Saltar ao contido

Biodiésel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A versión para imprimir xa non se actualiza e pode conter erros de renderizado. Actualice os marcadores do seu navegador e empregue mellor a función de impresión propia do navegador.
Biodiésel (B100) producido a partir do aceite da soia
Enerxías renovables
Logo de enerxías renovables
Logo de enerxías renovables
Biodiésel
Biomasa
Enerxía xeotérmica
Enerxía hidráulica
Enerxía solar
Enerxía mareomotriz
Enerxía undimotriz
Enerxía eólica

O biodiésel é un combustíbel renovábel e biodegradábel, obtido a partir de lípidos naturais como os aceites vexetais ou graxas animais mediante procesos industriais de esterificación e transesterificación, o que se aplica na preparación de substitutos totais ou parciais do petrodiésel ou gasóleo obtido do petróleo.

Características

Como substituto total denomínase B100 (biodiésel 100%), mentres que outras denominaciones como B5 ou B30 fan referencia á proporción ou porcentaxe de biodiésel empregado na mestura (por exemplo, B15 ten un 15% de biodiésel e un 85% de diésel).

O biodiésel, cuxas propiedades son coñecidas dende mediados do século XIX grazas aos traballos de Rudolf Diesel, é destinado á combustión en motores de ciclo diésel convencionais ou adaptados, segundo o fabricante. Por iso, a comezos do século XXI, no contexto de busca de novas fontes de enerxía e a crecente preocupación polo quecemento global do planeta, estase a desenvolver como combustíbel para automóbiles alternativo aos derivados do petróleo.[Cómpre referencia]

O impacto medioambiental e as consecuencias sociais da súa produción e comercialización masiva, especialmente nos países en vías de desenvolvemento ou do Terceiro Mundo é obxecto de debate entre os especialistas e os diferentes axentes sociais e gobernamentais internacionais.[Cómpre referencia]

Vantaxes e inconvenientes

Vantaxes

  • O biodiésel diminúe de forma notábel as principais emisións dos vehículos, como son o monóxido de carbono e os hidrocarburos volátiles, no caso dos motores de gasolina, e as partículas, no dos motores diésel.[Cómpre referencia]
  • A produción de biodiésel supón unha alternativa de uso do solo que evita os fenómenos de erosión e desertificación aos que poden quedar expostas aquelas terras agrícolas que, por razóns de mercado, están sendo abandonadas polos agricultores.
  • O biodiésel supón un aforro de entre un 25% a un 80% das emisións de CO2 producidas polos combustíbeis derivados do petróleo, constituíndo así un elemento importante para diminuír os gases invernadoiro producidos polo transporte.
  • Polo seu maior índice de octano e lubricidade, reduce o desgaste na bomba de inxección e nos tubos de escape.
  • Non ten compostos de xofre, polo que non os elimina como gases de combustión.
  • O biodiésel tamén é utilizado como unha alternativa de aceite para motores de dous tempos, en varias porcentaxes; a porcentaxe máis utilizado é a de 10/1.
  • O biodiésel tamén pode ser utilizado como aditivo para motores de gasolina (nafta) para a limpeza interna destes.

Inconvenientes

  • A explotación de plantacións para palma de aceite (utilizadas para facer biodiesel) foi responsábel dun 87% da desforestación de Malaisia até o ano 2000. En Sumatra e Borneo, millóns de hectáreas de bosque convertéronse en terra de cultivo destas palmeiras e nos últimos anos conseguiuse pasar do dobre desa cifra, pois os cortes de árbores e os incendios perduran. Até deforestaron por completo o famoso parque nacional Tanjung Puting de Kalimantan. Orangutáns, xibóns, rinocerontes, tapires tigres, panteras nebulosa e outros animais vanse extinguir pola destrución do hábitat. Miles de indíxenas foron desaloxados das súas terras, e 1500 indoneses foron torturados. Mais os gobernos, mentres Europa siga comprando a súa palma de aceite para facer biodiésel, seguiran promovendo o cultivo destas plantas para o seu propio beneficio.[Cómpre referencia]
  • A pesar das súas moitas vantaxes, tamén presenta algúns problemas. Un deles é derivado da súa mellor capacidade solvente que o petrodiésel, polo que os residuos existentes son disoltos e enviados pola liña de combustíbel, podendo atascar os filtros. Outro inconveniente é unha menor capacidade enerxética, aproximadamente un 5% menos; aínda que isto, na práctica, non é tan notorio xa que é compensado co maior índice cetano, o que produce unha combustión máis completa con menor compresión.
  • Certas hipóteses suxiren que se producen maiores depósitos de combustión e que se degrada o arranque en frío dos motores, mais non están demostradas.
  • Outros problemas que presenta refírense á área da loxística de almacenamento, xa que é un produto hidrófilo e degradábel, polo cal é necesaria unha planificación exacta da súa produción e expedición. O produto degrádase notoriamente máis rápido que o petrodiésel.
  • Polo de agora aínda non está claro o tempo de vida útil do biodiésel; algúns investigadores din que posúe un tempo de vida moi curto (meses) e outros que a súa vida útil chega incluso a 10 anos ou máis. Pero todos concordan que depende da súa manipulación e almacenamento.

Véxase tamén

Outros artigos