François Quesnay
Quesnay, nado en Méré (anteriormente denominada Merey) o 4 de xuño de 1694[1] e morto en Versalles o 16 de decembro de 1774,[2] foi un médico e economista francés pensador do rei Lois XV e fundador da primeira escola de economía, a escola do fisiócratas. Foi autor de Tableau économique (en galego, Cadro económico), publicada en 1758, que foi a primeira representación esquemática da economía.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 4 de xuño de 1694 Méré (Reino de Francia) |
Morte | 16 de decembro de 1774 (80 anos) Versalles (Reino de Francia) |
Actividade | |
Campo de traballo | Economía |
Ocupación | filósofo, cirurxián, naturalista, Enciclopedista, economista, médico, escritor |
Membro de | |
Movemento | Fisiocracia |
Influencias | |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Parentes | Alfred Quesnay de Beaurepaire Jules Quesnay de Beaurepaire |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Larousse Encyclopedia online (pt) Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Кенэ Франсуа) Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron |
Traxectoria
editarProcedente dunha familia modesta, seu pai foi un pequeno terratenente (e non un avogado como se indica tradicionalmente).[3] Tivo once irmáns[4]. Ós once anos, aínda non sabía ler e aprendeu do seu xardineiro[5], que foi quen animou nel o gusto pola medicina e pola "administración rural". A partir de 1711, aprendeu latín e grego co sacerdote da súa aldea.
O cirurxián
editarCando tiña trece anos, quedou sen pai e decide dedicarse á cirurxía. Marchou a París e estudou medicina e cirurxía e, despois de se converter en mestre cirurxián, estableceuse en Mantes. En 1718, foi o mestre da comunidade de cirurxiáns de París [6] e en 1737 foi designado secretario perpetuo da Academia de cirurxía fundada por François Gigot de La Peyronie, e pasou a ser cirurxián real en 1723 [7] .
En 1744, obtivo o título de doutor en medicina e se tornou médico de Madame de Pompadour en 1749[8]. Volveu á Academia de Ciencias en 1751 e pasou a ser membro da Royal Society en 1752.
O mesmo ano, foi ennobrecido por Lois XV trala cura do delfín da varíola[9]. Como resultado desta curación, recibiu das mans do soberano tres flores de pensamento[10] para o escudo de armas co lema Propter excogitationem mentis.[11] Os seus apousentos estaban no entrechán do palacio e Lois XV que o tiña en grande estima adoitaba chamalo "o meu pensador".
Os seus primeiros libros céntranse na medicina: Observations sur les effets de la saignée (1730), Essai phisique sur l'œconomie animale (1736), L'Art de guérir par la saignée (1736), Traité de la suppuration (1749), Traité de la gangrène (1749), Traité des fièvres continues (1753).
Interese tardío pola economía
editarAs súas relacións, entre as que se atopaban os académicos D'Alembert e Buffon, o filósofo Diderot, mais tamén os habituais do entresolo onde vivía, Helvétius e Condorcet, fan que descubra novos centros de interese. Logo da brillante carreira como cirurxián que o levou á cabeceira do rei, Quesnay mira a economía nos anos 1750.
Coñeceu a Vincent de Gournay (1712-1759), que tamén foi outro pioneiro do pensamento económico, e ao redor dos dous formaríase, progresivamente, o grupo filosófico dos economistas ou fisiócratas, que eran considereados polos seus detractores como "seita de economistas". Entre os seus discípulos máis destacados están Victor Riquetti, marqués de Mirabeau (autor de L'Ami des hommes, 1745-1760, Philosophie rurale, 1763 e de Éphémérides du citoyen); o abade Nicolas Badeau (Introduction a la philosophie économique, 1771); Guillaume-Francois Le Trosne (De l'ordre social, 1777); o avogado André Morellet, coñecido polas súas liortas con Ferdinando Galiani sobre o comercio do gran durante a Guerra da Fariña; o intendente Pierre-Paul Lemercier, e a Pierre Samuel du Pont de Nemours.[12] Tamén chegou a coñecer a Adam Smith, quen durante a súa viaxe polo continente en compaña de Henry Scott achegouse a París onde contactou con Quesnay e algúns dos seus seguidores e a quen agradeceu os seus servizos científicos na súa obra A riqueza das nacións.
A partir das experiencias de Inglaterra, foi o creador da escola fisiócrata, na que se sostiña que a agricultura era o único medio para xerar riquezas nun país.
Non perdan xamais de vista o soberano e a nación que a terra é a única fonte de riquezas, e que é a agricultura quen as multiplica. Pois o aumento das riquezas asegura o da poboación; os homes e as riquezas fan prospera-la agricultura, estenden o comercio, estimulan a industria, acrecentan e perpetúan as riquezas. De tan abondoso manancial depende o logro de tódalas partes da administración do reino.
F. Quesnay: Maximes générales du guvernement économique d'un royaume agricole (1767)[13]
Foi defensor dun modelo que el vía representado no despotismo chinés, foi venerado polos seus discípulos fisiocráticos como "o Confucio de Europa".
Os derradeiros anos
editarNos últimos anos da súa vida, François Quesnay comezou a estudar matemáticas. O seu amigo D'Alembert fala nestes termos desta lamentable experiencia:
Tivo a desgraza de atopar de inmediato a trisección do ángulo e a cadratura do círculo, e de probar con razoamentos metafísicos que lle parecían incuestionábeis, que a diagonal do cadrado e o seu lado non son inconmensurábeis
Porén, este fallo tardío non puxo en dúbida a súa reputación que adquirira nunha idade máis nova en cirurxía e economía.
Á morte de Lois XV en maio de 1774, Quesnay tivo que abandonar o Palacio de Versalles para establecerse no Grand Commun, onde morreu o 16 de decembro, a tempo de ver ao seu discípulo Turgot no cargo de ministro de finanzas.
Obra
editarQuesnay publicou os seus primeiros escritos económicos en 1756-1757 na Encyclopédie de Diderot e D' Alembert (os artigos "Fermiers" e "Grains"). O ano seguinte aparece a primeira versión do seu famoso Tableau économique onde presenta a orde natural da economía e o papel dos economistas é revelar as leis da natureza. As leis económicas funcionan do mesmo xeito que as leis da física. Este texto representa as ideas dos fisiócratas.
O Tableau économique parece estar inspirado na circulación do sangue en humanos, nun modelo de fluxo, contra-fluxo e intercambio. Pero Quesnay está situado nunha concepción orgánica da sociedade, herdada de Hobbes. A representación mecánica da economía está, polo tanto, en consonancia coas representacións da sociedade do século XVII.
Foi o primeiro en imaxinar a economía a nivel macroeconómico de tal xeito que os axentes económicos non son considerados como unha suma de axentes individuais, como na teoría clásica (Adam Smith, David Ricardo, John Stuart Mill ), senón que representan clases sociais. Polo tanto, tendo en conta a economía no seu conxunto e contra o postulado clásico do individualismo metodolóxico, foi un precursor do pensamento de Karl Marx e Keynes, pois ambos asumirán o modelo da táboa, que representa a economía en forma de circuíto.
Debe saberse que para Quesnay, a diferenza dos diferentes pensadores económicos da época, o valor só pode ser creado pola terra, polo que non se debe esmagar a agricultura con impostos. Estaba obsesionado coa idea do "bo prezo" do gran e lamenta a caída dos prezos.
Tableau économique
editarQuesnay publica o Tableau économique na nova imprenta recentemente instalada no Palacio de Versalles. En total, Quesnay escribirá tres versións. A primeira edición data de novembro ou decembro de 1758. Esta primeira versión do "zigzag" está baseada en ingresos de 400 libras e incluíu vinte e dous "comentarios". A segunda edición, que data da primavera de 1759, ten uns ingresos de 600 libras e contén 23 comentarios. A terceira edición, publicada en 1759, baséase tamén nunha renda de 600 livres e contiña unha "explicación" de doce páxinas e un "extracto" que contén vinte e catro máximas.
Quesnay representa á economía como un dominio coherente de natureza sistémica inspirado no descubrimento de William Harvey, un século e medio antes, do mecanismo da pequena circulación sanguínea. Divide a sociedade en dous sectores (agricultura e o resto) e tres clases en función da súa relación co produto neto: a clase produtiva, composta esencialmente por agricultores, que é a única capaz de proporcionar un produto neto, é dicir, capaz de multiplicar os produtos; a clase estéril, que está composta daqueles cidadáns ocupados en traballos diferentes á agricultura, e transforman os bens sen multiplicalos; e, finalmente, a clase dos propietarios de terras, cuxa única función é gastar os ingresos que reciben, sen producir ningún ben.
A táboa así elaborada, pode representarse dun xeito máis moderno na forma dun circuíto ou como unha táboa de entradas e saídas de Leontief, usada na análise de entradas e saídas. Ademais, a táboa de Quesnay, que une as clases sociais mediante fluxos de materiais e de cartos, pode considerarse como o devanceiro das matrices de contabilidade social .
Este esquema concibe á nación como un conxunto reducido a tres grandes clases definidas segundo a súa función económica:
- A clase produtiva corresponde á clase de agricultores que é o grupo social que orixina a produción anual global dado que a agricultura é a única fonte de riqueza.
- A clase dos propietarios é o grupo formado pola aristocracia, o soberano e o clero, que, sen cultivar a terra, aprópianse anualmente do " produto neto " en forma de renda pagada pola clase produtiva;
- A clase estéril, está representada por tódolos demais grupos que se dedican a outras actividades diferentes ás da agricultura.
Quesnay estimou a produción agrícola en 5 millardos (cinco mil millóns) de francos da época, e distribuíuna do seguinte xeito:
- 2 millardos eran retidos pola clase produtiva do sector en forma de comida, necesaria para a vida dos que traballan a terra (mil millóns) e para sementes (mil millóns);
- a clase dos propietarios recibe dous mil millóns en metálico mediante o pagamento da renda pola clase produtiva, da que usan a metade para comprar produtos agrícolas e o resto para adquirir bens de consumo artesanais e de diversos tipos da clase estéril;
- outro millardo é empregado pola clase produtiva para substituír o equipamento desgastado (arados de madeira, ferro, pas, etc.), é dicir, os bens de produción;
- a clase estéril merca á clase produtiva materias primas agrícolas por valor dun millardo.
A análise de Quesnay trae así por primeira vez as nocións de interdependencia das actividades económicas, a de proceso de reprodución e a de equilibrio que serán tomadas e desenvolvidas máis tarde por outros economistas posteriores aos fisiócratas, como Marx, Walras e Leontief en particular.
A táboa económica describe un estado ideal da economía. Sobre esta base, de ano en ano, a economía reprodúcese como está. Non hai máis crecemento. Quesnay considera esta situación como o mellor estado posible para Francia.
A posteridade do seu traballo
editarA principal contribución de Quesnay é consolidar os fundamentos desta nova disciplina, a economía. Con Quesnay, o pensamento económico está a facerse cada vez máis autónomo da teoloxía e da política, e difiere significativamente no seu método da obra anterior dos estrudos anteriores da época medieval (por exemplo, Tomé de Aquino) ou mercantilista.
As ideas e obras de Quesnay serán retomadas por moitos economistas. A noción de interdependencia das actividades económicas será retomada polas obras de Léon Walras ou as de Keynes na súa Teoría xeral . O Tableau économique de Quesnay tamén pode considerarse como precursora da táboa de entrada e saída de Leontief. As clases produtivas e estériles poden realmente ser asimiladas aos sectores I e II dunha economía, por exemplo, coa agricultura e a industria. Os avances anuais da clase produtiva poden asimilarse ao consumo intermedio necesario para a produción agrícola:
Os sectores | Compras anuais | Produción anual | ||
---|---|---|---|---|
I | II | III | ||
I Clases produtivas | 2 | 1 | 2 | 5 |
II Clases de propietarios | 2 | 0 | 0 | 2 |
III Clases estériles | 1 | 1 | 0 | 2 |
Total de compras | 5 | 2 | 2 | 9 |
Na obra Revolutionary Wealth, os autores Alvin e Heidi Toffler dedican o capítulo "o factor Quesnay" ao cambio de paradigma económico da civilización, criticando a "economía convencional" e avanzando na idea de que Quesnay puido mostrarse "incapaz de pensar o paso da sociedade agraria á sociedade industrial [do mesmo xeito que outros economistas contemporáneos cegados non poden medir] a transición dunha sociedade industrial a unha sociedade do coñecemento".[14]
Obra
editar- 1730; Observations sur les effets de la saignée, tant dans les maladies du ressort de la médecine que de la chirurgie, fondées sur les lois de l'hydrostatique avec des remarques critiques sur le Traité de l'usage des différentes sortes de saignées, de M. de Silva
- 1736; L'Art de guérir par la saignée, où l'on examine en même tems les autres secours qui doivent concourir avec ce remède, ou qui doivent lui être préférés, dans la cure des maladies tant médicinales que chirurgicales, 1736
- 1737; Lettres sur les disputes qui se sont élevées entre les médecins et les chirurgiens sur le droit qu'a M. Astruc d'entrer dans ces disputes, sur la préférence qu'il se donne en comparant son ouvrage avec celui de Hery
- 1743; Préface du tome I des Mémoires de l'Académie royale de chirurgie
- 1747; Essai physique sur l’économie animale, Paris, chez Guillaume Cavelier, 1736, in-12, XXVI-311 p.; 2e éd. (augmentée de deux vol.), Paris : chez Guillaume Cavelier, 3 vol. in-12, CXI-612, 662 et 768 p.
- 1748; Examen impartial des contestations des médecins et des chirurgiens, considérées par rapport à l'intérêt public.
- 1749; Recherches critiques et historiques sur l'origine, sur les divers états et sur les progrès de la chirurgie en France, en collaboration avec François Bellial des Vertus
- 1749; Traité de la gangrène.
- 1749; Traité de la suppuration
- 1749; Histoire de l'origine et des progrès de la chirurgie en France, en collaboration avec François Bellial des Vertus
- 1753; Traité des fièvres continues.
- 1756; «Évidence », tomo VI de l'Encyclopédie de Diderot et d'Alembert.
- 1756; «Fermiers », tomo VI de l'Encyclopédie de Diderot et d'Alembert.
- 1757; «Grains », tomo VII de l'Encyclopédie de Diderot et d'Alembert.
- 1758; Tableau économique de François Quesnay, 5 p.
- 1759; Essai sur l'administration des terres
- 1765; «Observations sur le droit naturel des hommes réunis en société», Journal de l'agriculture, septembre 1765.
- 1766; Analyse de la formule arithmétique du tableau économique de la distribution des dépenses annuelles d'une nation agricole de François Quesnay, 30 p.
- 1767; Maximes générales du gouvernement économique d'un royaume agricole.
- 1767-1768; par Victor Riqueti Mis de Mirabeau et F. Quesnay, Philosophie rurale ou Économie générale et particulière de l’agriculture, réduite à l’ordre immuable des lois physiques et morales qui assurent la prospérité des empires, Amsterdam (Paris) : libraires associés, 1763, in-4°, XXVI-412 p. (ou 3 vol. in-12) ; abrégé sous le titre Éléments de la philosophie rurale, La Haye : libraires associés, 1767-1768, in-12, II-CVI-241 p. et tableau
- 1768; Maximes générales du gouvernement agricole le plus avantageux au genre humain.
- 1768-1769; Physiocratie, ou Constitution naturelle du gouvernement le plus avantageux au genre humain, recueil publié par Pierre-Samuel Dupont de Nemours, 2 volumes
- 1773; Recherches philosophiques sur l'évidence des vérités géométriques, avec un projet de nouveaux éléments de géométrie.
- 1775; Maximes générales du gouvernement agricole le plus avantageux au genre humain, Paris : Bureau de "a Correspondance", in-folio
Notas
editar- ↑ Gustave Schelle cuestiona a data do nacemento por mor da partida de nacemento que está datada o 20 xuño; pois, daquela, o bautismo levábase a cabo ao día seguinte ou dos día despois do nacemento (Schelle, 1907; p. 8)
- ↑ "Les membres du passé dont le nom commence par Q". academie-sciences.fr. Consultado o 9-6-2019.
- ↑ Aparece este erro xa en Éloge de M. Quesnay, de D'Alembert
- ↑ Schelle (1907), p. 11
- ↑ Schelle (1907), p. 12
- ↑ Schelle (1907), p. 19
- ↑ Schelle (1907), pp. 21-22
- ↑ Schelle (1907), pp. 94-95
- ↑ (Schelle 1907, p. 114)
- ↑ Schelle (1907), pp. 115-116
- ↑ Blanqui (1842), p. 118
- ↑ Blanqui (1842), p. 110
- ↑ Artola (1982), p. 428
- ↑ Esta perspectiva é proposta polo analista Naïri Nahapétian en Alternatives Economiques (n° 265) de xaneiro de 2008.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: François Quesnay |
Bibliografía
editar- Artola, Miguel (2000). Textos fundamentales para la Historia (en castelán). Madrid: Alianza editorial. ISBN 84-206-8009-5.
- Blanqui, M. Adolphe-Jérôme (1842). Histoire de l'economie politique en Europe, depuis les anciens jusqu'a nos jours (en francés) (2ª ed.). París: Libraire Guillaumin.
- Henry, Gérard Marie (2009). Histoire de la pensée économique (en francés). París: Armand Colin. ISBN 9782200244033.
- Pouillon, François (2008). Dictionnaire des orientalistes de langue française (en francés). Karthala. ISBN 9782811140991.
- Schelle, Gustave (1907). Le Docteur Quesnay : chirurgien, médecin de Mme de Pompadour et de Louis XV, physiocrate (en francés). París: F. Alcan.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Obras de F. Quesnay na Biblioteca Nacional de España
- Obras de F. Quesnay en Internet Archive