Jawaharlal Nehru
Jawaharlal Nehru (Hindi: जवाहरलाल नेहरू), nado o 14 de novembro de 1889 en Allahabad (Uttar Pradesh) e finado o 27 de maio de 1964 en Nova Delhi, foi un político indio e o primeiro (e o máis duradeiro) Primeiro Ministro da India, de 1947 a 1964.
Foi unha das principais figuras do movemento de independencia indio, Nehru foi elixido polo Partido do Congreso para ser o primeiro Primeiro Ministro da India e reelixido cando o Partido do Congreso gañou as primeiras eleccións xerais da India en 1952. Como un dos fundadores do Movemento de Países Non Aliñados, foi tamén unha figura importante na política internacional posterior á segunda guerra mundial. Chámaselle frecuentemente Pandit Nehru (sendo "pandit" un título honorífico sánscrito que signifca "profesor" ou "mestre") e, especificamente na India, Panditji (sendo "-ji" un sufixo honorífico).
Traxectoria
Fillo do avogado e político Motilal Nehru, un destacado dirixente do Congreso, formouse no Reino Unido, na Universidade de Cambridge, de onde volveu ao rematar os estudos para exercer coma avogado. Ao cabo duns anos de estar no país reúnese con Mahatma Gandhi, comezando unha duradeira relación política.
Nehru converteuse no líder da esquerda do Partido do Congreso sendo aínda moi novo, chegando a converterse no seu Presidente baixo a guía de Mahatma Gandhi en 1929. Nehru foi un líder carismático e radical que reclamou a independencia total do Imperio Británico. Na longa loita pola independencia da India, na que xogou un rol principal mesmo chegando a ser encarcelado 32 meses despois dos seucesos de 1942, Nehru foi finalmente recoñecido como o herdeiro político de Gandhi. Nehru formou o primeiro goberno indio en xullo de 1946 ca oposición da Liga Musulmá que aspiraba a crear un estado separado (Paquistán).
Ao longo da súa vida, Nehru tamén defendeu o socialismo fabiano e o sector público como medios polos que as nacións máis pobres poderían conseguir os retos do desenvolvemento económico a longo prazo.
Actividade política
Política exterior
Como primeiro ministro e no contexto da guerra fría Nehru seguiu unha política exterior de non alineamento con ningúnha das dúas grandes potencias, converténdose nun dos fundadores e dirixentes do Movemento de Países Non Aliñados. Ao mesmo tempo tamén mantivo boas relacións co Imperio Británico, na Declaración de Londres a India conviu en que ao convertirse en república en xaneiro de 1950 se uniría á Mancomunidade Británica de Nacións e aceptar ao monarca británico coma símbolo da libre asociación dos países membros independentes e como tal Xefe da Commonwealth.
En canto á relación cos seus veciños tivo varios conflitos territoriais, primeiro reclamou Cachemira pese a oposición de Paquistán, desatando a primeira guerra entre os dous países entre 1947 e 1949. Tamén se anexionou Hyderabad en setembro de 1948 e a colonia portuguesa de Goa en decembro de 1961. O último destes conflitos foi a contenda militar contra a República Popular de China en outubro de 1962, da que saiu claramente derrotado e raíz do cal desenvolveu unha política de boa veciñanza.
Reforma agraria
Baixo o goberno de Nehru o goberno tentou desenvolver o país o máis rápido posibel comezando a reforma agraria e a industrialización do país. A reforma agraria foi exitosa no seu comezo, abolindo os grandes latifundios, porén non tanto na redistribución desta terra, a pesar de que se estableceron límites para a propiedade da terra. Os esforzos para introducir a agricultura cooperativa a gran escala foron frustados polas elites terratenentes rurais, núcleo da dereita do Congreso da India.
Pese a tódolos problemas a produción agrícola creceu ata comezos de 1960 grazas ao aumento da superficie agrícola e algúns proxectos de rego. A isto sumóuselle a creación de Universidades Agrícolas, onde entre outras cousas se traballou con variedades de alto rendimento de trigo e arroz, procedentes de México e Filipinas.
Vida persoal
Casou en 1916 con Kamala Kaul, a súa única filla foi Indira Gandhi, nada en 1917. Kamala deu a luz a un neno en 1924 pero morreu ao cabo dunha semana. Nehru foi acusado de manter relacións extramatrimoniais con Padmja Naidu e Edwina Mountbatten, a filla de Edwina, Pamela, recoñeceu a relación platónica desta con Nehru.
Notas
Véxase tamén
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Jawaharlal Nehru |
A Galicitas posúe citas sobre: Jawaharlal Nehru |
A Galipedia ten un portal sobre: India |
Outros artigos
Ligazóns externas
- Biografía de Jawaharlal Nehru en indohistory.com (en inglés)
- Biografía de Jawaharlal Nehru en biografiasyvidas.com (en castelán)
- Biografía de Jawaharlal Nehru na páxina web da BBC (en inglés)
- Biografía de Jawaharlal Nehru en historiasiglo20.org (en castelán)
Predecesor: creación do cargo |
Primeiro ministro da India 1947 a 1964 |
Sucesor: Gulzarilal Nanda |