Roseau
Epónimo | Cana | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
| ||||
Estado | Dominica | |||
Paróquia da Dominica (pt) | Saint George (pt) | |||
Capital de | ||||
Poboación | ||||
Poboación | 14.741 (2011) | |||
Xeografía | ||||
Bañado por | Mar Caribe e Rio Roseau (pt) | |||
Altitude | 43 m | |||
Roseau (Wozeau en crioulo antillano; pronunciado "Ro-zo") é a capital de Dominica e a súa cidade máis antiga e importante. Segundo o censo de 2007 ten unha poboación de 16.582 habitantes.
Historia
[editar | editar a fonte]A cidade de Roseau foi construída sobre un antigo asentamento caribe chamado Saïri. A pesar de que a illa foi descuberta por Cristovo Colón o 3 de novembro de 1493, os primeiros europeos en lograr colonizar a illa foron os franceses. No século XVII arribaron á zona leñadores franceses que rebautizaron o lugar co nome de Roseau debido ao gran número de canas que había nas beiras do río, tamén chamado Roseau. En francés, Roseau significa cana. A nova colonia logrou ter a súa propia igrexa en 1730, o que hoxe é a catedral católica. Os británicos tomaron pola forza a cidade en 1761.
En 1768 a capital de Dominica foi trasladada de Porstmouth a Roseau. O enxeñeiro británico encargado de levar a cabo o traslado e de converter a Roseau na nova capital, Nathaniel Minshall, deseñou a nova cidade tomando como centro da mesma a rúa High Street e a igrexa anglicana no que entón se chamaba Church Savannah, hoxe en día Newtown Savannah. A cidade estaba defendida polo corpo dos Old Roseau Boys School coa súa base na praia. Como última medida para romper co pasado francés cambiouse o nome da cidade polo de Charlotteville en honra da raíña Carlota. Con todo o nome de Roseau logrou sobrevivir ao cambiou e acabou impóñendose fronte ao novo, aínda que a cidade tamén se chamaba en ocasións Newtown (Cidade Nova).
No século XVIII, Roseau tan só abarcaba o que é agora o barrio do seu casco antigo, e a principios do século XXI, aproximadamente tan só unha sétima parte da poboación da cidade vive nel. Newtown e Potter's Ville, os antigos suburbios, foron creados entre finais do século XVIII e principios do século XIX. Outro suburbio, Goodwill, foi establecido nos anos 1950. Foi a partir desa década cando a cidade experimentou un maior crecemento urbanístico e demográfico coa chegada de habitantes das zonas rurais en busca de traballo.
Dentro do contexto das loitas franco-británicas por facerse co control do Caribe, e polo tanto, tamén de Dominica, a cidade foi destruída por un incendio en 1781. E foi tomada e incendiada de novo polos franceses en 1805.
A cidade foi arrasada en 1979 polo furacán David, polo que tivo que ser reconstruída practicamente na súa totalidade. O barrio de Bath Estate foi creado a principios dos anos 1980. Desde entón, diversas novas barriadas - como Stock Farm, Castle Comfort e Wall House - foron construídos ao redor dos xa existentes. Algúns barrios máis antigos como Fond Cole e Canefield pertencen hoxe en día ao área semiurbana que está ao redor de Roseau.
Xeografía e localización
[editar | editar a fonte]Roseau atópase na parroquia de San Xurxo (Saint George), Dominica está dividida en parroquias ou parish, organización herdada da colonización francesa, a máis poboada do país, e da que tamén é a capital. Localizada a 15°18′N 61°23′O / 15.300, -61.383, atópase na costa suroeste do país. A cidade está bañada polo mar Caribe, o que lle permite dispor dun importante porto, tanto para as transaccións comerciais como para a chegada de cruceiros turísticos. Está rodeada do mar Caribe e a elevación do Morne Bruce, desde deonde pódese ver unha vista panorámica da cidade, sendo unha das poucas zonas chairas da zona. Roseau está situada na desembocadura do río Roseau ou río da Raíña (Queen's), que cruza a cidade, sendo un dos ríos máis longos que cruzan as capitais dos estados caribeños.
Suburdios
[editar | editar a fonte]a Cidade de Roseau ten 13 suburbios ou barrios:
- Bath Estate
- Belle Vue Rawle
- Castle Comfort
- Copthall
- Elmshall
- Fond Coei
- Goodwill
- Kings Hill
- Newtown (ex Charlotteville)
- Potters Ville
- Stock Farm
- Tarish Pit
- Yam Piece
Demografía
[editar | editar a fonte]Evolución demográfica:
Evolución da poboación de: Roseau desde 1985 ata 2007
| |||
1985 | 1991 | 1991 | 2007
|
16 000 | 16532 | 16 038 | 16 582 |
Economía
[editar | editar a fonte]Roseau exporta produtos tropicais como limas, mollo de lima, aceites esenciais, froitas e verduras tropicais, laranxas, cacao, copra e especias. A cidade é o principal centro comercial e turístico do país. Nela atópanse situadas a maioría das principais empresas e axencias do país, sendo a sede de numerosas empresas de turismo, e do sector terciario en xeral. Tamén serve de base para a rodaxe de películas nos numerosos escenarios naturais cos que conta a illa.
A maioría das entidades bancarias presentes en Dominica teñen a súa sede ou oficina en Roseau. Así, en Roseau atópase a sede do Banco Nacional de Dominica ou NBD, National Bank of Dominica -primeiro banco de Dominica-. Na cidade tamén se atopan presentes o The Bank of Nova Scotia, o First Caribbean International Bank, o Royal Bank of Canada, o AID Bank (Dominica Agricultural Industrial Development Bank) e o Eastern Caribbean Central Bank Agency.
Arquitectura
[editar | editar a fonte]O distrito central ou casco antigo (Central district) está repleto de numerosas casas de pequenas dimensións, e só uns poucos espazos verdes ábrense entre as edificacións. Mostra un estilo arquitectónico mestura de construcións modernas, sobre todo na zona do Bayfront, fronte ao porto, xunto con edificios de pouca altura de estilo colonial francés e británico, e de estilo crioulo, feitas de madeira e cos seus típicos balcóns e celosías.
Roseau está distribuída en pequenas cuadras de edificios, sendo o tamaño das cuadras batante menor comparado co doutra capitais veciñas como Kingstown ou Castries. A cidade foi construída cunha distribución cuadriculada.
Monumentos e atractivos turísticos
[editar | editar a fonte]Roseau é o principal centro de turismo do país. A cidade ten praias de area negra de orixe volcánica como un dos seus maiores atractivos turísticos.
Os edificios relixiosos máis representativos son o templo da igrexa anglicana de St. George's.
- A Catedral católica de Roseau, construída sobre un outeiro con pedra volcánica, sé da diocese. A construción da catedral, de estilo románico-gótico, comezou sobre 1800 e terminou en 1916. A catedral construíuse sobre unha capela de 1730 edificada polo sacerdote francés Guillaume Martel. O templo denominouse nun principio Notre-Dáme du Bon Port du mouillage de Roseau (A nosa Señora do Bo Porto do ancoradoiro de Roseau), pero tras a conquista británica estes cambiáronlle o nome.
En canto a zonas verdes ou axardinadas destacan os Xardíns Botánicos e os xardíns da State House, sendo Roseau un caso excepcional neste sentido, xa que non é habitual que haxa espazos verdes deste tamaño en zonas tan céntricas nas outras capitais do Caribe.
- O Fort Young Hotel: Outro dos edificios máis importantes, non só de Roseau senón de toda Dominica é o Fort Young Hotel. Trátase dun hotel no que se realizan diversas actividades culturais situado no que foi un forte francés de 1720. O forte foi tomado polos británicos en 1761 e servía para protexer o embarcadoiro. Toma o seu nome en honra de Sir William Young, gobernador de Dominica entre 1770 e 1773.
- O Old Market Praza e o New Market: Na cidade hai numerosas tendas, pero os lugares de venda máis importantes son o Old Market Praza, situado onde se localizaba o antigo mercado de escravos, e o New Market, onde os sábados pola mañá pódense adquirir froitas e verduras da zona, e onde os venres celébrase o mercado de peixe.
Nas proximidades da cidade localízanse fontes termais. Outro dos seus atractivos turísticos é o mergullo con tubo na praia de Champagne Beach, onde se produce un burbulleo da auga nos fondos mariños.
A 8´9 km ao noroeste da cidade, no val do río Roseau, na vila de Trafalgar, atópase a paraxe das fervenzas coñecidas como Trafalgar Falls. Trátase do maior atractivo natural da illa. Ten dúas fervenzas, a maior dela duns 38 metros de altura, e a segunda, duns 23 metros.
Outro dos atractivos naturais, o Titou Gorge, tamén no val do Roseau, atópase a uns 9 quilómetros ao nordés de Roseau, en Laudat. Trátase unha piscina natural na base dunhas fervenzas e cuberta por vexetación.
Outra fervenza, a Emerald pool, atópase a uns 13 quilómetros ao nordés de Roseau. Trátase dunha fervenza de 12 metros e unha piscina natural cun fácil acceso.
Numerosos turistas acoden a Roseau en busca dun bo lugar para pescar ou onde contemplar cachalotes.
Xardíns Botánicos
[editar | editar a fonte]Os Xardíns Botánicos, coñecidos popularmente como the Gardens, foron creados en 1891 polo goberno da Coroa británica cando Dominica aínda era parte do Imperio Británico co obxectivo de proporcionar sementes aos agricultores da illa. Este espazo semiaberto, é o único espazo deste tipo aberto aos cidadáns e visitantes da cidade, está situado no Morne Bruce e reúne unhas condicións climáticas favorables para o crecemento de plantas tropicais. En 1889 compraron a William Davies 40 acres duns terreos de plantacións de cana de azucre en Bath Estate, no Morne Bruce. O conservador dos xardíns, Henri Green empezou a plantación dos xardíns un ano máis tarde, en 1890. En 1982 fíxose cargo dos xardíns Joseph Jones. Nos xardíns pódense diferenciar dúas zonas. A primeira delas ten plantas ornamentais e a segunda serve para desenvolver plantas para a agricultura local. As distintas plantas dos xardíns eran traídas de todas partes do mundo, xa que este dependía do Xardín Botánico Real de Kew. Pódense ver exemplares do papagaio imperial, papagaio que só se atopa na illa. Unha das atraccións dos xardíns son os restos dun autobús que chocou cun enorme baobab, que quedou desa forma desde o paso do furacán David, furacán que no transcurso de oito horas destruíu a maior parte dos xardíns e das árbores máis antigas e de maior tamaño.
Entre 1960 e 1970, os xardíns tiñan un dos campos de crícket con mellor reputación de todo o Caribe. Os xardíns foron visitados pola raíña Isabel II de Inglaterra e o duque Felipe de Edimburgo en 1966 e 1985. Os xardíns son usados tamén para celebracións relixiosas, cabalgatas e desfiles e outros eventos culturais e de recreo.
Infraestruturas
[editar | editar a fonte]En Roseau atópanse os edificios do goberno do país, así como os consulados estranxeiros en Dominica. A cidade conta cos tres principais portos marítimos do país, que sriven para o comercio e transporte de mercancías, e para o amarre de cruceiros turísticos ou embarcacións de recreo. O situado en Woodbridge Bay atópase a uns 2 quilómetros ao norte da cidade, mentres que o Roseau Ferry Terminal e o Cruise Ship Berth atópanse no Bayfront, a pouca distancia do centro da cidade.
A cidade conta cos servizos do aeroporto de Canefield (DCF), situado na localidade do mesmo nome, a 5´8 km de Roseau, que permite voos rexionais. Para os voos de maior duración, Roseau sérvese do aeroporto de Melville Hall, situado ao norte de Marigot, no nordés da illa, que permite voos internacionais vía Antiga, Barbados, San Martín, Guadalupe e Martinica.
O Hospital de Roseau, o Princess Margaret, é un dos tres cos que conta o país, e conta cunha cámara hiperbárica de descompresión para posibles accidentes na práctica de submarinismo, deporte moi practicado polos turistas.
Transporte
[editar | editar a fonte]A cidade ten numerosas empresas de alugueiro de vehículos e taxis, e cun servizo de autobuses e microbuses que conectan a cidade co resto da illa.
Arte e cultura
[editar | editar a fonte]Celebracións e acontecementos
[editar | editar a fonte]En Roseau celébranse varios festivais e festividades, algúns deles compartidos co resto do país, outros exclusivos da cidade. Entre eles destacan o Festival mundial de mísica crioula de Dominica (Dominica's World Creole Music Festival), celebrado anualmente no país. Dominica's World Creole Music Festival
As celebracións nacionais pola Independencia do país tamén se producen na capital. As celebracións duran catro semanas en outubro e novembro, e contan con varios días sinalados como Kwèyòl Day, Heritage Day, e National Day. Diferentes actividades como desfiles, música en vivo ou mercadillos nos Xardíns Botánicos ou noutros lugares serven para amenizar as celebracións.
Museos
[editar | editar a fonte]O Museo da Dominica (Dominica Museum), situado na antiga oficina de correos e xunto ao Old Market, o antigo mercado de escravos, onde se mostra historia e a vida na illa desde o período colonial ata a actualidade, así como a historia xeolóxica da illa, e o Vitoria Memorial Museum, son as principais ofertas culturais da cidade.
Deportes
[editar | editar a fonte]En Roseau celébranse os acontecementos deportivos máis importantes do país. Así, a selección de fútbol de Dominica disputa os seus partidos como local no estadio de Windsor Park, con capacidade para 6.000 espectadores. Un dos principais deportes, o crícket, conta cun terreo de xogo nos mesmos Xardíns Botánicos, sendo este un dos principais do país.
Roseau serve de base para a celebración dalgunhas das actividades do Dominica's Dive Fest, organizado pola Dominica Watersports Association.
Educación
[editar | editar a fonte]A Universidade das Indias Occidentais (The University of the West Indies) ten un centro en Roseau, o The Dominica University Centre.
Relixión
[editar | editar a fonte]A poboación de Roseau é maioritariamente cristiá e na cidade conviven tanto católicos, como anglicanos e metodistas. Roseau é a sede episcopal da diocese católica de Roseau, que engloba a toda Dominica ademais das illas próximas de Montserrat, Antiga, Saint Kitts, Saint Croix e Saint Thomas. É parte da arquidiocese de Porto España en Trindade, sendo declarada diocese separada desta en 1850 polo Papa Pío IX.
Medios de comunicación
[editar | editar a fonte]En Roseau atópanse a maior parte de medios de comunicación do país. A cidade ten varias publicacións periódicas e diarios, algúns en formato electrónico, como The Chronicle, The Dominican.net, Dominica News, News-Dominica.com, The Estafes (edición de Dominica), Wáshington Post: Dominica, D-Eco Magazine, Domnitjen Magazine e The Sun Newspaper. En Roseau atópanse as emisoras de radio Kairi FM, Q95FM ou DBS Radio.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Roseau |