Carlo Collodi
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (it) Carlo Lorenzini 24 de novembro de 1826 Florencia (Gran Ducado de Toscana) |
Morte | 26 de outubro de 1890 (63 anos) Florencia (Reino de Italia) |
Lugar de sepultura | Cimitero delle Porte Sante (en) |
Actividade | |
Ocupación | escritor, xornalista, escritor de literatura infantil, novelista, tradutor |
Período de actividade | 1856 - |
Xénero artístico | Literatura infantil |
Pseudónimo literario | Carlo Collodi |
Carreira militar | |
Conflito | Battle of Curtatone and Montanara (en) |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | sen valor |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Коллоди Карло) Obálky knih, Iedereen Leest (en) |
Páxina web | carlocollodi.it |
|
Carlo Collodi é o pseudónimo de Carlo Lorenzini, nado o 24 de novembro de 1826 en Florencia e finado na mesma cidade o 26 de outubro de 1890. Foi un escritor italiano. A súa sona provén de ser o autor do relato de literatura infantil As aventuras de Pinocchio (Le avventure di Pinocchio. Storia di un burattino), mundialmente coñecido de xeito abreviado como Pinocchio.
Traxectoria
Procedía dunha familia humilde. O seu pai era cociñeiro e a súa nai serventa doméstica. Puido estudar grazas á axuda da familia Gironi Garzoni.
De 1837 até 1842 estivo nun seminario, en Colle di Val d'Elsa, con idea de instruírse e facerse sacerdote. Logo deixouno e recibiu leccións de filosofía. Pasou posteriormente a traballar nunha librería. En 1848, aínda novo, participou na guerra no Piemonte, no Norte de Italia, contra os austro-húngaros
Lorenzini comezou colaborando en xornais humorísticos e xusto logo do regreso da guerra fundou unha modesta revista, Il Lampione.
En 1856 escribiu un artigo no que usou por primeira vez o pseudónimo Collodi, que corresponde a un lugar de Pescia, da que era orixinaria súa nai. Dese mesmo ano datan as primeiras obras significativas que publicou: Gli amici di casa e Un romanzo in vapore. Da Firenze a Livorno. Guida storico-umoristica.
Tres anos máis tarde participou na nova loita polo Risorgimento ou da independencia italiana en 1859. Fíxose xornalista xa en maio de 1860. Escribiu algunhas novelas e pezas teatrais, que non tiveron grande éxito.
A partir de 1875 Carlo Collodi comezou a escribir literatura infantil, adaptando os Contos de Charles Perrault, e outros autores, en italiano.
Premido por débedas de xogo, principiou a escribir Pinocchio en 1881, que foi aparecendo como folletín no Giornale per i bambini até 1883. O relato abriulle as portas do éxito, mais Collodi non volvería a atopar xamais unha inspiración similar para obras posteriores. En 1877 publicou Giannettino, e, en 1878, Minuzzolo. En 1883 publicou "Pinocchio" como libro, e no mesmo ano pasou a ser o director do Giornale per i bambini. Carlo Collodi faleceu repentinamente; foi sepultado no cemiterio de San Miniato al Monte de Florencia.
Un dos seus sobriños, Paolo Lorenzini, tamén escritor, lograría unha certa celebridade, especialmente nos Estados Unidos, mercé a fama do tío, adoptando o pseudónimo de Collodi Nipote.