Saltar ao contido

Herba belida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ranunculus repens»)
Ilustración da planta.

A herba belida[1] ou patelo[1] (Ranunculus repens), é unha especie de planta herbácea anual da familia das ranunculáceas, de 2 a 6 cm, co talo oco, follas partidas en lóbulos e flores amarelas[2].

Descrición

[editar | editar a fonte]

É unha planta herbácea con talos rastreiros desde as raíces. Follas verde escuro manchadas de branco e trilobuladas que medran fóra do nodo. Os talos son aveludados. Esta especie distínguese doutras polo tamaño das súas flores que son moito máis grandes.

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

É nativa de Europa e do noroeste do Pacífico, hoxe espallada polo mundo como planta ornamental e coma maleza de terreos degradados e pradeiras. Medra en leiras, pastos, preferentemente en sitios húmidos.

É común en Galicia. Segundo Juan Cuveiro Piñol[3] medra en prados húmidos de todo o país e nalgúns lugares sombríos, e é cultivada nos xardíns pola facilidade con que varía dando flores duplas. Medra tamén nos montes aínda que con menos abundancia nos anos moi chuviosos.

Propiedades

[editar | editar a fonte]

Estas plantas contén anemonina, unha substancia moi tóxica para os animais e os seres humanos. De feito, os herbívoros pacen as follas destas plantas con gran dificultade, e só despois dun bo secado que evapora as substancias máis perigosas. Mesmo as abellas evitan chuchar o seu néctar. Na pel humana estas plantas poden crear bóchegas ou ampolas (dermatite), mentres que na boca poden causar dor intensa e ardente das membranas mucosas.[4]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Ranunculus repens foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 1: 554. 1753.[5]

Citoloxía

Números cromosomáticos de Ranunculus repens (Fam. Ranunculaceae) e táxones infraespecificos: 2n=32[6]

Etimoloxía

Ranunculus: nome xenérico que provén do latín serodio e que significa "ranciña", diminutivo de "ra". Isto probabelmente refírese a moitas especies que medran preto das ribeiras, coma as ras.

repens: epíteto latino que significa "rastreiro".[7]

Variedades
  • Ranunculus repens var. elatior Coss. & Germ.
  • Ranunculus repens proles prostratus (Poir.) Bonnier
  • Ranunculus repens var. villosus Lamotte [1877]
  • Ranunculus repens var. lucidus (Poir.) N.H.F.Desp. [1838]
  • Ranunculus repens var. glabratus DC. [1824]
  • Ranunculus repens var. erectus DC. [1824]
  • Ranunculus repens var. albomaculatus N.H.F.Desp. [1838]
  • Ranunculus repens subsp. reptabundus (Rouy & Foucaud) P.Fourn. [1928]
  • Ranunculus repens proles reptabundus Rouy & Foucaud [1893]
Sinonimia
  • Ranunculus prostratus Poir. in Lam. [1805]
  • Ranunculus reptabundus Jord. [1860]
  • Ranunculus flagellifolius Nakai [1928]
  • Ranunculus infestus Salisb. [1796]
  • [1]
  • Ranunculastrum repens Fourr.
  • Ranunculastrum reptabundum Fourr.
  • Ranunculus clintonii Beck
  • Ranunculus intermedius Eaton
  • Ranunculus lagascanus DC.
  • Ranunculus oenanthifolius Ten. & Guss.
  • Ranunculus pubescens Lag.
var. flore-pleno DC.
  • Ranunculus lucidus Poir.
var. hispidus (Michx.) Chapm.
  • Ranunculus hispidus Michx.[8]

Nome común

[editar | editar a fonte]

En galego recibe os nomes comúns de: herba belida, patelo (escrito en galego antigo coma patèlo), botón de ouro, bugallón, herba de ouro, herba de pata de lobo, herba do lobo, pé de gato, pé de lobo, pé de puldriño, punta loba[9].

  1. 1,0 1,1 Nome vulgar galego preferido en Termos esenciais de botánica, Universidade de Santiago de Compostela, 2004 e Gran dicionario Xerais da lingua galega, Vigo, Xerais, 2009
  2. Definición da especie en Diccionario Cumio da lingua galega Vigo, Edicións do Cumio, 1999
  3. Juan Cuveiro Piñol (1876): Diccionario Gallego, Barcelona
  4. Giacomo Nicolini, Enciclopedia Botanica Motta. Volume 3 , Milán, Federico Motta Editore, 1960, páx. 510.
  5. "Herba belida". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 16 de decembro de 2012. 
  6. Citotaxonomía de las especies vivaces del género Ranunculus L. sect. Chrysanthe (Spach) L. Benson en la Península Ibérica. Diosdado, J. C. & J. E. Pastor. Candollea 47(2): 555-576 (1992).
  7. En Epítetos Botánicos
  8. "Herba belida en PlantList". Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 26 de agosto de 2014. 
  9. E. Losada, J. Castro e E. Niño, (1992): Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]