Saltar ao contido

Fútbol Club Barcelona

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Barcelona
Alcume(s)Barça, Blaugranes, Culés, Azulgranas
Fundación1899
EstadioEstadi Olímpic Lluís Companys,
Barcelona, Cataluña, España
Capacidade54.367
PresidenteEspaña Joan Laporta
AdestradorAlemaña Hansi Flick
LigaPrimeira División
2023–242.º de 20
VestimentaNike
PatrocinadorRakuten
Na rede
http://www.fcbarcelona.com/
IMDB: nm8532013 Facebook: fcbarcelona Twitter: fcbarcelona_cat Instagram: fcbarcelona MySpace: fcbarcelona1 LinkedIn: fc-barcelona Snapchat: fcbsnap Youtube: UC14UlmYlSNiQCBe9Eookf_A Pinterest: fcbarcelona TikTok: fcbarcelona Twitch: fcbarcelona Flickr: fcbarcelonaoficial BNE: XX124324 Souncloud: fcbarcelonaofficial Last fm: FC+Barcelona Discogs: 5669702 GitHub: fcbarcelona Editar o valor en Wikidata
Titular
Alternativo
Terceiro
Departamentos do
Fútbol Club Barcelona
Masculino Filial Xuvenil Feminino
Formativo Baloncesto Filial Balonmán
Atletismo Hockey Futsal Rugby

O Fútbol Club Barcelona[1][2] (en catalán: Futbol Club Barcelona), coñecido popularmente como "Barça", é un club polideportivo catalán da cidade de Barcelona, fundado o 29 de novembro de 1899 por un grupo de doce futbolistas afeccionados de Suíza, Cataluña e Gran Bretaña, comandados polo suízo Joan Gamper. O Barça non é unha sociedade anónima como son a maioría dos clubs deportivos profesionais, senón que a propiedade do club recae nos seus máis de 180.000 socios. Este número fai que o FC Barcelona sexa o segundo club con máis socios do mundo tralo SL Benfica portugués, seguido polo FC Bayern München alemán. Segundo a clasificación histórica da IFFHS, o FC Barcelona é o mellor equipo de fútbol do mundo dende 1991, ano no cal esta organización comezou a computación estatística de resultados. O lema do club é "El Barça és més que un club". Os seareiros do FC Barcelona son coñecidos co sobrenome de "culés".

Unha das principais características do FC Barcelona é o seu carácter polideportivo. Ademais da súa sección principal, a de fútbol, o club conta con outras catro seccións deportivas profesionais: as de baloncesto, balonmán, hóckey sobre patíns e fútbol sala. Entre as cinco seccións profesionais, o FC Barcelona suma máis de 400 títulos oficiais, entre os que se inclúen 34 Copas de Europa, 86 Ligas e 88 Copas de España. Trátase do único club polideportivo do continente que foi campión de Europa en 5 deportes distintos. Ademais destas cinco seccións profesionais, o club conta con outras 8 seccións afeccionadas noutras disciplinas deportivas, como hóckey sobre herba, atletismo, patinaxe, hóckey sobre xeo, voleibol, rugby, fútbol praia e baloncesto en cadeira de rodas.

O equipo de fútbol foi un dos fundadores da Liga española de fútbol en 1928, e actualmente aínda segue a ser un dos tres equipos que non perderon nunca a máxima categoría. Con 25 Ligas, 30 Copas do Rei, 12 Supercopas de España, 5 Copas de Europa, 4 Recopas de Europa, 3 Copas de Feiras, 2 Copas Latinas, 5 Supercopas de Europa e 3 Copas Mundiais de Clubs, o FC Barcelona está considerado un dos equipos de fútbol máis laureados do mundo. Dende agosto de 2011 é o club europeo con máis títulos continentais (15), adiantando ó Real Madrid e ó AC Milán (14). O FC Barcelona é ademais o único equipo de Europa que disputou sempre, dende 1955, algunha das competicións europeas. Tamén é o único equipo da historia que gañou os seis títulos oficiais máis importantes nun mesmo ano (2009): Liga, Copa, Supercopa de España, Liga de Campións, Supercopa de Europa e Copa Mundial de Clubs.[3] O 6 de febreiro de 2012 o club recibiu o Premio Laureus World Sports como equipo mundial do ano.

Os inicios

[editar | editar a fonte]
O anuncio publicado en Los Deportes.
Joan Gamper.

O Fútbol Club Barcelona foi fundado o 29 de novembro de 1899 por un grupo de doce afeccionados ao fútbol, convocados polo suízo Hans Gamper mediante un anuncio publicado na revista Los Deportes o 22 de outubro do mesmo ano. Entre os doce fundadores do club había seis españois, tres ingleses, dous suízos e un alemán. O nome orixinal escollido foi «Football Club Barcelona», en inglés, e designouse ao inglés Walter Wild como primeiro presidente do club por ser a persoa de máis idade de entre as presentes.

A finais da súa primeira década conseguiu os seus primeiros títulos, unha Copa de España e unha Copa dos Pireneos.

Durante a década de 1910 o club deu un gran salto, tanto deportivo como social: gañou dúas Copas de España e tres Copas dos Pireneos, e chegou aos 3.000 asociados, converténdose xa nunha das sociedades máis populares de Cataluña. Naqueles anos foi cando se popularizou o apelativo de «culés» referente aos afeccionados do club. O equipo xogaba os seus partidos nun campo situado na rúa Indústria de Barcelona, que se enchía masivamente cando xogaba o Barcelona, e desde a rúa víase como estaban sentados, de costas, os afeccionados situados na parte máis alta do chanzo. A imaxe desde a rúa era a dunha gran cantidade de traseiros (cus), por iso, aos afeccionados do Barcelona comezóuselles a chamar «culés». Desa década tamén cabe anotar que, en 1914, o club creou a súa primeira sección polideportiva, a de atletismo.

A primeira época dourada

[editar | editar a fonte]
Camp del Carrer Indústria (1909-1922).
Camp de Les Corts (1922-1959).
Camp Nou, inaugurado en 1959.

A década de 1920 pasou á historia como a primeira época dourada do club. Pasouse de 3.000 a 11.000 socios e, en 1922, estreouse o primeiro grande estadio do club, o Camp de Les Corts, con capacidade para 30.000 espectadores. Foron anos nos que o club gañou catro Copas de España e, en 1929, a primeira Liga española da historia. Tamén cabe anotar os incidentes acaecidos en 1925 cando o goberno da ditadura de Primo de Rivera pechou o estadio de Les Corts durante seis meses e obrigou a dimitir ao presidente Hans Gamper por mor dos asubíos cos que a afección barcelonista recibiu a interpretación da Marcha Real nos prolegómenos dun encontro. Desa década cabe destacar que o club avanzou na liña de ampliar o seu carácter polideportivo, e creou as seccións de hóckey herba, baloncesto e rugby.

A crise e a posguerra

[editar | editar a fonte]

A década de 1930 foi de gran crise para o club. Iniciouse a década co suicidio de Hans Gamper, probablemente debido á catastrófica situación económica na que se viu sumido tras o Crack de Wall Street en 1929.[4]

En 1934 accede á directiva a primeira muller, por un curto período dun ano, Anna María Martínez Sagi.[5]

Posteriormente, coa chegada da Segunda República produciuse un descenso do número de socios que se agravou co estalido da Guerra civil española en 1936. Ese ano, ademais, o presidente do club Josep Sunyol, que era político de Esquerra Republicana de Catalunya, foi fusilado polas tropas franquistas na serra de Guadarrama.[6] O club acabou a década con tan só 2.500 socios.

Durante a década de 1940 o club foi superando aos poucos a súa crise social e deportiva. O club foi tomado polas autoridades do novo réxime franquista que, en diante e ata 1953, designarían directamente ao presidente do club. Os novos reitores castelanizaron todos os estamentos do club, eliminando calquera connotación catalanista ou anglosaxoa. En 1940 o club pasou a denominarse «Club de Fútbol Barcelona» en lugar de «Football Club Barcelona», e modificouse o escudo: suprimíronse as catro barras da bandeira catalá para colocar no seu lugar a bandeira española, aínda que en 1949, con motivo das vodas de ouro do club, o goberno autorizou a reinstauración da bandeira catalá. No plano deportivo recompúxose o equipo tras a crise da guerra e acabáronse conquistando tres ligas, unha Copa de España e dúas Copas Eva Duarte. Ademais, nesta década creáronse novas seccións polideportivas entre as que destacaron as de balonmán e hockey sobre patíns. Todo iso contribuíu a que, ao finalizar a década, coincidindo coas vodas de ouro do club, se superasen os 25.000 socios.

Kubala e as cinco copas

[editar | editar a fonte]

A década de 1950 foi unha das da historia do club, tanto no plano deportivo como social. A fichaxe de Ladislao Kubala, en 1950, foi a pedra angular sobre a que se construíu un equipo que, nesa década, conseguiu 3 Ligas españolas, 5 Copas do Xeneralísimo, 4 Copas Eva Duarte, 3 Copas Duward, 1 Copa Latina, 2 Copas Martini&Rossi e 1 Pequena Copa do Mundo de Clubs. A masa social creceu ata os 38.000 socios que deixaron pequeno o Camp de Les Corts, de maneira que se construíu un novo estadio, o Camp Nou, inaugurado en setembro de 1957. Outros feitos destacados desa década foi a celebración das primeiras eleccións democráticas á presidencia do club en 1953, aínda que só votaron os socios homes. Ese mesmo ano tivo lugar un contencioso co Real Madrid pola fichaxe de Alfredo Di Stéfano.

Cabe dicir que durante os case 40 anos da ditadura de Francisco Franco en España, cando se prohibiron e reprimiron as institucións políticas catalás, o club converteuse nun dos símbolos da loita anti-franquista en Cataluña e da resistencia contra o centralismo que representaba o réxime franquista. O estadio do FC Barcelona converteuse nun dos poucos escenarios públicos onde os afeccionados expresábanse libremente, e o club converteuse no mellor embaixador de Cataluña no exterior. Foi naqueles anos cando se dixo que, polo seu simbolismo, o Barcelona era «més que un club» (máis que un club), expresión pronunciada polo presidente Narcís de Carreras no seu discurso de toma de posesión en 1968.[7]

A crise de 1960 e a chegada de Cruyff

[editar | editar a fonte]

Tras os éxitos de 1950 chegou a crise da década de 1960, nos que o equipo de fútbol gañou 2 Copas do Xeneralísimo e 2 Copas de Feiras. Estes títulos, con todo, non lograron compensar a derrota na final da Copa de Europa de 1961 nin a crise social xerada polas marchas de Helenio Herrera e o galego Luis Suárez ao Inter de Milán, cos que o conxunto italiano gañaría dúas Copas de Europa. A pesar de todo, o número de socios aumentou dos 39.000 aos 55.000 durante esa década.

Durante a década de 1970 continuou o imparable aumento de socios do club: pasouse dos 55.000 aos 80.000. Foron os anos nos que o fútbol español abriu as portas aos xogadores estranxeiros e o club fichou a internacionais como Johan Cruyff, Johan Neeskens, Hugo Sotil, Hansi Krankl e Allan Simonsen. O equipo de fútbol conquistou nesa década unha Liga española, 2 Copas do Rei, 1 Copa de Feiras e 1 Recopa de Europa. En 1978 chegou á presidencia Josep Lluís Núñez, que dirixiría o club as seguintes dúas décadas.

O inicio da era Núñez

[editar | editar a fonte]

A década de 1980 foi de grandes investimentos na fichaxe de grandes estrelas como Maradona, Schuster ou Lineker, pero o equipo de fútbol só puido gañar en España unha liga, tres Copas do Rei, unha Supercopa e dúas Copas da Liga. A nivel europeo gañáronse dúas Recopas, pero volveuse perder unha final da Copa de Europa, a disputada en Sevilla en 1986. Tras unha grave crise deportiva e social, en 1988 o club contratou a Johan Cruyff como adestrador, un feito que marcaría o destino do club durante a seguinte década. O máis positivo da década foi a ampliación do Camp Nou, o incremento de socios, que superou a cifra dos 100.000, a revitalización económica do club e os éxitos das seccións de baloncesto, balonmán e hóckey sobre patíns, que conquistaron importantes títulos españois e europeos.

O Dream Team

[editar | editar a fonte]

A década de 1990 foi a mellor década da historia do Fútbol Club Barcelona. Foron 10 anos de éxitos para o club en todas as ordes, tanto no terreo futbolístico como nas seccións deportivas. O equipo de fútbol, adestrado por Johan Cruyff dende 1988, e con xogadores como Zubizarreta dende 1986, Guillermo Amor, Eusebio Sacristán, Txiki Begiristain, Bakero e Julio Salinas dende 1988, Koeman e Laudrup dende 1989, Stoichkov, Albert Ferrer, Carles Busquets e Goikoetxea dende 1990, Guardiola e Miguel Ángel Nadal dende 1991, Oscar García dende 1992, ou Romário e Sergi Barjuán dende 1993 gañou catro Ligas consecutivas entre 1991 e 1994, e o 20 de maio de 1992 conquistou o título máis prezado do club: a Copa de Europa, no estadio de Wembley, ante a UC Sampdoria italiana.

Durante estes anos, o equipo desempeñou un gran xogo e foi coñecido popularmente co nome de Dream Team, imitando a terminoloxía que se usou coa Selección de baloncesto dos Estados Unidos nos Xogos Olímpicos de Barcelona 1992. A derrota na final da Copa de Europa de 1994 fronte ao AC Milan por 4-0 no Estadio Olímpico de Atenas, supuxo o fin do Dream Team, no que entraron tamén nos últimos tempos xogadores como Abelardo e Roger García (1994), e a situación deportiva do equipo deteriorouse ata o punto dunha profunda división social entre partidarios do adestrador, Johan Cruyff e partidarios do presidente, Josep Lluís Núñez. A traumática despedida de Cruyff creou unha gran crise social no club, que non desapareceu a pesar dos títulos conseguidos por Bobby Robson e Louis van Gaal, e acabou desembocando na dimisión de Josep Lluís Núñez no ano 2000. Esta foi tamén unha gran década para as outras seccións deportivas. O equipo de baloncesto consolidouse na elite do baloncesto español e europeo, a pesar de que non conseguiu gañar a Copa de Europa, cuxa final disputou en catro ocasións nesa década. O equipo de balonmán converteuse no mellor equipo de balonmán do mundo: gañou todos os títulos, entre os que destacan seis Copas de Europa.

A era Laporta

[editar | editar a fonte]

A década de 2000 pode dividirse claramente en dúas etapas. Tras a dimisión de Núñez no ano 2000, foi elixido presidente Joan Gaspart. Os seus tres anos como presidente saldáronse sen títulos futbolísticos a pesar do investimento de 180 millóns de euros que se fixo en fichaxes. Os únicos éxitos deportivos achegáronos as seccións, especialmente o equipo de baloncesto que no 2003 conseguiu gañar a Euroliga. Tras a dimisión de Gaspart chegou á presidencia Joan Laporta, que afrontou unha profunda renovación deportiva, económica e social.

Joan Laporta.
Frank Rijkaard e Ronaldinho.

Fichouse a xogadores como Ronaldinho, Eto'o, Rafael Márquez e Deco e o equipo, adestrado por Frank Rijkaard, conseguiu gañar dúas ligas españolas consecutivas e a segunda Liga de Campións, e a masa social do club superou por primeira vez na historia a cifra dos 140.000 socios. Esta etapa rematou ao final da tempada 2007-2008, coa destitución do entón adestrador Frank Rijkaard e a presentación dunha moción de censura contra Joan Laporta e a súa xunta directiva (9 de maio de 2008). [8]

Coa chegada de Pep Guardiola ao mando do equipo, o Barcelona pasou á historia na tempada 2008-09 tras conseguir o triplete (Liga, Copa e Champions). Guardiola no seu debut en Primeira División como adestrador, logrou o que Frank Rijkaard e Johan Cruyff non conseguiron en varios anos. Co triunfo na final de Roma ante o Manchester United (2-0) o Pep Team conseguiu o triplete, sendo o único equipo español en logralo, e pasando ao selecto círculo de clubs europeos que o atinxiron antes (Celtic, Ajax, PSV Eindhoven e Manchester United).[9] Ademais o Barcelona proclamouse campión de Europa contando entre as súas filas con 7 canteiráns titulares na final. O equipo de Pep Guardiola, ademais de alzarse cos tres principais títulos, logrou superar as fazañas do Dream Team en canto a cifras conseguidas en Liga, batendo varias marcas de goles, partidos gañados como visitante etc.

Lionel Messi.

Ao comezo da tempada 2009-10, o equipo gañou a Supercopa de España ao imporse ao Athletic Club en ambos os partidos. Tamén logrou a Supercopa de Europa ao gañar ao Shakhtar Donetsk por 1-0. O equipo dirixido por Josep Guardiola, tras gañar a Copa Mundial de Clubs da FIFA a finais de ano ante o Estudiantes de La Plata por 2-1, pasou definitivamente á historia do fútbol, ao conseguir os 6 títulos oficiais nunha mesma tempada, algo que non fora logrado nunca antes por ningún outro club.[10] O Barcelona de Guardiola consegue en maio de 2010 a súa segunda Liga consecutiva cun total de 99 puntos, cifra que ningún outro club alcanzara antes.

A era Rosell

[editar | editar a fonte]

O 1 de xullo de 2010 o FC Barcelona cambiou de presidente. Sandro Rosell venceu nas eleccións cun 61'5% dos sufraxios, o que supuxo a maior vitoria nunhas eleccións presidenciais dentro do club.

O 11 de xullo de 2010, a selección española gañou a final da Copa do Mundo aliñando a sete xogadores do Barcelona no equipo titular, seis deles formados na Masía.

O 2011 resultou outro ano exitoso para o equipo, acadando 5 títulos de 6 posibles, a Liga 2010-11, a Liga de Campións 2010-11, a Supercopa de España 2011, a Supercopa de Europa 2011 e o Mundial de Clubs 2011.

O himno oficial do Barça, denominado oficialmente Cant del Barça foi creado e estreado en 1974, con motivo dos actos de celebración do 75 aniversario do club. A letra foi escrita por Jaume Picas e Josep María Espinàs, e a música foi composta por Manuel Valls i Gorina. Está integramente escrito en catalán, e na versión oficial está interpretada pola Coral Sant Jordi.

Nos últimos anos foi interpretado por recoñecidos cantantes como Joan Manuel Serrat, con motivo de diferentes actos como a conmemoración do centenario do club. Ademais, a directiva presidida por Joan Laporta incentivou que variados intérpretes e conxuntos musicais o interpretasen no estadio do Camp Nou, nos prolegómenos dos partidos de fútbol, versionándoo e adaptándoo aos máis variados estilos musicais: pop, rock, rap, samba ou rumba, entre outros.

Un dos detalles que caracterizan ao himno é a referencia ao carácter aberto e integrador do club, que non diferencia a procedencia xeográfica dos seguidores; como di unha das estrofas, «tanto dá de onde vimos, se do sur ou do norte, unha bandeira nos irmanda».

O escudo do Fútbol Club Barcelona ten forma de «pota», dividida en tres cuarteis. Nos dous superiores reprodúcese a bandeira de Barcelona, isto é, a Cruz de San Xurxo e a bandeira de Cataluña. No cuartel inferior aparece un balón sobre as cores azul e vermello do club. No centro do escudo, nunha franxa, aparecen as iniciais do club, «F.C.B.».

Da combinación das cores azul e granate provén o sobrenome de «azulgrana» co que se coñece aos xogadores e afeccionados do club. Estas cores sempre estiveron presentes na camiseta do equipo. Os pantalóns nun principio eran brancos e logo pasaron a ser azuis. A marca do uniforme é Nike e leva publicidade de Rakuten e de Beko.

Os uniformes oficiais para a tempada 2017-2018 son:

  • Uniforme titular: Camiseta azulgrana a raias verticais con detalles amarelos, pantalón azul e medias azuis.
  • Uniforme alternativo: Camiseta azul celeste, pantalón azul celeste e medias azuis celestes.
  • Terceiro uniforme: Camiseta, pantalón e medias granates.

Evolución do uniforme

[editar | editar a fonte]
1899-10


1911-13


1913-20


1920-39


1939-92


1992-95


1997-98


Centenario


1999-00


2000-01


2001-02


2002-03


2003-04


2004-05


2005-06


2006-07


2007-08


2008-09


2009-10


2010-11


2011-12


2012-13


2013-14


Artigo principal: Camp Nou.
O Camp Nou antes do comezo dun encontro.

O FC Barcelona xoga os seus encontros como local no Camp Nou, situado no barrio de Les Corts dentro da cidade de Barcelona. Este estadio é o 3º que o club ten en propiedade na súa historia, tralo Camp del Carrer Indústria (1909-1922) e o Camp de Les Corts (1922-1957). O recinto foi inaugurado en 1957 despois de 3 anos de obras, para substituír o vello Camp de Les Corts que quedara pequeno nunha época de grandes vitorias do club. No momento da súa inauguración tiña capacidade para acoller a 93.053 seareiros. O encontro inaugural enfrontou ó equipo local cunha selección de Varsovia, sendo o resultado final de 4 goles a 2 a prol do Barça. Co gallo do Mundial de Fútbol España 1982 o estadio recibiu unha ampliación que aumentou a súa capacidade até 121.749 prazas. A última renovación que recibiu o Camp Nou chegou en 1994, deixando a capacidade do coliseo blaugrana en 98.772 persoas, todas sentadas. Malia súa capacidade empequenecida, o fogar do FC Barcelona segue a ser o estadio máis grande de Europa, por diante do novo estadio de Wembley de Londres (90.000) e do estadio Luzhniki de Moscova (84.745).

A asistencia media de seareiros ó Camp Nou en encontros de liga durante a tempada 2010-11 foi de 79.390 persoas[11], a máis alta do continente, por diante da do Borussia Dortmund, do Manchester United, do Real Madrid e do Bayern Múnic. Na tempada 2011-12 esta cantidade foi aínda superior, por riba dos 84.000 espectadores de media[12].

O Camp Nou é un dos estadios catalogados como Estadio Cinco Estrelas, a máxima categoría recoñecida pola UEFA. No seu interior está o Museo do Fútbol Club Barcelona. As dimensións do terreo de xogo son 105 x 68 m.

Neste estadio téñense disputado 2 finais da máxima competición continental, nos anos 1989 e 1999, saíndo nelas campións o AC Milán e o Manchester United. Tamén se teñen disputado 3 finais da Copa do Rei, nos anos 1963, 1970 e 2010, saíndo campións nelas o FC Barcelona, o Real Madrid e o Sevilla FC. En 1964 xogáronse 2 encontros da Eurocopa no Camp Nou, unha semifinal e o encontro polo terceiro e cuarto posto; e durante o Mundial celebrado en España en 1982, acolleu 5 encontros, incluída unha das semifinais.

Outras instalacións deportivas do FC Barcelona a destacar son a Ciutat Esportiva Joan Gamper, La Masia, o Mini Estadi, o Palau Blaugrana e o Palau de Gel.

Datos do club

[editar | editar a fonte]

Datos actualizados ó remate da tempada 2016-17.

Rivalidades

[editar | editar a fonte]

O FC Barcelona mantén unha estreita relación de fraternidade co equipo holandés Ajax Ámsterdan, dende que na década dos 70 chegaron a Barcelona o adestrador Rinus Michels e os xogadores Johan Cruyff e Johan Neeskens, impoñendo o seu estilo de xogo e unha política de forte aposta pola canteira. Outro club simpático para os seareiros culés é o Club Deportivo Tenerife, dende que nos anos 90 axudou a que o FC Barcelona gañase 2 ligas, derrotando ó Real Madrid na derradeira xornada do campionato.

As rivalidades máis salientables do FC Barcelona son as que mantén co Real Madrid e co RCD Espanyol. Co Real Madrid adoita pelexar cada ano pola conquista de tódolos títulos. Pola súa parte o RCD Espanyol é o outro gran equipo da cidade de Barcelona.

O encontro no que se enfrontan o FC Barcelona e o Real Madrid é coñecido popularmente como O Clásico ou O partido do século. O balance de vitorias e derrotas en encontros oficiais entre os dous conxuntos está case parello:

Equipo PXog Gañ Emp Per Goles
FC Barcelona 224 87 47 90 363
Real Madrid 90 87 378

O encontro no que se enfrontan o FC Barcelona e o RCD Espanyol coñécese popularmente como O Derbi Barcelonés ou O Derbi Catalán. O balance de vitorias e derrotas en encontros oficiais entre os dous conxuntos favorece ó Barça:

Equipo PXog Gañ Emp Per Goles
FC Barcelona 192 107 41 44 356
RCD Espanyol 44 107 216

O FC Barcelona tamén mantén unha rivalidade antiga co Valencia CF e co Atlético de Madrid. Nos últimos anos naceu unha antipatía entre o club e o Inter de Milán,[Cómpre referencia] que naceu en 1997 coa marcha de Ronaldo ó equipo italiano.

Xogadores

[editar | editar a fonte]

Distincións individuais

[editar | editar a fonte]

O FC Barcelona posúe a maior cantidade de Balóns de Ouro gañados por xogadores do equipo, cun total de 11, salientando o que gañou o galego Luis Suárez en 1960, os 2 que gañou Johan Cruyff e os 5 que gañou Lionel Messi. Houbo 3 anos nos que foron premiados futbolistas pertencentes a outros clubs, pero que viñan de xogar a primeira metade dese ano no FC Barcelona: Luis Suárez (1961), Ronaldo (1997) e Luis Figo (2000).

Balón de Ouro
Balón de Ouro
[[|Leggi...]]
Balón de Prata
Balón de Prata
[[|Leggi...]]
Balón de Bronce
Balón de Bronce
[[|Leggi...]]

O FIFA World Player era un premio paralelo ó Balón de Ouro. Foi creado en 1991 pola FIFA para recoñecer ó mellor xogador do mundo, nun tempo no cal o Balón de Ouro só designaba ó mellor xogador europeo. En 2009 o FIFA World Player desapareceu ó fusionarse co Balón de Ouro, para convertérense no Balón de Ouro da FIFA.

FIFA World Player - Ouro
FIFA World Player - Ouro
[[|Leggi...]]
FIFA World Player - Prata
FIFA World Player - Prata
[[|Leggi...]]
FIFA World Player - Bronce
FIFA World Player - Bronce
[[|Leggi...]]

Bota de Ouro

[editar | editar a fonte]

A Bota de Ouro premia ó máximo goleador de tódalas competicións ligueiras de Europa. Dende a súa creación en 1968, 3 xogadores do FC Barcelona acadaron este premio:

Os trofeos Pichichi e Zamora son entregados polo diario deportivo Marca ó máximo goleador da liga e ó porteiro menos goleado. Foron 11 os futbolistas do FC Barcelona que ó longo da historia teñen acadado o trofeo Pichichi, 16 veces en total, salientando a cifra récord de 50 goles que acadou Lionel Messi na tempada 2011-12. No tocante ó trofeo Zamora, foron 10 os porteiros culés que acadaron esta distinción, nun total de 20 ocasións, salientando o récord de 5 trofeos que gañou Antoni Ramallets nos anos 50, e os 5 que gañou Víctor Valdés igualando antigo o récord de Ramallets.

Cadro 2023/24

[editar | editar a fonte]

Actualizado a 2 de xaneiro de 2024.[13]

FUTBOL CLUB BARCELONA
Xogadores do primeiro equipo

Adestradores

[editar | editar a fonte]

O equipo de fútbol do FC Barcelona non tivo un adestrador até 1917. O inglés John Barrow dirixiu ó equipo en 19 encontros. Tras del chegou outro adestrador inglés, Jack Greenwell, quen ocuparía o posto durante 9 anos en dúas etapas distintas, dirixindo ó Barça en 492 encontros. Romà Forns foi o adestrador que levou ó equipo ó seu primeiro título de liga na tempada 1928-29. O segundo título de liga chegaría da man de Josep Samitier, antigo goleador do equipo, quen adestrou ó FC Barcelona entre 1944 e 1947. Samitier foi substituído polo uruguaio Enrique Fernández, con quen se gañaron as ligas de 1948 e 1949. Pouco tempo despois, o checoslovaco Ferdinand Daučík adestrou ó "Barça das 5 copas", que gañaría tódolos títulos en xogo entre 1952 e 1953. Os éxitos seguiron con Helenio Herrera, que gañou as ligas de 1959 e 1960 con xogadores como Luis Suárez e László Kubala, por diante do histórico Real Madrid de Alfredo Di Stéfano. Despois de varios anos sen títulos, en 1971 chegou un adestrador que cambiou a filosofía do club, o holandés Rinus Michels, que dirixiu ó equipo en 361 encontros durante dúas etapas, acadando o título de liga en 1974. O seguinte título de liga chegaría da man do inglés Terry Venables, en 1985, chegando á final da Copa de Europa en 1986, para perdela. En 1988 foi contratado como adestrador Johan Cruyff, quen durante 8 anos gañou 4 ligas, 1 Copa de Europa e 1 Recopa de Europa entre outros títulos, dirixindo ó equipo en 602 encontros, cifra récord no club. Outros dous holandeses, Louis van Gaal e Frank Rijkaard, triunfaron no banquiño culé, acadando 2 títulos de liga cada ún. Rijkaard levou ó equipo á vitoria na Liga de Campións da UEFA 2006-07. O seu sucesor en 2008 foi Pep Guardiola, cuxo traballo deu de si 3 Ligas e 2 Ligas de Campións entre moitos outros títulos durante 4 tempadas. En maio de 2012 Guardiola anunciou a súa marcha tralo remate da tempada, e o presidente Sandro Rosell comunicou que o seu substituto sería Tito Vilanova, quen só puido exercer o cargo durante unha tempada por razóns de saúde. En 2013 chegou da Gerardo Martino, o cuarto adestrador arxentino da historia do club.

O corpo técnico da sección de fútbol na tempada 2018-19 estaba composto polos seguintes membros:

Director da sección de fútbol:
Adestrador: Hansi Flick
2º Adestrador: Jon Aspiazu
Adestrador asistente: Joan Barbarà
Adestrador de porteiros: José Ramón de la Fuente
Preparadores físicos: Antonio Gómez, Edu Pons e José Antonio Pozanco
Responsable dos equipos médicos: Ramón Canal
Médicos: Ricard Pruna e Daniel Medina
Fisioterapeutas: Juanjo Brau, Jaume Munill, Xavi López e Xavi Linde
Director da canteira: Jordi Roura
Adestrador do filial: Xavi García Pimienta
Adestradores do FC Barcelona
* 1917: Inglaterra John Barrow (19 partidos)

Presidentes

[editar | editar a fonte]

O primeiro presidente da historia do FC Barcelona foi o inglés Walter Wild, un dos 12 fundadores do club. Joan Gamper asumiu a presidencia por vez primeira en 1908, tomando a decisión de construír o primeiro estadio propiedade do club, o Camp del Carrer Indústria. Tamén sería Gamper quen, en 1922, durante a súa 4ª presidencia tomaría a decisión de substituír aquel estadio por un novo, máis grande e moderno, o Camp de Les Corts. Co inicio da Guerra Civil española, foi executado o presidente Josep Sunyol. En 1950 Agustí Montal i Galobart asinou a László Kubala, quen levou ó club a unha das súas épocas máis vitoriosas. Froito deses éxitos, Francesc Miró-Sans chegou á presidencia en 1953 co lema "Polo mellor campo do mundo" e inaugurou un novo estadio moito máis grande, o Camp Nou, en 1957. Fillo dun expresidente, Agustí Montal i Costa colleu o poder en 1969, asinando ó adestrador Rinus Michels en 1971 e a Johan Cruyff en 1973. Foi Josep Lluís Núñez, presidente entre 1978 e 2000, quen cambiou a dinámica do club, converténdoo nunha das referencias do continente, acadando a primeira Copa de Europa en 1992. En 2003 chegou ó poder Joan Laporta, en cuxa presidencia chegaron dúas novas Ligas de Campións entre outros títulos. Substituíuno no cargo en 2010 Sandro Rosell, que levou a cabo unha tarefa continuista nas políticas de xestión deportiva do club. En 2014 presentou a súa dimisión irrevogable e foi substituído polo seu vicepresidente Josep Maria Bartomeu.

Presidentes do FC Barcelona
Presidentes do FC Barcelona
[[|Leggi...]]

Palmarés

[editar | editar a fonte]

Torneos rexionais

[editar | editar a fonte]

O Campionato de Catalunya foi un torneo ligueiro que existiu entre 1900 e 1940, no que se enfrontaban os principais clubs de fútbol cataláns. O campión desta liga acadaba o dereito, como representante catalán, a participar na Copa do Rei, torneo que naceu en 1902. Durante as 3 primeiras décadas de existencia do FC Barcelona, estes foron os 2 campionatos oficiais existentes nos que competiu o club coa súa sección de fútbol. Unha vez comezada a Guerra Civil disputáronse dous torneos que tiveron unha curta existencia, chamados Liga Catalá e Liga Mediterránea. En anos recentes, co remate da ditadura, creouse de novo un torneo catalán, esta vez en formato de copa, con eliminatorias directas, chamado Copa Catalunya, de menor prestixio. O FC Barcelona liderou o palmarés do desaparecido Campionato de Catalunya, e lidera o palmarés da actual Copa Catalunya.

  • Campionato de Catalunya Campionato de Catalunya (23):
    1902, 1903, 1905, 1909, 1910, 1911, 1913, 1916, 1919, 1920, 1921, 1922, 1924, 1925, 1926, 1927, 1928, 1930, 1931, 1932, 1935, 1936, 1938
    • Subcampión (7):
      1901, 1907, 1908, 1915, 1923, 1933, 1937
  • Liga Mediterránea de fútbol (1):
    1937
  • Liga Catalá (1):
    1938
  • Copa Catalunya (8):
    1991, 1993, 2000, 2004, 2005, 2007, 2013, 2014
    • Subcampión (9):
      1996, 1997, 1998, 2001, 2002, 2006, 2008, 2010, 2011

Torneos estatais

[editar | editar a fonte]

A Copa do Rei foi o primeiro campionato nacional de fútbol, fundado en 1902, e que durante 27 anos proclamou ó mellor equipo de España. En 1928 creouse a Liga española de fútbol, converténdose dende entón no principal campionato nacional. A Copa de Ouro Arxentina e a Copa Eva Duarte foron dous torneos precursores da actual Supercopa de España, na que se enfrontan os vixentes campións de liga e copa. A Copa da Liga foi unha competición que só durou 4 anos, cun formato semellante ó da Copa do Rei, pero na que se enfrontaban só os equipos da primeira división. Actualmente o FC Barcelona é o 2º equipo con máis Ligas, e o 1º con máis Copas do Rei e Supercopas de España. Tamén foi o 1º con máis Copas da Liga e Copas Eva Duarte.

Torneos internacionais

[editar | editar a fonte]

Os primeiros grandes éxitos do club en Europa foron as dúas vitorias na Copa Latina nos anos 1949 e 1952. Nesa competición enfrontábanse os campións de España, Francia, Portugal e Italia. En 1955 naceron a maioría das actuais competicións europeas. O FC Barcelona leva dende entón participando cada ano sen escepcións nas competicións europeas organizadas pola UEFA, sendo por iso un caso único. Neste tempo gañou 19 títulos continentais, récord absoluto, superando ó Real Madrid e ó AC Milán, que teñen 18. O club proclamouse campión de Europa en 1992, 2006, 2009, 2011 e 2015, e campión do mundo en 2009, 2011 e 2015.

O "sextete" de títulos gañados polo club en 2009, no museo do FCB.
Artigo principal: Fútbol Club Barcelona B.
Mini Estadi.

O equipo filial do Barça é o Barcelona B, tamén chamado popularmente Barça Atlètic, fundado en 1970. Na tempada 2011-12 disputou a Segunda División Española por vixésima ocasión.

O Sección de Deportes de la España Industrial era o equipo de fútbol dunha fábrica da cidade de Barcelona, fundado en 1934. O presidente da fábrica era Josep Antoni de Albert, quen chegou á presidencia do FC Barcelona en agosto de 1943. Ese achegamento entre os dous equipos da cidade facilitou que en 1951 o España Industrial se convertese nun equipo afiliado do FC Barcelona, pasando a xogar os seus encontros como local no Camp de Les Corts. Nos anos 50 militou na Segunda división acadando en 1953 e 1956 postos de promoción de ascenso á Primeira división, promocións que non puido disputar por ser un equipo afiliado a outro. Despois de 1956 o SD España Industrial desligouse do FC Barcelona rebautizándose como Club Deportivo Condal para poder ascender á máxima categoría do fútbol español, na que chegou a competir durante un ano. Despois de descender á segunda división e máis adiante á terceira división, acadan de novo o ascenso a segunda, para descender de novo a terceira. En 1970 fusionáronse o CD Condal e o Atlético Cataluña para converterse no Barcelona Atlètic, pasando a ser o primeiro equipo filial do FC Barcelona. O nome do equipo mudouse en 1991 a FC Barcelona B por obriga da RFEF. En 2008 foi rebautizado como FC Barcelona Atlètic, pero coa chegada do novo presidente Sandro Rosell en 2010 recuperou o nome FC Barcelona B.

O equipo filial do FC Barcelona xoga os seus encontros como local no Mini Estadi, un recinto inaugurado en 1982, que ten capacidade para acoller a máis de 15.000 seareiros sentados nas bancadas.

Polas filas do Barcelona B pasaron os mellores xogadores que chegaron ao primeiro equipo do Barcelona procedentes da canteira barcelonista: Carrasco, Calderé, Amor, Ferrer, Guardiola, Sergi, Valdés, Iniesta, De la Peña, Puyol, Gerard ou Xavi, así como futbolistas que desenvolveron o groso da súa carreira noutros equipos importantes como Nayim, Luís García, Luque, Sergio García ou Cesc Fàbregas. En 2005 xurdiu do FC Barcelona B é o arxentino Lionel Messi. Os últimos anos foron os máis produtivos no tocante a preparar xogadores para o primeiro equipo do Barça, saíndo do filial xente como Bojan Krkic, Pedro, Sergio Busquets, Gerard Piqué, Thiago Alcántara ou Martín Montoya, todos eles internacionais xa coa selección de fútbol de España.

O FC Barcelona tiña un segundo equipo filial, o Fútbol Club Barcelona C, que desapareceu en 2007.

Na tempada 2011-12 o FC Barcelona B competiu por 20ª ocasión na Segunda división española dende 1970.

Publicidade

[editar | editar a fonte]

O Barça foi coñecido polo seu costume de rexeitar a publicidade na súa camiseta do primeiro equipo. De calquera xeito, dende o 2005 leva un pequeno logo da TV3 no brazo dereito e a partir da tempada 2006-07 loce o logo de UNICEF. Este logo na camiseta forma parte da iniciativa social do club. Na tempada 2011-12 o club rompeu a súa tradición cando anunciou que a camiseta do equipo de fútbol levaría a publicidade de Qatar Foundation.

O significado etimolóxico desta palabra deriva da palabra cul que significa literalmente "cu" en catalán. Esta palabra foi creada ó principio da década de 1920, xa que os seguidores que se sentaban no posición máis alta do estadio, dende fóra a xente vía os cus dos seguidores.

O FC Barcelona fronte a equipos galegos

[editar | editar a fonte]

A Liga española de fútbol inaugurouse en 1928. Dende entón, o FC Barcelona estivo presente en cada unha das edicións disputadas deste torneo. Pola outra banda, foron 4 os equipos de Galicia que teñen participado nalgunha das edición da Primeira división española: o Celta de Vigo, o Deportivo da Coruña, o Pontevedra CF e o SD Compostela. Ningún outro equipo galego agás estes catro tivo ocasión de enfrontarse ó FC Barcelona en encontros de liga, pero si na copa. Nas seguintes táboas amósase estatisticamente o resultado dos 249 enfrontamentos oficiais do FC Barcelona con equipos galegos en encontros oficiais:

TOTAL
Equipo PXog Gañ Emp Per Goles
FC Barcelona 249 145 52 52 561
Galicia Equipos galegos 249 52 52 145 264

218 encontros de liga, 29 de copa e 2 da UEFA.

  1. "Fútbol Club Barcelona". Diccionario enciclopédico galego universal 29. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 84. ISBN 84-7680-429-6. 
  2. "Fútbol Club Barcelona". Enciclopedia Galega Universal 9. Ir Indo. 1999-2002. p. 336. ISBN 84-7680-288-9. 
  3. "O Barcelona das Seis Copas". Arquivado dende o orixinal o 22 de decembro de 2009. Consultado o 03 de xaneiro de 2010. 
  4. "elmundo.es - Suicidio de Joan Gamper". Consultado o 11 de xaneiro de 2008. 
  5. "Periodista en el frente de guerra, poeta, atleta, feminista: ¿por qué nadie quiso acordarse de Anna Maria Martínez Sagi?". www.publico.es. Consultado o 2021-03-21. 
  6. "fcbarcelona.com - Biografía de Josep Sunyol". Arquivado dende o orixinal o 03 de maio de 2008. Consultado o 11 de xaneiro de 2008. 
  7. "fcbarcelona.com - Historia do "máis que un club"". Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2007. Consultado o 11 de xaneiro de 2008. 
  8. "Un grupo de socios prepara unha moción de censura contra Laporta". Consultado o 9 de maio de 2008. 
  9. "O Barça é o primeiro equipo español que logra o triplete". marca.es. 27 de maio de 2009. 
  10. Campión de campións, en ElPais.es
  11. ""Camp Nou league attendances rise by 2.7%"". Arquivado dende o orixinal o 08 de xullo de 2012. Consultado o 06 de marzo de 2012. 
  12. "{title}". Arquivado dende o orixinal o 14 de abril de 2012. Consultado o 06 de marzo de 2012. 
  13. "Players". FC Barcelona. Consultado o 9 de xuño de 2024. 
  14. Xunta directiva do FCB (en castelán)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]
Palau Blaugrana.

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]