O tenis de mesa é un deporte similar ó tenis coa característica especial de que se golpea a pelota ó rebotar nunha mesa. Tamén é coñecido como pimpón.[1] Este termo procede dunha marca rexistrada da empresa John Jaques Ltd.[2]

Competición de tenis de mesa.

Características xerais do xogo

editar

A mesa

editar

As medidas da mesa son: unha lonxitude de 2.74 m (9 pés); unha anchura de 1.525 m (5 pés); a superficie de xogo estará a 76 cm (30 polgadas) do chan. No centro da mesa haberá unha rede cunha altura de 15.25 cm (6 polgadas), que separa os dous campos.[3][4]

A bóla

editar

A bóla ten un diámetro de entre 38 e 40 mm, circunferencia de 119 milímetros aproximadamente e pesa 2,7 gramos. Será de celuloide ou dun material plástico similar, branca ou laranxa, e mate. Ata hai uns anos, o diámetro da bóla era 38 milímetros, pero foi aumentado a 40 milímetros coa finalidade de conseguir tanteos máis longos.[5]

O partido

editar

Os partidos poden ser individuais ou dobres.

Ata o ano 2002 os partidos eran ó mellor de 3 ou 5 xogos, e constaban de 21 puntos. A partir de entón os partidos dispútanse ó mellor de 5 ou 7 xogos de 11 puntos cada un. O cambio realizouse para facer ó deporte máis atractivo visualmente.

A paleta pódese agarrar principalmente de dúas diferentes formas:

  • A presa europea, que permite utiliza-las dúas caras da pa, dando lugar ós golpes clásicos de dereita, e de revés. Utilizada por xogadores como Jan-Ove Waldner.
  • A presa asiática, que utiliza principalmente unha única cara. Wang Hao utilízaa.

O servizo

editar

O que serve debe lanzar coa palma da man cara a arriba verticalmente a bóla verticalmente. Cando a pelota baixe, será golpeada coa raqueta de xeito que toque primeiro nun lado do campo e, tras pasar por riba da rede sen tocala, no outro. O servizo é incorrecto se, ademais de non se dar calquera das circunstancias anteriores, o xogador falla a pelota con intención de golpeala.

O cambio de saque realízase cada dous puntos e, continúase así ata o final da manga ou ata que o marcador acade 10-10, pois, a partir dese momento, hai un cambio de servizo cada punto.

O servizo deberá repetirse, se a bóla, tras realizalo, toca a rede ou un dos soportes e repetirase tantas veces como sexan necesarias para a realización dun servizo correcto.

Desenvolvemento

editar

Un xogador perde un punto se:

  • Non realiza o servizo correctamente
  • Non consegue devolve-la bóla de xeito que esta bote unicamente no campo do contrincante.
  • Se a súa man libre toca a superficie da mesa mentres a pelota está en xogo.
  • Se golpea dúas veces a pelota consecutivamente.

Cambio de campo

editar

O xogador que empeza nun campo nunha manga, iniciará a seguinte manga no outro campo e, así, ata a fin do partido. Na última manga os xogadores cambiarán de campo no momento en que un deles acade 5 puntos

Arbitraxe

editar

O número de árbitros nun torneo debe ser de dous por mesa, quen levan conta de saques e puntos e supervisan o cumprimento do regulamento.

Historia

editar

Este deporte ten a súa orixe a finais do século XIX en Inglaterra. Os membros dun club de tenis tiñan un local cuberto onde entraban cando chovía, e alí foi onde xurdiu o deporte. Ó principio empregábanse bólas de cortiza, de goma e finalmente se chegou á actual fabricada con celuloide.[6]

En 1901 comezáronse a celebrar no Reino Unido torneos de tenis de mesa chegando a participar 300 xogadores. É deporte olímpico dende o ano 1988.[7]

China é a maior potencia neste deporte, aínda que durante da década dos 90 Suecia acadou a vitoria repetidas veces grazas ós seus xogadores Jan-Ove Waldner (considerado por moitos o mellor xogador da historia), Jorgen Persson, Mikael Appelgreen e Peter Karlson.

Tenis de mesa adaptado

editar

Dadas as características do tenis de mesa, é un moi bo deporte para persoas que sofren algunha minusvalía física, as cales se integran co resto de xogadores, discapacitados ou non. Estes xogadores, á marxe de que existen competicións específicas, forman parte dos campionatos e ligas regulares, participando bastantes deles en ligas nacionais (algún xogando en cadeira de rodas).

Nas competicións de xogadores en cadeira de rodas, a bóla debe saír pola liña de fondo da mesa para que o punto sexa sumado. No caso de que saia por un lateral, o punto será nulo. Nos partidos de dobres de cadeira de rodas a parella non ten por que golpear a bóla alternativamente.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pimpón.
  2. "Member Associations". ITTF. Arquivado dende o orixinal o 2017-08-07. Consultado o 2017-06-25. 
  3. International Table Tennis Federation 2011, index 2.1
  4. "ITTF Technical Leaflet T1: The Table". 2013-05-14. 
  5. "ITTF Technical Leaflet T3: The Ball" (PDF). ITTF. December 2009. p. 4. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2011-03-04. Consultado o 2010-07-28. 
  6. WashingtonPost.com. Accessed 2012-08-02.
  7. Chisholm, Hugh, ed. (1911). "Ping-pong". Encyclopædia Britannica 21 (11ª ed.). Cambridge University Press (en inglés). p. 626.