Saltar ao contido

Pornografía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Porno»)
A grande epidemia de pornografía, ilustración francesa do século XIX

A pornografía é o conxunto de materiais, imaxes, vídeos ou reproducións da realización de actos sexuais co fin de provocar a excitación sexual do receptor, etimoloxicamente procede do grego: πορνογραφíα, porne é "prostituta" e grafía, "descrición", é dicir, "descrición dunha prostituta". Designa en orixe, xa que logo, a descrición das prostitutas e, por extensión, das actividades propias do seu traballo. Hai que dicir, con todo, que o termo é de aparición moi recente pois na Antiga Grecia nunca se usou a palabra "pornografía".

A pornografía maniféstase principalmente a través de tres medios: o cine, a fotografía e a literatura, aínda que tamén admite representacións a través doutros medios como as revistas pornográficas, a escultura, a pintura, e inclusive o son (teléfono erótico), ou o cómic.

Espectáculo pornográfico anunciado á entrada dun sex shop.
Fotografía do século XIX, de autoría anónima.

A pornografía emerxeu como un xénero específico entre o século XVIII e o XIX[1] en relación coa nova literatura erótica de mediados do XVIII e da fotografía no XIX. Poucos anos despois de que Daguerre inventase o seu daguerrotipo xa se facían as primeiras fotos de espidos e as primeiras fotos de parellas no momento do coito. En Gran Bretaña existe unha fotografía tomada cara ao ano 1890 que mostra unha muller realizando sexo oral a un home, no que sería a primeira foto pornográfica nun país anglosaxón. A invención do cinematógrafo ampliou aínda máis as produción de pornografía, sobre todo logo da segunda guerra mundial. Nos Estados Unidos, a chamada revolución sexual dos anos sesenta permitiu que temas de sexualidade se tratasen máis abertamente. Unha consecuencia indirecta destes cambios sociais foi o aumento na produción gráfica de material de contido erótico. De feito, en 1959 o posterior prolífico realizador Russ Meyer roda a súa primeira película "O Inmoral Sr.Teas", que marcaría o inicio da carreira de explotación do espido feminino no cine, sen alcanzar aínda a explicitude do actual porno; a estas películas de corte erótico denomináballas nudies. Durante o seu posterior desenvolvemento, na década de 1970 realizáronse unha serie de películas, algunhas con notable éxito comercial, entre elas, Garganta Profunda (Deep Throat), Taboo e Inside Jennifer Wells.

Na década de 1980 chegou ao público a través de vídeos. Coa difusión masiva do vídeo, millóns de persoas en todo o mundo puideron ver películas porno na privacidade dos seus fogares, sen ter que asistir a un cine porno, o que resultaba algo embarazoso. As estrelas pornográficas como Cicciolina ou Rocco Siffredi fixéronse populares e amplamente coñecidas. Co xurdimento de Internet, o porno alcanzou unha expansión aínda moito maior.As películas de Jean Yves Lle Castel, Rocco Siffredi e Cristoph Clark marcan un antes e un despois na historia do cine pornográfico.

Tipos de pornografía

[editar | editar a fonte]

Aínda que poden realizarse varias clasificacións segundo os participantes, a temática ou as posturas, unha forma moi estendida de agrupar os xéneros pornográficos é de menos a máis explícito (xa sexan as posturas de pouse ou as accións representadas). Deste xeito estarían:

É o xénero pornográfico no que as escenas de sexo non se mostran de forma explícita. No cine e a televisión, en particular, non inclúe primeiros planos de xenitais (masculinos nin femininos) e tampouco mostra en detalle penetracións e felacións. Os actores ou modelos adoitan tapar unha parte dos seus corpos. Os homes non ensinan penes nin testículos; no caso das mulleres, admítese o espido de corpo enteiro co que só quedaría fóra unha exposición frontal de vaxina ou ano. Este xénero practicárono e practican moitas mulleres e homes máis ou menos famosos como Demi Moore na película Striptease. Tamén se emprega na publicidade, aínda que este uso foi criticado por organizacións feministas.

Mediumcore ou pornografía convencional

[editar | editar a fonte]

É aquela onde os modelos ensinan a totalidade do corpo en posturas máis ou menos provocativas.

As famosas revistas Playboy ou Penthouse son quizais os exemplos máis coñecidos deste tipo de pornografía. A pesar de existir clasificacións que as colocan no apartado anterior.

Trío lésbico explícito nunha fotografía da década de 1920.

É o xénero pornográfico máis extremo, pois mostra explicitamente o acto sexual, xa sexa vaxinal, anal ou oral, ou con aparellos ou calquera outro tipo de utensilios.

Este tipo de pornografía subdivídese segundo a orientación sexual: heterosexual, homosexual (masculino ou feminino), e bisexual. As primeiras películas pornográficas e a gran maioría das pelícdulas actuais son heterosexuais, a películas gais son as segundas máis vendidas e producidas. Existe tamén a variante do xénero transexual e a zoofilia.

Canles de difusión

[editar | editar a fonte]

Literatura

[editar | editar a fonte]
Primeira páxina de Justine do marqués de Sade.

O sexo e o erotismo acompañaron o nacemento da literatura, a sexualidade e as súas manifestacións directas ou indirectas, son parte integrante da literatura e non se confinan ao xénero específico erótico ou pornográfico, que como tal existe e que abrangue historias e relatos reais ou de ficción de relacións sexuais humanas e que pretenden espertar a libido do lector[2], e que se presenta coa forma de novelas, relatos, memorias, poesía ou manuais sexuais. Unha feitura común do xénero son as fantasías sexuais sobre temas como a prostitución, orxías, homosexualidade, sadomasoquismo e moitos outros temas tabú e fetiches, que se poden expresar nunha linguaxe máis ou menos explícita[3]. Como o resto da literatura ata a invención da imprenta, a súa circulación estivo restrinxida a un moi limitado grupo de lectores, e a partir do século XV coa imprenta comezou a achegarse ao gran público, aínda que o alfabetismo aínda era minoritario, ao tempo que tomaron forma a censura e as restricións legais para a publicación de obras obscenas.[4], isto provocou que moito do material se publicase de xeito clandestino.[5]. Para a consolidación da novela pornográfica e a diversificación das súas opcións formais foi fundamental a aparición no século XVIII da ficción libertina francesa, que ten o seu máximo expoñente no marqués de Sade[6] e na novela Fanny Hill de John Cleland, considerada a primeira pornografía en usar a forma de novela[7]

Escena amosando unha relación sexual nun templo hindú de Thirumayam

Na arte paleolítica xa se rexistran pinturas e figuras con características sexuais esaxeradas, caso das venus paleolíticas, ou a figuriña coñecida como Adonis de Zschernitz, que suxire un acto sexual e que podería ser a máis antiga estatua pornográfica[8], e case todas as civilizacións representaron escenas de natureza sexual que asociaban con forzas sobrenaturais e que estaba integrado no seu sistema relixioso, con significados espirituais específicos en relixións como hinduísmo, budismo ou taoísmo [9]; ou os antigos gregos e romanos que produciron moita arte e decoración erótica, en gran parte integrada coas súas crenzas relixiosas e prácticas culturais.[10]

Audiovisual

[editar | editar a fonte]
Cartel dun filme pornográfico norteamericano de 1976

A invención do cinema co remate do século XIX trouxo consigo a aparición dunha industria audiovisual, no que a pornografía se foi facendo un oco, a pesar de ser considerado obsceno e dos intentos por suprimilo, quedando reducida durante moito tempo a unha distribución marxinal e reducida, proxectándose en casas ou en clubs privados e posteriormente en cines nocturnos, só a partir da década de 1970 comezou a regularizarse a súa distribución co establecemento das salas X, e na década de 1980 a pornografía en vídeo acadou unha ampla distribución. O ascenso de Internet a finais de 1990 e comezos de 2000 mudou o xeito no que a pornografía, e en especial o audiovisual pornográfico , se distribuía e complicou a censura que algúns réximes establecían á difusión da pornografía.

Conformada como unha industria multimillonaria, e con 11.000 títulos novos en DVD cada ano a comezos do século XX [11], con filmes distribuídos por medio de venda ou alugamento dos DVD, por Internet, por canles de pago para adultos por cable ou satélite e en salas para adultos; pero xa para 2012 a ampla oferta de contido pirata por Internet e competencia de múltiples páxinas web con contidos de baixo custo fixo que a industria pornográfica tornase máis pequena e menos rendible.[12][13]

Os actores que participan en películas pornográficas deben ser maiores de idade (18 anos, por regra xeral), e en países como os Estados Unidos, as restricións que se autoimpuxeron as compañías obrigan os actores a someterse a exames médicos regularmente a fin de detectar enfermidades de transmisión sexual, sobre todo SIDA. Neste país existen unha rede de salas específicas para todas as películas onde apareza a rexión pubiana, que é o límite marcado pola súa lexislación para catalogar a unha película como pornográfica

Revistas pornográficas xaponesas nunha librería

Tradicionalmente a forma máis difundida das pornografía son revistas con fotografías que retrataban mulleres que desenvolven actos sexuais explícitos, como masturbación ou relacións heterosexuais ou lésbicas, mentres que as imaxes de actos homosexuais entre homes quedan restrinxidas a publicacións dirixidas á comunidade gai. É un mercado que a pesar da competencia de Internet conta con centos de publicacións en todo o mundo, con revistas coñecidas como Playboy, Penthouse, Hustler, Private e moitas outras. Tamén ten un notable éxito comercial a banda deseñada pornográfica, con autores gráficos que en países como Italia ou o Xapón contan cun amplo recoñecemento como é o caso dos italianos Guido Crepax, Milo Manara ou Giovanna Casotto.

Legalidade

[editar | editar a fonte]
Leis sobre a pornografía por rexión. Verde: pornografía legal. Amarelo: pornografía legal con algunhas restricións. Vermello: pornografía ilegal
Ilustracións pornográficas nunha parede en Pompeia.

A situación legal da pornografía depende de cada país e do tipo de material. A maioría dos países permiten cando menos algunha forma de pornografía, nalgúns países o porno suave pódese vender en calquera tenda ou emítese sen problemas na televisión. O porno duro adoita ter algún tipo de regulación. A produción, venda e posesión de pornografía infantil é ilegal en case todos os países, e algúns países teñen restricións na pornografía con violencia, como é o caso da pornografía que simula violación, ou da pornografía que representa sexo entre humanos e animais, ou ámbalas dúas

Na maioría dos países o acceso ao material pornográfico está restrinxido aos maiores de idade, limitándose a idade da entrada en sex shops ou canles de televisión porno; mesmo a distribución de pornografía a menores é con frecuencia ilegal, pero a aparición da pornografía por Internet complicou o cumprimento das leis.

  1. Lisa Z. Sigel "Looking at sex. Pornography and erotica since 1750" in Sarah Toulalan e Kate Fisher (2013)The Routledge History of Sex and the Body: 1500 to the Present. Routledge p. 224
  2. H. Montgomery Hyde (1964) A History of Pornography. London: Heinemann, p. 1
  3. Kronhausen, Phyllis & Eberhard (1969) Erotic Fantasies, a Study of Sexual Imagination. New York: Grove Press
  4. H. Montgomery Hyde (1964) A History of Pornography. London: Heinemann, p. 1-26
  5. Patrick J. Kearney (1982) A History of Erotic Literature. Parragon: 7-18
  6. Eliane Robert Moraes O efeito obsceno Cadernos pagu (20) 2003: pp.121-130
  7. Foxon, David. Libertine Literature in England, 1660-1745. New Hyde Park: University Books, 1965, p. 45
  8. Driver, Krysia (4 de abril de 2005). The Guardian, ed. "Archaeologist finds 'oldest porn statue'". Consultado o 2006-08-21. 
  9. Rawson, Phillip S. (1968). Erotic art of the east; the sexual theme in oriental painting and sculpture. Nova York: Putnam. p. 380
  10. Clarke, John R. (2003). Roman Sex: 100 B.C. to A.D. 250. Nova York: Harry N. Abrams. p. 168
  11. "Porn Business Driving DVD Technology - BizReport". Archived from the original on 11 de xaneiro de 2005. Consultado o 26 de agosto de 2006. 
  12. Louis Theroux (5 de xullo de 2012). The Guardian, ed. "How the internet killed porn". 
  13. David Rosen (27 de maio de 2013). AlterNet, ed. "Is Success Killing the Porn Industry?". Arquivado dende o orixinal o 15 de febreiro de 2014. Consultado o 24 de febreiro de 2014. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Hunt, L. (ed.): The invention of pornography. Zone Books. Nova York, 1993. ISBN 0-942299-68-X.
  • Hyde, H. M.: A history of pornography. Heinemann. Londres, 1964.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]