Saltar ao contido

Iaosi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un prato de iaosi fervidas.

As iaosi ou jiaozi (饺子 en chinés) é un prato da cociña tradicional chinesa, semellante aos raviolis italianos.

As iaosi son un tipo de empanadiñas cocidas, moi populares na China, Xapón e Corea. Consisten nunhas bólas de carne ou de vexetais cociñadas que se envolven nunha funda de masa de fariña fervida durante uns poucos segundos. Son un prato moi popular, especialmente en grandes eventos e festividades. Crese que están na orixe dos raviolis italianos, pero tamén moitas outras culturas desenvolveron pratos semellantes.

Cando e onde

[editar | editar a fonte]

As iaosi son unha das comidas máis importantes do Aninovo chinés, que se preparan comunalmente nas vésperas para que só quede o paso último de fervelas o mesmo día en que se serven. De feito, crese que a súa forma está inspirada pola dos lingotes de ouro e prata, simbolizando a prosperidade para o novo ano que comezaba, e como xa coñecemos das nosas roscas, por exemplo, un dos iaoisi que se preparaban incluía unha moeda, que era vehículo de boa sorte para quen tiña a fortuna de dar con ela.

Malia todo, non é unicamente unha comida desa data, e é frecuente en todo tipo de eventos e celebracións familiares. É particularmente importante no nordeste da China, e de aí seguramente se exportou ao Xapón e a Corea. Porén, a lenda sinala que o seu inventor foi Xan Xon-in, un dos máis importantes menciñeiros chineses da historia, para tratar procesos de conxelación nas orellas.

Como se serven

[editar | editar a fonte]

Unha das particularidades das iaosi dentro do contexto da comida chinesa é a súa austeridade. Se se pensa ben, as bólas inclúen unha gran cantidade de ingredientes, pero preséntanse soas, apenas acompañadas cunhas pingas de vinagre de soia ou cun mollo lixeiramente picante: unha mesa de iaosi non se enche de pequenas cunquiñas con acompañamentos.

Variedades e semellanzas

[editar | editar a fonte]

Hai diversos tipos de iaosi en función do tipo de preparación, do contido do amoado e do país onde se elaboren.

Fervidas ou fritidas?

[editar | editar a fonte]
Un prato de iaosi fervidas.
Un prato de iaosi fritidas, acompañadas se salsa de soia.

Polo xeito de preparárense, as iaosi chinesas poden ser:

  • fervidas (xuiao ou 水餃)
  • cocidas ao vapor (xen-iao ou 蒸餃)
  • fritidas (guotie ou 鍋貼).
  • ao ovo, se empregan o ovo para pechar as fundas de masa (dan-iao ou 蛋餃).

Que levan dentro?

[editar | editar a fonte]

O amoado das iaosi pode estar baseado en carne de porco, carneiro, tenreira, pero tamén en peixe ou gambas, habitualmente acompañadas de anaquiños de vexetais. Os vexetais máis frecuentes nos amoados son o repolo, as ceboliñas e o ceboliño chinés.

As iaosi cantonesas

[editar | editar a fonte]

O estilo cantonés, tan diverxente do beixinés nalgúns pratos, tamén se manifesta nas iaosi, que son moito máis pequenas e están envolveitas por unha lámina de fariña moi fina, translúcida. Ademais, normalmente só se cocen ao vapor. Os amoados cantoneses máis frecuentes son as gambas, as vieiras, o polo ou o tofu, ademais dos vexetais. En cantonés as iaosi reciben o nime de haa-gaau (蝦餃). Ao revés das iaosi beixineses, as haa-gaau poucas veces se preparan na casa, porque resultan moi laboriosas e complexas, e adoitan tomarse nos restaurantes, onde se están a desenvolver receitas innovadoras.

As wonton

[editar | editar a fonte]

As wonton non son iaosi, aínda que se lle parecen. Teñen a masa moito máis fina cás iaosi, son máis pequenas, pero a diferenza principal é que se toman mergulladas en sopa.

As guioosa, ou iaosi xaponesas

[editar | editar a fonte]

As guioosa (ギョーザ, ギョウザ) son unhas iaosi de allo típicas da cociña xaponesa. Inclúen tamén carne picada de porco, repolo e ceboliñas. Ademais poden acompañarse de mollo de soia, de vinagre de arroz, ou dun aceite de sésamo lixeiramente picante que se chama laiu. Normalmente frítense, pero dun xeito un pouco peculiar, fritindo primeiro lixeiramente ata que a masa queda renxente por debaixo e engadindo logo auga, de xeito que a parte superior da guioosa queda unicamente cocida. Tamén se atopan fervidas ou fritidas por completo a altas temperaturas.

Pódense tomar en restaurantes xaponeses, pero tamén se poden atopar en restaurantes. O seu nome é unha adpatación xaponesa do termo do chinés de Xandón para referirse ás iaosi.

As mandu, ou iaosi coreanas

[editar | editar a fonte]

O nome coreano deste prato é mandu (만두). A receita máis habitual das mandu inclúe carne de porco, vexetais, fideos extrafinos e kimchi, un prato tipicamente coreano a base de pementos picantes e repolo.

As potstickers

[editar | editar a fonte]

As potstickers son as iaosi que levaron os inmigrantes chineses aos Estados Unidos, e que se serven como comida nos postos de rúa das cidades con máis presenza chinesa. A forma máis habitual de preparalas é fritíndoas lixeiramente e logo cocéndoas e no amoado inclúen como é habitual a carne de porco, o repolo, as ceboliñas, pero tamén o xenxibre, as espinacas e o polo ou a tenreira nas cidades con maior presenza de musulmáns.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]