Saltar ao contido

Ferreiro real

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Parus major»)
Ferreiro real

Macho Parus major song.ogg Birdsong
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Paridae
Xénero: Parus
Especie: P. major
Nome binomial
'Parus major'
Linnaeus, 1758
Distribución das subespecies
Distribución das subespecies

Distribución das subespecies

O ferreiro real,[2] tamén chamado ferreiriño abelleiro ou sachatín (Parus major) é un paxaro da familia dos páridos (Paridae), o membro de maior tamaño da súa familia dos que habitan en Europa.

Descrición

[editar | editar a fonte]

O ferreiro real mide uns 14 cm é ten unha envergadura de á entre 22,5–25,5 cm. Pesa uns 20 gramos. A cabeza e o colo son negros, as meixelas son brancas. Unha faixa de cor tamén negra, máis ancha no macho, atravésalle o peito, que, coma o ventre, é amarelo. Nas femias a cor amarela da parte inferior é máis mate.

O canto é moi variado e emprega formas que se atopan tamén noutros páridos. É, porén, máis alto e potente.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Aliméntase principalmente de insectos, pero come tamén sementes de plantas, bagas, botóns de flores e froitos secos. Prefire comer desde a pólas máis baixas das árbores, preto do tronco, pero é frecuente que procure a comida polo chan. No inverno concéntranse facilmente en comedeiros artificiais, onde prefiren os cacahuetes crus e as pipas de xirasol. Poden chegar a facerse bastante confiados.

O ferreiro real é unha ave paleártica. En Europa é principalmente sedentario, agás en Islandia e no norte da Escandinavia e na antiga URSS. Na Península Ibérica e abondoso. Na Galiza tamén é común e sedentario en todo o territorio. Distribúese ata os 800 m de altitude.

Vive en zonas de bosque. En xeral prefire os bosques vellos caducifolios ou mixtos, pero é moi adaptable e afaise a vivir en xardíns, parques e plantación de árbores.

Etoloxía

[editar | editar a fonte]

Entre as follas dun loureiro
está o ferreiro a cantar.
¿que lles dirá ás mociñas
que andan a reloucar?

ferreiro real no inverno

O ferreiro real ten dous ciclos de actividade diarios: un pola mañá cedo e outro máis curto polo serán. Este último prodúcese só fóra da estación de cría. Móvese con pequenos pulos coma outros páridos pero non é tan frecuente velo pendurado das pólas como no caso doutros membros da familia.

Defende o mesmo territorio durante todo o ano e toda a vida contra os seus conxéneres. É monógamo, a parella fórmase ó inicio da estación de reprodución e mantense xunta durante toda a época de cría.

Fan o niño de musgo, liques, garabulliños e raíces en árbores, ocos en paredes, ou caixas artificiais para facer niños a unha altura de entre 3 e 5 metros. A femia pon ovos dúas veces ó ano (pode facer unha nova posta se a primeira é destruída) entre marzo e xuño. Pon de 7 a 12 ovos, en raras ocasións menos. Os ovos son brancos con pencas vermellas. A incubación dura de 12 a 15 días. Os polos permanecen no niño de 16 a 21 días, e son alimentados polos dous proxenitores.

Alcanzan unha idade media de 1,7 anos. Algúns exemplares chegan a vivir 11 ou 12 anos e o máis vello coñecido tiña polo menos 15.

  1. BirdLife International (2012). "Parus major". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05. 
  3. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (1980). Guía das aves de Galicia. Ficha do carrizo. Ilustrado por Calros Silvar. Vigo: Editorial Galaxia. p. 37. ISBN 84-7154-379-6. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]