Saltar ao contido

Hogwarts

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Gryffindor»)
Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería
Escola de Harry Potter


Escudo de armas de Hogwarts.
Lema Draco dormiens nunquam titillandus
("Nunca lle fagas cóxegas a un dragón que dorme")
Fundado Ao redor dos séculos IX ou X
Director Phineas Nigellus
Armando Dippet
Albus Dumbledore [HP1][HP6]
Minerva McGonagall [HP2], [HP6]
Dolores Jane Umbridge [HP5]
Severus Snape [HP7]
Primeira aparición Harry Potter e a pedra filosofal

A Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería ou simplemente Hogwarts é un internado ficticio de maxia para meigos e meigas de entre once e dezasete anos no Reino Unido e Irlanda[1]. Trátase do escenario principal dos primeiros seis libros da serie Harry Potter escrita por J. K. Rowling; as novelas duran o equivalente a un ano escolar. En Harry Potter e as reliquias da morte, porén, a meirande parte do libro sitúase fóra de Hogwarts, xa que os protagonistas, Harry Potter, Ron Weasley e Hermione Granger, non asisten ao seu último ano na escola. No clímax deste último libro, a batalla final prodúcese en Hogwarts.

Rowling indicou que tomou o nome do colexio da planta Croton capitatus (chamada "hogwort", en inglés), que vira no Xardín Botánico Real de Kew algún tempo antes de escribir a serie Harry Potter[2][3], aínda que os nomes "The Hogwarts" e "Hoggwart" xa aparecen no libro How To Be Topp escrito por Geoffrey Willans[4][5].

O colexio Hogwarts está dividido en catro casas, cada unha chamada polo apelido do seu fundador: Godric Gryffindor, Salazar Slytherin, Rowena Ravenclaw e Helga Hufflepuff. As casas compiten ao longo de todo o ano escolar, gañando e perdendo puntos grazas aos logros ou infraccións, para obter a Copa da Escola. Cada casa ten tamén o seu propio equipo de quidditch que compite pola Copa de Quidditch. Ambas competicións crean rivalidades entre casas. As casas de Hogwarts son as comunidades de convivencia e estudo dos estudantes que pertencen a elas. Cada casa atópase baixo a autoridade dun dos membros do persoal de Hogwarts. Os xefes das casas son os encargados de dar información importante, impor os castigos e responder ás emerxencias nas súas casas. Cada ano, os alumnos do mesmo ano de cada casa comparten o mesmo dormitorio. O dormitorio e mais a sala común de cada casa son, salvo rara excepción, inaccesibles para os estudantes doutras casas.

Despois da creación de Hogwarts, os catro fundadores elixían aos estudantes de primeiro ano que irían na súa casa. Cando os fundadores se comezaron a preocupar sobre o xeito en que os estudantes serían elixidos ás súas mortes, Godric Gryffindor quitou o sombreiro e cada un conferiulle o seu coñecemento, creando o Sombreiro Escolledor, que decidiría a casa axeitada para cada estudante xulgando as súas calidades. Non obstante, a elección do estudante pode afectar á decisión: un claro exemplo é Harry, que segundo o Sombreiro debera ir en Slytherin, pero finalmente acaba en Gryffindor despois de que Harry lle pedira que non o seleccionase para Slytherin.

Gryffindor

[editar | editar a fonte]
Escudo de Gryffindor.
Escudo de Gryffindor.

Gryffindor valora a coraxe, a valentía, a lealdade e a cortesía. A súa mascota é o león e as súas cores son a escarlata e a ouro. A xefa da casa é a profesora de Transfiguración, Minerva McGonagall, e a pantasma é Sir Nicholas de Mimsy-Porpington, máis coñecido como Nick Case Decapitado. O fundador da casa é Godric Gryffindor. A sala común de Gryffindor atópase nunha das torres máis altas do castelo, no sétimo andar da ala leste; a entrada está gardada polo cadro da Señora Gorda. Tan só permite o acceso á torre dando o contrasinal correcto.

Hufflepuff

[editar | editar a fonte]
Escudo de Hufflepuff.
Escudo de Hufflepuff.

Hufflepuff valora o traballo duro, a tolerancia, a lealdade e o xogo limpo. A súa mascota é o teixugo e as súas cores son a amarela canaria e a negra medianoite. A xefa da casa é a profesora de Herboloxía, Pomona Sprout. Segundo Rowling, Hufflepuff corresponderíase co elemento terra. A fundadora da casa é Helga Hufflepuff. Os dormitorios de Hufflepuff e a sala común están situados nalgunha parte dos sotos. A entrada atópase preto das cociñas e só se pode pasar mediante contrasinal. A sala común está inzada de tapices amarelos e grandes cadeiras de brazos.

Ravenclaw

[editar | editar a fonte]
Escudo de Ravenclaw.
Escudo de Ravenclaw.

Ravenclaw valora a intelixencia, a creatividade, a aprendizaxe e o enxeño. A súa mascota é a aguia e as súas cores son a azul e a bronce (azul e gris nas películas). O xefe da casa é o profesor de Esconxuros, Filius Flitwick, e a pantasma é a Dama Gris. Segundo Rowling, Ravenclaw corresponderíase co elemento aire. A fundadora da casa é Rowena Ravenclaw. Os dormitorios están localizados na parte oeste da escola. A sala común é redonda e está chea de tapices azuis e grandes cadeiras de brazos, un teito abovedado cunha pintura de Rowena co seu diadema. Ao contrario que o resto, para entrar cómpre resolver un enigma de lóxica.

Slytherin

[editar | editar a fonte]
Escudo de Slytherin.
Escudo de Slytherin.

Slytherin valora a ambición, a astucia, os dotes de mando, a iniciativa e, por riba de todo, a pureza de sangue. A súa mascota é a serpe e as súas cores son a verde e a prata. O xefe da casa é o profesor de Apócemas, Severus Snape, nos primeiros cinco libros e na maior parte do sexto; ao final do sexto e no sétimo, o antigo profesor de Apócemas e anterior xefe da casa, Horace Slughorn, volve do retiro e reasume a autoridade da casa. A pantasma é o Barón Sanguiñento. O fundador da casa é Salazar Slytherin. Aos dormitorios e á sala común chégase a través dunha parede de pedra espida situada nos alxubes. A sala común de Slytherin é longa e sobria, e está baixo o lago de Hogwarts.

Segredos de Hogwarts

[editar | editar a fonte]

Hogwarts posúe unha manchea de lugares e pasaxes secretos.

Cámara dos Segredos

[editar | editar a fonte]

A Cámara dos Segredos, agochada baixo a escola, era a morada dun antigo basilisco, destinado a limpar o castelo dos estudantes nacidos de muggles. Salazar Slytherin, un dos fundadores de Hogwarts, construíu a Cámara antes de deixar o colexio.

A entrada á Cámara dos Segredos atópase no cuarto de baño de Myrtle a Choricas no segundo andar. Cómpre falarlle lingua pársel á billa que ten unha serpe gravada. O lavabo ábrese e aparece un conduto o suficientemente grande para que unha persoa escorregue por el. Ao final do túnel hai moitos esqueletos de pequenos animais ciscados polo chan e mudas de pel do basilisco. O túnel vai dar a unha parede sólida, con dúas serpes entrelazadas con esmeraldas nos ollos. Ao dicir algo en pársel ábrense para dar paso a un corredor longo e escuro ocupado por dúas liñas de enormes estatuas de serpes aos lados; e no centro, unha estatua colosal de Salazar Slytherin. O basilisco aloxado no interior desta estatua só emerxe, a través da súa boca, coa chamada do herdeiro de Slytherin, ao que obedecerá.

Sala do Necesitado

[editar | editar a fonte]

A Sala do Necesitado atópase no sétimo andar e só aparece a aquel que a necesite. Para facela aparecer, cómpre pasar camiñando tres veces por diante da entrada agochada á vez que un se concentra naquilo que necesita. Entón o cuarto ha aparecer con aquilo requirido no seu interior. Deste modo, o cuarto cambia de aparencia segundo o uso que se lle vaia dar. Un dos usos habituais é para agochar cousas, e semella que a Sala do Necesitado mostra sempre o mesmo cuarto de cousas agochadas cando alguén o pide, dado que está inzado de moitos séculos de obxectos abandonados e esquecidos.

Dumbledore foi o primeiro en mencionala, comentando que a descubrira cando andaba á procura dun baño; ao entrar na sala había moreas de retretes. Harry coñeceu das capacidades da Sala do Necesitado cando buscaba o lugar perfecto para as reunións do Exército de Dumbledore, de modo que apareceron andeis con volumes de Defensa contra a Maxia Negra, así como outros obxectos para practicar os esconxuros de defensa.

Fraga Prohibida

[editar | editar a fonte]

A Fraga Prohibida é unha enorme e escura fraga situada na contorna dos xardíns de Hogwarts. Está estritamente prohibida a todos os estudantes, agás durante as clases de Coidado de Criaturas Máxicas. Malia que a vexetación da Fraga Prohibida é mesta e salvaxe, existen uns poucos camiños e claros adoito creados por Hagrid, que a miúdo entra no bosque por diversos motivos. A Fraga Prohibida é tamén o lugar onde habitan moitas clases de criaturas, desde centauros ata unicornios.

Expreso de Hogwarts

[editar | editar a fonte]
A locomotora empregada nos filmes como Expreso de Hogwarts.

O Expreso de Hogwarts é un tren máxico que leva os estudantes de Londres a Hogsmeade. O tren sae da plataforma nove e tres cuartos da estación de ferrocarrís de King's Cross e vai sen deterse ata a estación de ferrocarrís de Hogsmeade. Os compartimentos do tren están clasificados por letras. N’a pedra filosofal, Harry coñece aos seus dous mellores amigos, Ron e Hermione, na súa primeira viaxe no Expreso de Hogwarts. A locomotora empregada nas adaptacións cinematográficas é o modelo GWR 4900 Class 5972 Olton Hall.

  1. Cleave, Maureen (3 de xullo de 1999). Accio-quote.com, ed. "Wizard with Words, Telegraph Magazine, 3 July 1999". Consultado o 5 de setembro de 2008. 
  2. 1999: Accio Quote!, the largest archive of J.K. Rowling interviews on the web Arquivado 02 de decembro de 2006 en Wayback Machine., quick-quote-quill.org
  3. 2001: Accio Quote!, the largest archive of J.K. Rowling interviews on the web Arquivado 07 de setembro de 2006 en Wayback Machine. quick-quote.quill.org
  4. LRB: Thomas Jones, Swete Lavender Arquivado 27 de abril de 2009 en Wayback Machine., lrb.co.uk, 17 de febreiro de 2000
  5. Independent: Potter's Magic School, independent.co.uk, 22 de setembro de 2000