Saltar ao contido

Nové Město

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaNové Město
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 50°04′37″N 14°25′34″L / 50.077, 14.426
PaísRepública Checa
Concello con privilexiosPraga Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación21.941 (2021) Editar o valor en Wikidata (6.567,2 hab./km²)
Xeografía
Superficie3,341 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porRío Moldava Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
FundadorCarlos IV de Luxemburgo Editar o valor en Wikidata
Creación1348 Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal110 00 e 120 00 Editar o valor en Wikidata

Praza de Venceslau.

Nové Město (do checo: Cidade Nova) é un distrito da cidade de Praga, República Checa. É a máis nova e grande das cinco cidades independentes (dende a Idade Media até 1784) que hoxe forman o centro histórico da Praga moderna. Nové Město foi fundada en 1348 por Carlos IV xusto fóra das murallas leste e sur de Staré Město (Cidade Vella). Forma unha área de 7,5 km², unhas tres veces o tamaño de Staré Město. A poboación de Praga en 1378 era duns 40.000 habitantes, quizais o dobre, facéndoa a cuarta cidade máis poboada ao norte dos Alpes e, por superficie, a terceira de toda Europa.

Aínda que se pode máis ou menos comparar o trazado actual de Nové Město co da época da súa construción no século XIV, só unhas cantas igrexas e algún edificio administrativo da época sobrevive. Hoxe, hai moitos edificios civís e educativas no distrito, máis destacadas igrexas góticas e barrocas. Con todo, estas non son os principais puntos turísticos da zona, sendo o monumento máis famoso a Praza de Venceslau. Esta praza, que foi construída como un mercado de cabalos, agora funciona como un centro de comercio e turismo. No século XV, o Novoměstská radnice (Casa do Concello de Nové Město) foi escenario da primeira das tres defenestracións de Praga.

Fundación

[editar | editar a fonte]
Carlos IV.

Despois da coroación de Carlos IV como Rei do Sacro Imperio Romano Xermánico en 1346, e de lograr a independencia de Praga dentro da Igrexa coa creación do Arcebispado en 1344, decidiu fundar unha nova cidade, Nové Město, xa que Praga sería a nova residencia do Rei. A parte diso, o problema da vivenda dentro dos muros da cidade antiga, que xa fora evidente co pai Carlos IV, Xoán de Luxemburgo, pedía urxentemente unha solución. Moitas persoas, sobre todo os checos máis pobres, estábanse a instalar en suburbios situados ao pé das murallas da cidade, na ribeira do río Moldava.

O orixinal acerca da decisión de Carlos IV de fundar unha nova cidade foi que escolleu, en lugar de crear un barrio administrativo dependente ou de ampliar do casco antigo, crear unha nova cidade independente co seu propio marco xurídico. Con todo, Carlos planeara unir a nova cidade, física e xuridicamente, coa parte antiga da cidade, decretando a xestión común en 1367. Con todo, a unión non funcionou e, debido principalmente á oposición dos dous Concellos, a unión finalizou tan só dez anos despois. Pese a todo, logo de concederse moitos dereitos e liberdades aos habitantes da cidade nova, os habitantes da parte antiga tamén conseguiron unha mellora nos seus dereitos, e ademais outorgouselles a garantía de libre acceso á cidade nova.

Xunto coa creación de Nové Město, o rei fixo moitos esforzos para aumentar a importancia de Praga, xa non só por ser a súa residencia, senón para tentar convertela nun dos centros políticos e económicos de Europa Central. Para iso fundou o 7 de abril de 1348 a Universidade Carolina, a primeira do centro de Europa, creou novas rutas tránsito e fixo navegable o río Moldava. A construción de Nové Město foi probablemente rematada na súa primeira fase ao redor do ano 1367, nos anos da unión de curta duración coa Cidade Vella.

Expansión

[editar | editar a fonte]
Vyšehrad.

A nova cidade cubría unha área de preto de 250 hectáreas, polo que o seu tamaño era de máis do dobre que o do casco antigo (106 hectáreas). A lonxitude era de 5 quilómetros de norte a sur, e de entre 0,8 e 1,2 quilómetros de leste a oeste. A zona planificada foi logo dividía en varias parcelas, de acordo á adecuación dos terreos para a disposición da nova cidade. Ao longo do Moldava, dende Vyšehrad cara ao casco antigo, construíronse varios asentamentos de coireiros e de pescadores, coas súas propias igrexas, así como un cemiterio xudeu. Ao oeste da Cidade Vella (Staré Město), no Moldava, o asentamento de Poříčí estaba xa densamente construído, con dúas igrexas, San Clemente e San Pedro, así como a corte do bispo.

Había tamén un socalco de terra, orientado cara ao leste, claramente separado por un pronunciado cantil de 6 a 8 metros de profundidade. A meseta superior estaba dominada por dúas cristas que se proxectaban cara ao oeste, as cales se proxectou que serían ocupadas por construcións nun futuro. Con todo, xa existían aí algúns asentamentos máis pequenos, como Na Rybníčku ou Rybníček, onde había unha rotonda románica probablemente adicada a Santo Estevo.

A fortificación

[editar | editar a fonte]
Restos da antiga muralla.

A construción de Nové Město iniciouse o 26 de marzo de 1348 co acto de colocación da primeira pedra da muralla por Carlos IV. O muralla non só proporcionaba seguridade para a nova cidade planificada, senón que tamén a separaba legalmente das terras circundantes. A importancia que se outorgou á fortificación, entre outras cousas, é evidente no feito de que tan só se tardou dous anos en rematala, aínda que era relativamente baixa en comparación coas murallas doutras cidades máis antigas de Bohemia.

A muralla comezouse a construír en Vyšehrad (cuxa propia fortificación estaba a ser renovada ao mesmo tempo) e dende alí dirixíase ao longo do escarpado socalco superior do río Moldava, polo regato de Botič, cara ao punto máis alto da zona, onde se construiría posteriormente a Corte de Carlos. A muralla volvíase dende aí e seguía un rumbo case exacto en dirección norte. Despois dun leve xiro cara ao leste, entre a porta da rúa Ječná e o mercado de cabalos (agora Praza de Venceslau), a muralla avanzaba ao longo dun arroio no outeiro San Vito, cuxo profundo val mantiña unha distancia constante con Staré Město até chegar ao río Moldava, onde a muralla volvíase de novo, esta vez cara ao oeste.

A diferenza de Staré Město, a muralla non foi construída ao longo do Moldava, xa que se tiña que asegurar o libre acceso ao río. En total, a muralla tiña unha lonxitude duns 3,5 quilómetros de longo, 6,1 metros de altura, 3,5 metros de ancho e estaba coroada con ameas. A muralla tamén tiña torres. Estaban colocadas ao longo do lado oriental cada 100 metros; o sur, debido á inclinación do terreo adxacente, había tan só unha. As torres máis fortes estaban situadas nas esquinas da muralla sueste e nordeste, no arroio do outeiro de San Vito, e no extremo norte polo Moldava. Estaba só aberta por catro portas e algunhas pequenas portelas. Ademais estaba protexida por un foxo por onde fluía auga, sobre todo polas zonas onde había antigos arroios, secándose nalgúns lugares debido ás diferenzas de altura. Non había unha muralla exterior (fóra do foxo).

Casa en Nové Město en 1901.

Coa fundación de Nové Město en 1348, a zona xa estaba delimitada e dividida en parcelas. O plan de estradas, así como as posicións dos distintos mercados e os produtos que debían ser vendidos en cada un deles, estaban xa determinados. A estrutura dos asentamentos máis grandes á beira do Moldava mantívose en liñas xerais, mais nos restantes, até ese intre terreo sen desenvolver, foron creadas rúas e prazas inusitadamente amplas, respectando as rutas xa existentes. Con todo, a área de Nové Město era tan grande que non puido ser resolta por completo, e grandes sectores do norte, ao redor do asentamento de Poříčí, e do sueste mantivéronse sen desenvolver até o século XIX. A planificación da Cidade Nova foi probablemente a responsabilidade do mestre construtor da catedral Matthias von Arras, que chegou a Praga dende Aviñón por invitación de Carlos IV de 1342 até 1344.

Carlos IV prohibiu expresamente a especulación inmobiliaria e concedeu, a tódolos que se quixesen asentar na cidade, doce anos de exención de impostos. Con todo, para gañar a exención fiscal había que comezar a construír un edificio de pedra na parcela especificada no prazo dun mes e rematalo antes de ano e medio. Este privilexio púxose a disposición non só aos cristiáns, senón tamén aos xudeus, aínda que moi poucos destes últimos fixeron uso del.

Segundo rexistros contables sábese que 1372 as rúas de Nové Město estaban xa rodeadas por casas na súa maior parte. Unha razón importante para o rápido asentamento foi o decreto de Carlos IV, segundo o cal as operacións ruidosas e sucias tiñan que ser desprazadas do casco antigo cara a nova cidade. Así, dentro de Nové Město desenvolvéronse mercados axeitados para cada actividade; por exemplo, pescadores, carpinteiros, balseiros, coireiros ou tintureiros atopábanse ao longo do Moldava, e ferradores, caldeireiros ou ebanistas ao redor do mercado de cabalos. Polo tanto Nové Město foi habitada sobre todo por artesáns checos pobres, mentres que no casco antigo atopábanse na súa maioría artesáns alemáns e xudeus. Estas grandes diferenzas económicas e étnicas deron lugar a unha clara separación das dúas cidades, o que no futuro influiría nos disturbios ocorridos durante a revolución husita a comezos do século XV.

Baixo Nové Město

[editar | editar a fonte]
Igrexa de Santo Henrique.

A Igrexa de Santo Henrique e Cunegunda (Kostel sv. Jindřicha), con catro celosías e tres torres de igual altura, preto dun asentamento xa existente, estableceuse como a principal igrexa parroquial de Nové Město (ecclesia parochialis primaria) a partir de 1350, inmediatamente despois da finalización da muralla. Antes de que o campanario independente fora construído, probablemente cumpría esta función a torre da esquina suroeste. Do mesmo xeito, tamén foi fundada a escola parroquial da igrexa por Carlos IV a cal, mesmo durante os séculos XVI e XVII, estaba aínda entre as mellores escolas de Bohemia, sendo xunto coa Universidade foi un dos centros educativos máis destacados de Praga. Non moi lonxe da igrexa, no sitio da actual principal oficina de correos (Budova Hlavní), construída entre 1871 e 1874, estaban os xardíns botánicos da Universidade Carolina. O "Xardín do anxo", como foi chamado, foi construído polo farmacéutico e médico persoal de Carlos IV, Angelus von Florenz, e fíxose famoso en toda Europa pola súa singularidade.

Torre da Pólvora.

O centro económico do barrio setentrional era o Mercado da Palla, que estaba máis ou menos onde hoxe se atopa o moderno Senovážné náměstí. Wilfried Brosche foi probablemente o responsable da planificación do mercado, na mesma liña que o Mercado do Cabalo. Hoxe, a rúa Hibernia (ulice Hybernská) forma o límite sur do antigo mercado. O mercado funcionou ao longo do antigo camiño a Kutná Hora, que era a ruta principal cara ao leste. Na entrada do casco antigo atopábase a "porta farrapenta" (en checo: brána Horská), máis tarde chamada de Santo Ambrosio e finalmente de Celetná. A renovación da porta ao parecer xa foi obxecto de Carlos IV. A actual Porta da Pólvora (en checo: Prašná brána) foi construída en 1475. A Porta da Montaña ou Porta de San Vito (en checo: Horská brána) formaba o extremo superior da muralla de Nové Město.

No extremo inferior do Mercado da Palla, Carlos IV estabeleceu en 1355 un mosteiro beneditino. O mosteiro e a igrexa adicáronse a Santo Ambrosio en conmemoración da coroación de Carlos como Rei da Lombardía, xa que esta foi o 5 de xaneiro dese ano na Catedral de San Ambrosio, en Milán, onde o santo foi bispo no século IV. Ademais, preto do mosteiro, probablemente fronte á Porta de San Bieito, estaba o hospicio de Xoán e Xacobe.

A segunda rúa de mercado máis importante no baixo Nové Město era Na Poříčí ou Rúa do Río. Remontábase probablemente a unha antiga ruta que comezaba na Porta de San Bieito e até o antigo asentamento do Moldava. As dúas orixinais igrexas católicas de San Pedro (Kostel sv. Petra na Poříčí) e San Clemente en Poříčí (Kostel sv. Klimenta na Poříčí), foron os sometidas a diferentes ampliacións e cambios na segunda metade do século XIV. Entre o antigo asentamento e a nova construción ao norte do Mercado de Cabalos quedaba moito espazo aberto sen desenvolver, a partir da altura da Igrexa de Santo Henrique, sendo enchido principalmente con xardíns e espazos verdes.

Alto Nové Město

[editar | editar a fonte]
Igrexa de San Ignacio na Praza de Carlos.

A parte superior de Nové Město converteuse nun foco de importancia. Unha antiga estrada cara Vyšehrad, que continuaba até o sur de Bohemia, converteríase na ruta máis longa de tráfico en Praga e na columna vertebral da parte alta de Nové Město (hoxe rúas de Spálená, Vyšehradská e Na Slupi). Comezaba na Porta San Martiño ou Zderaz en Perštýn e formaba o ensanche dunha importante arteria da Cidade Vella. O tráfico no extremo sur de Nové Město era agora dirixido por Vyšehrad, e continuaba até a única torre na parte sur da muralla, na parte máis empinada da cidade. A sección desta vía durante o seu paso pola beira Moldava tivo que adaptarse aos asentamentos existentes de Opatovice, Zderaz e Podskalí, polo que se mantivo a antiga anchura, moi estreita. Só coa construción do peirao do Moldava, e a transformación de case tódalas áreas da ribeira, a finais do século XIX e comezos do XX foron eliminadas as vellas estruturas.

Outra importante característica do barrio é a Praza de Carlos. Situada na metade da antiga estrada de Carlos IV, foi creada grazas á ampliación do Mercado de Gando (Dobytčí trh), que cunhas medidas aproximadas de 550 por 150 metros, foi durante moito tempo a praza máis grande de Europa, e segue sendo hoxe unha das máis grandes do mundo. Era na época un importante centro administrativo, económico e de comercio, onde se comerciaba principalmente con gando, peixe, madeira e o carbón. O seu carácter de praza central só foi cedido até tempos recentes á Praza de Venceslau.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]