Conquista romana de Hispania
Coñécese como conquista de Hispania ó período histórico comprendido entre o desembarco romano en Ampurias (218 a. C.) e a conclusión da conquista romana da península ibérica co fin das guerras cántabras por César Augusto (19 a. C.), así como ós feitos históricos que conforman devandito período.
Introdución
Xa antes da primeira guerra púnica, entre os séculos VIII e VII a. C., os fenicios —e posteriormente os cartaxineses— fixeran acto de presenza na parte sur da península ibérica e na zona de levante, ó sur do Ebro. Asentáronse ó longo destas franxas costeiras nun gran número de instalacións comerciais que distribuían polo mediterráneo os minerais e outros recursos da Iberia prerromana. Estas instalacións, consistentes en pouco máis que almacéns e embarcadoiros permitían non só a exportación, senón tamén a introdución na Península de produtos elaborados no Mediterráneo oriental, o que tivo o efecto secundario da adopción por parte das culturas autóctonas peninsulares de certos trazos orientais.
Tamén sobre o século VII a. C., os gregos establecerían as súas primeiras colonias na costa norte do Mediterráneo peninsular procedentes de Massalia (Marsella), fundando cidades como Emporion (Ampurias) ou Rhode (Roses), aínda que ó mesmo tempo foron diseminando por todo o litoral centros de comercio, pero estes sen carácter poboacional. Parte do peso comercial grego, con todo, era levado a cabo polos fenicios, que comerciaban na Península con artigos gregos e con destino a Grecia.
Como potencia comercial no Mediterráneo occidental, Cartago ampliaba os seus intereses até a illa de Sicilia e o sur de Italia, o que axiña resultou moi molesto para o incipiente poder que xurdía dende Roma. Finalmente, este conflito de intereses económicos (xa que non territoriais, posto que Cartago non se demostrou como unha potencia invasora) desembocaron nas chamadas guerras púnicas, das cales a primeira delas non terminou senón nun inestable armisticio, xerando unha animadversión entre ambas as culturas que conduciría á Segunda guerra púnica, a cal terminaría 12 anos máis tarde co dominio efectivo de Roma sobre o levante e o sur peninsular. Posteriormente, Cartago sufriría a decisiva derrota en Zama.
Malia terse imposto sobre a potencia rival do Mediterráneo, Roma aínda tardaría dous séculos en dominar por completo a península ibérica, gañando coa súa política expansionista a inimizade da práctica totalidade dos pobos do interior. Considérase que os abusos ós que estes pobos foron sometidos dende o principio foron en gran parte culpables do forte sentimento antirromano destes pobos. Tras anos de cruentas guerras, os pobos autóctonos de Hispania foron finalmente esmagados polo rodete militar e cultural romano.