Xuízo por Traizón de 1956
O Xuízo por Traizón (Treason Trial en inglés e traducido tamén como Proceso por Traizón, Proceso por alta traizón e Proceso da traizón) é o nome dado ó proceso xudicial que tivo lugar entre 1958 e 1961 en Suráfrica contra 156 persoas, maioritariamente membros do Congreso Nacional Africano (CNA) e do Partido Comunista Surafricano.[1] Foron acusados de alta traizón (hoogverraad en afrikaans) e de conspiración a escala nacional. Igualmente acusóuselles de querer derrocar o goberno por medio da violencia e de querer substituílo por un Estado comunista. Estas acusacións podían ser castigadas coa pena de morte. Os primeiros arrestos producíronse en decembro de 1956 e os primeiros procesos comezaron en 1958. Logo de 3 anos de procedementos xudiciais, foron liberadas sucesivamente máis de 70 persoas. Os últimos acusados, 30 inculpados en total, entre os que se atopaban Nelson Mandela e Ruth First, foron absoltos finalmente o 29 de marzo de 1961.[2] Os xuíces estimaron que a Coroa non lograra probar que o CNA usase a violencia para derrocar o goberno.
Antecedentes e fase preparatoria
[editar | editar a fonte]En xuño de 1956, en Kliptown, o Congreso do Pobo reuniu tres mil delegados de organizacións antiapartheid e adoptou a Carta da Liberdade; posteriormente, o 5 de decembro de 1956, a policía procedeu ó arresto de 144 militantes do CNA e dos seus aliados, entre os que se atopaban Albert Lutuli e Nelson Mandela. Unha semana despois foron arrestadas outras doce persoas incluíndo a Walter Sisulu. En total, a policía detén 156 persoas (105 negros, 21 indios, 23 brancos e 7 mestizos), entre eles a toda a dirección nacional do CNA.[3] Son formalmente acusados e encerrados durante 15 días na prisión de Fort en Xohanesburgo antes de seren liberados baixo fianza.[4]
O obxectivo ó que apuntaba o goberno, como ente acusador, era o de desintegrar a Alianza do Congreso que agrupaba varias organizacións antiapartheid. O período cuberto pola acusación ía dende o 1 de outubro de 1952 até o 13 de decembro de 1956 e abranguía principalmente a Campaña de desafío, as manifestacións polo desprazamento forzado dos habitantes de Sophiatown e a participación dos inculpados na redacción da Carta da Liberdade. Esta foi presentada polo goberno como unha declaración de principios revolucionarios, pois a súa aplicación implicaba o derrocamento a través da violencia do goberno e a destrución do estado surafricano tal como existía nese entón. Os retidos foron acusados igualmente de querer estabelecer un réxime comunista en Suráfrica (os movementos comunistas eran ilegais grazas a unha lei adoptada a comezos dos anos 50). Para o goberno, baseado no antigo dereito holandés aplicable en Suráfrica, os acusados eran culpables de alta traizón, o que era considerado como «unha intención hostil de perturbar, debilitar ou pór en perigo a independencia ou a seguridade do Estado».[5]
O equipo defensor estaba conformado por Izrael Maisels, Sydney Kentridge, Vernon Berrangé e Bram Fischer. Pola súa banda, o goberno estaba representado por Oswald Pirow (quen morreu antes do final do proceso).
A fase preparatoria do proceso tivo lugar diante dun tribunal de primeira instancia de Xohanesburgo e durou once meses. Durante este período, os cargos foron examinados un a un para determinar se había materia para enviar os acusados diante da Corte Suprema. En decembro de 1957, a corte anuncia que abandonaba os cargos existentes en contra de 61 dos acusados (quedando 95 interpelados). Entre estes 61 liberados atopábanse Oliver Tambo e Albert Lutuli.[6]
Proceso
[editar | editar a fonte]O proceso comezou o 3 de agosto de 1958 nunha antiga sinagoga de Pretoria transformada en tribunal. A alta corte especial creada para este caso estaba composta por tres xuíces (e non dun só como era o habitual) dende logo todos brancos, pero sobre todo coñecidos pola súa proximidade co partido no poder, o Partido Nacional.[7] A defensa logrou recusar un dos xuíces, quen foi substituído por un xuíz reputado de ser imparcial. Ó cabo dunha semana, a estratexia xurídica disposta pola defensa comezou a dar os seus froitos: a corte anula unha das dúas acusacións relativa á lei sobre a prohibición do comunismo. Tras dous meses de proceso e diante do enfraquecemento dos cargos, a Coroa presentou un novo cargo contra 30 dos acusados. A mediados de 1959, para as outras 62 persoas que restaban, a corte pronunciouse a prol da súa liberación a falta de probas. A morte de Oswald Pirow en outubro de 1959 é un golpe serio que afectou a eficacia e a agresividade do xa debilitado equipo acusador. O seu substituto non tiña a elocuencia nin a mordacidade do seu predecesor.[8] Este, por exemplo, non puido facer nada cando unha das principais testemuñas da parte acusatoria, o profesor Andrew Murray, errou nun contrainterrogatorio da defensa e admitiu que a Carta da Liberdade é un documento humanitario que podía perfectamente representar a reacción e as aspiracións naturais dos non brancos de Suráfrica.[9]
O ente acusador presentou as súas conclusións o 10 de marzo de 1960 e catro días máis tarde, a defensa comeza a facer declarar ás súas testemuñas. Porén, durante a quenda de Albert Lutuli de testificar, no sur de Transvaal, o 21 de marzo ocorre a matanza de Sharpeville, feito que interrompe durante varios días (até o 31 de marzo) o proceso. A principios do mes de abril o CNA é suspendida e, declarado o estado de emerxencia, os acusados son recluídos na prisión de Pretoria. A estes outórgaselles permisos de saída durante os fins de semana. O estado de emerxencia finalmente é levantado o mes de agosto permitindo que os detidos regresen ós seus domicilios, case todos situados en Xohanesburgo ou os seus arredores.
O 29 de marzo de 1961, despois de desestimar unha petición extraordinaria do ministerio público para cambiar o representante do ente acusador, o xuíz F. L. Rumpff pronunciouse dando un veredicto de absolución a prol dos acusados, mencionando que aínda que o CNA buscaba substituír o goberno por unha forma de estado radicalmente e fundamentalmente diferente, que ademais utilizara métodos ilegais en busca de cumprir o seu obxectivo, que algúns dos seus dirixentes defenderan o uso da violencia, e que algúns utilizaban unha retórica de esquerda antiimperialista, antioccidental e prosoviética, a Coroa non lograra demostrar que o CNA recorrese a unha política que apuntase a derrocar o estado a través da violencia, nin que o CNA fose unha organización comunista, nin que a Carta da Liberdade tivese como obxectivo o estabelecemento dun réxime comunista en Suráfrica. En consecuencia, o xuíz absolveu ós acusados declarándoos non culpables.[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ linguee. "Ejemplos de traducciones de otras fuentes para 'treason trial'".
- ↑ Nelson Mandela. Rocco, ed. Conversas que tive comigo (en portugués) (primera ed.). ISBN 9788532526076.
- ↑ Nelson Mandela, infra, p 243
- ↑ Ibidem. pp. 248 y 252.
- ↑ Ibidem. pp. 246 y 247.
- ↑ Ibidem. p. 258.
- ↑ Ibidem. pp. 272 y 273.
- ↑ Ibidem. p. 283.
- ↑ Ibidem. p. 284.
- ↑ Ibidem. p. 316.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Nelson Mandela, Un long chemin vers la liberté, Le livre de Poche, Fayard 1995, p 241 à 318 (en francés)