Saltar ao contido

Irrigación

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Rega»)

Un exemplo de irrigación.

A irrigación ou regadío é unha técnica utilizada na agricultura que ten por obxectivo o fornecemento controlado de auga para as plantas en cantidade suficiente e no momento correcto, asegurando a produtividade e a supervivencia da plantación. Complementa a precipitación natural, e en certos casos, enriquece o solo coa deposición de elementos fertilizantes.

A agricultura de irrigación

[editar | editar a fonte]

A agricultura de irrigación consiste na subministración das necesarias cantidades de auga aos cultivos mediante diversos métodos artificiais de irrigación. Este tipo de agricultura require investimentos de capital e unha coidada infraestrutura hídrica: canles, cales, aspersores, depósitos etc., que esixe, á súa vez, un desenvolvemento técnico avanzado. Entre os cultivos habituais de regadío destacan os froiteiras, o arroz, o algodón, as hortalizas e a remolacha.

O recurso auga é imprescindible para a produción de cultivos, da súa dispoñibilidade depende a formación de nova biomasa vexetal. En cultivos como o tomate e a leituga os contidos de auga no interior da planta superan o 90 %. É claro que a auga é peza clave para producir máis alimentos, pero tamén é claro que hoxe en día constitúe un recurso cada vez máis escaso. Para exemplificar o consumo de auga na agricultura supóñase a meta de produción dun trigo de 5 t/ha, onde se precisan arredor de 500 L de auga para producir 1 kg de materia seca; isto resulta nun consumo de 2,500 m3 de auga/ha para producir ese rendemento.

As investigacións arqueolóxicas atoparon evidencias de irrigación en lugares nos que a precipitación natural era insuficiente para soportar cultivos coa agricultura de sequeiro.

A irrigación perenne practicouse na chaira mesopotámica onde os cultivos se regaban regularmente levando auga a través dunha serie de pequenas canles construídas na zona.[1] Os antigos exipcios aproveitaban grazas á irrigación as crecidas do Nilo, anegando terreos arrodeados por diques.[2] Hai evidencias de que o antigo faraón exipcio Amenemhet III na dinastía XII (arredor de 1800 a.C.) utilizaba o lago natural do oasis de Faiyum como depósito para almacenar excedentes de auga para uso durante a estación seca, xa que o lago se enchía anualmente da inundación do Nilo.[3]

Os antigos nubios desenvolveron unha forma de irrigación que empregaba un dispositivo semellante a unha nora, chamado sakia. A irrigación comezou en Nubia entre o terceiro e o segundo milenio a.C.[4] e en gran parte dependía das augas da inundación que fluían a través do río Nilo e outros ríos do que é hoxe o Sudán.[5]

Na África subsahariana, as culturas da rexión do río Níxer practicaban a irrigación nos milenios primeiro e segundo antes da nosa era baseándose na recollida de auga a partir das inundacións da estación húmida.[6][7]

Hai evidencias de irrigación empregando socalcos na América precolombiana, Siria, a India e a China.[2] Na cordilleira dos Andes, no Perú, os arqueólogos atoparon restos de tres canles de irrigación datadas dende o cuarto milenio a.C. ata o século IX. Estas canles son o rexistro máis antigo de irrigación no Novo Mundo.[8]

Imaxe dende satélite de plantacións de cereal en Kansas, Estados Unidos. A forma circular das mesmas débese ao proceso de irrigación empregado. Os círculos teñen 800 e 1600 m de diámetro

Os sistemas de irrigación poden incluír os seguintes equipos e infraestrutura:

  • encoros (con represa);
  • balsas de augas;
  • obras de toma ou derivación (presas);
  • pozos, estacións de bombeo e cales para transportar a auga (incluíndo a drenaxe);
  • sistemas de distribución da auga: canais, entubaxe de canal e redes de distribución presurizada.

A partir desas infraestruturas, os métodos máis comúns de irrigación son:

  • Por sucos ou regos.
  • Por inundación ou submersión, xeralmente, en socalcos ou táboas aplanadas entre dous camallóns.
  • Por aspersión: a irrigación asperxe a auga en pingas pola superficie da terra, de xeito semellante ao efecto da choiva.
  • Por infiltración ou canais.
  • Por goteo ou rego localizado: a irrigación de goteo libera pingas ou un chorro fino, a través dos buratos dunha tubaxe plástica que se coloca sobre ou debaixo da superficie da terra.
  • Por drenaxe.

Tradicional

[editar | editar a fonte]
Sistema de irrigación abandonado, con cales e comportas para a distribución. A auga chegaba por unha tubaxe dende un motor que bombeaba a auga dende un pozo situado a un quilómetro de distancia. Foi substituído a fins do século XX polo bombeo a un encoro que distribúe a auga co sistema de irrigación por goteo, en Catadau e Carlet, Valencia.

Constrúense canais polos que se leva a auga e outros máis pequenos que a distribúen polas zonas agrícolas. Nos seus puntos terminais, os canais chegan ás arcas, que teñen un poxigo, que ao estar aberto permite a saída da auga.

Este antigo modo de regar, mediante canais polos que se leva a auga e a distribúen polas zonas agrícolas, está a caer en desuso no mundo desenvolvido, fomentándose polas administracións públicas o cambio a outros sistemas.

Novos sistemas

[editar | editar a fonte]
Parcela de laranxeiras novas que combina o sistema tradicional de rego co sistema por goteo, co fin de optimizar os beneficios en canto ao crecemento da plantación, e outros.
Rego nun cultivo de algodón.

Actualmente, emprégase o rego por aspersión ou o por goteo, tratados con sistemas informatizados que regulan a contía, humidade ambiental e fertilización do chan. O rego por goteo é moi apropiado para os lugares onde hai escaseza de auga.

Para implantar un sistema eficiente de rego deben de considerarse coidadosamente as relacións auga-planta e auga-chan.

Tamén existe o rego téxtil exudante, creado na década de 1980 polo enólogo francés René Petit, quen concluíu que os actuais sistemas de rego presentaban serias limitacións e inconvenientes debido ao seu deseño e que tiñan restricións a causa do material empregado na súa fabricación. Creou logo, un tubo téxtil e poroso onde a auga se aplicase ao chan a través dos poros da parede do tubo téxtil, formando unha liña continua e uniforme de humidade en toda a lonxitude do tubo poroso.

Irrigación localizada

[editar | editar a fonte]

Outra maneira moderna de irrigación é a utilización da microaspersión (irrigación localizada), que consiste na aplicación da auga ao chan en forma localizada, é dicir, só se molla unha zona restrinxida do volume radicular. Estes métodos son apropiados para zonas onde a auga é escasa, xa que a súa aplicación se fai en pequenas doses e de maneira frecuente, conseguindo con isto un mellor control da aplicación da auga e algúns outros beneficios agronómicos. Pola contra, é o sistema que require maior investimento inicial.

O rego localizado comezouse a ensaiar en Alemaña en 1860 e nos Estados Unidos de América en 1918, mediante tubaxes porosas ou perforadas soterradas. O sistema resultou caro polo tipo de tubaxes que se empregaban e presentaba problemas de obstrución, porque as raíces das plantas acababan taponando as saídas.

Pode afirmarse que a irrigación localizada tal como se coñece na actualidade comezou en Inglaterra, despois da segunda guerra mundial, en invernadoiros, sementeiros e xardinaxe, empregándose microtubos como emisores.

Con todo, é na década de 1960 en Israel cando se iniciou a súa expansión, tras o perfeccionamento das técnicas de extrusión e inxección dos plásticos. Así, Israel foi un dos países pioneiros da investigación e desenvolvemento deste tipo de irrigación para as súas zonas áridas, semiáridas e desérticas. Simultaneamente investigouse en Italia, Inglaterra, Francia e os Estados Unidos, chegándose a bos resultados, saltando da etapa experimental á fase de expansión agrícola.

A irrigación localizada supón unha mellora tecnolóxica importante, que contribuirá polo tanto, a unha maior produtividade. Implica un cambio profundo dentro dos sistemas de aplicación de auga ao chan que incidirá tamén nas prácticas culturais, ata o punto que pode considerarse como unha nova técnica de produción agrícola.

  1. Hill, Donald: A History of Engineering
  2. 2,0 2,1 p19 Hill
  3. "Amenemhet III". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 2018-06-29. 
  4. G. Mokhtar (1981-01-01). Ancient civilizations of Africa. Unesco. International Scientific Committee for the Drafting of a General History of Africa. p. 309. ISBN 9780435948054. Consultado o 2012-06-19 – vía Books.google.com. 
  5. Richard Bulliet, Pamela Kyle Crossley, Daniel Headrick, Steven Hirsch. Pages 53-56 (2008-06-18). The Earth and Its Peoples, Volume I: A Global History, to 1550. Books.google.com. ISBN 0618992383. Consultado o 2012-06-19. 
  6. "Traditional technologies". Fao.org. Consultado o 2012-06-19. 
  7. "Africa, Emerging Civilizations In Sub-Sahara Africa. Various Authors; Edited By: R. A. Guisepi". History-world.org. Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2010. Consultado o 2012-06-19. 
  8. Dillehay TD, Eling HH Jr, Rossen J (2005). "Preceramic irrigation canals in the Peruvian Andes". Proceedings of the National Academy of Sciences 102 (47): 17241–4. PMC 1288011. PMID 16284247. doi:10.1073/pnas.0508583102. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]