Saltar ao contido

Bolboreta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lepidópteros
Lepidoptera
Bolboretas e avelaíñas

Rango fósil: eoceno - actualidade

Charaxes brutus natalensis
en Dar es Salaam, Tanzania
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Superorde: Endopterygota
Orde: Lepidoptera
Linnaeus, 1758
Subordes
Espiritrompa (e ollo) dunha bolboreta.

As bolboretas son insectos da orde dos lepidópteros. As bolboretas "diúrnas" clasificábanse antes no grupo Rhopalocera, mentres que as bolboretas "nocturnas" ou avelaíñas clasificábanse no grupo Heterocera, pero estes grupos, que xeralmente eran considerados subordes, xa non se utilizan nas clasificacións máis modernas por seren polifiléticos, e non todas as especies de cada grupo son nocturnas ou diúrnas.

A dos lepidópteros é unha orde de insectos holometábolos (é dicir, de metamorfose completa), case sempre voadores, caracterizados, entre outras cousas, porque despois de ter superado o estado de larva, presenta dous pares de ás. As ás están recubertas con escamas microscópicas que se lle desprenden con só tocarlle, semellando, ao tacto e á vista, un po suave.

As especies máis coñecidas son as chamadas bolboretas diúrnas, pero a maioría son as bolboretas nocturnas, a maioría das cales adoitan pasaren inadvertidas.

As súas larvas, coñecidas como eirugas, aliméntanse tipicamente de materia vexetal, podendo ser algunhas especies pragas importantes para a agricultura (recordemos a couza guatemalteca, que causa estragos nas patacas). Por outra parte, moitas especies cumpren o papel de polinizadoras de plantas silvestres e cultivadas.

Este taxon representa a segunda orde con máis especies entre os insectos (sendo superado soamente pola orde dos coleópteros); de feito, conta con máis de 165 000 especies,[1] clasificadas en 127 familias e 46 superfamilias.[2]

Os nomes vulgares galegos para designaren estes insectos son os de bolboretas,[3] chorumas, papoias ou paxarelas (para as especies diúrnas). As bolboretas nocturnas denomínase avelaíñas,[4] matacandís e velairiñas, e tamén couzas, carunchos, trazas ou trillas.[5]

As bolboretas e avelaiñas teñen algunhas características especiais. As pezas bucais transformáronse nunha trompa ou probóscide que succiona e que se enrola nunha espiral (espiritrompa).

A cor das ás débese polo xeral a efectos ópticos das escamas máis que a pigmentos.

As ás están cubertas de escamas de diversas cores que xeralmente trazan debuxos moi coloridos. O colorido das ás débese a fenómenos físicos de interferencia, como as irisacións dun disco compacto, e non a pigmentos. morfoloxicamente, a superficie alar está recuberta de escamas cuxa superficie posúe multitude de arestas lonxitudinais (separadas ás veces por menos de 1 μm, é dicir, a milésima parte dun milímetro) que alteran a reflexión da luz producindo cores moi rechamantes e frecuentemente iridiscentes.[2]

O máis común é que haxa dimorfismo sexual na cor, é dicir, diferenzas regulares entre machos e femias.

Alimentación

[editar | editar a fonte]
Macroglossum stellatarum alimentándose.

As eirugas aliméntanse da materia vexetal que as rodea: follas, flores, froitos, talos, raíces, o que lles dá grande importancia agrícola ao constituíren ás veces pragas importantes nos cultivos.[6]

Algunhas especies son capaces de minar (xerar túneles) nas superficies das que se alimentan. Outras, en cambio, aproveitan as manufacturas humanas, ou ben produtos almacenados (fariñas, grans...).

Os adultos, a excepción dos representantes da familia dos Micropterigidae (cuxa alimentación, derivada da súa capacidade mastigatoria, abarca o pole, as esporas de fungos, etc), aliméntanse libando, é dicir, absorbendo néctar ou outras substancias líquidas mediante o seu aparato bucal lambedor-chupador (espiritrompa). Porén, existen especies cuxo ciclo vital exixe unha curta fase de imago: nestes casos, o adulto nin se alimenta, senón que destina todas as súas enerxías á reprodución.[2]

Ciclo de vida

[editar | editar a fonte]

Nacen de ovos que deixan as bolboretas femias nunha planta hóspede específica. Nacen como larvas vermiformes (semellantes a vermes) chamadas eirugas e comen vorazmente as follas ou talos tenros á vez que crecen axiña. Cada especie require dunha ou varias clases de plantas para a súa alimentación, e a extinción dunha planta pode arrastrar á dunha bolboreta.

Nun momento do seu desenvolvemento, a eiruga protéxese dentro dun casulo e alí transfórmase en crisálida. Neste estado non se alimenta e sofre grandes cambios metabólicos e morfolóxicos, que no seu conxunto é chamado metamorfose. A bolboreta adulta sae crebando o esqueleto externo da crisálide. Para entrar na fase de crisálide a eiruga procura un lugar abeirado ou constrúe un casulo, como ocorre por exemplo na bolboreta da seda.

Vida adulta

[editar | editar a fonte]

As bolboretas adultas aliméntanse libando, chuchando o néctar das flores coa súa espiritrompa, unha estrutura bucal extensible evolucionada a partir dalgunhas das pezas bucais articuladas típicas dos insectos.

Machos e femias búscanse activamente, empregando as bolboretas diúrnas como guía visual o seu bater de ás característico, e empregando as nocturnas o sentido do olfacto. Tras a fecundación, a femia pon varios centos ou milleiros de ovos. Nalgúns casos a vida adulta é breve, vivindo só o tempo necesario para asegurar a reprodución.

Cría de bolboretas

[editar | editar a fonte]
Papilio blumei.

As bolboretas pódense criar en xeral con facilidade, con tal de que se lles ofreza unhas condicións ambientais adecuadas (temperatura, humidade, altitude) e se subministre ás eirugas a planta que a súa especie require. Lógrase mediante a cría exemplares perfectos para os coleccionistas, sen as deterioracións que ás veces producen a captura de exemplares libres. Tamén se conseguen exemplares vivos e saudables para a súa exposición en terrarios. Tamén hai cría de bolboretas enfocada á liberación en eventos especiais como vodas, aniversarios, inauguracións etc., así como para o seu estudo en escolas e seminarios para a educación ambiental.

A cría de bolboretas e a economía

[editar | editar a fonte]

A cría de bolboretas é unha actividade sostible, é dicir, que non prexudica o medio ambiente e proporciona traballo ás persoas que viven nos países tropicais do mundo como: Perú, Belize, Colombia, Costa Rica e México.

O Perú, por exemplo, posúe aproximadamente 3800 especies rexistradas de bolboretas e é o país con máis bolboretas do mundo, sendo as especies amazónicas peruanas as máis espectaculares. O potencial turístico para Perú como país de observación de bolboretas pode resultar polo tanto interesante a nivel económico, do mesmo modo que se explotan a nivel turístico parques e zonas naturais.

Nos Estados Unidos, as casas de bolboretas (Bolboretarios de exhibición) son visitadas por 26,5 millóns de turistas todos os anos, dos cales o 40% son nenos, o 42% adultos e o 18% adultos maiores. Estas cifras indícanos que podería existir un potencial moi grande para incrementar o turismo tomando as bolboretas como recursos turísticos.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A orde foi descritas en 1758 polo naturalista sueco Carl von Linné (Linneo), na 10ª edición do seu Systema Naturae.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O termo do latín científico Lepidoptera (substantivo neutro plural) foi cuñado en 1735 por Linneo, e está formado polos elementos lepid- e -ptera (o -a final é a forma neutra plural), tirados do grego antigo λεπίς lepís, 'escama', e πτερόν pterón, 'a', unidos cun -o- epentético para facilitar a pronuncia.[7]

Clasificación

[editar | editar a fonte]

Hai unhas 127 familias dentro da orde dos lepidópteros, pero as opinións de cales son estas cambian con frecuencia entre os científicos. O tratamento que se dá aquí é o adoptado pola base de datos do Museo de Historia Natural de Londres.

Durante moitos anos, a orde foi subdividida en dúas subordes, a dos ropalóceros, ou bolboretas diúrnas, e a dos heteróceros ou bolboretas nocturnas. A moderna cladística demostrou que esta antiga clasificación é artificial e, na actualidade, admítense catro subordes: Aglossata, Heterobathmiina, Zeugloptera e Glossata. As tres primeiras conteñen unhas poucas especies, mentres que Glossata inclúe ao 99 % dos lepidópteros actuais.[8]

Orde Lepidoptera

Filoxenia

[editar | editar a fonte]

As relacións filoxenéticas das catro subordes son as seguintes:[8]

Lepidoptera

Zeugloptera

Aglossata

Heterobathmiina

Glossata

Perigos actuais

[editar | editar a fonte]

Como as abellas e a maioría doutros insectos polinizadores, as poboacións das bolboretas están diminuíndo en gran parte do mundo, debido principalmente á intensificación das prácticas agrícolas (monocultivos, uso de pesticidas etc.; e localmente debido aos atropelos nas estradas á contaminación luminosa etc. Así, a actualización de 2016 da Lista vermella da UICN mostra que para as 462 especies de bolboretas nativas avaliadas na área mediterránea, 19 están ameazadas de extinción (incluíndo 15 endémicas desta ecorrexión).[9]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
Vexa o artigo principal en Galería de imaxes de bolboretas de Galicia
  1. "¿Cuántos insectos existen en la península Ibérica?". Consultado o 22 de marzo de 2017. 
  2. 2,0 2,1 2,2 de Viedma, M. G., Baragaño, J. R. & Notario, A. (1985): Introducción a la entomología. Barcelona: Editorial Alhambra, S. A. ISBN 84-2051-031-9.
  3. bolboreta no diconario da RAG.
  4. avelaíña no diconario da RAG.
  5. couza, 3ª acep., no dicionario da RAG.
  6. Bastidas, Rodolfo & Zavala, Yanet (1995): Principios de Entomología Agrícola. Ediciones Sol de Barro. ISBN 98-0245-006-5.
  7. Lepidoptera (n.) no Online Etymology Dictionary.
  8. 8,0 8,1 Scoble, M. J. (1995). The Lepidoptera, form, function and diversity. London: The Natural history Museum & Oxford University Press. ISBN 0-1985-4952-0.
  9. UICN. Primera evaluación del estado de conservación de las mariposas del Mediterráneo. 06 Sep. 2016.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Aguado Martín, L. O. (2007): Las mariposas diurnas de Castilla y León (Lepidópteros ropalóceros). Especies, biología, distribución y conservación. Vol. I. Valladolid: Xunta de Castela e León. ISBN 978-84-9718-473-1.
  • Arnett, R. H. Jr. (2000): American insects. 2ª ed. Boca Ratón, Londres, Nova York, Washington, D.C.: CRC Press. ISBN 0-8493-0212-9.
  • Borror, D. J., DeLong, D. M., Triplehorn, C. A.(1976): An introduction to the study of insects. 4ª ed. Nova York, Chicago: Holt, Rinehart and Winston. ISBN 0-03-088406-3.
  • Fernández Vidal, E. H. (1991): Guía de las mariposas diurnas de Galicia. A Coruña: Editorial Deputación Provincial. ISBN 84-8604-057-4.
  • Higgins, L. G. & N. D. Riley (1980): Guía de campo de las mariposas de España y Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-2820-327-X.
  • Iglasias, X. L. e Astor Camino, X. (1992): Guía das bolboretas de Gacicia. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-605-X.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]