Saltar ao contido

Grumman F-14 Tomcat

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 5 de maio de 2024 ás 19:12 por Beninho (conversa | contribucións) (engado a Categoría:Cazas a reacción de cuarta xeración mediante HotCat)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)
F-14 Tomcat
TipoCaza embarcado
FabricanteGrumman
Primeiro voo27 de decembro de 1970
Introducidosetembro de 1974
Estadoactivo con Irán
Unidades construídas712

O Grumman F-14 Tomcat foi un caza supersónico de dous asentos, ás variables e dobre motor, deseñado para a Armada dos Estados Unidos. Os principais obxectivos do Tomcat son a superioridade aérea, escolta de bombardeiros e precisión contra obxectivos en terra. O primeiro voo do F-14 foi en 1970. É considerado o caza embarcado máis poderoso do mundo, posto só en interdito polo Sukkoi-33 ruso. Os únicos países que utilizan o Tomcat son Estados Unidos e Irán, que os adquiríu durante o reinado do Sha. Un total de 80 unidades foron encargadas, pero só 79 foron entregadas, xa que a última foi embargada e devolta á Armada dos Estados Unidos. Algúns dos F-14 que se atopan en Irán aínda son operacionais, pero a súa efectividade é afectada pola falta de mantemento.

O Tomcat foi retirado pola Armada estadounidense o 22 de setembro de 2006, sendo substituídos polo Boeing F/A-18E/F Super Hornet. Varios F-14 retirados atópanse agora expostos en distintos lugares dos Estados Unidos.

O F-14 foi deseñado para substituír o errado F-111B (unha versión para a Armada do cazabombardeiro táctico da Forza Aérea dos Estados Unidos, USAF). Buscábase que o F-111B dese defensa aérea, pero demostrou ser moi pesado, difícil de manobrar e pouco apropiado para as operacións en portaavións. Isto levou á cancelación definitiva do proxecto TFX en 1968.

Nas súas primeiras probas, o Tomcat demostrou ter varias vantaxes sobre o decepcionante F-111B. Era máis pequeno, lixeiro e tiña un menor consumo de combustible que o TFX. Ironicamente, moitos equipos do F-14 foron reutilizados do TFX, incluíndo o radar, os mísiles Phoenix e os motores Pratt & Whitney TF30.

Un F-14 sobrevoando o portaavións USS Carl Vinson

Para facilitar a posta en servizo do F-14, planeouse usar a tecnoloxía de motor e armas do F-111, e despois, introducir progresivamente novos motores e novos sistemas de armamento na estrutura do F-14. Así foi como o designado F-14A foi equipado cos mellorados motores TF-30 e o sistema de armas AN/AWG-9. O plan orixinal era construír só uns poucos F-14, xa que o TF-30 era coñecido por ser un motor problemático. Ademais, o motor non estaba deseñado para operacións de cazas e só dispoñía dun 74% do pulo para o que o F-14 foi deseñado. O seguinte F-14B usaría un motor dunha tecnoloxía máis avanzada. O "B" sería seguido polo F-14C, cun novo sistema de armamento, substituíndo ao AN/AWG-9. Porén, a substitución do AN/AWG-9 atrasouse. Cando finalmente se presentou o AN/APG-71, foi asignado para o novo F-14D, polo cal o F-14C nunca foi producido.

Agardábase que o Tomcat fose un caza/interceptor e que defendese aos grupos de portaavións dos avións soviéticos. Levaba o radar AN/AWG-9 orixinalmente desenvolvido para o F-111B, capaz de detectar bombardeiros a distancias de máis de 160 km, rastrexando 24 obxectivos e atacando a 6 ao mesmo tempo. A arma principal do F-14 era o mísil Phoenix AIM-54, capaz de atacar un obxectivo a 200 km. O F-14 foi o único avión en levar esta arma, que foi deseñada como parte do sistema de armas do Tomcat. Aínda que podía levar ata 6 deses mísiles, o seu peso só permitía que o F-14 aterrase nun portaavións cunha carga de 2. Os mísiles de rango medio eran o AIM-7 Sparrow e o AIM-9 Sidewinder, e un canón M61 Vulcan de 20 mm para curtas distancias completaba o armamento do F-14.

O F-14 foi deseñado con algunhas capacidades de ataque aire-terra, pero non foron exploradas ata máis tarde. Actualmente os Tomcat están equipados co sistema Lantirn, que permite apuntar bombas guiadas por láser e outras armas de alta precisión. Algúns F-14 tamén están equipados co Tactical Air Reconnaissance Pod System ou TARPS (Sistema de Cabina de Recoñecemento Táctico), que lle outorga á Armada unha plataforma de recoñecemento sen necesidade de máis tripulantes.