Tisquesusa
Tisquesusa, zipa de Bacatá, representación do século XIX. | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século XV Bacatá, Colombia |
Morte | 1537 (Gregoriano) Facatativá, Colombia |
Zipa | |
1514 – 1537 ← Nemequene – Zaquesazipa → | |
Datos persoais | |
Grupo étnico | Pobo muisca |
Relixión | Relixión muisca |
Actividade | |
Ocupación | Zipa |
Familia | |
Irmáns | Zaquesazipa |
Parentes | Nemequene, tío |
Tisquesusa, tamén escrito Thisquesuza, Thysquesuca ou Thisquesusha foi o cuarto zipa de Bacatá, que hoxe é a actual capital de Colombia, Bogotá. Tisquesusa foi o gobernante da parte sur dos territorios muiscas no intre da chegada dos españois ás terras altas colombianas. A súa contraparte na área norte, o zaque da confederación muisca, foi Quemuenchatocha.
Xuventude
Tisquesusa, sobriño e herdeiro de Nemequene, fora cacique de Chía na súa xuventude (como cumpría segundo a tradición, pois a liñaxe dos zipas de Bacatá proviñan de Chía, por liña matrilineal), e logo asumira a dirección dos exércitos do Zipazgo.
En 1490, despois de que na Batalla de Chocontá morresen o zipa Saguamanchica e o zaque Michuá, e malia que o exército do zipa gañara a batalla, o xove Nemequene, acabado de coroar como novo zipa de Bacatá, quixo continuar a confrontación contra o novo zaque, Quemuenchatocha, e facelo tributario do Zipazgo. Porén, as condicións non eran favorables para a continuación dunha guerra tan atafegante para ámbolos dous exércitos. Por outra banda, os panches e os sutagaos rebeláranse de novo, e atacaban as fronteiras do Zipazgo. Sobre este punto, os uzaques, "cabaleiros máis nobres do reino", aconsellaron a Nemequene que disciplinara ós güechas máis mozos enviándoos a loitar contra os inimigos externos, para logo subxugar tamén ós caciques rebeldes no interior do Zipazgo. Para isto, Nemequene nomeou ó seu sobriño e herdeiro, o psihipqua (príncipe) Tisquesusa, como xeneral do exército de Bacatá.[1]
Tisquesusa, ó mando de 40 000 güechas, marchou por entre a senda de Tibacuy e Pasca para atacar os sutagaos mentres se fortificaban e gornecían as fronteiras dos panches. O cacique de Fusagasugá, ó decatarse de que Tisquesusa se achegaba, intentou fuxir, deixando o seu exército desorganizado. Porén, Tisquesusa capturouno e executouno. Posteriormente, Tisquesusa deixou en Tibacuy unha gornición de güechas e partiu para Bacatá cargado cun inmenso botín.[2]
Reinado
Vinte e catro anos despois, en 1514, Nemequene morreu nunha batalla contra o zaque Quemuenchatocha, e Tisquesusa tivo que retirarse da confrontación para cumprir coa cerimonia de El Dorado na Lagoa Sagrada de Guatavita, pero deixou ó mando do exército ó seu irmán, Zaquesazipa, quen logrou someter ó cacique de Ubaque, que quería unirse co zaque. Ó rematar a cerimonia de El Dorado, Tisquesusa buliu para xuntarse de novo co seu irmán para comezar un ataque definitivo contra o zaque Quemuenchatocha, mais o cacique sagrado Iraca de Suamox (Sogamoso), sucesor do lendario Bochica, interpúxose entre ambos bandos e obrigounos a pactar unha tregua. A tregua estaba a piques de rematar cando chegaron a territorio muisca os españois baixo o mando de Gonzalo Jiménez de Quesada. Un sacerdote de Ubaque, chamado Popón, profetizara a Tisquesusa que morrería "afogado no seu propio sangue" por mor duns estranxeiros chegados de terras arredadas. Esta profecía fixo que a primeira reacción do zipa Tisquesusa, ó decatarse da chegada de homes brancos, fose evitar o seu contacto, á vez que ordenou que un comando de espías o mantivesen ó tanto de todo o referente cos estranxeiros. Tisquesusa abandonou a corte de Bacatá e dirixiuse a Nemocón, onde se sentía máis seguro. Porén, os españois xa lle seguían a pista. As novas dos espías do zipa sobre os misteriosos "tronos" que disparaban os estranxeiros preocuparon aínda máis a Tisquesusa, quen decidiu trasladarse de novo, esta vez cara á fortaleza militar de Cajicá. Porén, regresou a Bacatá e ordenou o desaloxo total da poboación, de xeito que cando os españois chegaron, non atoparon a ninguén, e desprazáronse ó norte onde se someteron ó zaque. Mentres tanto, Tisquesusa refuxiouse nas selvas de Facatativá, pero cando os españois volveron a Bacatá, seguíronlle a pista e rodearon o bosque onde se agochaba. Acamparon en Facatativá e unha noite, mentres Tisquesusa intentaba fuxir, un soldado español, sen saber de quen se trataba, atravesoulle unha espada no peito e rouboulle a rica manta de algodón pintado que portaba o zipa.[3]
Predecesor: Nemequene |
Zipa de Bacatá 1514–1537 |
Sucesor: Zaquesazipa |
Notas
- ↑ Marta Herrera Ángel, "Los señores muiscas", Revista Credencial Historia No. 44 (Bogotá, 1993).
- ↑ Plaza, José Antonio de. Compendio da historia da Nova Granada: dende antes do seu descubrimento, até o 17 de novembro de 1831 (Imprenta do Neogranadino; Bogotá, 1850), p. 6
- ↑ Herrera Angel, Martha. "Los señores muiscas" (Revista Credencial Historia, No. 44, Bogotá, 1993)
Véxase tamén
Outros artigos
Bibliografía
- José Antonio de Plaza (1809-1854). Compendio da historia da Nova Granada dende antes do seu descubrimento até o 17 de novembro de 1831. Bogotá: Imp. del Neogranadino, 1850.