Menorá
A menorá (/məˈnɔːrə/; hebreo: מְנוֹרָה) descríbese na Biblia como un candelabro hebreo de sete brazos feito de ouro, que estaba situado no Tabernáculo e no Templo de Xerusalén.[1] No Templo, expresa a Biblia, diante do Santo dos Santos había un candelabro de ouro puro, labrado con mazo que tiña sete brazos, en cada un dos cales ardía unha lámpada ou luminaria.
Descrición
editarA descrición da menorá podemos atopala no libro do Éxodo.
Labrarás un candelabro de ouro puro; o candelabro, o seu pé e o seu fuste serán de ouro macizo; os seus cálices, corolas e flores formarán un corpo con el. Seis brazos sairán dos seus lados, tres dun lado e tres doutro. O primeiro brazo terá tres cálices con forma de flor de amendoeira con corola e flor, tamén o segundo terá tres cálices con forma de flor de amendoeira con corola e flor; e así os seis brazos que saen do candelabro. O candelabro terá catro cálices con forma de flor de amendoeira con corola e flor: un cáliz baixo os dous primeiros brazos formando un só corpo; outro baixo os dous seguintes e outro debaixo dos dous últimos; así serán iguais os seis brazos que saen do candelabro. Os cálices e os brazos formarán un só corpo co candelabro e todo será de ouro puro macizo...Éxodo 25:31-40 [2]
Historia
editarA menorá orixinal fabricouse para o Tabernáculo e a Biblia recolle que estivo presente ata que os israelítas cruzaron o río Xordán. Cando o Tabernáculo se estableceu na cidade de Shiloh, asúmese que a menorá tamén estaba presente. Porén, non se fai mención algunha durante os anos nos que a Arca da Alianza se desprazou en tempos de Samuel e Saul. Non hai mencións da menorá no Templo de Salomón salvo no libro dos Reis [3] Está rexistrado en Xeremías 52:19 que a menorá foi levada a Babilonia polo exército invasor varios séculos despois.
Durante a restauración do Templo tralos 70 anos de cativerio en Babilonia, non se fai mención ningunha do regreso da menorá, só de "vasillas".
O destino da menorá utilizada no Segundo Templo quedou rexistrado por Flavio Xosefo, quen di que foi levada a Roma e transportada durante o triunfo de Vespasiano e Tito. A menorá foi depositada no Templo da Paz de Roma. O relevo no Arco de Tito en Roma mostra a escena dos soldados transportando varios obxectos durante o saqueo do Segundo Templo, en particular, o candelabro de sete brazos.
Probablemente a menorá foi roubada durante o Saqueo de Roma do ano 455, e levada polos Vándalos a súa capital, Cartago.[4] O exército bizantino, baixo o mando de Belisario puido levala a Constantinopla no ano 533. Segundo Procopio, foi transportada polas rúas de Constantinopla durante a procesión triunfal de Belisario.[5] Procopio engade que o obxecto foi enviado de volta a Xerusalén onde non hai rexistros, aínda que probablemente fose destruído durante o asedio dos persas no ano 614.[6]
Simbolismo
editarXudaísmo
editarA menorá simboliza no xudaísmo o ideal da iluminación universal[7] Os sete brazos son unha alusión ás ramas do coñecemento humano, representado por seis lámpadas inclinadas cara ao interior, e simbolicamente guiadas pola luz de Deus representado pola lámpada central. A menorá tamén representa creación en sete días, co brazo central representando o shabat.[8]
Cristianismo
editarO libro da Revelación do Novo Testamento refírese a sete candelabros, representando as sete igrexas de Asia as cales foi enviada a revelación (Éfeso, Smyrna, Pergamo, Tiatira, Sardes, Filadelfia e Laodicea), cun "Fillo do Home" no medio deles.[9]
Segundo Clemente de Alexandría e Filón de Alexandría, as sete lámpadas da menorá dourada representaban os sete planetas clásicos nesta orde: a Lúa, Mercurio, Venus, o Sol, Marte, Xúpiter e Saturno.[10]
Estado de Israel
editarDesde 1948 a menorá é un dos símbolos do Estado de Israel e aparece representada no seu emblema.
Notas
editar- ↑ J.D. Douglas y Merril C. Tenney, The New International Dictionary of the Bible, Grand Rapids, Michigan: Zondervan Publishing House, 1987, pp. 581-582.
- ↑ Éxodo 25:31-40
- ↑ Reis 7:49
- ↑ Edward Gibbon: The History of the Decline and Fall of the Roman Empire Arquivado 03 de xaneiro de 2008 en Wayback Machine. (Volume 7: Chapter XLI. From the Online Library of Liberty. The J. B. Bury edition, in 12 volumes.)
- ↑ Procopius, Vandal Wars, Book IV. ix. 5.
- ↑ Procopius, Vandal Wars, Book IV. ix. 9.
- ↑ Chanan Morrison, Abraham Isaac Kook, Gold from the Land of Israel: A New Light on the Weekly Torah Portion - From the Writings of Rabbi Abraham Isaac HaKohen Kook, page 239 (Urim Publications, 2006). ISBN 965-7108-92-6
- ↑ Birnbaum, Philip (1975). A Book of Jewish Concepts. New York: Hebrew Publishing Company. pp. 366–367. ISBN 088482876X.
- ↑ Apocalipse. 1:12,20
- ↑ p.10, Morals and Dogma of the Ancient and Accepted Scottish Rite of Freemasonry by Albert Pike (L.H. Jenkins, 1871 [1948])
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Menorá |