Saltar ao contido

Embarazo

Esta páxina está semiprotexida
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Gravidez»)

Este artigo refírese a humanos. Para a preñez en animais véxase Preñazo.
Embarazo
Clasificación e recursos externos
Muller embarazada
ICD-10Z33
ICD-9650
DiseasesDB10545
MedlinePlus002398
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

O embarazo, gravidez, preñazo ou preñez dunha muller é o período que transcorre entre a implantación do cigoto no útero ata o momento do parto. Durante este período prodúcense na muller importantes cambios fisiolóxicos, metabólicos e incluso morfolóxicos coa finalidade de protexer, nutrir e permitir o desenvolvemento do feto, como son a interrupción dos ciclos menstruais, ou o aumento do tamaño das mamas para preparar a lactación. O termo xestación refírese máis ben aos procesos fisiolóxicos de crecemento e desenvolvemento do feto no interior do útero materno. Así, en teoría, a xestación é do feto e o embarazo da muller, se ben na práctica moitas persoas utilizan ambos termos coma sinónimos.

Na especie humana as xestacións acostuman ser dun único feto, aínda que tamén se poder dar embarazos múltiples. A aplicación de técnicas de reprodución asistida está facendo aumentar a incidencia de embarazos múltiples nos países desenvolvidos.[1]

O embarazo humano dura unhas 40 semanas desde o primeiro día da última menstruación ou ben 38 semanas desde a fecundación (aproximadamente uns 9 meses). O primeiro trimestre é o momento de maior risco de aborto espontáneo; o inicio do terceiro trimestre considérase o punto de viabilidade do feto (aquel a partir do cal pode sobrevivir extraútero sen soporte médico).

Definición e tipos

William Hunter, Anatomia uteri humani gravidi tabulis illustrata, 1774

En 2007 o Comité de Aspectos Éticos da Reprodución Humana e a Saúde das Mulleres da Federación Internacional de Xinecología e Obstetricia (FIGO) definiu ao embarazo como a parte do proceso da reprodución humana que comeza coa implantación do conceptus na muller. O embarazo comeza no momento da nidación e acaba no parto. A definición legal do embarazo segue a definición médica: para a Organización Mundial da Saúde (OMS) o embarazo inicia cando termina a implantación. A implantación é o proceso que comeza cando se adhire o blastocito á parede do útero, o que ocorre 5 ou 6 días logo da fecundación. Entón o blastocito atravesa o epitelio uterino e invade o estroma. O proceso complétase cando a protuberancia villi e o defecto na superficie do epitelio pecha, o que ocorre entre o día 13-14 logo da fecundación.

Denomínase embarazo ectópico ou extrauterino o que se produce fóra do útero, por unha implantación anómala do óvulo fecundado (habitualmente nalgunha das dúas trompas de Falopio).

Características xerais

Embrión humano de 7 semanas

O embarazo prodúcese cando un espermatozoide alcanza e atravesa a membrana celular do óvulo, fusionándose os núcleos e compartindo ambos a súa dotación xenética para dar lugar a unha célula ovo ou cigoto, nun proceso denominado fecundación. A multiplicación celular do cigoto dará lugar ao embrión, de cuxo desenvolvemento derivará o individuo adulto.

A embrioloxía é a parte da medicina que estuda o complexo proceso de desenvolvemento embrionario desde o momento da fecundación até a formación, na oitava semana de embarazo[2], do feto, que é como se chama o organismo resultante deste desenvolvemento cando aínda non se produciu o parto.

Dentro do útero, o feto está flotando no líquido amniótico, e á súa vez o líquido e o feto están envolvidos no saco amniótico, unido ó útero. No cérvix uterino fórmase un tapón durante o embarazo para evitar que saia o líquido e como barreira ó ingreso de corpos estraños, o que permite as relacións sexuais durante o embarazo.

Mentres permanece dentro, o produto da fecundación, cigoto, embrión ou feto obtén nutrientes e osíxeno e elimina os refugallos do seu metabolismo a través da placenta. A placenta está pegada ó útero e unida ó feto polo cordón umbilical, por onde recibe alimento.

Calendario do embarazo

De acordo ao seu desenvolvemento, adóitase dividir ao embarazo en tres etapas de tres meses cada unha, co o obxectivo de simplificar a referencia aos diferentes estados de desenvolvemento do feto.

Durante o primeiro trimestre o risco de aborto (morte natural do embrión ou feto) é maior. Isto ten maior incidencia en embarazos conseguidos mediante fecundación in vitro, xa que o embrión implantado podería deixar de desenvolverse por fallos nos cromosomas herdados dos gametos dos seus proxenitores.

Durante o segundo trimestre, a partir das 14 semanas de xestacion, o desenvolvemento do feto pode empezar a ser monitorizado ou diagnosticado.

O terceiro trimestre, aproximadamente despois da semana 25 de xestación, marca o principio da viabilidade de supervivencia do feto en caso de parto prematuro, parto normal ou cesárea, xa que a partir deste momento os pulmóns fetais encóntranse case totalmente formados, só lles falta madurar.

Data probable do parto

Unha muller cun embarazo de oito meses.

Os cálculos para determinar a data probable do parto (DPP) realízanse usando a data da última menstruación ou por correlacións que estiman a idade xestacional mediante unha ecografía. A maioría dos nacementos ocorren entre a semana 37 e a 42 despois do día da última menstruación, e só o 5 % de mulleres dan a luz o día exacto da data probable de parto calculada polo seu xinecólogo.[3]

Para calcular a data probable de parto, engádenselle sete días e réstanselle tres meses á data da última menstruación. Se a data da última menstruación corresponde aos dous primeiros meses do ano, mantense o ano en curso; en todos os demais meses, pásase ao ano seguinte. Así, se a data segura da última menstruación foi o 26 de novembro de 2015, a data probable de parto será o 3 de setembro de 2016; e se a última menstruación foi o 12 de xaneiro de 2016, a data probable de parto será o 19 de outubro de 2016.

Detección e data de fecundación

O principio do embarazo pode ser detectado de diferentes xeitos, incluíndo varias probas de embarazo que detectan hormonas xeradas por placenta recentemente formada. Probas clínicas de ouriños e de sangue detectan o embarazo desde os 6 a 10 días logo da concepción. As probas de embarazo caseiras son probas de ouriños persoais, que normalmente non poden detectar un embarazo senón ata 12-15 días logo da fecundación. Ambos tipos de proba soamente poden detectar o estado, pero non a data de inicio do embarazo.

Primeiros síntomas do embarazo

Exame prenatal

Talvez o primeiro signo do embarazo sexa a sensación de estar embarazada de verdade, algo que ten que ver coa primeira secreción das hormonas do embarazo. Estas hormonas aféctanlle ao corpo, así como á mente e aos sentimentos. Logo de dúas semanas de ocorrida a fecundación notará a ausencia de menstruación. É un signo clásico do embarazo. Denomínase amenorrea secundaria. Ademais do embarazo, poden ser causas da amenorrea unha enfermidade física grave, un shock moi forte, o efecto dunha viaxe en avión, unha operación ou a ansiedade, pois calquera destes sucesos poden atrasar a menstruación. Tamén é común ter unha leve hemorraxia unha vez embarazada, no momento do período normal.

Cansazo

Outro dos primeiros signos é o cansazo. Aínda que algunhas mulleres senten renovada enerxía, a maioría confesan sentir intensa fatiga. É un tipo de cansazo novo. Algunhas afirman quedar durmidas a calquera hora do día, ás veces ao pouco de saíren da cama, e outras aseguran sentir tal somnolencia na sobremesa. Outras senten cansazo pronunciado ao chegar a noite. A mencionada fatiga é acotío incontrolable e esixe o soño. Nunca se atopou unha explicación a este estraño desexo de durmir. Crese que é un efecto da proxesterona, que acada niveis elevados no sangue a comezos do proceso. Esta hormona é un sedante para os seres humanos, con fortes efectos tranquilizantes e hipnóticos. Nas etapas posteriores preséntase outro tipo de fatiga debida simplemente a cansazo corporal, pero de cando en cando ocorre no primeiro trimestre do embarazo.

Mareos matutinos

Embarazada de 26 semanas

As náuseas, ás veces acompañadas de vómitos, adoitan coñecerse como mareos matutinos, aínda que poden ocorrer a outras horas do día. Tamén poden aparecer náuseas ao cheirar algún tipo de comida. Raramente continúan tralos tres meses e desaparecen gradualmente. A causa radica no crecente nivel de hormonas que circulan polo sangue, que poden ter un efecto directo nas paredes do estómago. Unha delas, a gonadotrofina coriónica humana (GCH), prodúcese para contribuír aos niveis de estróxenos e proxesterona que manteñen o embarazo. A súa existencia nos ouriños confirma o embarazo. A acumulación de GCH corre máis ou menos paralela aos momentos das náuseas, e empeza a diminuír entre as 12 e as 14 semanas. As hormonas provocan unha rápida eliminación de azucre do sangue, o que pode facer sentir fame e mareos.

Gustos e antollos

O cambio no gusto e a preferencia por certos alimentos pode ser un dos primeiros signos. É común o rexeitamento a certos alimentos e bebidas (frituras, café, alcohol), e ao fume de cigarros. Acotío descríbese un sabor metálico na boca que fai variar o gusto polos alimentos. Crese que os antollos se deben ao aumento dos niveis hormonais; ás veces experiméntanse na segunda metade do ciclo menstrual polo mesmo motivo.

Desexos frecuentes de ouriñar

A medida que se distende o útero, oprime a vexiga. Por este motivo, esta trata de expulsar pequenas cantidades de ouriños, e moitas mulleres senten desexos frecuentes de ouriñar desde a primeira semana trala concepción; quizais necesiten ir ó cuarto de baño cada hora. Cara ás 12 semanas, o tamaño do útero aumentará, de modo que subirá e sairá da cavidade pelviana. Isto reducirá a presión sobre a vexiga e a frecuencia da micción.

Cambios nas mamas

Artigo principal: Mama.

Prodúcese unha conxestión e aumento dos seos debido ao factor hormonal e a aparición do costro. Pode aparecer en etapas precoces da xestación polo aumento da prolactina, entre outras hormonas. As auréolas vólvense máis sensibles e hiperpigmentadas.[4]

Signos de certeza dun embarazo

Para determinar sen erro a presenza de estruturas embrionarias úsanase técnicas coma a do ultrasón e outras imaxes radiolóxicas.

Actividade cardíaca fetal

A identificación de pulsacións cardíacas fetais separadas e distintas das da nai, asegura o diagnóstico do embarazo. Pódese auscultar a actividade cardíaca fetal cun estetoscopio, cun fetoscopio especial ou cunha ecografía Doppler. O latexo cardíaco fetal é rápido (de entre 120 e 160 latexos por minuto), e pode ser identificado con exactitude a partir da semana 19 ou 20, agás en mulleres obesas nas que é dificultoso escoitar o foco fetal.[5]

Seguimento ecográfico

En calquera momento do embarazo, en especial en presenza dun feto maduro na segunda metade do embarazo, é posible detectar tanto as partes anatómicas coma o saco vitelino do feto, por ecografía transabdominal bidimensional ou tridimensional.

Factores de risco

Diversos factores aumentan a posibilidade de que unha muller teña un embarazo de risco:

  • Idade menor a 18 anos ou maior a 35 anos.
  • Enfermidades anteriores ou durante o embarazo: anemia, alcoholismo, diversas cardiopatías, diabetes, hipertensión, obesidade, diversas enfermidades infecciosas, afeccións renais ou trastornos mentais.
  • Embarazos múltiples.
  • Problemas nun embarazo previo.
  • Fillos anteriores con algunha malformación.
  • Peso corporal menor de 45 kg ou maior a 90 kg (varía dependendo do talle da muller)
  • Talle menor de 140 cm.
  • Riscos alimenticios

Embarazos de coidado especial

Hai embarazos que, polas súas especiais circunstancias, requiren un coidado e un seguimento específico. Neles poden xurdir complicacións ou problemas imprevistos que deben ser atendidos rápida e profesionalmente para evitar colocar a nai ou o bebé en situación de risco.

Embarazadas desnutridas

A nutrición da muller antes, durante e despois do embarazo é fundamental para ter nenos sans. Os requirimentos de nutrientes aumentan considerablemente durante o embarazo e a lactación. Unha muller que chega desnutrida ou se desnutre no embarazo pode ter complicacións durante este e o parto. Así como posibilidades de ter un fillo de baixo peso ao nacer (menor a 2,500 g). Estes nenos teñen máis posibilidades de:[7]

  • crecer e desenvolverse con atraso
  • contraer infeccións e morrer (o risco aumenta canto menor sexa o peso do neno).
  • ter baixas reservas de micronutrientes, o que pode levar a enfermidades como a anemia, deficiencia en Zinc ou vitamina A etc.
  • riscos a desenvolver enfermidades cardíacas, hipertensión, obesidade e diabetes de adultos.

Embarazos en adolescentes

O 33% de mulleres en países en vías de desenvolvemento ten un parto antes de cumprir 20 anos. Moi poucos destes embarazos son planeados ou desexados polas adolescentes. Moitas delas son forzadas polas presións sociais a ter matrimonios desde moi novas e embarazos temperáns, ou son resultado de adolescentes ás que se lles negou libre acceso a anticonceptivos. O embarazo en adolescentes pode ter consecuencias adversas para a saúde tanto a curto prazo como a longo prazo. No curto prazo o resultado do embarazo será moi probablemente desfavorable. Unha razón é biomédica: a nena adolescente embarazada é máis propensa a sufrir toxemia de embarazo e desproporción cefalo-pélvica cando os ósos da pelve non se desenvolveron completamente. E ten máis probabilidades de ter un bebé con baixo peso de nacemento. Outro tipo de consecuencias a longo prazo son as fístulas obstétricas, que a consecuencia do traballo de parto prolongado ou obstruído, son un orificio entre a vaxina e a vexiga ou o recto, o cal causa que a muller padeza de incontinencia crónica. Este padecemento afecta a máis de dous millóns de nenas e mulleres en todo o mundo e estímase que cada ano aumenta este número entre 50.000 e 100.000 novos casos.

Anemia

O estado de anemia xa existente non é obstáculo para o embarazo: un 20% das mulleres poden estar algo anémicas antes de concibir. A forma máis común de anemia débese á perda de sangue durante a menstruación, e é unha anemia por deficiencia de ferro (cando o nivel de hemoglobina é inferior a 12,8 g/100 ml de sangue). Antes de concibir sería conveniente consultar o médico, quen poderá corrixir facilmente a anemia por deficiencia de ferro cun tratamento específico. Tamén poderá aumentar a inxestión de alimentos ricos en ferro.

Hemorraxia preparto

Antes das 24 semanas, unha hemorraxia vaxinal pode acabar en aborto. Despois, o feto considérase viable, é dicir que podería sobrevivir fóra do útero materno. A hemorraxia tras as 24 semanas coñécese como hemorraxia preparto, e as dúas causas principais proceden da placenta.

Desprendemento de placenta

Se a placenta se desprende do útero, producirase hemorraxia. O sangue acumúlase ata derramarse polo pescozo do útero. O tratamento pode consistir en repouso e ecografías, e posiblemente cesárea.

Placenta previa

Cando a placenta está adherida á parte inferior da parede do útero, denomínase placenta previa. Se se atopa total ou parcialmente sobre o colo uterino, pode resultar perigosa durante o parto, ao provocar hemorraxia e interromper a circulación sanguínea do feto. O problema detéctase con ultrasón. Se se produce hemorraxia, ingresarana no hospital e o neno nacerá mediante cesárea.

Diabetes

Se a embarazada ten diabetes mellitus debe asegurarse de ter baixo control a súa situación antes de quedar embarazada, para que as posibilidades de ter un fillo san e un parto normal sexan o máis altas posibles. É probable que necesite unha maior cantidade de insulina durante o embarazo e o seu doutor encargarase de facer un seguimento detallado da cantidade que precise en cada momento, pois pode variar. Tamén é probable que deba acudir con maior frecuencia ao hospital para realizar as probas prenatais e deberá pór un especial coidado na súa dieta.

Hai mulleres que son diagnosticadas de diabetes mellitus xestacional, un tipo de diabetes que se desenvolve só durante o embarazo e que adoita desaparecer pouco despois do parto. Os riscos deste tipo de diabetes son menores e raramente se precisa insulina; con reducir a inxesta de azucre adoita ser suficiente.

Embarazo ectópico

O embarazo ectópico desenvólvese fóra do útero, polo xeral nunha das trompas de Falopio. Pode provocar dor abdominal polo crecemento do embrión na trompa ou por unha hemorraxia abdominal interna. Desgrazadamente, é difícil diagnosticar un embarazo ectópico e aínda hai mulleres que morren como consecuencia diso. Hai unha serie de condicionantes que favorecen o aumento de risco de padecer embarazos ectópicos, entre eles, unha historia anterior de infección pélvica, o uso dun dispositivo intrauterino contraceptivo (aínda que non a espiral de Mirena) e un embarazo ectópico previo. As mulleres que reúnan algún dos condicionantes referidos son controladas de inmediato nun centro maternal para asegurarse de que o desenvolvemento do embarazo é normal. O embarazo ectópico debe ser tratado mediante cirurxía ou cun fármaco. As operacións consisten en cirurxía laparoscópica ou aberta, dependendo das circunstancias e das condicións da nai, e adoitan levar a extirpación da trompa afectada. Adoitan causar unha redución da fertilidade.

Cardiopatía

A maioría das mulleres con problemas cardiolóxicos levan un embarazo perfecto, aínda que ás veces deban recorrer aos antibióticos para protexer as súas arterias no momento de dar a luz. Se padece algunha cardiopatía importante, o cardiólogo encargarase de comunicarllo. As mulleres con marcapasos, un transplante de corazón e outra operación coronaria poden levar un embarazo seguro e normal. As que presenten anormalidades musculares deben consultalo antes de quedaren embarazadas.

Hipertensión

Denomínase Hipertensión arterial o aumento da presión sanguínea. Esta ten dous compoñentes, por exemplo: 120/70. Un aumento da cifra menor, a presión diastólica, é motivo de preocupación para os médicos, xa que corresponde á medida do bombeo cardíaco en repouso. Se padece hipertensión, é recomendable que a muller consulte o seu médico antes de quedar embarazada. Posiblemente se lle indique un cambio de fármacos e se lle faga un seguimento do seu estado renal. Cunha atención correcta, non hai ningunha razón que impida ter un embarazo e un parto normais, aínda que poida que a muller ingrese antes de tempo no hospital. Se durante o embarazo desenvolve hipertensión, atenderana nun centro de día, onde controlarán a súa presión. Agora ben, nalgúns casos máis severos recomendarase o ingreso. Ás veces, será necesario avanzar o parto, mediante cesárea, por mor da presión do sangue materno no bebé. Un aumento da presión arterial ao final do embarazo pode ser síntoma de pre-eclampsia, unha afección moi seria.

Datos importantes

Cambios fisiolóxicos durante o embarazo

A muller embarazada atópase nun estado hipervolémico crónico. O volume de auga corporal total increméntase debido ó aumento da sede e á retención de líquidos. Esta maior cantidade de auga ocasiona dilución do sangue, o que explicaría a anemia fisiolóxica propia do embarazo.

Aumenta o gasto cardíaco, o volume urinario (polo estado hipervolémico antes descrito), a frecuencia respiratoria, a depuración de creatinina, entre outros.

Desenvolvemento do feto

Desenvolvemento do feto mes a mes:

Notas

  1. A incidencia de embarazos xemelgares na poboación xeral é dun 1,5%. En técnicas de fecundación asistida pode alcanzar o 20%. Luis E. Tsng, Juan F. Mere. Ginecología y Obstetricia. Vol. 42 Nº3 decembro de 1996
  2. Gilbert Hottoi e Jean-Noël Missa (2005) Nova enciclopedia de bioética Santiago de Compostela:USC, p. 414, título orixinal: Nouvelle encyclopédie de bioéthique: médecine, environnement, biotechnologie (2001)
  3. KidsHealth.org (marzo de 2006). Calendario semanal do embarazo. Editado por Elana Pearl Ben-Joseph e The Nemours Foundation. Consultado o 29 de xaneiro de 2008.
  4. Víctor M. Espinosa de los Reyes Sánchez; Sergio Azcárate Sánchez Santos (1997-1998). "Cambios fisiológicos durante el embarazo". Programa de Actualización Continua para Ginecología y Obstetricia. libro 1 (Vigilancia prenatal): 18. Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2008. Consultado o 25 de xaneiro de 2008. 
  5. Juan Aller e Gustavo Pagés (2007). Fundación Aller para Estudios de Fertilidad, ed. "Diagnóstico de Embarazo" (PDF) (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de abril de 2007. Consultado o 29 de xaneiro de 2008. 
  6. U.S. Department of Health and Human Services and U.S. Environmental Protection Agency. Os nenos e as mulleres embarazadas son máis sensíbeis ao mercurio, acceso o día 13 de maio de 2010
  7. Burgess, Ann; Glasauer, Peter (2006). "TEMA 5 • LA ALIMENTACIÓN Y EL CUIDADO DE LAS MUJERES" (PDF). Guía de nutrición de la familia (en castelán). Roma: FAO. ISBN 9789253052332. OCLC 124029445. 

Véxase tamén

Bibliografía

  • Fernández, Patricia. Psicología del embarazo. Editorial Síntesis. 

Outros artigos

Ligazóns externas