Saltar ao contido

A Trindade (El Greco)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 23 de febreiro de 2020 ás 20:18 por MAGHOI (conversa | contribucións)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)

A Trindade
ArtistaEl Greco
Data1577-1580
TécnicaPintura ó óleo sobre lenzo
Movementomanierismo
Dimensións300 cm × 179 cm
LocalizaciónMuseo do Prado (Madrid)

A Trindade é un cadro pintado polo Greco (Domenikos Theotokopoulos, 1541-1614). Este óleo sobre lenzo mide 300 centímetros de alto e 179 cm de ancho, e foi executado entre 1577 e 1579, sendo un dos nove lenzos que realizou para o mosteiro de Santo Domingo de Silos (o Antigo), en Toledo. Atópase no Museo do Prado de Madrid, España.

Representa a escena na que Deus Pai sostén o corpo do seu fillo Xesucristo morto. Sobre eles, o Espírito Santo representado en forma de pomba. Ó redor deste tres acodes da Trindade, aparecen anxos en diversas posturas, algúns deles con expresións dramáticas nas facianas.[1]

Pintor manierista, El Greco evidencia aquí influencias de Miguel Anxo (no modelado da anatomía das figuras) e tamén de Tintoretto (no cromatismo). Predominan os tons fríos (malva, azul, verde), con illados toques cálidos que achegan vitalidade á escena.

A composición é moi orixinal e presenta forma de corazón, dentro da cal se desenvolve toda a acción do cadro e da que só queda fóra a pomba representante do Espírito Santo. O centro do cadro está dominado polo monumental corpo de Cristo, representado segundo as proporcións tradicionais e afastado da estilización das figuras que dominan en obras posteriores do Greco. Con todo, é evidente o espírito innovador manierista, reflectido na serpenteante liña formada pola posición do corpo de Cristo e Deus Pai, así como polas irreverentes e esaxeradas reaccións dos anxos.

  1. L. Cirlot (dir.), Museo del Prado I, Col. Museos del Mundo, Tomo 6, Espasa, 2007. ISBN 978-84-674-3809-3, páx. 65.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]