Saltar ao contido

Henrique I de Inglaterra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 3 de maio de 2021 ás 10:54 por AMPERIO (conversa | contribucións)

Modelo:Ficha de nobre Henrique I (en inglés moderno, Henry I, nado c. 1068 e finado o 1 de decembro de 1135), chamado Henrique Beauclerc ("Bo Sabio" en francés) polos seus intereses culturais, foi rei de Inglaterra desde 1100 ata a súa morte. Fillo de Guillerme I o Conquistador, recibiu educación por parte da Igrexa. Trala morte do seu pai en 1087, os seus irmáns maiores, Roberto Curthose e Guillerme Rufo, herdaron Normandía e Inglaterra, respectivamente, pero Henrique quedou sen posesións. Adquiriu o condado do Cotentin en Normandía occidental ao seu irmán Roberto, pero eles depuxéronlle en 1091. Reconstruíu gradualmente a súa base de poder no Cotentin e aliouse con Guillerme contra Roberto. Estivo presente cando Guillerme morreu nun accidente de cacería en 1100 e apropiouse do trono inglés, coa promesa na súa coroación de corrixir moitas das políticas menos populares do seu irmán. Casou con Matilde de Escocia, pero continuou tendo amantes con quen procreou varios fillos ilexítimos.

O seu irmán Roberto ameazou o control sobre Inglaterra cando liderou unha invasión en 1101, pero esta campaña militar terminou nun acordo negociado que confirmou como rei a Henrique. A paz durou pouco, xa que este invadiu o Ducado de Normandía en 1105 e 1106 e finalmente derrotou a Roberto na batalla de Tinchebray. Mantivo ao seu irmán en prisión polo resto da súa vida. O seu control sobre Normandía foi desafiado por Luís VI de Francia, Balduino VII de Flandres e Fulco V de Anjou, quen promoveu as reclamacións do fillo de Roberto -William Clito- e apoiou unha gran rebelión no ducado entre 1116 e 1119. Despois da vitoria inglesa na batalla de Brémule, acordouse un acordo de paz con Luís VI en 1120.

Considerado polos seus contemporáneos como un gobernante severo pero efectivo, manipulou habilmente aos baróns ingleses e normandos. En Inglaterra inspirouse no sistema anglosaxón de xustiza, o goberno local e a tributación, pero tamén o fortaleceu con institucións adicionais, como o tesouro real e os xuíces itinerantes. Normandía tamén se rexía cun sistema de xuíces e un tesouro público. Moitos dos funcionarios que manexaban o sistema de Henrique eran «homes novos» con antecedentes escuros, en lugar de familias de alto status, que ascendían en rango como administradores. O rei alentou a reforma eclesiástica, pero viuse envolvido nunha grave disputa en 1101 co arcebispo Anselmo de Canterbury, que se resolveu mediante un compromiso en 1105. Apoiou á Orde de Cluny e tivo un rol clave na selección do clero de Inglaterra e Normandía.

O seu único fillo varón e herdeiro lexítimo, Guillerme Adelin, afogouse no naufraxio do Barco Branco de 1120, poñendo en dúbida a sucesión real. Tomou unha segunda esposa, Adela, coa esperanza de ter outro fillo, pero os seus plans fracasaron. En resposta, declarou á súa filla Matilde herdeira da Coroa e desposouna con Godofredo V de Anjou. A súa relación coa parella tensouse e estalou un conflito ao longo da fronteira co condado de Anjou. Morreu o 1 de decembro de 1135 logo dunha semana de enfermidade. Malia os seus plans coa súa filla Matilde, foi sucedido polo seu sobriño Estevo de Blois, o que deu como resultado un período de guerra civil, coñecido posteriormente como a Anarquía.

Traxectoria

Foi o cuarto fillo de Guillermo o conquistador, o primeiro nacido en Inglaterra logo da conquista normanda, destinado á carreira eclesiástica recibiu unha boa educación pero o asasinato do seu irmán maior, Guillerme II o rei de Inglaterra e a asusencia do seu outro irmán, Robert Curthose que estaba nas cruzadas, fixo que ascendese ao trono o 5 de agosto de 1100. O 11 de novembro dese ano, tras conseguir a dispensa dos seus votos, casou con Matilde de Escocia, filla de Malcolm III de Escocia. No ano 1101 o seu irmán Robert volveu das cruzadas e intentou facer valer os seus dereitos ao trono pero a falta de apoios dos nobres normandos fixo que desistise, recoñecendo a Henrique como rei de Inglaterra. Henrique invadiu finalmente Normandía e derrotou ao seu irmán na batalla de Tinchebray (1106) converténdose tamén en duque de Normandía. No ano 1120 Guillerme Adelin, o seu único fillo home e herdeiro morreu no naufraxio do White Ship, para evitar unha guerra civil Henrique tomou a decisión de nomear a súa filla, Matilde, viúva do emperador Henrique V como a súa herdeira e obrigou aos nobres a xurarlle fidelidade. Con todo á súa morte foi Estevo de Blois quen se fixo co trono dando comezo unha guerra civil coñecida como A anarquía.

Henrique Reformou o tesouro, usou oficiais itinerantes para cortar os abusos de poder das autoridades locais.

Notas

Referencias

Véxase tamén

Bibliografía

Henrique I de Inglaterra
Nacemento: 1068/1069 Falecemento: 1 de decembro de 1135


Títulos Reais
Precedido por
Guillerme II


Rei de Inglaterra
1100–1135
Sucedido  por
Estevo I
Precedido por
William Adelin


Duque de Normandía
1120–1135
Precedido por
Robert Curthose


Duque de Normandía
1106–1120
Sucedido  por
William Adelin