Saltar ao contido

Lamia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 29 de abril de 2020 ás 17:59 por Lameiro (conversa | contribucións) (máis)
Lamia e o soldado, pintura de John William Waterhouse (1905)
Lamia e o soldado, pintura de John William Waterhouse (1905)

A lumia, tamén coñecida como lamia ou baixo o nome colectivo lumias, é un personaxe feminino da mitoloxía galega, equivalente ás xanas ou guaxas asturianas, anjanas cántabras ou ás lamias grecorromanas. Adoitan representarse con torso e cara de muller fermosa e corpo de dragón, aínda que tamén se representan por separado, como unha muller montando nun dragón e, en ocasións, tamén poden aparecer como mulleres con corpo ou pés de cabra.

Como as sereas clásicas [1], son moi perigosas para os homes, xa que os encantan e devoran ou chupan o seu sangue. Viven en covas preto de pequenos regatos e fontes, onde aparecen pola noite como fermosas mulleres novas que lavan a roupa, fían en rocas de ouro ou se peitean o pelo mentres esperan unha vítima.

As lumias son moi luxuriosas e grandes sedutoras (antecedentes das modernas vampiresas). En castelán, Lumia ou Lumi designa a unha prostituta, e os dicionarios históricos galegos (como os de Filgueira, Carré, Eladio Rodríguez ou Franco Grande) dan tamén esta como primeira acepción.

Outros paralelos nas mitoloxías doutras áreas son as Laminak vascas, as Giane sardas ou as Korrigans bretoas, seres femininos dos que se conta que se poden converter en serpes ou arañas. Pola contra, as Diale dos Alpes italianos son belas e amables, mentres que as Glaistig escocesas son contraditorias.

Eladio Rodríguez asemella as lumias a espectros que saían dos cemiterios para chupar o sangue da xente (como as meigas chuchonas) e compáraas coas lurpias, máis perigosas aínda para os homes. Para Murguía (citado por Rodríguez), as lumias son máis fortes que as ouvas ou ouvanas célticas

Mitoloxía grega

O historiador grego Diodoro Sículo escribe que Lamia era unha raíña de Libia, amante de Zeus, filla de Poseidón e Libia. A esposa de Zeus, Hera, sempre moi celosa, transformouna nun monstro e matou aos seus fillos (segundo outras versións, matounos primeiro e foi a dor o que a transformou en monstro). A maiores, condenou a Lamia a non poder pechar os ollos, de xeito que sempre estivese obsesionada coa visión dos fillos mortos, pero Zeus concedeulle o don de poder sacarse os ollos para así poder descansar, e volver a poñerllos ó día seguinte.

Como consecuencia disto, Lamia tiña envexa das outras nais e devoraba ós seus fillos, e por iso as nais gregas e romanas ameazaban ós fillos con este personaxe se se portaban mal. A Real Academia define Lamia como un "Monstro fabuloso coa cabeza de muller e o corpo de serpe, que, segundo a lenda, lles chuchaba lles chuchaba o sangue aos nenos porque sentía envexa das nais" [1].

Mitoloxía ibérica

Na mitoloxía vasca, as lamiak ou laminak son seres mitolóxicos, normalmente femininos, descritos con pés de parrulo, cola de peixe ou poutas de ave. Viven en ríos e foentes, onde se peitean con codiciados peites de ouro. Adoitan ser amables coa xente e dise que axudaban ós homes a erguer pontes, dolmens e outras grandes obras.

Notas

  1. A raíña grega das sereas chámase, precisamente, Lamia. Vivía nunha cova ó pé dun barranco e tiña sona de muller fermosísima e cruel.

Fontes

  • Cuba, Xoán R., Reigosa, Antonio, e Miranda, Xosé: Dicionario dos seres míticos galegos. Edicións Xerais de Galicia, Vigo 2008.
  • Universidade de Vigo: Dicionario de Dicionarios [2].