Anacaona
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1474 Cacicado de Jaragua, Haití |
Morte | 1504 (29/30 anos) Haití |
Causa da morte | homicidio, enforcamento |
Actividade | |
Ocupación | Xefe tribal, compositora |
Participou en | |
xullo de 1503 | Masacre de Jaragua |
Familia | |
Cónxuxe | Caonabo |
Fillos | Higüemota |
Irmáns | Bohechío |
Descrito pola fonte | A Cyclopaedia of Female Biography A Biographical Dictionary of the Celebrated Women of Every Age and Country (en) Dictionary of Caribbean and Afro–Latin American Biography (en) |
Anacaona (do iñeri: Anakaona ‘incesable valor’)[1] nada en 1474[2] e finada en 1503, foi unha cacique taína de Quisqueya.[3] Gobernou o cacicado de Jaragua trala morte do seu irmán Bohechío e estaba casada co cacique Caonabo, quen gobernaba o cacicado de Maguana.[4]
En 1503, Nicolás de Ovando, gobernador da illa, visitou Jaragua. Sospeitando que se estaba a xestar unha insurrección entre os xefes taínos, incluída Anacaona, Ovando deu a orde de que os caciques fosen capturados e queimados vivos. Anacaona foi enforcada.[5]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu en Yaguana, Jaragua.[6] Dise que en lingua taína o seu nome quere dicir Flor de Ouro.[7] Era irmá do cacique Bohechío e foi a esposa do cacique Caonabo, con quen tivo unha filla, Higüemota.[8] Cando o seu irmán morreu, Anacaona gobernou o cacicado de Jaragua no seu lugar. Distinguiuse pola súa beleza, intelixencia e talento para as poesías, memorizándoas para recitalas nos areítos ante outros nativos.[9]
Durante a chegada á illa da expedición de Cristovo Colón, en decembre de 1492, Anacaona salientou pola súa curiosidade e grande admiración polos españois, porque vía neses homes coñecementos diferentes dos da súa comunidade. Mais os abusos que cometeron os españois que quedaron en Fuerte Navidad contra as mulleres fixeron que deixase de admiralos e os vise como unha ameaza a combater. Convenceu entón a Caonabo para que os exterminase. Ao seu regreso, o 28 de novembro de 1493, Colón atopou o forte destruído e os seus 43 ocupantes asasinados.
Anos despois, o gobernador da illa Nicolás de Ovando recibiu a nova de que Anacaona estaba artellando un plan contra os españois. Entón Ovando mandou dicirlle a Anacaona que ía cara a Jaragua para unha visita de amizade. O gobernador chegou con máis de trescentos cincuenta homes e foi recibido con festas e bailes nun "caney" (casa circular taína). Cando todos estaban reunidos na festa, os españois prendéronelle lume ao caney.[10][11]
No momento do ataque algúns indíxenas lograron sacar a Anacaona do lugar. Entre os sobreviventes que escaparon estaban a súa filla Higüemota, o seu sobriño Guarocuya, quen foi entregado a Bartolomé de las Casas, quen o cristianizou co nome de Enriquillo, Mencía, neta de Anacaona e o líder tribal Hatuey, quen posteriormente escapou a Cuba e alí organizou a resistencia, mais foi capturado en batalla e asasinado por orde de Diego Velázquez de Cuéllar.[8] Ovando ordenou unha intensa procura até capturar a Anacaona, condenándoa publicamente á forca en 1503 ou 1504.[12]
Asasinato
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Masacre de Jaragua.
Ovando fora a Jaragua con 300 homes e moitos nativos da tribo de Marien. En pleno festexo deuse un sinal preestablecido e os españois apoderáronse dos caciques e atacáronos. Así, morreron moitos dos indíxenas, entre eles 80 caciques foron queimados vivos e Anacaona foi aforcada.[11] Las Casas recolle que entre os masacrados había nenos. Escribe que os españois cortaron as pernas aos rapaces mentres corrían, e que mesmo cando uns españois tentaban salvar un neno poñéndoo sobre os seus cabalos, viña outro e "perforaba o neno cunha lanza".[13]
Nicolás de Ovando, quen se percatou que faltaba Anacaona por ser asasinada, someteuna a un proceso no que non houbo máis probas que as declaracións prestadas no tormento polos seus súbditos, nin outras testemuñas ca os españois. Foi enforcada en 1503-1504, á vista de todo o seu pobo.[12][14]
Os españois continuaron o masacre dos taínos durante seis meses co pretexto de acabar coa praga de tuberculose. Ao cacique Guaora, sobriño de Anacaona, atopárono nas montañas onde buscou refuxio e foi enforcado. Aos taínos que atopaban degolábanos, dicindo que se reuniran e armaran para provocar a rebelión. Os que sobreviviron quedaron na miseria e foron escravizados. Nicolás de Ovando levantou unha cidade preto do lago, á que chamou Santa María de la Verdadera Paz.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Troiani, Duna (2015). "El caribe insular del siglo XVII. Tratado sobre la lengua y la cultura de los Callínago.". hal.archives-ouvertes.fr (en castelán). Consultado o 26 de maio de 2024.
- ↑ Vergés Vidal, Pedro Luciano (1947). Ana Pujols (1474-1503). Editoria Montalvo.
- ↑ "Anacaona (princesa indígena de Haití) - EcuRed". www.ecured.cu. Consultado o 2021-12-04.
- ↑ Dictionary of Caribbean and Afro-Latin American biography. Knight, Franklin W., and Gates, Henry Louis, Jr. Oxford. 2016. ISBN 978-0-19-993580-2. OCLC 952785428.
- ↑ "Anacaona". pueblosoriginarios.com. Consultado o 2021-12-04.
- ↑ Shriver, Cameron (2017). "Native American Almanac: More Than 5,000 Years of the Cultures and Histories of Indigenous People Yvonne Wakim Dennis, Arlene Hirschfelder, and Shannon Rothenberger Flynnby". Great Plains Quarterly 37 (3): 242–243. ISSN 2333-5092. doi:10.1353/gpq.2017.0044.
- ↑ Campos, David (2008-09-21). "Native Caribbean languages: A Taino Vocabulary". Native Caribbean languages. Consultado o 2021-12-04.
- ↑ 8,0 8,1 "Biografía de Anacaona (Su vida, historia, bio resumida)". www.buscabiografias.com. Consultado o 2021-12-04.
- ↑ Danticat, Edwidge, 1969- (2005). Anacaona, Golden Flower (1st ed.). Nova York, NY: Scholastic. ISBN 0-439-49906-2. OCLC 55671862.
- ↑ Clayton, Lawrence A. Bartolomé de las Casas : a biography. Cambridge. p. 34. ISBN 978-1-139-51846-8. OCLC 796803875.
- ↑ 11,0 11,1 Floyd, Troy (1973). The Columbus Dynasty in the Caribbean, 1492-1526. Albuquerque: University of New Mexico Press. pp. 61–63.
- ↑ 12,0 12,1 "Irrupción Europea siglos XV y XVI-Conquista Española". www7.uc.cl. Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2021. Consultado o 2021-12-27.
- ↑ Las Casas, Bartolomé. "History of the Indies". "Trans. Andrée M. Collard. Nova York, Evanston e Londres: Harper & Row, 1971. Libro 2, capítulo 9, páxina 99
- ↑ "Resistencias de los pueblos originarios de América Latina durante la colonización española y sus aportes a la defensa de los derechos de los pueblos" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de abril de 2022. Consultado o 27 de maio de 2024.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Anacaona |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bartolomé de las Casas: A Short Account of the Destruction of the Indies.
- Peter Martyr d'Anghiera: De Orbe Novo.
- Samuel M. Wilson: Hispaniola - Caribbean Chiefdoms in the Age of Columbus. The University of Alabama Press, 1990. ISBN 0-8173-0462-2.