Saltar ao contido

Dynastinae

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dynastinae
Rango fósil: Eoceno-Recente
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Suborde: Polyphaga
Infraorde: Scarabaeiformia
Superfamilia: Scarabaeoidea
Familia: Scarabaeidae
Subfamilia: MacLeay, 1819
Tribos

Ver texto[1]

Cabraloura ou bosteiro (Oryctes nasicornis)

Dynastinae é unha subfamilia de escaravellos da familia Scarabaeidae coñecidos na literatura como escaravellos rinoceronte, polos seus grandes cornos torácicos ou cefálicos. Comprende unhas 1500 especies e 225 xéneros.[2]

Moitos destes escaravellos son ben coñecidos polas súas características formas e gran tamaño. Algunhas especies famosas son, por exemplo, Chalcosoma atlas, Xylotrupes ulysses, Megasoma elephas (escaravello elefante), Oryctes nasicornis (cabraloura), Dynastes hercules (escaravello hércules), Allomyrina dichotoma, Strategus aloeus e Dynastes tityus.

Descrición e ecoloxía

[editar | editar a fonte]
A cabraloura en tres estadios de larva a adulto:
Larva (atrás), pupa (centro), imago (diante).

Os Dynastinae son os escaravellos máis grandes, chegando a máis de 15 cm de longo, pero son completamente inofensivos para os humanos, xa que non poden morder ou picar. Dalgunhas especies afirmouse anecdoticamente que podían transportar un peso 850 veces maior que o seu peso corporal (pero esa cifra ponse en dúbida).[3] Unha especie extingjida do Eoceno Oryctoantiquus borealis foi o escarabeido fósil máis grande coñecido do seu tempo, cunha lonxitude de 5 cm.[4] Algúns Oryctini modernos crecen ata os 7 cm.[4] Os nomes comúns dos Dynastinae refírense aos seus característicos cornos que teñen só os machos da maioría das especies. Teñen un corno na cabeza e outro apuntando cara a adiante no centro do tórax. Os cornos utilízanos nas loitas entre os machos durante a tempada de apareamento e para escavar. O tamaño dos cornos é un bo indicador do estado de nutrición e saúde física do animal.[5]

O corpo dun escaravello rinoceronte adulto está cuberto por un groso exoesqueleto. Teñen un par de ás grosas chamadas élitros e debaixo outro par de ás membranosas coas que voa, aínda que non moi eficientemente debido ao seu gran tamaño. A súa mellor protcción dos predadores é o seu tamaño e altura. Ademais, como son nocturnos, evitan moitos dos seus predadores durante o día. Cando sae o sol, agóchanse baixo os troncos ou na vexetación para camuflarse ou ocultarse dos depredadores. Se son molestados, algúns poden facer un ruído como un soprido, creado pola frotación do seu abdome cos extremos dos élitros. Son bastante resistentes.

Os seus estadios larvarios poden durar varios anos. Aliméntanse de madeira. Pasan polos estadios de larva, pupa e adulto.

Apareamento

[editar | editar a fonte]

O macho do escaravello rinoceronte xaponés Allomyrina dichotoma loita para dominar os sitios onde se alimenta do zume interno das árbores. Os machos usan os seus cornos para facer panca nos machos rivais e botalos da área, o cal tamén lles dá a posibilidade de aparearse coas femias dalí. Nesta e outras especies que defenden os sitios de apareamento, os machos máis grandes e con cornos maiores son os que se aparean máis frecuentemente, xa que gañan as contendas. Os machos pequenos adoitan evitar os grandes e seguen estratexias alternativas para ter acceso ás femias.[6][7]

Interaccións cos humanos

[editar | editar a fonte]

Uso polos humanos

[editar | editar a fonte]

Estes escaravellos son populares como animais de compañía en partes de Asia,[8] debido a que son relativamente limpos, doados de manter e seguros de manipular. Tamén en Asia, os machos utilízanse para as loitas de insectos nas que se fan apostas.[9] Como os machos teñen a tendencia a loitar entre eles polos dereitos de apareamento, para que empecen a combater utilízase unha femia ou un aparato que fai un ruído como o da chamada de apareamento da femia.

O entomólogo Séverin Tchibozo suxeriu que as larvas conteñen moita máis proteína (40%) que a carne de polo (20%) e de vaca (aproximadamente 18%) e poderían ser unha fonte de proteínas para a crecente poboación humana.[10]

O Dr. MinJun Kim, que dirixe o equipo de enxeñeiros da investigación financiada pola National Science Foundation dos Estados Unidos, examinou a función e aerodinámica de Allomyrina dichotoma coa axuda de investigadores do Departamento de Enxeñaría Mecánica da Universidade Drexel dos Estados Unidos e en colaboración coa Universidade Konkuk de Corea do Sur. Os escaravellos rinoceronte poderían ser importantes para o deseño de aeronaves de seguinte xeración.[11]

Como pragas

[editar | editar a fonte]

Algunhas especies poden chegar a ser importantes pragas en plantacións de árbores. Porén, normalmente as densidades de poboación destes escaravellos non son tan altas coma noutras pragas de insectos e normalmente prefiren comer de árbores que están xa enfermas ou morrendo por algunha outra causa. Con todo, as larvas dalgunhas especies atacan árbores saudables ou as raíces de plantas e cando están en gran número poden causar danos económicos significativos. O fungo Metarhizium majus probouse como axente de biocontrol para a infestación de escaravellos Oryctes nas colleitas de aceite de palma.

Tribos con xéneros e especies seleccionados

[editar | editar a fonte]
Antodon goryi

Auth: Burmeister, 1847. Todos os xéneros:

  1. Aegopsis Burmeister, 1847
  2. Agaocephala Lepeletier & Audinet-Serville, 1828
  3. Antodon Brême, 1845
  4. Brachysiderus Waterhouse, 1881
  5. Colacus Ohaus, 1910
  6. Democrates Burmeister, 1847
  7. Gnathogolofa Arrow, 1914
  8. Horridocalia Endrödi, 1974
  9. Lycomedes Breme, 1844
  10. Mitracephala Thomson, 1859
  11. Spodistes Burmeister, 1847
Cyclocephala borealis (Cyclocephalini)

Auth: Laporte, 1840. Xéneros seleccionados:

Eupatorus gracilicornis (Dynastini)

Auth: MacLeay, 1819. Xéneros seleccionados:

Auth. Lacordaire, 1856. Xéneros:

  1. Hemicyrthus Reiche, 1860
  2. Hexodon Olivier, 1789
  3. Hyboschema Péringuey, 1901
Trichogomphus mongol (Oryctini)

Auth: Mulsant, 1842. Xéneros seleccionados:

Auth. Endrödi, 1966. Todos os xéneros:

  1. Chalcasthenes Arrow, 1937
  2. Chalcocrates Heller, 1903
  3. Coenoryctoderus Prell, 1933
  4. Hatamus Sharp, 1877
  5. Melanhyphus Fairmaire, 1881
  6. Neohyphus Heller, 1896
  7. Onychionyx Arrow, 1914
  8. Oryctoderinus Endrödi, 1978
  9. Oryctoderus Boisduval, 1835
  10. Paroryctoderus Dechambre, 1994
Pentodon idiota (Pentodontini)

Auth: Mulsant, 1842. Xéneros seleccionados:

Phileurus valgus (Phileurini)

Auth: Burmeister, 1847. Xéneros seleccionados:

  1. Bouchard, P., Y. Bousquet, A. Davies, M. Alonso-Zarazaga, J. Lawrence, C. Lyal, A. Newton, et al. (2011). "Family-group names in Coleoptera (Insecta)". ZooKeys, vol. 88, 1-972.
  2. Beutel, Rolf G.; Leschen, Richard A.B., eds. (2016-03-21). Coleoptera, Beetles, Volume 1, Morphology and Systematics (Archostemata, Adephaga, Myxophaga, Polyphaga partim). De Gruyter. ISBN 978-3-11-037392-9. doi:10.1515/9783110373929. 
  3. Kram, Rodger (1 de marzo de 1996). "Inexpensive load carrying by rhinoceros beetles". Journal of Experimental Biology 199 (3): 609–612. PMID 9318326. doi:10.1242/jeb.199.3.609. 
  4. 4,0 4,1 Brett Ratcliffe, Dena M. Smith, Diane Marie Erwin. "Oryctoantiquus borealis, New Genus and Species from the Eocene of Oregon, U.S.A., the World's Oldest Fossil Dynastine and Largest Fossil Scarabaeid (Coleoptera: Scarabaeidae: Dynastinae)". 2009. The Coleopterists Bulletin 59 (marzo de 2005):127-135 DOI:10.1649/0010-065X(2005)059[0127:OBNGAS]2.0.CO;2
  5. "Why horn size matters when picking a mate". New Scientist. 
  6. Buchalski, Benjamin; Gutierrez, Eric; Emlen, Douglas; Lavine, Laura; Swanson, Brook (15 de outubro de 2019). "Variation in an Extreme Weapon: Horn Performance Differences across Rhinoceros Beetle (Trypoxylus dichotomus) Populations". Insects 10 (10): 346. PMC 6835817. PMID 31618906. doi:10.3390/insects10100346. 
  7. Goczał, Jakub; Rossa, Robert; Tofilski, Adam (17 April 2019). "Intersexual and intrasexual patterns of horn size and shape variation in the European rhinoceros beetle: quantifying the shape of weapons". Biological Journal of the Linnean Society 127 (1): 34–43. doi:10.1093/biolinnean/blz026. 
  8. "WHO? KNEW" (May 6, 2005) Current Science Vol.90 No.16
  9. "Rhinoceros beetle gambling in Thailand". Arquivado dende o orixinal o 12 de abril de 2012. Consultado o 20 de xaneiro de 2023. 
  10. Global Steak - Demain nos enfants mangeront des criquets (2010 French documentary)
  11. "Engineers Unlock Secrets of Beetle Flight" (news story). ScienceDaily. April 11, 2012. ScienceDaily (Apr. 10, 2012) — Rhinoceros beetles could play a big part.... 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]