Manifestis Probatum
A Manifestis probatum é unha bula emitida polo Papa Alexandre III o 23 de maio de 1179[1], polo que declara o Condado de Portugal independente do Reino de Galiza e a Afonso Henriques, o seu rei. Esta bula recoñece así a validez do Tratado de Zamora, asinado a 5 de outubro de 1143 en Zamora, polo rei galego Afonso VII e o portugués Afonso Henriques.
Historia
[editar | editar a fonte]O Condado Portucalense era un pequeno territorio do Reino de León, que o rei deste cedera, xuntamente coa man da súa filla Tareixa de León, a Henrique de Borgoña, un cabaleiro francés que axudou ao monarca na loita contra os musulmáns. Tareixa e Henrique tiveron un fillo, Afonso Henriques, e trala morte de Henrique, Tareixa herdou o Condado.
Afonso Henriques defendía que o Condado Portucalense debía ser independente, en contra da opinión da súa nai, aconsellada pola nobreza galega e polo seu amante, tamén galego. Animado pola nobreza e o clero do seu condado, Afonso Henriques venceu a súa nai en 1128 na batalla de San Mamede, converténdose en Conde e establecendo dúas prioridades:
- Facer independente o condado;
- Conquistar territorio aos musulmáns, que ocupaban aínda boa parte da Península Ibérica.
O 5 de outubro de 1143 foi asinado o Tratado de Zamora polo propio Afonso Henriques e polo seu curmán, o rei de León. Nel establecíase a independencia do Condado Portucalense, que pasou a denominarse Portugal.
Texto
[editar | editar a fonte]O texto, redactado orixinalmente en latín, di así:
- "Alexandre, Bispo, Servo dos Servos de Deus, ao Carísimo fillo en Cristo, Afonso, Ilustre Rei dos Portugueses, e aos seus herdeiros, 'in perpetuum'. Está claramente demostrado que, como bo fillo e príncipe católico, prestaches inumerables servizos á túa nai, a Santa Igrexa, exterminando intrepidamente en porfiados traballos e proezas militares os inimigos do nome cristán e propagando dilixentemente a fé cristiá, así deixaches aos vindeiros nome digno de memoria e exemplo merecedor de imitación. Debe a Sé Apostólica amar con sinceiro afecto e procurar atender eficazmente, nas súas xustas súplicas, os que a Providencia divina escolleu para goberno e salvación do pobo. Por iso, Nós, atendemos as cualidades de prudencia, xustiza e idoneidade de goberno que ilustran a túa persoa, tomámola baixo a proteción de San Pedro e nosa, e concedemos e confirmamos por autoridade apostólica ao teu excelso dominio o reino de Portugal con enteiras honras de reino e a dignidade que aos reis pertence, así como todos os lugares que co auxilio da graza celeste conquistaches das mans dos sarracenos e nos cales non poden reivindicar dereitos os veciños príncipes cristiáns. E para que máis te fervores en devoción e servizo ao príncipe dos apóstolos S. Pedro e á Santa Igrexa de Roma, decidimos facer a mesma concesión aos teus herdeiros e, coa axuda de Deus, prometemos defenderlla, canto caiba no noso apóstolico maxisterio."
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Philipp Jaffé (1851): Regesta pontificum Romanorum ab condita Ecclesia ad annum post Christum natum MCXCVIII, Berlín. Páx. 786
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- SOARES, Luís Ribeiro (1979): "A Bula 'Manifestis Probatum' e a Legitimidade Portuguesa", Lisboa: Academia Portuguesa da História, 8º Centenário do Reconhecimento de Portugal pela Santa Sé (Bula ‘Manifestis Probatum’, 23 de maio de 1179), Comemoração Académica, 143-191.