Lingua dálmata
Dálmata | ||
---|---|---|
Falado en: | Croacia Montenegro | |
Rexións: | Costa do Adriático | |
Extinción: | 10 de xuño de 1898 | |
Familia: | Indoeuropea Itálica Románica Románica oriental Dálmata | |
Códigos de lingua | ||
ISO 639-1: | --
| |
ISO 639-2: | --- | |
ISO 639-3: | dlm
| |
Mapa | ||
Mapa da extensión do dálmata e das linguas periféricas. | ||
Status | ||
O dálmata é unha lingua romance extinta, antigamente falada na rexión croata de Dalmacia, estendéndose cara ao sur até Kotor, na actual Montenegro. O nome provén da tribo prerromana da familia lingüística iliria, os Dalmatae. O dialecto dálmata de Ragusa foi a lingua oficial da República de Ragusa, aínda que na súa maioría os seus habitantes falaban croata ou italiano.
Os falantes de dálmata vivían en cidades costeiras como Zadar, Trogir, Split, Dubrovnik, e Kotor (Jadera, Tragur, Spalatro, Raugia e Cattaro), cada unha das cidades posuía o seu propio dialecto, así como nas illas de Krk, Cres e Rab (Vikla, Crepsa e Arba).
Historia
[editar | editar a fonte]A República Romana ocupou gradualmente o territorio de Iliria entre os anos 229 e 155 a.C. Os comerciantes e as autoridades colonizadores de Roma levaron consigo a lingua latina e, finalmente, os habitantes indíxenas abandonaron as súas linguas, maioritariamente variedades de linguas ilirias, polo denominado latín vulgar. Despois da caída do Imperio Romano de Occidente, os pobos ilirios continuaron falando latín, o cal evolucionou co tempo, primeiro en variantes latinas rexionais, e posteriormente como distintas e independentes linguas romances. A lingua dálmata correspondía á variedade falada ao longo da costa do Adriático na península dos Balcáns, dende Rijeka até Kotor, ao sur da costa na actual Montenegro.
Os falantes desta lingua vivían principalmente nas cidades costeiras de Jadera (Zadar), Tragurium (Trogir), Spalatum (Split), Ragusa (Dubrovnik) e Acruvium (Kotor), ademais de nas illas de Curicta (Krk), Crepsa (Cres) e Arba (Rab). Case tódalas cidades desenvolveran o seu propio dialecto, mais os dialectos máis importantes coñecidos son o vegliot, o corzulot falado no norte da illa de Korčula, e o dialecto de Ragusa, falado ao sur e ao redor da actual cidade de Dubrovnik.
A primeira referencia á lingua dálmata data do século X, e estímase que tiña ao redor de cincuenta falantes nese momento. Con todo, a principal fonte desta información, o lingüista italiano Matteo Bartoli, puido ter esaxerado os datos. O dálmata estaba particularmente influenciado pola lingua véneta e o croata (a pesar desta última o dálmata conservaba de xeito predominante a súa raíz latina). Por exemplo, unha carta do século XIV de Zadar, orixe do dialecto de Jadera, amosa fortes influencias do véneto. Esta lingua, despois de que a zona pasase anos baixo dominio veneciano, contribuíu á desaparición dalgúns dialectos dálmatas. Outros dialectos extinguíronse por mor da influencia dos falantes eslavos. O dálmata extinguiuse completamente cando o seu último falante, Tuone Udaina, morreu por mor do estoupido dunha bomba o 10 de xuño de 1898.
Dialectos
[editar | editar a fonte]Case tódalas cidades desenvolveran o seu propio dialecto. Con todo, a maioría desapareceu antes de que se rexistraran, polo que o único rastro destes antigos dialectos son algunhas palabras prestadas en dialectos locais da actual Croacia.
Dialecto de Ragusa
[editar | editar a fonte]O de Ragusa é un dialecto do sur, o seu nome provén do nome latino da cidade de Dubrovnik, Ragusa. Chegou ás mans dos estudosos modernos a través de dúas cartas, de 1325 e 1397, e outros textos medievais, que amosan unha linguaxe fortemente influenciada pola lingua véneta. As fontes dispoñibles actualmente son apenas 260 palabras deste dialecto. Algunhas palabras sobreviventes son pen (pan), teta (pai), chesa (casa) e fachir (facer), que foron citadas polo dálmata Filippo Diversi, o rexedor de Ragusa nos anos 1430.
A República de Ragusa posuía unha importante frota, mais a súa influencia diminuíu,[2] polo que só tiñan sobre trescentos barcos no século XV. A linguaxe estaba en problemas fronte ao avance eslavo, polo que o Senado de Ragusa decidiu que tódolos debates debían celebrarse na lingua veteri ragusea (antiga lingua de Ragusa) e o uso de eslavo foi prohibido. con todo, no século XVI, o dialecto de Ragusa caeu en desuso e extinguiuse.
pai | pape | babbo/papà | tata |
contramestre | noštromo | nostromo | vođa palube |
calzado | crevlja | scarpa | cipela |
xerra | žmuo | boccale | krigla |
adeus | adio | addio | zbogom |
saúdos | sluga vam se | saluti | klanjam se |
fiestra | funjestra | finestra | prozor |
sucio | šporki | sporchi | prljavi |
súpeto | subito | subito | odmah |
cadro | kvada | quadro | okvir |
amorodo | fragola | fragola | jagoda |
reloxo | orlođo | orologio | sat |
secadora | tiramola | essiccatoio | sušilo |
roupa | bjankarija | biancheria | bijela roba |
xuntanza | apuntamenat | appuntamento | sastanak |
ir | hodit | andare | ići |
garfo | pantaruo | forchetta | vilica |
cigarro | španjulet | sigaretta | cigara |
pano | faculet | fazzoletto | rubac |
xeado | đelato | gelato | sladoled |
Dialecto de Veglia
[editar | editar a fonte]O de Veglia ou vegliot é un dialecto do norte, cuxo nome deriva da palabra italiana de Krk, Veglia, unha illa no golfo de Kvarner. Nunha inscrición que data do século IV, Krk recibe o nome de "Splendissima civitas Curictarum". O nome croata deriva do nome latino (Curicum, Curicta), mentres que o máis moderno Vecla – Vegla – Veglia (significando "cidade vella") foi creado no período románico.
O último falante de calquera dialecto dálmata foi o Burbur Tuone Udaina, que morreu por mor do estoupido dunha bomba o 10 de xuño de 1898. A súa linguaxe foi estudada polo erudito Matteo Giulio Bartoli, nativo da próxima Istria, e que o visitou en 1897, escribindo aproximadamente 2800 palabras, historias, e relatos da súa vida, o cales foron publicados nun libro, o cal aporta moita información do léxico, fonoloxía e gramática da lingua. Bartoli escribía en italiano, mais publicou unha tradución en alemán (Das Dalmatische) en 1906. Con todo, os manuscritos en italiano perdéronse e non foron retraducidos de novo até 2001.
Dialecto de Korčula
[editar | editar a fonte]O Korčula ou corzulot é un dialecto da illa homónima. A orixe dalgunhas palabras está en disputa.
A continuación exemplos de palabras do corzulot comparadas co vegliot, italiano, galego, e croata:[3]
burato | buža | bus | buca | rupa |
cemiterio | čimitir | čimitier | cimitero | groblje |
dente | dent | diant | dente | zub |
pano | faculet | fazuol | fazzoletto | rubac |
fábrica | fatiga | fatica | fabbrica | radi |
detéñase! | fermaj! | fermai! | fermo! | Stoj! |
celoso | jeloz | golaus | geloso | ljubomoran |
cantar | kantat | cantar | cantare | pjevati |
Características
[editar | editar a fonte]Aínda que se pensaba que a lingua cubría o oco entre a lingua romanesa e a italiana, está só lonxanamente relacionado cos dialectos romaneses máis próximos, así como o case extinto istro-romananés, falado preto da Istria, Croacia. Algunhas das súas palabras consérvanse como préstamos en linguas eslavas meridionais, sobre todo no dialecto čakavo do croata, falado na costa adriática.
Algunhas das súas características eran bastante arcaicas. O dálmata era a unha lingua romance que palatalizaba /k/ e /g/ antes de /i/, mais non antes de /e/; tódalas outras linguas latinas palatalizan antes de ambas, excepto o sardo que non palataliza ningunha. Por exemplo: latín: civitate > vegliot: cituot (cidade), latín cenare > vegliot: kenur (cear).
Léxico
[editar | editar a fonte]O dálmata mantiña as palabras latinas relacionadas coa vida urbana perdidas no romanés, ou polo menos mantendo o seu significado orixinal. Un exemplo é cituot (cidade), palabra que en romanés (cetate) significa "fortaleza". Os dálmatas conservaron unha activa sociedade urbana nas súas cidades-estado, mentres que a meirande parte dos romaneses foron migrando en pequenos asentamentos durante as Grandes Migracións dos Anos Escuros.
O veneciano é a lingua que máis influíu no dálmata debido á influencia comercial de Venecia na zona. Os dialectos croatas čakavo (Istria) e štokavo (Dubrovnik), os cales se falaban nas aforas das cidades polos inmigrantes eslavos, comezaron a gañar importancia durante o século XVI, e finalmente substituíndo por completo ao dálmata como linguaxe do día a día.
Gramática
[editar | editar a fonte]No dálmata pódese observar unha tendencia analítica: os substantivos e adxectivos comezaran a perder as inflexións de xénero e número, as declinacións dos substantivos desapareceran completamente e as conxugacións verbais comezaban a seguir o mesmo camiño.
Porén, o verbo mantiña as distincións de persoa e número, excepto na terceira persoa (ao igual que no romanés e algúns dialectos italianos). O artigo determinado usábase como preposición, ao contrario que no resto de linguas romances orientais (como o romanés).
Semellanzas co romanés
[editar | editar a fonte]Entre as semellanzas co romanés destacan algúns trocos consonánticos, os cales só se dan nas linguas romances entre estes dous idiomas.
octo | guapto | opt | otto | oito | ||
cognatus | comnut | cumnat | cognato | cuñado | ||
coxa | copsa | coapsa | coscia | coxa |
Exemplos de lingua dálmata
[editar | editar a fonte]O texto seguinte corresponde á oración cristiá do Noso Pai en dálmata, engadindo ademais os seus equivalentes en italiano e romanés para comparar:
Noso Pai que estás no ceo: | Tuota nuester, che te sante intel sil, | Padre nostro, che sei nei cieli, | Tatăl nostru care eşti în ceruri, |
santificado sexa o teu nome, | sait santificuot el naun to. | sia santificato il tuo nome. | sfinţească-se numele tău. |
veña a nós o teu reino | Vigna el raigno to. | Venga il tuo regno. | Vie împărăţia ta. |
e fágase a túa vontade | Sait fuot la voluntuot toa, | Sia fatta la tua volontà, | Facă-se voia ta, |
aquí na terra coma no ceo. | coisa in sil, coisa in tiara. | come in cielo così in terra. | precum în cer, aşa şi pe pământ. |
O noso pan de cada día | Duote costa dai | Dacci oggi il | Pâinea noastră cea de toate zilele, |
dánolo hoxe; | el pun nuester cotidiun. | il nostro pane quotidiano | dă-ne-o nouă astăzi. |
e perdóano-las nosas ofensas | E remetiaj le nuestre debete, | e rimetti a noi i nostri debiti, | şi ne iartă nouă păcatele noastre, |
como tamén perdoamos nós | coisa nojiltri remetiaime | come noi li rimettiamo | precum şi noi le iertăm |
a quen nos ten ofendido; | a i nuestri debetuar. | ai nostri debitori. | greşiţilor noştri. |
e non nos deixes caer na tentación, | E naun ne menur in tentatiaun, | E non ci indurre in tentazione, | Şi nu ne duce pe noi în ispită, |
mais líbranos do mal. | miu deleberiajne dal mal. | ma liberaci dal male. | ci ne izbăveşte de cel rău. |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022.
- ↑ Notizie Istorico-Critiche Sulla Antichita, Storia, e Letteratura de' Ragusei, Francesco Maria Appendini, 1803.
- ↑ Marko Marelic- S. Francisco USA Arquivado 21 de decembro de 2010 en Wayback Machine. Carski Vernacular.pdf
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lingua dálmata |
Vexa a proba da Wikipedia en Lingua dálmata |