Saltar ao contido

Viena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:Xeografía políticaViena
Wien (de) Editar o valor en Wikidata
Vista nocturna
Vista aérea
Fotomontaxe
Imaxe

Himnosen valor Editar o valor en Wikidata

EpónimoWien (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 48°12′30″N 16°22′21″L / 48.2083, 16.3725
EstadoAustria Editar o valor en Wikidata
Enclave enBaixa Austria Editar o valor en Wikidata
Capital de
Contén a división administrativa
Alsergrund
Brigittenau (pt) Traducir
Donaustadt (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata../... 23+
Poboación
Poboación1.973.403 (2022) Editar o valor en Wikidata (4.757,71 hab./km²)
Lingua usadaalemán de Austria Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Superficie414,78 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porRío Danubio, Wien (en) Traducir, Liesing (en) Traducir e Donaukanal (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Altitude151 m-198 m-542 m Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoHermannskogel (pt) Traducir (544 m) Editar o valor en Wikidata
Punto máis baixoLobau (pt) Traducir (162 m) Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
FundadorCeltas Editar o valor en Wikidata
Creaciónséculo I a. C. Editar o valor en Wikidata
Organización política
• Alcalde Editar o valor en WikidataMichael Ludwig (pt) Traducir (2018–sen valor) Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoMunicipal Council and Landtag of Vienna (en) Traducir , (Escano: 100) Editar o valor en Wikidata
Membro de
Identificador descritivo
Código postal1000–1239, 1400, 1402, 1251–1255, 1300–1301, 1421, 1423, 1500, 1502–1503, 1600–1601, 1810 e 1901 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Prefixo telefónico01 Editar o valor en Wikidata
ISO 3166-2AT-9 Editar o valor en Wikidata
Código NUTSAT13 Editar o valor en Wikidata
Código municipal austríaco90001 Editar o valor en Wikidata
Outro
Irmandado con

Páxina webwien.gv.at Editar o valor en Wikidata
Facebook: wien.at BNE: XX451150 Editar o valor en Wikidata

Viena[1][2] (en alemán: Wien (Wien1.ogg [viːn] ; en bavarés: Wean)) é unha cidade situada en Europa Central, capital de Austria, ademais dun dos nove Bundesländer ou Estados austríacos. Situada á beira do río Danubio e ao pé dos primeiros cordais dos Alpes é, cunha poboación de arredor de 1,9 millóns habitantes (2,8 millóns coa área metropolitana),[3] a maior cidade e centro político e cultural do país.

Rodeada polo estado de Baixa Austria, a súa área metropolitana acada os 2 419 000 habitantes, poboación semellante á que tiña no ano 1914. A cidade ten unha longa historia, sendo unha das máis antigas capitais de Europa, polo que conta cun importante patrimonio artístico. Capital do Imperio Austrohúngaro medrou pasando a súa poboación de 724.000 habitantes en 1880 a 2 000 000 en 1910. Durante o século XIX foi unha das grandes capitais musicais do mundo e a principios do século XX un dos focos da filosofía e o debate político de Occidente, así como un dos principais centros culturais mundiais. Durante esa época constrúense grandes palacios arredor da Ringstraße, perímetro da muralla medieval reconvertida a amplo bulevar.

Durante a segunda guerra mundial foi bombardeada polas forzas aliadas e, até 1955, permaneceu baixo ocupación cuadripartita, xa que estaba controlada por soviéticos, franceses, estadounidenses e británicos, sistema semellante ao de Berlín. Está situada a 50 quilómetros de Bratislava (capital de Eslovaquia), ademais de estar conectada por unha ampla rede de autoestradas intereuropeas con Alemaña, República Checa e Eslovenia. A maioría da poboación que profesa unha relixión declárase católica.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Durante a época da Roma Antiga a cidade foi chamada Vindobona, nome de orixe celta que significa cidade branca. Este nome celta procede, tal como os múltiples núcleos de poboación con nomes derivados de Viena, Viana, Veana etc. que hai distribuídos por toda Europa, da palabra beann (monte, outeiro ou pico). En varios dicionarios de linguas celtas pódese comprobar que a palabra beann en gaélico escocés significa pico ou cumio, en irlandés é tamén beann (en irlandés antigo é benn), en galés ban e en bretón ban e benny.

Artigo principal: Historia urbana de Viena.

Antigüidade

[editar | editar a fonte]

Os primeiros asentamentos humanos na actual Viena, de orixe celta, datan aproximadamente do ano 500 a.C.. Posteriormente, serían os xermanos e máis tarde os romanos, coa expansión do Imperio romano para o norte no século I a.C, os que se asentarían na zona. O río Danubio, xunto cos Alpes, serviron de fronteiras naturais entre o propia Imperio de Roma e os pobos bárbaros, servindo Viena (daquela chamada Vindobona) como punto de defensa do imperio. A cidade en si naceu como campamento do exército romano para controlar a Provincia de Pannonia, na que se asentaran diferentes unidades, de entre as cales destacou a Legio X Gemina, que permaneceu nela dende o ano 106 até o final do século IV, cando foi ocupada de novo polos xermanos na época de Graciano e de Teodosio I.

Idade Media

[editar | editar a fonte]

Coas invasións bárbaras foi ocupada polos ávaros e maxiares. No século IX Carlomagno conquista a cidade, bautizándoa co nome de Ostmark (a marca do leste). Durante a alta Idade Media Viena converteuse nun importante aliado do Vaticano e das Cruzadas (por exemplo Ricardo Corazón de León). No século XV converteuse na capital de Hungría e até as guerras napoleónicas foi capital do Sacro Imperio Romano Xermánico, ao ser o fogar da casa dos Habsburgo. En 1237 as murallas de Viena acadaron a extensión que conservarían até a súa desaparición en 1857.

Idade Moderna

[editar | editar a fonte]

Dende a caída de Constantinopla en mans otomás (1453) houbo un interese crecente do Imperio Turco por Viena, dado que era a clave para conquistar os demais países de Europa; interese que se fixo máis notable durante o período do sultán Suleiman o Magnífico. Mais os seus esforzos fracasaron e os austríacos saíron vitoriosos dos distintos sitios aos que someteron a cidade, o primeiro en 1529, a pesar de que inicialmente os defensores da cidade só recibiron o apoio pouco entusiasta dos seus veciños alemáns. O exército turco estaba mal equipado para un asedio e a súa tarefa foi obstaculizada pola neve e as inundacións. Suleimán retirouse no final de outubro e non puido renovar o asedio ao seu regreso en 1532, cando atopou os defensores apoiados por un grande exército baixo o mando do irmán de Fernando I, o emperador Carlos V.

Entre o primeiro e o segundo sitio turco, as instalacións defensivas foron reforzadas e modernizadas constantemente. Isto trouxo como consecuencia que se tivesen que ampliar repetidamente os espazos libres fronte aos bastións para utilizalos como campo de tiro. En 1529 estes espazos abarcaban 90 m que, a partir de 1683, foron ensanchados a 450 m. Até 1858 non se construíu ningún edificio nesta chaira.

O segundo sitio produciuse en 1683, na chamada Batalla de Viena, e marcou o comezo do declive do Imperio Otomán en Europa. Foi iniciado polo gran visir Kara Mustafa Pasha, que necesitaba desesperadamente un éxito militar para reforzar a súa posición inestable e tratou de logralo nunha campaña contra o emperador Leopoldo I. Os turcos avanzaron con forza e cercaron a cidade o 16 de xullo, pero a súa falta de artillaría de asedio permitiu a Leopoldo reunir un exército adicional formado por tropas austríacas, alemás e polacas, que derrotou ao exército turco nunha batalla librada diante dos muros da cidade o 12 de setembro, que tamén se coñece como Batalla de Kahlenberg.

Durante o século XVIII, os Habsburgo converteron á cidade na súa capital dende 1556 e a súa importancia viuse acrecentada coa súa expansión polo val do Danubio. Converteuse nun dos núcleos principais do barroco europeo grazas á construción de importantes obras arquitectónicas e creacións musicais. En 1800, antes das guerras napoleónicas, a cidade tiña 231.900 habitantes.

Desde o asedio de 1683, en que foron destruídas numerosas cidades pequenas que existían no exterior da muralla, no terreo ondulado situado fronte á cidade alzáronse numerosos palacios con xardíns. O punto de partida foron os planos do palacio real de Schönbrunn, elaborados por Johann Bernhard Fischer von Erlach. Arredor do 1720 había 200 residencias rurais. O príncipe Uxío de Savoia adquiriu en 1693 unha das maiores parcelas cos primeiros ingresos que lle chegaron. Alí, tras corenta anos de traballo, levantou o Palacio Belvedere cos seus espazosos xardíns.

Era napoleónica

[editar | editar a fonte]

Trala derrota austríaca por Napoleón Bonaparte en 1809 na batalla de Wagram, este último hospédase no palacio de Schönbrunn, en Viena (onde -ironías da historia- apenas uns anos atrás hospedáranse Lois XVI e María Antonieta, filla de María Tareixa e Francisco I, emperadores de Austria). Durante esta estancia, Francia e Austria aliáronse e Napoleón desposou a María Luísa, tamén filla dos emperadores de Austria.

Metternich, chanceler austríaco nesta época, cambiría a Austria ao bando antinapoleónico trala derrota francesa en Rusia. Despois da derrota definitiva de Napoleón, celebrouse o Congreso de Viena, unha conferencia internacional convocada co obxecto de restablecer as fronteiras de Europa. A reunión levouse a cabo do 1 de outubro de 1814 ao 9 de xuño de 1815, o que lle permite a Austria conservar gran parte dos seus territorios a pesar de se aliar con Napoleón, e a partir de entón, Viena, por medio do chanceler Metternich, converteríase no eixo da política da Europa continental durante os seguintes trinta anos.

Imperio Austrohúngaro

[editar | editar a fonte]

Durante o século XIX, sobre todo na segunda metade, Viena iniciou un gran desenvolvemento demográfico, acompañado de reformas urbanísticas, que a converteron nunha gran cidade, multiplicando nun século a súa poboación por dez. En 1857, derrubáronse as murallas por decreto de Francisco Xosé I de Austria, abríndose unha nova avenida, a Ringstraße, onde se construíron importantes edificios, como a Ópera, a Universidade, o Concello, o Parlamento, a Bolsa e os museos de historia da arte e historia natural.

A derrota de Austria na guerra austríaco-prusiana en 1866 e a posterior anexión dos estados alemáns a Prusia converteron á unificada Alemaña nun perigo para Austria, polo que esta última tívose que aliar con Hungría no que se coñece como a "política de compensación ou Ausgleichpolitik. Así pois, en 1867, tralo Compromiso con Hungría, Viena converteuse na capital do Imperio Austrohúngaro e nun centro cultural, artístico, político, industrial e financeiro de primeira orde mundial. Con esta alianza, Austria prosegue sumando máis terreo, co que para fins do século XIX o imperio abarcaba os actuais países de Austria, Hungría, Eslovaquia, República Checa, Galitsia, Transilvania, Bucovina, Rutenia, Croacia, Bosnia e Hercegovina, Eslovenia e o Trentino-Tirol do Sur.

Viena acadou o seu máximo demográfico en 1916 con 2.239.000 habitantes, sendo a terceira cidade máis grande de Europa. Este é o período cultural máis glorioso da monarquía dos Habsburgo, con Francisco Xosé I rexendo o Imperio (período 1848-1916). Tamén é a época dos suntuosos valses vieneses (Wiener Walzer), a Ópera Nacional de Viena, os grandes carruaxes paseando pola Ringstraße e a Kärntner Straße, así como dos típicos cafés vieneses.

Da época destacan intelectuais, como Sigmund Freud no psicanálise e Otto Bauer no campo do pensamento político, principal expoñente do austromarxismo, ideas que calarían forte na sociedade vienesa, pois xa en 1895 o goberno municipal estaría en mans do partido socialcristiano, precursor do actual partido ÖVP (democristián). Tampouco hai que esquecer no plano artístico o movemento modernista, a Secesión de Viena (Secession), con Gustav Klimt como principal expoñente na pintura, Coloman Moser no grafismo e Joseph Maria Olbrich e Josef Hoffman na arquitectura. Contrario a estes destacaría así mesmo Adolf Loos co seu racionalismo arquitectónico. Con todo, a primeira guerra mundial e a posterior derrota austrohúngara truncarían gran parte dese esplendor.

Tras o asasinato do arquiduque herdeiro Francisco Fernando e a súa esposa, Sofía Chotek, en Saraxevo, polo terrorista serbo-bosníaco Gavrilo Princip, e ante a abafadora evidencia da participación dos servizos de intelixencia serbios no complot, a monarquía dual declara a guerra a Serbia, coa que se alían Alemaña e Turquía e que, ante a oposición de Francia, Inglaterra e Rusia, devén na primeira guerra mundial. En outubro de 1918, derrotada Austria-Hungría e os seus aliados, estala a revolución en Viena que pide a disolución da monarquía e a independencia austríaca; sería o fin da monarquía dos Habsburgo, que gobernaba o país desde 1278.

A República de Austria

[editar | editar a fonte]
Viena arredor de 1923.

Viena converteuse, despois do Tratado de Saint-Germain, na capital da pequena República de Austria, reducida ao seu tamaño actual, sufrindo un importante retroceso demográfico, económico e político. Non obstante, a actividade intelectual continuou co Círculo de Viena ( der Wiener Kreis ) neste momento, considerado por moitos como o grupo de intelectuais máis influente do século XX en Europa, entre os que destacan Moritz Schlick e Ludwig Wittgenstein na filosofía positivista lóxica (Logischer Empirismus).

Durante o período republicano democrático, é dicir, dende 1918 ata a ditadura de Engelbert Dollfuss en 1934, o Partido Laborista Social Democrático (Sozialdemokratische Arbeiterpartei en alemán) obtivo a maioría absoluta en todas as eleccións celebradas para o goberno local, polo que a cidade pasou a chamarse Viena Vermella. A política socialdemócrata daqueles anos caracterizouse por un extenso programa de vivenda social e por un forte apoio á educación e á saúde públicas, como defendía a corrente austromarxista. A Viena Vermella finalizou en 1934 como consecuencia da Guerra Civil austríaca e da vitoria do Fronte Patriótico. O seu último alcalde foi Karl Seitz.

O Reich III

[editar | editar a fonte]
Adolf Hitler, o 14 de marzo de 1938, o seu primeiro gran discurso ós vieneses dende o balcón central do Palacio Imperial de Hofburg.

A importancia cultural vienesa manterase ata 1938, ano no que o país foi invadido e posteriormente anexionado pola Alemaña nazi. Esta anexión, coñecida como Anschluss, estaba prohibida nos tratados de paz e foi a primeira das expansións destinadas a unificar a todos os falantes de alemán nun só Estado, baixo un único liderado ("ein Reich , en Volk, en Führer"). Na cidade, que se converteu na capital da provincia de Ostmark, pronunciou Hitler, o 14 de marzo de 1938, o seu primeiro gran discurso ós vieneses dende o balcón central do Palacio Hofburg, discurso que é considerado un dos máis emotivos do ditador e de maior aclamación pola súa masiva audiencia debido á euforia que a anexión de Austria ó Terceiro Imperio Xermano (Dritte Reich) causou en parte da poboación. Para lexitimar a invasión, celebrouse un referendo o 10 de abril, que foi favorable ó Anschluss cun 99,73%, aínda que carecía de garantías democráticas.

Durante a Segunda guerra mundial, Viena sufriu os bombardeos aéreos americanos indiscriminados que destruíron boa parte do patrimonio histórico (a catedral gótica de San Esteban, o palacio de Hofburg, a ópera de Viena e as pontes do Danubio, entre outros), o cal foi reconstruído despois da guerra. En maio de 1945 Viena foi tomada polo Exército Soviético, que xunto con franceses, estadounidenses e ingleses, ocuparíana durante os seguintes dez anos baixo un sistema de ocupación cuadripartita na cidade, semellante ó de Berlín.

Posguerra

[editar | editar a fonte]

Tralos esforzos de Leopold Figl e Julius Raab e a posterior firma do Acordo de Moscova, Austria recupera a independencia o 15 de maio de 1955, e Viena volve a ser a capital da República de Austria. A partir de entón e grazas ao seu compromiso coa neutralidade, Austria converteuse na sede de organizacións internacionais como a OPEP, a ONUDI, a IAEA e a IIASA, entre outras, o que fai de Viena a terceira capital da ONU, despois de Nova York e Xenebra, polo que hoxe en día pode verse como unha gran comunidade internacional, particularmente no cuarto distrito de Viena (Wieden) derivado dos seus corpos diplomático. Dende 1995 forma parte da Unión Europea e dos países de Schengen. A partir do 2002, saíu da circulación o xilin austríaco e entrou en vigor o euro como a moeda de curso legal en Austria.

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Mapa dos distritos de Viena.

Viena é a capital de Austria, está situada no centro de Europa e no nordés de Austria. Queda a 40 quilómetros da fronteira con Eslovaquia, a só 60 quilómetros de Hungría e a 90 quilómetros da República Checa. A cidade ten unha superficie total de 414,65 km², polo que é a cidade maior de Austria por superficie. Viena sitúase a ambos os dous lados do río Danubio, que cruza a cidade desde o noroeste para o sueste.

A cordilleira dos Alpes comeza na cidade no que se chama Alpes Orientais. A área inclúe os Bosques de Viena, que é moi popular entre os habitantes da cidade e é unha zona paisaxística protexida dos Alpes Orientais. Na cidade o punto máis baixo é Lobau, con 151 metros sobre o nivel medio do mar, e o punto máis alto é Hermannskogel con 542 metros. A altitude media é duns 170 metros.

Climograma de Viena.

Viena, segundo a clasificación de Köppen, áchase nunha zona de transición entre o clima tépedo húmido e o clima húmido continental. A temperatura media anual é de 11,4 °C, rexistrándose mínimas de -17 °C e máximas de 37 °C. As precipitacións son de 548 mm, sen meses secos.

Os invernos son moi fríos, con temperaturas medias ó redor dos 0 °C e frecuentes xeadas e nevadas, con marcas de -17.6 °C. Os veráns son suaves e húmidos e as temperaturas, aínda que non adoitan ser moi cálidas, poden superar os 35 °C por veces. O outono e a primavera son moi variables en canto a temperaturas, sendo polo xeral os outonos bastante máis fríos (xa en novembro son posibles nevadas), e con precipitacións relativamente abundantes.[4]

Datos climáticos para Viena (Innere Stadt)
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Anual
Temperatura máxima en °C 16,8 19,5 25,4 27,4 31,5 36,5 36,1 37,0 31,8 24,8 21,3 16,4 37,0
Media máxima en °C 3,8 6,1 11,5 16,1 21,3 24,0 26,7 26,6 21,1 15,3 8,1 4,6 15,3
Media diaria en °C 1,2 2,9 6,4 11,5 16,5 19,1 21,7 21,6 16,8 11,6 5,5 2,4 11,4
Media mínima en °C −0,8 0,3 3,5 7,8 12,5 15,1 17,4 17,5 13,6 8,8 3,6 0,5 8,3
Temperatura mínima en °C −17,6 −16,4 −10,4 −2,1 4,9 6,8 10,9 10,1 5,6 −1,8 −7,0 −15,4 −17,6
Precipitación media mm 21,3 29,3 39,1 39,2 60,9 63,3 66,6 66,5 50,4 32,8 43,9 34,6 547,9
Nevada media cm 18,6 15,6 8,3 1,5 0,0 0,0 0,0 0,0 0,0 0,0 7,9 16,4 68,3
Media de días con precipitacións (≥ 1.0 mm) 5,3 6,0 8,1 6,3 8,3 9,3 8,2 8,5 6,9 6,0 7,5 7,6 88
Media de horas de sol mensuais 70,1 101,6 142,9 197,5 238,5 237,9 263,1 251,6 181,6 132,3 66,7 51,8 1 935,5
Porcentaxe de sol 25,6 35,5 40,1 48,2 50,6 49,6 54,4 56,8 53,8 40,6 23,9 19,8 41,58
Fonte: Instituto Central de Meteoroloxía e Xeodinámica[5]

Poboación

[editar | editar a fonte]
Evolución da poboación de Viena: 2002-2013.
Persoas na cidade.

A poboación de Viena, no primeiro trimestre de 2015,[6] era de 1 797 337 persoas, das que, aproximadamente, o 80 % son austríacos e o 20 % restante doutros países. O grupo máis numeroso de inmigrantes constitúeno os serbios, tanto de Serbia como de Bosnia e Hercegovina (incluíndo entre eles os montenegrinos), seguidos polos turcos, os alemáns, os polacos, os romaneses e os cidadáns de países que formaron parte do Imperio Austrohúngaro (bosníacos, croatas, húngaros, checos).[7] A poboación vienesa aumentou dende 1988, sobre todo nos últimos anos, como consecuencia da inmigración. A área metropolitana, que se estende por terras da Baixa Austria, conta cunha poboación de preto de 2 500 000 habitantes.

A cidade, de fundación romana, cobrou importancia co asentamento dos Habsburgo ó converterse na capital do seu imperio. Durante a Idade Media e os séculos XVI e XVII, a poboación aumentou lentamente debido ás epidemias e os asedios. O XVIII foi un período máis tranquilo e en 1790 xa alcanzou os 200 000 habitantes. O XIX supuxo para a cidade un crecemento demográfico sen precedentes, acorde á posición que o seu estado alcanzaba en Europa. En 1850, con 551 300 habitantes, xa pasara a Moscova e San Petersburgo, e a mediados da década de 1870 xa superaba o millón de habitantes.

En 1910, a capital austrohúngara era a terceira cidade de Europa, tras París e Londres, e lixeiramente por riba de Berlín e San Petersburgo, contando con 2 083 630 habitantes, que se estima eran 2 239 000 en 1916, durante a Primeira guerra mundial, cando chegou ó seu máximo demográfico histórico. A separación de Austria-Hungría supuxo un revés demográfico e a poboación foi sufrindo altibaixos dende entón pero cunha marcada liña descendente, situándose sempre por baixo dos 2 000 000 e achándose sen variacións significativas dende 1951. Nos últimos anos houbo unha repunta demográfica favorecida pola integración dos países de Europa do Leste na Unión Europea.

ano poboación
1724 150 000
1754 175 460
1790 200 000
1796 235 098
1800 231 900
1810 224 548
1830 401 200
1840 469 400
1850 551 300
ano poboación
1857 683 000
1869 900 998
1880 1 162 591
1890 1 430 213
1900 1 769 137
1910 2 083 630
1916 2 239 000
1923 1 918 720
1934 1 935 881
ano poboación
1939 1 770 938
1951 1 616 125
1961 1 627 566
1971 1 619 885
1981 1 531 346
1988 1 506 201
1991 1 539 848
2001 1 550 123
2013 1 741 246
ano poboación
2014 1 793 667
2017 1 867 582

En canto á relixión, de acordo co censo de 2001 o 49.2 % da poboación é católica, o 25.6 % ateos, o 7.8 % musulmáns, o 6.0 % ortodoxos, o 4.7 % protestantes e o resto das confesións non alcanza o 1 %.

O edificio Millennium Tower de Viena ten 171 metros de altura (202 contando a antena). Queda á beira do Danubio e foi deseñado por Gustav Peichl, Boris Podrecca e Rudolf Weber. No seu interior existen 51 plantas de uso comercial e residencial. Completouse a súa construción en 1999, en vésperas do novo milenio.

En 2001, a Unesco declarou o «Centro histórico de Viena» como un lugar Patrimonio da Humanidade, destacando en primeiro lugar que as súas calidades arquitectónicas e urbanas representan un testemuño sobresaínte dun continuo intercambio de valores ao longo do II milenio.[8] Ademais, a súa herdanza arquitectónica e urbana ilustra moi ben tres períodos chave do desenvolvemento político e cultural de Europa: a Idade Media, o período barroco e o Gründerzeit. Finalmente, dende o século XVI Viena foi universalmente recoñecida como a «capital musical de Europa». Gran parte deste legado transmítese nos monumentos desta cidade, que se atopan a continuación ordenados alfabeticamente polas súas denominacións alemás, xa que en Viena non son coñecidos baixo os seus nomes traducidos. A tradución para o galego está entre parénteses.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para vienés.
  2. Anaír Rodríguez Rodríguez, Montserrat Davila Ventura. Lingua galega: dúbidas lingüísticas (PDF). Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. p. 114. ISBN 84-8158-266-2. 
  3. "Metropolitan areas". OECD. Consultado o 29 de novembro de 2019. 
  4. ZAMG Klima Jahresrückblick 2013, Instituto Central de Meteoroloxía e Xeodinámica, consultado o 11 de xuño de 2014
  5. "Klimadaten von Österreich 1971-2000 – Wien-Innere-Stadt" (en alemán). Instituto Central de Meteoroloxía e Xeodinámica. Consultado o 16 de febreiro de 2015. 
  6. "Bevölkerung zu Quartalsbeginn seit 2002 nach Bundesland". Statistik Austria. Consultado o 18 de setembro de 2015. 
  7. ktv_mrandow. "Daten und Fakten - Wiener Bevölkerung nach Migrationshintergrund". www.wien.gv.at (en alemán). Arquivado dende o orixinal o 22 de decembro de 2015. Consultado o 29 de maio de 2016. 
  8. "Historic Centre of Vienna". UNESCO Culture Sector. Consultado o 1 de xaneiro de 2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]