto para América do Norte e para o mundo.[4] En 1825, un político de Missouri chamado Thomas Hart Benton defendeu a colonización alegando que o seu propósito era levar a todos os povos «grandes e marabillosos beneficios a través da ciencia, dos principios liberais de goberno e da verdadeira relixión».[4] En 1893, unha vez pasado o período de expansión, Frederick Jackson Turner presentou a súa tese Significado da fronteira na historia dos Estados Unidos, máis coñecida como Tese da Fronteira (Frontier Thesis) ou Tese de Turner (Turner Thesis). Nela destacou a mestizaxe de pobos,[2] o logro da solidariedade entre as distintas rexión, a acción do goberno ao impulsar as comunicacións e a creación dunha personalidade nacional. O máis importante, no entanto, foi:

…a promoción da democracia aquí e en Europa (…) o individualismo dende o comezo promoveu a democracia (…) significa o triunfo da fronteira.[2]

Co tempo, a fronteira converteuse nun mito nos Estados Unidos.[5] Todo o que aconteceu no oeste, bo ou malo, serviu para forxar a personalidade do país a través de valores como a procura de oportunidades, a aplicación de solucións prácticas, a actitude enérxica perante as dificultades, a capacidade de innovación e o esforzo orientado para o progreso. En definitiva:

…un escape e un lugar de esperanza para aqueles dispostos e capaces de tomar o futuro nas súas propias mans.[2]
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para vaqueiro.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Compton´s Interactive Encyclopedia (1996), Frontier.
  3. Hakim, Joy (1999), A history of Us, book 5, pp. 14-15.
  4. 4,0 4,1 Berkin, Carol, et. al., (2006), Making America, p. 373.
  5. Berkin, Carol, et. al., op. cit., p. 593.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar