Saltar ao contido

Xordeira

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Xordo»)

Xordeira
Clasificación e recursos externos
Símbolo internacional da xordeira.
ICD-10H90H91
ICD-9389
MedlinePlus003044
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A xordeira é a dificultade ou imposibilidade de usar o sentido do oído, por mor dunha perda da capacidade auditiva parcial (hipoacusia) ou total (cofose), e unilateral ou bilateral. Polo tanto, unha persoa xorda é incapaz ou ten problemas para escoitar. Este pode ser un trazo herdado ou consecuencia dunha doenza, traumatismo, exposición a longo prazo ao ruído, ou do consumo de medicamentos agresivos para o nervio auditivo.

Cadro clínico

[editar | editar a fonte]

Para comprobar o grao de xordeira faise unha proba de audiometría, de modo que unha persoa con xordeira pode ter problemas na percepción correcta da intensidade (decibelios) ou da frecuencia (hertzs) de sons relacionados coa linguaxe oral, e é frecuente que se dean resultados diferentes para cada oído. A perda da capacidade auditiva adoita describirse como leve, benigna, moderada, severa ou profunda segundo o grao. Xeralmente, cando un neno ou nena ten perda auditiva respecto aos 90 dB, considérase que ten necesidades educativas especiais.

Tipoloxía

[editar | editar a fonte]

Unha primeira clasificación é respecto á gravidade da xordeira. A xordeira parcial ten lugar cando a persoa ten unha leve capacidade auditiva e vese obrigado a usar un aparello auditivo para que esta mellore. A xordeira total ou completa é aquela que impide a unha persoa ouvir en absoluto.

Existen outros criterios á hora de clasificar as diferentes tipoloxías de perda auditiva ou xordeira: segundo a localización da lesión, segundo o grao de perda auditiva, segundo as causas, ou segundo a idade do comezo da xordeira.

Localización

[editar | editar a fonte]

Perda auditiva condutiva ou de transmisión

[editar | editar a fonte]

É causada por enfermidades ou obstrucións no oído exterior o medio (as vías de condución a través das cales o son chega ao oído interior). Adoita afectar todas as frecuencias do oído de xeito uniforme, aínda que non resulten perdas severas. Unha persoa cunha perda da capacidade auditiva condutiva ben pode usar audiófonos ou ben pode recibir axuda médica ou intervencións cirúrxicas.

Perda auditiva sensorial, neurosensorial ou de percepción

[editar | editar a fonte]

Dáse cando están danadas as células capilares do oído interno ou os nervios que o abastecen. Esta perda auditiva pode abarcar desde perdas leves a profundas. Afecta á habilidade da persoa para ouvir certas frecuencias máis ca outras, de modo que ouve o son de forma distorcida, aínda que use un audiófono amplificador. Non obstante, na actualidade as grandes prestacións tecnolóxicas dos audiófonos dixitais son capaces de amplificar só as frecuencias deficientes, distorcendo inversamente a onda para que a persoa xorda perciba o son da forma máis parecida posible como sucedería cunha persoa oínte.

Perda auditiva mixta

[editar | editar a fonte]

Refírese aos casos en que existen aspectos de perdas condutiva e sensoriais, de modo que existen problemas tanto no oído externo ou medio como no interno. Este tipo de perda tamén pode deberse a danos no núcleo do sistema nervioso central, nas vías ao cerebro ou no mesmo cerebro. É importante ter coidado con todo tipo de golpes fortes na zona auditiva, xa que son os principais causantes deste tipo de xordeira.

Perda auditiva central

[editar | editar a fonte]

Esta tipoloxía refírese á acontecida por mor de lesións nos centros auditivos do cerebro.

Grao da perda

[editar | editar a fonte]

Considérase que existe unha audición normal cando unha persoa ouve por baixo dos 20 dB. Unha discapacidade auditiva leve estaría a ouvir entre os 20 e 40 dB. Discapacidade auditiva media cun límite auditivo entre 40 e 70 dB. Discapacidade auditiva severa entre 70 e 90 dB. A perda profunda é cun límite superior a 90 dB.

A perda total (cofose) acádase ao non ouvir por riba dos 120 dB. Pode deberse a malformacións internas da canle auditiva (como a ausencia de cóclea) ou á perda total dos restos auditivos por motivos xenéticos. Entre todas as persoas xordas, a porcentaxe de persoas que padecen cofose é moi pequena, case insignificante.

Causa da perda

[editar | editar a fonte]

A etioloxía da discapacidade auditiva pode ser por causas esóxenas como a rubéola materna durante o embarazo ou a incompatibilidade do factor Rh, e que adoitan provocar outros problemas asociados (dificultades visuais, motoras ou cognitivas). Pode deberse tamén a unha xordeira hereditaria, que ao ser recesiva non acostuma implicar trastornos asociados.

Idade de inicio

[editar | editar a fonte]

O momento en que aparece a discapacidade auditiva é determinante para o desenvolvemento da linguaxe, polo que se distinguen 3 grupos:

  • Prelocutivos: se a discapacidade sobreviu antes de adquirir a linguaxe oral (antes dos 2 anos).
  • Perilocutivos: se a discapacidade sobreviu mentres se adquiría a linguaxe oral (entre 2 e 3 anos).
  • Poslocutivos: se a discapacidade sobreviu despois de adquirir a linguaxe oral (despois dos 3 anos).

Etioloxía

[editar | editar a fonte]

Xordeira verdadeira ou perda do limiar de intensidade de audición.

Xordeira de transmisión.
  • Lesións do oído externo.
    • Malformacións.
    • Estenose do conduto.
    • Infección do conduto.
    • Lesións obstrutivas.
  • Lesións do oído medio.
    • Obstrución tubárica.
    • Otite media e as súas secuelas.
    • Tumores.
    • Malformacións dos pequenos ósos.
  • Lesións da cápsula ótica.
Xordeira de percepción

Consecuencias sociais

[editar | editar a fonte]

Se a xordeira é especialmente aguda, pode afectar considerablemente no modo en que a persoa xorda se relaciona co seu contorno humano, ao atoparse cunha seria limitación na súa capacidade de encontrar unha vía de comunicación pola canle auditiva, isto é, coa linguaxe oral. Porén, o modo en que se entenden as consecuencias desa incapacidade pode variar considerablemente, de modo que hai dúas perspectivas fundamentais acerca do modo de entender a xordeira.

En Galiza existen sete asociacións de persoas xordas, confederadas na Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia.

O último domingo de setembro celébrase o Día Internacional da Xordeira (ou das Persoas Xordas. A celebración, que se realiza desde 1958, busca sensibilizar e concienciar sobre as necesidades das persoas con perda auditiva e a importancia da detección precoz dos trastornos auditivos, especialmente na infancia [1]

Antropoloxía social da xordeira

[editar | editar a fonte]

A partir dos estudos de William C. Stokoe cara a 1960, existe unha tendencia na comunidade científica que aborda a xordeira desde un punto de vista antropolóxico. Un colectivo de persoas xordas que se comunican entre si por medio dunha lingua de sinais pode ser considerado unha comunidade lingüística minoritaria, cunha cultura propia. A literatura especializada fai moitas veces a distinción entre Xordeira (con letra capital), para referirse á antropolóxica, e xordeira para a definida clinicamente.

Dependendo dos casos, unha persoa xorda normalmente pode desenvolver unha idiosincrasia coas persoas que se comunican pola canle visual, isto é, coa linguaxe de sinais (LS), considerándose coma unha colectividade cultural e social propia diferenciada, normalmente coa definición de Comunidade Xorda. O vencello social entre as persoas xordas signantes adoita ser moi forte, debido sobre todo ao illamento social con respecto aos oíntes, provocado polo escaso coñecemento da súa problemática común, ou estilo de vida, así como a escasa relación social por motivos de entendemento lingüístico ou tamén por ideas preconcibidas que as persoas teñen acerca das persoas xordas e que poden ir cambiando mediante a completa interacción dentro da súa cultura.

De feito, nesta colectividade defínense a si mesmos como persoas xordas signantes, e adoitan clasificar o seu contorno social entre oíntes (persoas sen xordeira, incluídas as oíntes signantes se coñecen a LS), e o resto de persoas xordas que, dependendo do país, poden formar parte tamén da Comunidade Xorda. Entre as persoas xordas, os xordos signantes distínguense das persoas xordas oralistas, isto é, quen non utiliza habitualmente unha LS ou usa unha comunicación bimodal (léxico dunha LS con estrutura gramatical dunha lingua oral). Por último, están as persoas xordas implantadas, que levan un implante coclear en vez dun audiófono, e que poden ser signantes ou oralistas.

En cambio, as persoas xordas oralistas, aquelas que recibiron unha intensa reeducación da linguaxe oral na súa infancia e que non usan unha lingua de sinais como lingua vehicular (normalmente como consecuencia dunha prohibición expresa dos educadores), adoitan adoptar unha actitude de invisibilidade social respecto á súa condición de persoa xorda, ás veces mesmo non recoñecéndose como tales, recorrendo a outras definicións como discapacitado auditivo, hipoacúsico, medio oínte etc. Así mesmo, este grupo acostuma asociar como persoas xordas unicamente as signantes, ou ben diferenciándose delas definíndoas como persoas xordomudas, especialmente a aquelas que non falan unha linguaxe oral correctamente no aspecto gramatical.

Esta última definición, a de xordomudez, por outra parte, é considerada pexorativa polas persoas xordas signantes, pois consideran que "falan" (por canle visual, en LS). Ademais, consideran que un alto analfabetismo da lingua oral entre as persoas xordas non ten ningunha relación coa mudez, senón a un fracaso do método oralista no sistema educativo na súa infancia e mocidade. De feito, chamar "xordomudo" a unha persoa xorda por non falar en lingua oral correctamente, sería similar a chamar "manco" a unha persoa por non escribir coa grafía correcta, ou "cego e manco" por non saber ler e escribir. Por último, no sentido estrito, a "xordomudez" só sería aplicable a aqueles que padezan xordeira e, amais, son incapaces de xerar sons humanos pola ausencia ou o dano das cordas vocais, sendo aspectos independentes entre si.

Lingua de signos

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Lingua de sinais.

A linguaxe de signos transmítese a través de comunicación manual e corporal en lugar da transmisión acústica. Isto pode implicar combinar formas da man, orientación e movemento das mans, brazos ou expresións do corpo e faciais para expresar con fluidez os pensamentos da persoa.

Non hai un só "idioma de signos". Nas comunidades de xordos esta lingua desenvólvese. Aínda que empregan o espazo para a gramática dun xeito que as linguas orais non o fan, as linguas de signos presentan as mesmas propiedades lingüísticas e usan as mesmas facultades da linguaxe que as linguas orais. Centos de linguas de signos están en uso en todo o mundo e úsanse nos núcleos da cultura xorda local. Algunhas linguas de signos obtiveron algún tipo de recoñecemento legal, mentres que outras non teñen ningún status. As linguas de signos para persoas xordas non están baseadas nas linguas faladas na rexión e a miúdo teñen unha sintaxe moi diferente, en parte pero non completamente, debido á súa capacidade para empregar relacións espaciais para expresar aspectos do significado.

O abade Charles-Michel de l'Épée foi o primeiro en abrir unha escola para xordos. L'Épée ensinou a lingua de signos francesa aos nenos e comezou a crear moitas escolas para xordos en Europa. Thomas Gallaudet viaxou a Inglaterra para iniciar unha escola para xordos. A súa inspiración foi unha rapariga de nove anos que vivía xunto á súa casa. Cando viu conquistar as súas loitas, Gallaudet quixo ensinar e ver outros nenos conquistar as súas propias discapacidades. Gallaudet foi testemuña das habilidades docentes para xordos de Roch-Ambroise Cucurron Sicard, Jean Massieu e Laurent Clerc, profesores de educación infantil para xordos na época. Despois da demostración, Gallaudet estudou cos mestres franceses e perfeccionou as súas habilidades docentes. Despois de aprender, Gallaudet e Clerc viaxaron aos Estados Unidos e abriron a primeira escola para xordos en Hartford, Connecticut. A Lingua de signos americana, ou ASL, comezou a evolucionar principalmente desde o francés e outras influencias externas.[2]

Epidemioloxía

[editar | editar a fonte]
Anos de vida axustados por discapacidade para a perda auditiva (inicio de adultos) por 100.000 habitantes no 2004.

A nivel mundial, a perda auditiva afecta a preto dun 10% da poboación.[3] Causou unha discapacidade moderada a grave en 124,2 millóns de persoas a partir de 2004 (107.9 millóns en persoas de países con ingresos baixos e medios).[4] Destes, 65 millóns de millóns adquiriron a condición durante a infancia.[5] Ao nacemento, teñen problemas de audición aproximadamente 3 por 1000 en países desenvolvidos e máis de 6 por 1000 en países en desenvolvemento.[5]

A perda auditiva aumenta coa idade. Entre os 20 e os 35 anos, as taxas de perda auditiva son do 3%, mentres que entre os 44 e os 55 anos son do 11% e nos de 65 a 85 anos do 43%.[6]

Un informe de 2017 da Organización Mundial da Saúde estimaba os custos da perda auditiva non admitida e a rendibilidade das intervencións, para o sector sanitario, para o sector educativo e como amplos custos para a sociedade.[7] A nivel mundial, o custe anual da perda auditiva sen atender estimouse entre os 750 e os 790 miles de millóns de dólares internacionais.


A Organización Internacional para a Normalización (ISO) elaborou as normas ISO 1999 para a estimación de limiares auditivos e discapacidade auditiva inducida por ruído.[8] Usaron datos de dúas bases de datos de estudos sobre ruído e audición, unha presentada por Burns e Robinson ( Hearing and Noise in Industry , Her Majesty's Stationery Office, Londres, 1970) e por Passchier-Vermeer (1968).[9] Como a raza, algúns dos factores poden afectar a distribución esperada de limiares de audición de ton puro, existen varios outros conxuntos de datos nacionais ou rexionais, desde Suecia,[10] Noruega,[11] Corea do Sur,[12] Estados Unidos[13] e España.[14]

A audición nos Estados Unidos é unha das medidas para os resultados de saúde do National Health and Nutrition Examination Survey (NHANES), un programa de enquisas de investigación realizado polo Centro Nacional de Estatísticas Sanitarias. Examina o estado de saúde e de nutrición dos adultos e nenos dos Estados Unidos. Os datos dos Estados Unidos en 2011-2012 descubriron que as taxas de perda auditiva diminuíron entre os adultos de 20 a 69 anos, en comparación cos resultados dun período de tempo anterior (1999-2004). Tamén descubriu que a perda auditiva dos adultos está asociada ao aumento da idade, sexo, raza/etnia, nivel educativo e exposición ao ruído.[15] Case un de cada catro adultos tivo resultados audiométricos que suxerían unha perda auditiva inducida polo ruído. Case un de cada catro adultos que informou dunha audición excelente ou boa tivo un patrón similar (5,5% en ambos os dous lados e 18% nun lado). Entre as persoas que informaron da exposición a ruídos fortes no traballo, case un terzo tivo eses cambios.[16]

Investigación

[editar | editar a fonte]

Un estudo de 2005 logrou con éxito unha recuperación das células cocleares nos coellos de indias.[17] Non obstante, o novo crecemento de células ciliadas non implica a restauración da sensibilidade auditiva como as células sensoriais, xa que poden ou non ter conexións coas neuronas que levan os sinais ás células capilares do cerebro. Un estudo de 2008 demostrou que a terapia xénica na orientación de Atoh1 pode provocar o crecemento de células capilares e atraer os procesos neuronais embrionarios en ratos. Algúns esperan facer un tratamento similar que poida paliar a perda auditiva algún día en humanos.[18]

Investigacións publicadas en 2012, conseguiron o crecemento das células do nervio coclear obtendo unha audición mellorada en Jerbus,[19] co uso de células nai. En 2013 publicouse que o novo crecemento de células ciliadas en ratos adultos cunha intervención farmacolóxica ten como resultado unha mellora auditiva.[20] A Hearing Health Foundation (Fundación para a Cura Auditiva) dos Estados Unidos emprendeu un ambicioso proxecto chamado Hearing Restoration Project (Proxecto de Restauración da Audición).[21] Hai tamén accións sobre a perda auditiva no Reino Unido como obxectivo para restablecer a audición.[22]

Investigadores informaron en 2015 que ratos xeneticamente xordos que foron tratados coa terapia xénica TMC1 recuperaron algo da súa audición.[23][24] En 2017 realizáronse estudos adicionais para tratar a síndrome de Usher[25] e aquí, un virus recombinante asociado a un adeno parecía superar aos vellos vectores.[26][27]

Ademais de estudos que buscan mellorar a audición, como os enumerados anteriormente, tamén se realizaron estudos de investigación sobre xordos co fin de comprender máis sobre a xordeira. Pijil e Shwarz (2005) realizaron o seu estudo sobre os xordos que perderon a audición despois do nacemento e, polo tanto, usaron implantes cocleares para oír. Descubriron máis evidencias para a codificación de velocidades de tonalidade, un sistema que codifica a información para frecuencias pola velocidade que disparan as neuronas no sistema auditivo, especialmente para frecuencias máis baixas, xa que están codificadas polas frecuencias que as neuronas disparan na membrana basilar dun xeito sincrónico. Os seus resultados demostraron que os suxeitos podían identificar diferentes tons determinados que eran proporcionais á frecuencia estimulada por un só eléctrodo. As frecuencias máis baixas detectáronse cando a membrana basilar foi estimulada, proporcionando aínda máis probas para a codificación de velocidades.[28]

  1. "26 de septiembre, Día Internacional de la Sordera" (en castelán). 
  2. Frishberg, Nancy (1975). "Arbitrariness and Iconicity: Historical Change in American Sign Language". Language 51 (3): 696. doi:10.2307/412894. 
  3. Oishi N, Schacht J (xuño de 2011). "Emerging treatments for noise-induced hearing loss". Expert Opinion on Emerging Drugs 16 (2): 235–45. PMC 3102156. PMID 21247358. doi:10.1517/14728214.2011.552427. 
  4. WHO (2008). The global burden of disease: 2004 update (PDF). Geneva, Switzerland: World Health Organization. p. 35. ISBN 9789241563710. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2013-06-24. 
  5. 5,0 5,1 Elzouki AY (2012). Textbook of clinical pediatrics (2 ed.). Berlin: Springer. p. 602. ISBN 9783642022012. Arquivado dende o orixinal o 2015-12-14. 
  6. Lasak JM, Allen P, McVay T, Lewis D (marzo de 2014). "Hearing loss: diagnosis and management". Primary Care 41 (1): 19–31. PMID 24439878. doi:10.1016/j.pop.2013.10.003. 
  7. World Health Organization, WHO (2017). Global costs of unaddressed hearing loss and cost-effectiveness of interventions: a WHO report. Geneva: World Health Organization. pp. 5–10. ISBN 978-92-4-151204-6. 
  8. ISO, International Organization for Standardization (2013). Acoustics—Estimation of noise induced hearing loss. Geneva, Switzerland: International Organization for Standardization. p. 20. 
  9. Passchier-Vermeer, W (1969). Hearing loss due to exposure to steady state broadband noise. Delft, Netherlands: TNO, Instituut voor gezondheidstechniek. pp. Report 35 Identifier 473589. 
  10. Johansson, M.; Arlinger, S. (2004-07-07). "Reference data for evaluation of occupationally noise-induced hearing loss". Noise & Health 6 (24): 35–41. ISSN 1463-1741. PMID 15703139. 
  11. Tambs, Kristian; Hoffman, Howard J.; Borchgrevink, Hans M.; Holmen, Jostein; Engdahl, Bo (2006-05-05). "Hearing loss induced by occupational and impulse noise: results on threshold shifts by frequencies, age and gender from the Nord-Trøndelag Hearing Loss Study". International Journal of Audiology 45 (5): 309–317. ISSN 1499-2027. PMID 16717022. doi:10.1080/14992020600582166. 
  12. Jun, Hyung J.; Hwang, Soon Y.; Lee, Soo H.; Lee, Ji E.; Song, Jae-Jun; Chae, Sungwon (2015-03-03). "The prevalence of hearing loss in South Korea: Data from a population-based study: Prevalence of Hearing Loss in South Korea". The Laryngoscope (en inglés) 125 (3): 690–694. PMID 25216153. doi:10.1002/lary.24913. 
  13. Flamme, Gregory A.; Deiters, Kristy; Needham, Timothy (2011-03-03). "Distributions of pure-tone hearing threshold levels among adolescents and adults in the United States by gender, ethnicity, and age: Results from the US National Health and Nutrition Examination Survey". International Journal of Audiology. 50 Suppl 1: S11–20. ISSN 1708-8186. PMID 21288063. doi:10.3109/14992027.2010.540582. 
  14. Valiente, A. Rodríguez; Fidalgo, A. Roldán; Berrocal, J.R. García; Camacho, R. Ramírez (2015-08-03). "Hearing threshold levels for an otologically screened population in Spain". International Journal of Audiology (en inglés) 54 (8): 499–506. ISSN 1499-2027. PMID 25832123. doi:10.3109/14992027.2015.1009643. 
  15. Hoffman HJ, Dobie RA, Losonczy KG, Themann CL, Flamme GA (marzo de 2017). "Declining Prevalence of Hearing Loss in US Adults Aged 20 to 69 Years". JAMA Otolaryngology–Head & Neck Surgery 143 (3): 274–285. PMC 5576493. PMID 27978564. doi:10.1001/jamaoto.2016.3527. 
  16. Carroll YI, Eichwald J, Scinicariello F, Hoffman HJ, Deitchman S, Radke MS, Themann CL, Breysse P (febreiro de 2017). "Vital Signs: Noise-Induced Hearing Loss Among Adults - United States 2011-2012". MMWR. Morbidity and Mortality Weekly Report 66 (5): 139–144. PMC 5657963. PMID 28182600. doi:10.15585/mmwr.mm6605e3. 
  17. Coghlan, Andy (2005-02-14). NewScientist.com News Service, ed. "Gene therapy is first deafness 'cure'". Arquivado dende o orixinal o 14 de setembro de 2008. Consultado o 24 de setembro de 2019. 
  18. Gubbels, SP; Woessner, DW; Mitchell, JC; Ricci, AJ; Brigande, JV (2008). "Functional auditory hair cells produced in the mammalian cochlea by in utero gene transfer". Nature 455 (7212): 537–41. PMC 2925035. PMID 18754012. doi:10.1038/nature07265. 
  19. Gewin, Virginia (2012-09-12). Nature, ed. "Human embryonic stem cells restore gerbil hearing". doi:10.1038/nature.2012.11402. Arquivado dende o orixinal o 14 de decembro de 2012. Consultado o 2013-01-22. 
  20. Ander, Davida. National Post, ed. "Drug may reverse permanent deafness by regenerating cells of inner ear: Harvard study". National Post. Arquivado dende o orixinal o 16 de febreiro de 2013. Consultado o 24 de setembro de 2019. 
  21. HHF (ed.). "Hearing Health Foundation". Arquivado dende o orixinal o 27 de xaneiro de 2013. Consultado o 2013-01-22. 
  22. RNID (ed.). "Biomedical research - Action On Hearing Loss". Arquivado dende o orixinal o 23 de xaneiro de 2013. Consultado o 2013-01-22. 
  23. Gallacher J (9 de xullo de 2015). "Deafness could be treated by virus, say scientists". UK: BBC. Arquivado dende o orixinal o 9 de xullo de 2015. Consultado o 9 de xullo de 2015. 
  24. Askew C, Rochat C, Pan B, Asai Y, Ahmed H, Child E, Schneider BL, Aebischer P, Holt JR (xullo de 2015). "Tmc gene therapy restores auditory function in deaf mice". Science Translational Medicine 7 (295): 295ra108. PMID 26157030. doi:10.1126/scitranslmed.aab1996. 
  25. Isgrig K, Shteamer JW, Belyantseva IA, Drummond MC, Fitzgerald TS, Vijayakumar S, Jones SM, Griffith AJ, Friedman TB, Cunningham LL, Chien WW (marzo de 2017). "Gene Therapy Restores Balance and Auditory Functions in a Mouse Model of Usher Syndrome". Molecular Therapy 25 (3): 780–791. PMC 5363211. PMID 28254438. doi:10.1016/j.ymthe.2017.01.007. 
  26. Landegger LD, Pan B, Askew C, Wassmer SJ, Gluck SD, Galvin A, Taylor R, Forge A, Stankovic KM, Holt JR, Vandenberghe LH (marzo de 2017). "A synthetic AAV vector enables safe and efficient gene transfer to the mammalian inner ear". Nature Biotechnology 35 (3): 280–284. PMC 5340646. PMID 28165475. doi:10.1038/nbt.3781. 
  27. Pan B, Askew C, Galvin A, Heman-Ackah S, Asai Y, Indzhykulian AA, Jodelka FM, Hastings ML, Lentz JJ, Vandenberghe LH, Holt JR, Géléoc GS (marzo de 2017). "Gene therapy restores auditory and vestibular function in a mouse model of Usher syndrome type 1c". Nature Biotechnology 35 (3): 264–272. PMC 5340578. PMID 28165476. doi:10.1038/nbt.3801. 
  28. Carlson NR (2010). Physiology of behavior (11th ed.). Upper Saddle River, New Jersey: Pearson Education, Inc. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]